O TESTEMUÑO ESQUECIDO DA XURISDICIÓN DO MORRAZO
Texto elaborado por Belarmino Barreiro Rosales, arquiveiro municipal e delegado do persoal funcionario do Concello de Bueu

A día de hoxe os propios moradores e coidadores espirituais de Hermelo non teñen consciencia de se son parroquia, lugar ou aldea
Achegámonos ó coñecemento de Santiago de Hermelo, primeiramente pola documentación conservada (escritos, pergameos, epigráfica, inscricións pétreas no testeiro da ábsida, lápidas funerarias, marcas dos canteiros, …
Pero tamén sabemos de Hermelo polo territorio, a través das pedras que nos falan, os HLO inscritos en pedras nativas do seu couto ou coutos, poñamos por caso, a propia paisaxe e toda a tradición incluíndo o dereito consuetudinario que ata nos ten chegado.
Comezando pola toponimia (Frades, Fradín, Bieito, Fontebieita, Cruz da Facha, Cruz de Foxonabal, Fontehitor, Pouso das Cruces, A Esculca, o propio Hermelo, un baldío ermo en canto deshabitado, fértil fillo da natureza sen bautizar), pasando polo propio dereito de augas e entre medias un final do século XVIII de aparente normalidade que non sospeitaba dun século XIX que poría fin a toda unha traxectoria secular de bieitos en Hermelo sepultada baixo unha lousa de esquecemento e negación que será o século XX para esta parroquia bueuesa.

En efecto falaremos do esquecemento, porque en Hermelo habita o esquecemento ata tal punto que os seus propios moradores e coidadores espirituais non teñen consciencia xa de se son parroquia, lugar ou aldea.
Non de agora que xa transcorreron cento corenta e cinco anos da verificación do arranxo parroquial, senón que ven de moitos anos antes. O arquivo municipal de Bueu, referente da xurisdición civil vixente, reflicte esta dúbida latente ata hoxe, cento sesenta anos despois de tal arranxo e tal cambio, pero, despois, de que estamos a falar ? Pois, da desamortización.
“En 23 de marzo de 1853 se me expidió el título de cura ecónomo de esta parroquia de Santiago de Hermelo por renuncia que ha hecho D. Joaquín Suárez, Prior que fue de la referida y habiéndolo yo exigido …. Para tomar citado de la Casa Prioral por cuanto se hallaba deteriorada.… Para tomar el estado de la referida casa con dos peritos “
“Desde primero de julio del afio de 1868, la parroquia de Santiago de Hermelo, por acuerdo diocesano, fecha en que se verifica el arreglo parroquial para que quede como parroquia aneja a Santa María de Cela. De don José Benito Gomez, presbítero de Bueu para D. Manuel de Lis Meijón, rector de Cela.“
Cuestión esta da desamortización que esta por detallar documentalmente, pois a día da data non coñecemos os pormenores da súa execución material.
Hermelo pasou de ser eremitorio a mosteiro, logo priorato e parroquia e agora é un simple anexo a Santa María de Cela
Hermelo fora eremitorio (lévao impreso na súa etimoloxía), foi monasterial, foi prioral ó tempo que parroquial. E agora? A propia evolución de eremitorio a mosteiro e a priorado e parroquia contén a resposta.
Porque Hermelo foi sendo paralelamente aquilo que constitúa a súa razón de ser en cada momento, isto é a cristianización incipente nun primeiro momento en torno a un fillius ecclesiae (fregués), unha refundación no século XII, era 1140, ano de 1102 acorde co esplendor xacobeo (sendo Diego Xelmírez, bispo), un centro de poder ou consulado recadador do mosteiro de Poio nos tempos do priorado e coa eclosión dos seus fillos emancipados en parroquias máis ou menos fornecidas, Hermelo foi acentuando o seu carácter de parroquia en declive que para nada é axudada pola súa poboación nada crecente e que segue a ser minoritaria.

Coma nos vai pasando as persoas cando imos para vellas. Mentres perviva o réxime foral da terra, pervivirá o pai Hermelo reflectido nas procesións e misas de témporas que lle profesaban as parroquias veciñas, fillos á postre, no Pouso das Cruces.
A desamortización de Mendizábal foi un elemento clave para a perda de importancia de Hermelo
A desamortización baleirou Hermelo de contido e interese e coma o santo xa non suaba, o ermitán marchou, a parroquia quedou orfa e ó pai ninguén o quixo. Foi adxudicado a unha das súas fillas, Cela que aínda coida del, disque aínda que non cobre pensión.
Tal foi o abandono espiritual que a propia casa prioral, agora parroquial, foi vendida polo rector de Cela para xustificar o culto e o mantemento da luz acesa do Santísimo. Foi a última suor do santo. Pero, e as terras do directo dominio do couto prioral?
Pois ben, retrotraiámonos a finais do século XVIII. Perturbado no seu couto, Hermelo feitas as consultas con avogados e outras persoas practicas e instruídas en semellantes casos que recoñeceron ditos documentos que cada parte ten a súa razón e dereito e satisfeitos cos seus ditames por evitar a incomodidade da contenda, a súa delación e crecidos gastos … conviron e por este respecto en admitir en fora ó referido cura, fabriqueiro e vecificos da expresada freguesía de Cela.
Hermelo desconfiando de Cela e sacando forzas de fraqueza obriga a esta a facer un novo deslinde do seu couto en 1795 (testemuña o poste – marco actual mal chamado da Cruz de Cela con Moaña, mal chamado porque este era o seguinte, unha laxe con cruz pétrea rota e dada volta no cruce de camiños anterior á Protectora de animais do Morrazo) e aforar en 1796 dando nova carta de apeo tódolos bens que dentro do seu couto tiñan a fábrica de Cela, o seu párroco e veciños desta última, anulando o vixente do ano 1680 por intromisións ilexítimas no patrimonio de Hermelo.
“Posehe el coto de Hermelo y Meyro en donde esta sito dicho Priorato por varias dejaciones, faros y apeos antiguos con que se halla, el qual se demarca en la manera que sigue: principia en la piedra llamada da edra que es una piedra grande y alta que esta en frente del monte que llaman de entre ambas sierras cerca del Pouso das Cruces Y de all[ a otra cruz sobre la aldea da Portela hacia el tombo das Abesadas y monte de Cabaleiros, dieho marco tenfa dos cruces y de allí va derecho a la funete que llaman Touriño la qual dicha fuente esta dentro de una propiedad de el lugar de Pedreira que es de este monasterio que nace en lo alto de ella y de allf derecho a donde dicen el coto menor sabre el lugar de Tras Souto que es un coto que esta mcis arriba def dicho lugar junta al camino que va desde Canudo para la Pedreira y la Grana adonde está una piedra alta en medio de dicho coto … de allí va derecho a la fuente de Lamatreme y luego a una piedra que llaman Marfa Nieta que es una piedra redonda que está más debajo del castelo de Pedra Figueira “
Logo seguiría pola devesa desamortizada e campos denominados de Coteleiro, Campo do Crego, onde conflúe a delimitación das parroquias de Hermelo, Cela e Bueu, Pedrousos (maiores e menores), Tres Caminos, Fontaíña ata Cruz de Foxonobal (actual marco da Cruz de Cela) que pecha con Moaña a través do monte de Paralaia.
E aquí onde entran as inscricións e cruces HLO gravadas en pedras nativas con que aínda hoxe marcan o perímetro do vello couto prioral (ruta de sendeirismo homologada e coñecida coma “Ruta dos abades”).
Pedras, por outra parte, esquecidas, moitas delas entre silvas, pero que para os curiosos e gustosos da historia, permanecen aí como testemuño dunha xurisdición que foi unha parte delas, e que seguen a ser coma despois falaremos.
Nativas e non mediante marcos por razóns obvias, as iniciais pola abreviatura do seu nome cunha raia superposta equivalente ó uso do noso punto de hoxe e coroada cunha cruz que na meirande parte das veces marcaba o sentido e dirección da liña divisoria.
Curiosa e a lenda “Priorato de Hlo” na pedra coñecida coma Monte Espiñieiro Blanco. Así pois, a perda de todo o patrimonio reflectido nos apeos de centos de fincas, parcelas coa desamortización foi a eclipse, agardemos que parcial de Hermelo.

Hoxe en día, para o Concello Bueu somos tres parroquias, cinco no nomenclátor de estatística e catro nos sinais de tráfico
Hoxe que temos? Nas oposicións a Xunta hai que marcar Hermelo como parroquia. Nas oposicións internas a Bueu, non ou non se sabe. Para o Concello Bueu somos tres parroquias, cinco no nomenclátor de estatística e catro nos sinais de tráfico. Xulguen vostedes.
A dignidade de Hermelo coma parroquia ou se se quere como freguesía (fillos da Igrexa) vai máis alá de ter un cento ou menos de veciños ( hai “concejos” abertos que nin os teñen), de ser tantos ou cantos, non cremos que sexa cuestión nin de cantidade nin de calidade.
Os distintivos propios dunha parroquia son outros: fillos dunha igrexa que bautizan, casan, morren e enterran e reciben tódolos sacramentos ó longo da súa vida entorno á cabeza da súa freguesía, do seu templo, pero tamén a parroquia ten orixes e condicionamentos civís: o seu territorio, as súas augas, os seus montes e a súa veciñanza en canto colectividade e sentimento de ser e pertencer (véxase recollida no dereito civil de Galicia a figura da veciña, aquí identificada no mesmo termo e concepto de parroquia ).
Sen dúbida Hermelo está en pleno goce de todas elas hoxe en día e dende tempos inmemoriais, posiblemente das primeiras da comarca e que curiosamente agora se lle nega.
Falemos dun destes condicionamentos, de carácter civil: a especificidade de Hermelo en toda a península do Morrazo respecto dos seus montes veciñais en mancomún. Porque poboación, Hermelo non terá, pero territorio, en hectáreas, ninguén llo negará, e dentro del, os montes comunais veciñais.
A diferencia de tódalas parroquias da comarca e case me atrevería a dicir de toda a provincia, os montes veciñais de Hermelo non se rexen polo carácter indivisible que prexulga o dereito xermánico para esta forma de posuír tan característica de Galicia, senón que aquí os montes son asignados en tenzas, voces ou lotes sorteados por cabezas de fogón ou familia.
Ninguén tiña reparado que este outro xeito de posuír os montes comunais veciñais, tan estendida, por outra parte, noutras latitudes de Galicia, aquí obedece á singularidade de Hermelo na organización territorial dos bieitos nunha aplicación, posiblemente que se achegue mais ó dereito romano.
Retomando a cuestión das terras desamortizadas, a tradición oral dinos que se efectuou amigablemente mediante a repartición entre familias cristiás depositarias á espera da súa restitución e restauración beneditina que nunca se producirá.
Grandes parcelas de monte e labradíos nada desprezables depositadas en familias de apelidos como Amoedo, García, Santaclara, Freire .. etc da parroquia de Cela, que viñeron a ser consideradas familias “grandes” a raíz destes patrimonios.
Constatar que aínda hoxe se se pregunta por este asunto en Cela, vén de tradición oral que efectivamente foi así, achacándolle unha posible orixe en presuntos castigos ós monxes e porque nalgún momento a parroquia de Cela pertencía á de Hermelo, na propia expresión deles. De aí o carácter de pertenza do que falabamos máis arriba.

Hermelo tivo varios pretendentes tras a marcha dos monxes beneditinos
Trala marcha dos beneditinos, Hermelo inicialmente tivos varios pretendentes: San Martiño de Moaña, San Martiño de Bueu, Santa María de Beluso, incluso algo San Salvador de Coiro, pero coma Santiago xa non suaba, adxudicóuselle a Santa María de Cela, argumentando que certamente había que algo de vinculación histórica ademais da evidente colindancia, verificando o citado arreglo eclesiástico que xa non daba para sobrevivir o cura párroco de Hermelo, segundo se xustificou e queda dito.
Pero acaso, hoxe alguén dubida ou pon en tea de xuízo que Cela, sexa parroquia porque tivera asignado no espiritual ó párroco de Santa María de Ardán (Concello de Marín) ou hoxe ó de Santa María de Beluso polo simple feito de falla de vocacións ou pola cuestión económica de poder manter ou non, un pai de ánimas? Pois apliquemos o conto á parroquia de Santiago de Hermelo.
A documentación conservada tanto no arquivo eclesiástico parroquial de Santa María de Cela e maiormente no arquivo municipal de Bueu ó longo do século XX fálannos dun esquecemento por omisión e outro por indefinición: Hermelo tivo escola, tivo mesa electoral en tempos que aínda non tiña a estrada provincial de hoxe, inaugurada nos anos cincuenta, a comunicación con Cela era a través dos camiños vellos de monte e hoxe con sendas estradas asfaltadas, ten aínda menos atención que daquela, perdendo o pouco que tiña.
Que nos ten legado, en cambio, Hermelo e que deber temos para con el ? A consciencia de deberlle un pasado común e próximo no Morrazo, tennos legado o seu couto: as mellores carballeiras vellas conservadas da comarca, o seu patrimonio etnográfico, a rede viaria de camiños rurais seculares como eixo vertebrador das comunicacións na comarca; A paisaxe e xeografía das súas rías: un territorio que da a dúas delas (Pontevedra e Vigo dende Paralaia) e que ve para unha terceira dende A Esculca (ría de Aldán).
” Trece de septiembre, Junes …. En Hermelo hice noche. Es un sitio alto y casi desierto, pues sólo tendrá venite o treinta vecinos … a la tardecita subí a a la Esculca con el fin de verse ocultar el sol y por estar nublado no se notó cosa especial, pero sí registré infinito mar, bocas de rías, rías, puntas .. ( Frei Martín Sarmiento en Viaje a Galicia de 1745)”.

Un couto forestal cinexético: non en van, honran aquí a San Huberto (sic), patrón dos cazadores, ser custodio da liña de demarcación entre os municipios de Cangas, Moaña e Bueu e das parroquias de San Salvador de Coiro, San Martiño de Bueu e Santa María de Cela. E queda o principal para o final: os seus mananciais. Porque dende 1968, Bueu lévalle as súas augas para a traída municipal: mananciais de Fonte de Barro, Suapresa, Fonte das Eguas / Aguas, Porviseiro… etc, por non falar do pasado das súas leiteiras e do ” boi de Hermelo”, si ese boi de posto que garantiu a gandería nos arredores.
En definitiva, hoxe Hermelo, representado nesta igrexa parroquial á sombra da centenaria oliveira do seu adro e testemuña da orixe cristiá do noso pasado poboacional recente ( doce últimos séculos, cando menos). Hoxe, Hermelo é Cela, é San Martiño de Moaña, é Santa María de Beluso, San Salvador de Coiro…
Porque vive e perpetúase nos seus fillos, por iso Hermelo é o que seus fillos son, pero emancipados e configurados noutra organización territorial con inequívoca base no que foi o seu couto e a súa xurisdición que non é outra que o vello Morracium do que fala a Parrochiale Suevum ou Divisio Theodomiri no Concilio II de Braga no ano de 572, ó referirse ás distintas ecclesias da diocese de Iria Flavia:
“Ad Iriensem sedem …. Morracium “, berce do Morrazo.
Belarmino Barreiro Rosales
Arquiveiro municipal e delegado do persoal funcionario do Concello de Bueu.
-
Belarmino Barreiro Rosales#molongui-disabled-link
Deixa a túa resposta