PRADO MIRANDA E A SÚA OBRA ESCULTÓRICA EN CANGAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir dunha entrevista co propio artista. A fotografía do encabezamento na que sae o escultor traballando no seu taller, acompañaba a noticia dunha exposición titulada “Conserva la vida” que Henrique Prado Miranda realizou en 2018 na Casa de Galicia en Madrid.
De seguro que se nalgún momento pasastes polos camiños da ruta dos “Muíños de Coiro” reparastes na existencia dunha finca na que están instaladas unhas esculturas moi chamativas. Trátase da vivenda de Henrique Prado Miranda, un escultor cangués, natural de Coiro, que conta cunha ampla traxectoria dentro dese ámbito cultural.
Henrique Prado Miranda descubriu a súa vocación pola escultura na súa mocidade pero durante anos non a exerceu
Como moitos outros artistas, Henrique é unha persoa autodidacta pero ademais aplica nas súas obras parte dos coñecementos que obtivo ao longo da súa vida laboral.
Descubriu a súa vocación na súa xuventude e durante un tempo deixou fluír toda a súa creatividade, pero non tardou en darse conta de que o mundo do arte funcionaba dunha forma bastante complexa e que, sen os contactos axeitados, ía ser moi complicado poder vivir da escultura.
Para gañarse a vida estudou modelismo naval e delineación e aparcou a súa gran paixón mentres traballaba no sector, sobre todo en Rodman, onde estivo moitos anos.
Foi no 2009 cando, a raíz dunha exposición na que participou con algunhas obras que fixera 30 anos atrás, retomou a súa vocación como escultor, e dende entón viron a luz unha serie de coleccións que foi expoñendo en diferentes cidades de España. A súa obra está tamén presente noutros países, grazas en gran medida as galerías de arte coas que traballa en Madrid e Vigo, que comercializan con éxito as súas obras.
Nas súas obras Henrique Prado Miranda intenta plasmar a súa particular visión do mundo
Moitas das súas obras están cargadas de crítica social, nun intento de transmitir a súa percepción do mundo que o rodea. Respecto aos materiais que emprega, aínda que ten obras realizadas en pedra, aceiro inoxidable ou cerámica, os materiais preferidos por Henrique para traballar son a madeira (castiñeiro, caoba ou carballo) e o P.R.F.V (poliéster reforzado con fibra de vidro).
Un aspecto diferencial son os acabados que teñen as súas esculturas, nas que aplica técnicas propias que manexa como resultado de moitos anos de investigación con distintos materiais e as súas mesturas.
Henrique Prado foi o impulsor do “Paseo das esculturas” de Rodeira, no que podemos contemplar a súa obra “Muller do Morrazo”
Fai uns anos Henrique Prado tivo a iniciativa de propoñerlle ao alcalde Xosé Manuel Pazos, a idea de que o Concello de Cangas contase cun espazo escultórico ao aire libre nalgún lugar importante da Vila.
O proxecto pareceulle tan interesante a Pazos que se comprometeu a buscar recursos para inicialo nese mesmo ano, e a traballar para que nos presupostos dos seguintes exercicios se recollese unha partida para mercar obras de artistas preferiblemente de Cangas.
Henrique asumiu que se quería arrancar o proxecto nese mesmo ano, tería que recorrer a algún dos seus amigos para conseguir que cedesen algunha obra. Tras diversas xestións, conseguiu catro pezas e o “Paseo das esculturas” inaugurouse en xullo de 2017 cun acto bastante sinxelo no que participou a Banda de Gaitas Tromentelo.
“Muller galega” foi a obra que aportou Henrique Prado. Representa unha muller que leva a patela na cabeza para transportar o peixe, unha estampa típica da nosa contorna e doutras vilas mariñeiras.
“Mediterráneo”, do albaceteño Joaquín Llorens, foi concibida polo autor para que co paso do tempo e a exposición a salinidade do mar, fose collendo esa cor cobreada como consecuencia da oxidación.
“El mar, el camino”, foi realizada por Gustav Van Hacken. Naquela época o escultor holandés andaba por estes lares e comprometeuse a participar no proxecto enviando unha obra cando regresase a súa terra. Cando se recibiu en Cangas, chegou tan esnaquizada que realmente a escultura que podemos ver é unha réplica que o propio Henrique tivo que facer antes da inauguración.
“Muller outeando o mar”, de Xosé Rivada, artista ourensán afincado en Verín, foi a cuarta escultura instalada no paseo de Rodeira. Inicialmente esta non era a peza que o autor tiña pensado enviar a Cangas pero como a que estaba facendo tiña un custo bastante elevado e o Concello non tiña cartos para pagarlla nese ano, acordaron que enviaría outra gratuitamente que sería instalada de xeito provisional. A idea era que ao ano seguinte, cando o Concello contase coa partida nos presupostos, fose substituída pola que se acordara nun principio e trasladar a outra para o auditorio. Finalmente isto nunca sucedeu e como escultura non estaba pensada para colocarse preto do mar, o seu acabado dourado transformouse pola oxidación en cobreado.
Lamentablemente, por diversas circunstancias, este interesante proxecto cultural non contaría nos seguintes exercicios coa financiación necesaria para ter continuidade e o plan de dotar a Cangas dun gran museo ao aire libre con obras escultóricas quedou en nada.
“Deshauciado”, tamén no Forte, é outra das obras de Henrique Prado Miranda que se poden contemplar en Cangas
Outra obra de Henrique moi coñecida en Cangas é a escultura á que a xente chama popularmente “O suicida”, unha figura antropomorfa que está instalada nun ático dun edificio do barrio de O Forte.
A pesar de que normalmente o autor pon os nomes as súas obras en latín ou en galego, o titulo oficial desta é “DESAHUCIADO” en castelán. O motivo é bastante sinxelo: as palabras en latín eran dificilmente pronunciables e en galego poñerlle como título “Desafuizamento” era demasiado longo e complexo.
A orixe desta obra xurdiu dun xeito curioso. Un fisioterapeuta moi coñecido en Cangas chamado Nabor, ao que é habitual ver sempre polas rúas de Cangas en bicicleta, e a súa muller Natalia, asistiron no 2013 a unha exposición que Henrique fixo na sala Ángel Botello da Casa da Cultura de Cangas.
Xa eran clientes seus e lle mercaran varias obras. Como tiñan certa confianza puxéronse a falar con el sobre algúns temas de actualidade e propuxéronlle que se animase a facer unha escultura relacionada co tema dos desafiuzamentos, e incluso fixeron bromas con poñer a súa disposición a terraza do seu ático no Forte para instalala.
A idea foi tomando forma e chegaron ao acordo de que o artista a faría e llela vendería á parella a un prezo razoable. A cambio, eles se comprometían a instalar a escultura na súa terraza, para que despertase conciencia sobre esa problemática social entre as persoas que pasasen pola zona.
Nun principio Henrique nos contou que quería facer a escultura recollendo o momento do salto ao baleiro pero tras consultar a un avogado, optaron por desbotar a idea porque como autor da obra podería ser demandado por incitación ao suicidio.
Finalmente acabou realizando unha figura que representa a un home de máis de 50 anos e 1,75 m de altura, que tras perder o seu traballo, non poder pagar a hipoteca e saber que vai a ser desafiuzado, toma a drástica decisión de subirse a cornixa da casa para quitarse a vida. Un detalle curioso que non se aprecia dende a rúa é que este home leva na man un feixe de billetes.
Ao longo deste últimos anos tivo propostas para facer outras moitas esculturas para as nosas rúas pero por diferentes motivos finalmente non se concretaron
A Henrique se lle chegaron a encargar algunhas esculturas que por diversos motivos nunca chegou a facer como a de María Soliño, que finalmente representantes do Concello optaron por “adoptar” unha talla que xa estaba feita pola Escola de canteiros da Deputación, ou a de Teresa Portela e a de Homenaxe aos nosos olímpicos. Desta última, chegou a mostrar un bocexo as autoridades e aínda que finalmente non a fixo el, quedou sorprendido de que a través da Escola de canteiros da Deputación se acabase realizando algo moi similar ao que él propoñía pero en granito.
Se pasamos preto do seu xardín podemos deleitarnos con varias das súas obras, cada unha delas cunha historia detrás
“Adán e Eva no Paraíso“: A obra está pendurada dunha sobreira. Arriba estaría Eva e abaixo Adán. Entre eles hai unha pedra tallada que simboliza a terra e que conta con formas femininas que representarían a natureza.
A dicotomía norte – sur está presente na obra. Na parte superior hai unha muller que permanece erguida sosténdose cunha man na árbore, simbolizando a riqueza e o poder. Na parte inferior hai un home tendido boca arriba facendo un xesto coma se golpease a pedra cun martelo, e que simboliza ao pobre, nunha postura pouco cómoda para estar ou traballar.
“Sobes ou baixas“: Un pozo de cor azul cheo da auga da chuvia do que sae/entra unha figura asexuada, sen xenitais e cunha man máis masculina que a outra. O que fai referencia o autor con este traballo é o estereotipo que temos os galegos de que “nunca sabes si suben o bajan“.
“Urco e a Santa Compaña”. Se presentan unha serie de almas do purgatorio que aparecen penduradas dunha árbore. A altura do chan aparece unha figura cunha vestimenta similar pero neste caso se trataría dunha persoa que a diferencia das outras ten cara.
Leva unha cruz na man e ao seu carón parece que ten un can pero se trata de Urco, un animal propio da mitoloxía galega con aparencia de can que ten ollos vermellos (para facelo máis real esta figura ten instaladas unhas luces led).
A súa presenza se considera de mal agoiro e moitas veces como anuncio dunha morte próxima. Cando de noite algúns veciños ían para casa polos camiños das leiras e vían os ollos da escultura acendidos, escapaban co medo de que fose o Urco.
“O neno que chegou ao sol“: Con esta obra o autor quere facer unha crítica aos gobernos e institucións, polas “trolas” que moitas veces nos contan. De feito a inspiración desta obra reside na controvertida nova da chegada do home a lúa, sobre a que sempre existiu a dúbida de se se tratou dunha realidade ou dunha ficción.
Os elementos que a compoñen son unha barca, que representaría unha nave, unha escaleira con algúns chanzos rotos, e no seu extremo máis alto aparece un neno cos brazos abertos apuntando ao ceo.
O neno, que subido a esa gran escala parece que pode coller o sol coas súas mans, representa a través da súa inxenuidade aos cidadáns. Algo curioso é que situándonos nun lugar estratéxico podemos ver que efectivamente o neno parece alcanzar o sol en determinadas horas do día.
Antes de facer o traballo, o escultor falou cun doutor en física que lle confirmou que a día de hoxe non existe unha tecnoloxía coñecida que nos permitise regresar da lúa (esta idea a simbolizarían os chanzos rotos que nos dificultarían o regreso), se ben igual as autoridades nos ocultan algo e non sería imposible (por iso algúns permanecen en bo estado).
“Sardiña en conserva“: Trátase dunha escultura con apariencia de sardiña que no seu interior está chea de latas de conserva. Inicialmente estaban pintadas de dourado como símbolo da riqueza da actividade conserveira en Galicia.
Queremos agradecer a Henrique a súa colaboración para que elaborásemos este artigo que nos achega á súa faceta de escultor e parte da súa obra que podemos apreciar en Cangas. Esperamos que a partir de agora cando alguén pase por diante das súa casa pola noite, non leve o susto da súa vida e fique un intre admirando a beleza, a alma e o sentido das súas obras.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
2 comentarios
A Biblioteca das Madeiras do Mundo » A Illa dos Ratos
[…] xeito, atopamos obras de persoas relacionadas directamente con Cangas como Xosé Vázquez Pintor, Henrique Prado Miranda, Honorato Parcero ou José Vieira, pero tamén de outras persoas que non o están tanto como caso […]
Patricia
Y el tan simbólico en la plaza de abastos en Bueu. Hay una galeria de arte en Vigo con obra de él que es un placer verla, Gracias por el artículo.