POETA, XORNALISTA E POLÍTICO QUE FOI ALCALDE DE BUEU

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir da información e libros facilitados por D. Xosé Novas Piñeiro da Asociación Amigos de Johan Carballeira.

José Francisco Gómez de la Cueva, “Johan Carballeira”, naceu nunha casa da rúa Areal de Vigo o 13 de febreiro de 1902

O noso protagonista era fillo de D. José Juan Gómez del Campo, un home da Pobra do Caramiñal que percorría Galicia e Asturias como representante dunha empresa de bebidas e de Dª Rolendis de la Cueva García, unha moza veciña de Bueu, onde a súa familia posuía unha casa-pazo na zona de Castrelo no Valado.

Tras unha infancia de xogos e vivencias propia dos nenos e nenas do rural, comezou os seus estudos no colexio Maristas de Vigo que logo continuou no Samaniego de Santiago de Compostela.

Dende moi novo demostrou ser un bo estudante e ter facilidade para escribir, algo que facía en soidade e empregando a súa pluma coa que enchía papeis con poemas, artigos, ensaios ou contos curtos.

Pero “Pepe”, como o chamaban os seus amigos, tamén era un mozo que tiña tempo para facer vida social e, nas súas saídas cos amigos, participaba activamente das tertulias típicas das roldas de chiquiteo, amosando o carácter aberto e sociable que lle serviu ao longo da súa vida para ser moi popular entre os seus veciños.  

En 1922 apareceron os seus primeiros poemas no Faro de Vigo

Un ano despois, mentres estaba cumprindo coa súa obriga de facer o servizo militar, publicaría varias composicións soltas e a partir de 1924, converteuse en asiduo colaborador do diario decano da prensa nacional.

Publicou unha novela curta por entregas baixo o título “Corazón que triunfa” e que o diario calificou como “una novelita de nuestro joven colaborador, delicado auscultador de corazones femeninos, que cada semana nos regalará esta correspondencia íntima e sabrosa, que nuestros lectores nos agradecerán“.

A finais de 1925 comezou a publicar tamén no xornal vigués Galicia, dirixido polo avogado Valentín Paz Andrade, que posteriormente sería un bo amigo seu. Poucos meses despois fixo o propio na revista Vida Gallega e en Céltiga, publicación arxentina editada polo Centro Galego de Bos Aires, converténdose para os seus contemporáneos nun dos poetas novos máis prometedores da época.

O 26 de Marzo de 1927 asinou por primeira vez como Johan Carballeira unha columna na primeira páxina de El Pueblo Gallego

A partir de 1927 decidiu dedicarse exclusivamente ao xornalismo e converteuse no correspondente en Bueu do diario El Pueblo Gallego onde, xa co pseudónimo de Johan Carballeira, abordaba cuestións lingüísticas, políticas e sociais nos seus artigos, que levantarían máis dunha polémica.

Cando faleceu o seu pai, Carballeira fíxose cargo do seu traballo como representante da casa de bebidas xerezana “Bodegas Cala”. Con todo non deixou de publicar en Céltiga e El Pueblo Gallego para o que realizou numerosas entrevistas a persoeiros destacados do seu tempo.

Froito das súas viaxes pola que el denominada “a Galicia profunda e auténtica”, realizou varias reportaxes que publicou baixo o título “Por las sufridas tierras de Galicia” e nas que deixou patente a crúa realidade dos habitantes desas terras.

Tamén nunha das súas viaxes a Oviedo coñeceu a Gonzalo Torrente Ballester e cando o escritor ferrolán se trasladou a Bueu, mantiveron unha profunda amizade. Carballeira foi o seu padriño de voda e ao longo de anos de interesantes conversas proporcionoulle unha visión do pobo e os seus habitantes que axudaría a Torrente a ambientar a súa obra Los gozos y las sombras.   

JOHAN CARBALLEIRA

Na década dos 30 asumiu un maior compromiso social, redactando artigos de denuncia que terían repercusión mesmo fóra do país a través das colaboracións remitidas aos diarios republicanos Luz e Ahora

Grazas a esas viaxes Johan Carballeira foi coñecendo a dura realidade da nosa terra. Nel foise formando unha forte personalidade social, cultural e política que o levarían a publicar columnas con títulos como “Problemas galegos” ou “Temas galegos” nas que achegaba ao público xeral a realidade cotiá da vida no país.

Tomando conciencia desa realidade e do moito que había por facer, de forma case que natural Johan Carballeira tomou a decisión de converterse en militante do Partido Galeguista e pasou a centrarse na defensa dos intereses galegos. A súa carreira foi moi rápida e pouco tempo despois resultou elixido conselleiro do partido por Pontevedra nunha asemblea celebrada en Santiago de Compostela.

Deste xeito a actividade política foi ocupando cada vez máis tempo na vida de Carballeira pero non deixou de publicar traballos cada día máis comprometidos precisamente coa causa galeguista nos que falaba da defensa da nosa lingua e país e do estado de abandono que Galiza sofría por parte do Goberno de Madrid. 

A militancia de Johan Carballeira no Partido Galeguista conduciuno á alcaldía de Bueu en 1936

O 10 de marzo de 1936, enrolado nas filas da Fronte Popular, Carballeira foi elixido alcalde de Bueu e dende o inicio do seu mandato centrouse en atender as necesidades das clases máis humildes. De feito encabezou as negociacións entre mariñeiros e conserveiros buscando que se establecese un prezo xusto para a sardiña. Pola súa defensa do sector, acabaría recibindo unha homenaxe popular por parte dos mariñeiros do Morrazo e a Ría de Vigo.

Desde a alcaldía de Bueu tamén traballou por un acordo co resto dos concellos galegos para apoiar o plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía da Galiza.

Tras o levantamento militar do 36, Johan Carballeira fixo un chamamento á calma dos cidadáns, pois confiaba no fracaso dos sublevados, mais os feitos sucedéronse de forma diferente

O 24 de xullo do 1936, tras unha leve resistencia por parte sobre todo dos sindicatos obreiros e as autoridades locais, o golpe de estado triunfou en Bueu e Johan Carballeira foi destituído inmediatamente do seu cargo.

Nos meses seguintes Carballeira levou unha vida normal e, a pesar do asasinato de Alexandre Bóveda e da detención de varios dos seus colaboradores, descartou fuxir co debuxante Federico Ribas cando este partiu cara Inglaterra a bordo dun bou.

Carballeira permaneceu na vila confiando en que non había causa para que o xulgasen ata que o 15 de setembro foi detido e acusado de accións de guerra e de resistencia ao levantamento.

Aínda que negou todas as acusacións, un consello de guerra sentenciouno a morte e, tras permanecer uns meses no cárcere da illa de San Simón, foi fusilado as sete da mañá do 17 de abril de 1937 na Avenida de Buenos Aires de Pontevedra. 

Tras anos de esquecemento a figura de Johan Carballeira foi recuperada e posta en valor

Durante os anos escuros da dictadura os restos e a historia de Johan Carballeira permaneceron esquecidos no cemiterio de Pontevedra, pero  a situación mudou nas últimas décadas e varios investigadores e colectivos, especialmente a Asociación Amigos de Johan Carballeira dende 1997, traballan para difundir, enxalzar e achegar ao pobo a súa figura.

O eido educativo local foi un dos que se volcou na posta en valor da figura de Carballeira. En 1997 os alumnos do Colexio Público “A Pedra” de Bueu cumpliron cos desexos do autor de reunir a súa obra nun volume compilando e publicando os seus poemas co título Cartafol de Poesía.

Tamén o I.E.S Johan Carballeira recorda co seu nome ao último alcalde republicano de Bueu. A decisión foi tomada tras unhas votacións celebradas os días 14 e 15 de maio do 1991 nas que participaron os proxenitores dos alumnos, os profesores e os estudantes que decidiron que Johan Carballeira era merecedor desa honra por diante de Gonzalo Torrente Ballester, ao que posteriormente se lle adicaría a Biblioteca Municipal da vila.

Se observamos o papel das institucións, hai que destacar que o Concello de Bueu organiza os “Premios de Poesía e Xornalismo Johan Carballeira” dende 1996 e 2003 respectivamente. Tamén dende o Concello se levaron a cabo os trámites para adicarlle unha céntrica rúa e se colocou unha placa que recorda aos veciños que no ano 2002 a vila celebrou o “Ano Carballeira” no centenario do seu nacemento.

Ademais de todo isto, precisamente na entrada ao porto de Bueu, fronte á rúa que leva o seu nome, ergueuse en abril de 1999 un monumento de homenaxe a Carballeira realizado polo escultor cambadés Manolo Paz. A obra está esculpida en granito e representa un libro tridimensional aberto no que aparecen dous dos seus poemas:

-E o día que

o fondo de bondade

do pobo quede

ceibe,

non haberá

forza meirande

que a súa.

-A praia

unha amante

escrava do mar,

bérralle,

zurrégalle,

e vaina

bicar.

JOHAN CARBALLEIRA

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. As misións pedagóxicas no Morrazo (I) » A Illa dos Ratos

    […] citados anteriormente e outros artistas e intelectuais como o fotógrafo Ksado ou o xornalista Johan Carballeira, difusor do labor das Misións Pedagóxicas e logo alcalde de Bueu executado no 1937 polos […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.