PRESENTE NA VIDA SOCIAL DE CANGAS E ACTUANDO COMO DIRECTIVO EN VARIOS CLUBES DA VILA COMO O ALONDRAS

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Tras o primeiro artigo adicado a Guido Paganini Picasso, continuamos nesta segunda entrega coas anotacións arredor deste personaxe e a súa contextualización histórica nos períodos republicano e franquista, o primeiro caracterizado por unha discreta convivencia e o segundo por unha plena colaboración debido á súa importante afinidade ideolóxica.

A influencia do Fasci italiano na Falange vai ser importante en canto ao que supuxo a súa ideoloxía, estrutura, parafernalia icónica e militar e mesmo sistemas represivos da mesma, a imitación dos Camicie Nere.

Guido Paganini Picasso deixou a súas actividades empresariais para centrarse na súa faceta como cónsul italiano en Vigo 

A separación de Guido Paganini da vida empresarial canguesa e a súa total dedicación ao cargo consular en Vigo foron motivos que alonxarían ao italiano de participar na vida municipal nestas datas da ditadura de Primo de Rivera, ao contrario que outros conserveiros que tiveron moita participación neste eido tanto en Bueu como en Cangas.

Un fito na curta traxectoria empresarial de Paganini como conserveiro, tamén vai ter lugar no mesmo ano 1928 ao adquiriren os Massó, liquidando a sua da débeda co Banco di Roma, a sua fábrica do Salgueirón, que quizais tamén fose afectada, como outras, pola creba do Banco de Vigo, aínda que algunhas fontes tamén apuntan a un incendio.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Estado actual da vivenda anexa a antiga salgadura de Guido Paganini no Salgueirón.

Este mesmo ano, a súa filla Cornelia (Niní) vai partir para Xénova para continuar os estudos musicais no conservatorio “Nicolo Paganini” que xa iniciara en Cangas no Colexio da Ensinanza da Compañía de María.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Voda de Cornelia Paganini e Manuel Lago, en xuño de 1935.

Guido Paganini foi secretario do Alondras e tamén ostentaría a presidencia da Sociedade de Caza e Pesca de Cangas no 1930, cargo que alternaría Fernández Cervera durante algúns anos

O ano 1929 vai ser importante para o fútbol cangués pois o Alondras, fundado no ano anterior, non daba atopado un campo onde xogar e Guido Paganini, que era secretario do club, conseguiría de Cervera un terreo en San Roque, que se inauguraría oficialmente o 21 de abril, sendo a súa filla Nené, presidenta de honra, quen fixese o saque de honor.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Inauguración campo de San Roque en abril de 1929. Saque de honra (kick off) de Nené filla de Paganini.

Nestas datas, a familia de Paganini contaba cunha tenda en Montero Ríos, onde ata fai poucos anos estaba o Banco Pastor, sendo a súa única relación coa conserva a que mantiña coa fábrica do seu sogro Montemerlo en Ojea ou a que o seu irmán Marcos abriu no Forte en 1931.

A apertura desta fábrica contaría coa colaboración de Guido, que seguía inscrito como industrial da conserva, outorgándolle ao seu irmán ante o notario de Cangas, García Moliner, a continuación do negocio. Asemade, e moi importante, foi o traspaso ao seu irmán, da concesión que Guido tiña da admisión de folla de lata estranxeira na Aduana de Vigo, obtida por Real Orde de 14 de Novembro de 1927.

Desta fábrica do Forte só sabemos que en 1934 xa aparece en asociación con Nogueira y Cía e cabe que desaparecese ou se traspasase (posiblemente a Legarda) co inicio da guerra civil pois non volvemos a ter referencias dela.

Non temos datos da actividade consular de Guido Paganini pero sabemos que tiña presenza importante na vida social de Cangas

Cabe que, por razóns obvias, non sabemos moito da actividade consular de Guido Paganini agás actos ou intervencións públicas propias do seu cargo como a asistencia ao enterro dun mariñeiro do navío italiano de guerra “Pisa” con todos os honores.

Porén, ten gran presenza na vida social de Cangas, sobre todo colaborando coa cesión do campo do Alondras ou aportacións monetarias en todos os actos benéficos e solidarios nos que sobranceaban os numerosos naufraxios que se producían nestas datas.

Por referencias orais constan algunhas anécdotas subliñables con Guido Paganini como protagonista

Segundo parece era algo cotiá que se desprazase na súa lancha motora desde Cangas a Vigo e o retorno, en días de bo tempo. Como o motor non era refrixerado, tiña que deterse de cando en vez a botarlle auga, operación que levantou a admiración dos mariñeiros que faenaban, ao pensaren que o devandito aparello náutico era unha invención de Paganini que conseguira que funcionase con auga salgada.

Nunha ocasión tivo unha intervención destacada cando presentou unha solicitude ao Goberno para reflotar o pecio dun barco veleiro, quizais a fragata Jean, que levaba desde 1876 afundida na ría de Aldán e que contiña un cargamento de mármore e metais. A súa petición foi atendida e aprobada por disposición real o 9 de outubro de 1929, mais descoñecemos se sacou adiante este proxecto, pois estes asuntos levábanse con moito secreto para evitar os saqueos.

GUIDO PAGANINI PICASSO

Tamén participou na organización de partidos de fútbol con fins benéficos nos que colaboraban persoas de ideoloxías políticas moi alonxadas. O ambiente prerrepublicano que xa se vivía en marzo de 1931 daría pé a que o “Alondras C. F.” se prestase nestes anos, pola intermediación de Paganini, a xogar partidos a prol da “Vejez del Marino” ou dos pobres e enfermos, organizados pola cenetista Alianza Marinera, que os Cervera cedesen gratuitamente o campo de San Andrés ou do Tobal e que o líder radical republicano Emiliano Iglesias fose quen donase o trofeo en disputa.

Curiosamente a mediados dese mesmo mes Guido Paganini foi protagonista doutra anécdota deportiva cando o Alondras ten que desprazarse a Vigo para disputar co Celta un trofeo donado por Vapores de Pasaje.

Nesta ocasión, a posición ideolóxica do organizador Paganini, había merecer a atención da prensa viguesa republicana que aludía a súa representación como cónsul do Fascio de Italia en Vigo con residencia en Cangas e admirador de Mussolini.

Non cabe dúbida de que esta filiación política foi a que motivou que cando o Alondras foi xogar o partido a Vigo, un xornalista, tomando o todo pola parte, resaltase na súa crónica deportiva que “el ambiente de las avalanchas del fascio del otro lado del mar, va a ser algo único”.

Pero este tipo de consideracións sobre Guido Paganini non eran para nada excepcionais. De feito, o xornal republicano “El Pueblo Gallego”, con maior intención que descoñecemento, adoitaba referirse a el, utilizando a posta o nome de Guido Paganini Mussolini, incluso cando fixo a súa aportación solidaria para os náufragos da motora “Azaña”.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Guido Paganini foi vendedor de lanchas motoras en 1928.

Coa proclamación da Segunda República, chegarían centos de antifascistas italianos desde Francia

A Segunda República facilitou a chegada de moitos antifascistas italianos que non só puxeron en cuestión a condición dos Fasci de verdadeiros representantes da italianità, senón que os colocarían nunha posición de debilidade que os obrigaría a se recluíren na esfera privada.

Como consecuencia, tiveron que diminuír as súas actividades públicas fascistas e o goberno italiano pediríalles que non ocasionasen tensións coas autoridades republicanas.

Esta baixa actividade dos Fasci en Vigo daría pé a que Paganini aparecese xa con frecuencia participando nas festas sociais ou acompañando ao Club Rodeiramar como directivo, nos desprazamentos a diversas localidades nas competicións de natación ou de piraguas.

Por referencias que temos dos balnearios de Verín, na segunda quincena de xuño de 1931 quedou constancia da presenza no balneario de Sousas, dos súbditos italianos Marcos Paganini, Niní Paganini e Inés Montemerlo, beneficiándose das súas salutíferas augas. Precisamente, Marcos había enviuvar ao falecer en Cangas a súa muller Magdalena Armella Zaecheo a finais de outubro de 1935.

Como dixemos, descoñecemos as implicacións consulares nos movementos monárquicos españois contra a República, que xa mesmo desde 1932 buscaban o retorno do rei Afonso XIII, pero consta que no 1934 firmaran un acordo con Mussolini para o subministro de 50 avións de guerra para daren un golpe de estado.

Este convenio ratificaríase finalmente con figuras relevantes como o xeneral Sanjurjo e José Calvo Sotelo o día un de xullo de 1936, dezasete días antes do levantamento militar contra a República. Neste período, os fascistas italianos optarían por actividades de perfil máis cultural, ordenándolle o goberno italiano ás delegacións consulares que evitasen roces políticos co novo executivo español, aínda que si os houbo.

Aínda que sen datos das actividades consulares de Paganini, enxergamos que a partir de 1935, o Ministero degli Affari Esteri (Asuntos Exteriores) estimularía aínda máis a acción cultural a desenvolver, incorporando masivamente elementos de carácter propagandístico e impartindo cursos regulares sobre lingua, literatura, filosofía, economía, teatro, arte, música e historia de Italia.

Esta nova oferta cultural era un “produto envasado” nos institutos italianos de cultura coa pegada e o carimbo fascista. Prevían, xa que logo, abrir unha sección en Santiago e delegacións en Vigo, A Coruña, Ferrol e Lugo, atendidas cadansúa por un profesor. Aínda na altura do ano 1940, xa co Franquismo, a penas abriran delegacións do Istituto della Cultura Italiana en Vigo e na Coruña.

GUIDO PAGANINI PICASSO

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.