O “ITALIANO DE CANGAS” QUE FOI CÓNSUL DE ITALIA EN VIGO

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Este personaxe que glosamos, ao que se ve, marxinado da historia da vila pola súa ideoloxía, viviu e morreu en Cangas e durante boa parte da súa traxectoria vital ostentou en Vigo o cargo de cónsul de Italia.

Coñecido como “o italiano de Cangas”, sempre se gabou das súas orixes e da súa adhesión ao Fascio italiano desde a chegada de Mussolini ao poder en 1922 e os avatares económicos e políticos da época que lle tocou vivir en Cangas e Vigo, marcarían unha traxectoria á que tentamos aproximarnos polas súas connotacións históricas.

Guido Paganini Picasso chega a Cangas a comezos do século XX

O noso protagonista era natural de Xénova, onde nacera en 1881 e posiblemente tería chegado a Cangas desde Vigo a comezos do século XX. Rexentaría unha fábrica de salga no Salgueirón, quizais a de Juan Fernández Viéitez, adquirida con créditos emitidos polo Banco de Roma, que tivo o seu momento álxido durante a Primeira Guerra Mundial, conflito no que todas as conservas galegas alcanzarían unha gran demanda e releve.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Fábrica de salga de Guido Paganini no Salgueirón en 1911.

Casaría con Simona Montemerlo Botacci, filla de Pietro Montemerlo Botacci, tamén italiano, que se establecera primeiro en Bueu e logo tamén no recheo do Señal (Ojea) cara a 1915. Guido tiña dous irmáns, un deles Giorgio, axente comercial en Vigo e moi implicado coa delegación do Fascio italiano nesta cidade desde a súa fundación e o outro, Marcos, asentado en Cangas, que se dedicaría logo á conserva.

Guido Paganini apoiaría a candidatura do conserveiro Fernández Cervera nas eleccións locais de Cangas

Nas eleccións locais de Cangas, repetidas por invalidación no 1918, 1919 e 1920, Guido Paganini apoiaría a candidatura do conserveiro Fernández Cervera, que non conseguiría representación “a pesar de, segundo o concelleiro socialista Corbacho, regalarlle cigarros aos votantes, pero os obreiros e mariñeiros non fixeron máis que fumalos”.

No ano 1921, exercendo de vicepresidente da Sociedade de Caza de Cangas, xa se evidencian as boas relacións co goberno italiano pois el mesmo e o seu sogro Pietro Montemerlo conseguen a exclusiva da representación dun aparello chamado “Paradox” para a limpeza das caldeiras de vapor, xa empregado pola Armada italiana, conseguindo que tamén fose utilizado pola española en varios barcos.

GUIDO PAGANINI PICASSO
4 Agosto de 1922. Paganini e Montemerlo con armadores e patróns probando o Paradox no vapor de pasaxe María Luisa.

A parte da relación parental con Montemerlo, tamén mantiña boas relacións co conserveiro de Bueu, tamén xenovés, Attilio Gaggero pois xa en xuño de 1917 consta a presenza de Lina Paganini e Amelia Gaggero tomando os baños en Caldas de Reis, no Hotel Acuña, acompañadas dos seus fillos e unha criada.

Guido Paganini foi nomeado delegado consular en Vigo coa chegada de Mussolini ao poder

A parte deste aspecto anecdótico, coa chegada de Mussolini ao poder, cabe apuntar que desde o primeiro momento, Guido Paganini non ocultaría as súas preferencias polo movemento dos Fasci Italiani di Combattimento, creado por Benito Mussolini en Milán o 23 de marzo de 1919 e por isto, por italiano e pola súa posición social, sería nomeado delegado consular en Vigo.

Esta organización dos Fasci, formada por veteranos da I Guerra Europea, sería o núcleo do posterior Partito Nazionale Fascista de Mussolini que en decembro de 1922 e coa escasa oposición do rei italiano Victor Manuel III, lograría disolver o Parlamento, asumindo o mando supremo do Estado italiano.

Esta ideoloxía fascista era pouco coñecida na España destas datas, pero coa chegada da ditadura de Primo de Rivera, admirador desta ideoloxía, permitiu que se asentasen oito dos dezaseis Fasci que estarían activos na península, pois as relacións cos ditadores de España e Portugal eran excelentes, aínda que a súa lexitimidade era máis “simbólica” que legal.

Nos inicios, a delegación de Vigo aparece como algo especial, pois dependía do lonxano consulado de Bilbao e pode xustificarse a súa presenza na cidade olívica, máis polas fortes conexións da cidade coa emigración americana que polos a penas 29 italianos que tiña adscritos. Ademais, nun inicio, os Fasci en España proxectaban aínda unha imaxe de división, desorganización e falta de estabilidade, quitando e poñendo os seus directorios con certa frecuencia.

No ano 1923, Guido Paganini aínda figura reseñado nos anuarios industriais como fabricante de conservas en Cangas pero un roubo de ferramentas en maio deste ano vén apuntar xa o abandono da actividade na fábrica.

Vai ser nun dos continuos cambios na dirección do Fasci, envoltos en polémicas, cando tras dunha concorrida asemblea celebrada o día 3 de xullo de 1924, o secretario político da delegación viguesa do Fasci, Augusto Sacco, vai ser substituido na secretaría política por Giorgio Paganini, quen á súa vez nomearía delegado consular ao seu irmán Guido Paganini, tamén afiliado ao Partido Nacional Fascista e que neste mesmo ano e por breve período era o presidente do Centro Recreativo cangués.

Desde a sede da delegación consular, localizada neste tempo na rúa Colón número 30, a súa misión entre a escasa colonia italiana de Vigo era, ademais dos asuntos consulares, a organización de células do Fascio que pretendían estenderse entre os dez millóns de italianos dispersos polo mundo, establecendo un proceso de fascistización moi activo nestas comunidades emigradas.

Este proceso levaba implícita a total disposición a aceptar as formulacións radicalizadas da nova ideoloxía, a adopción da súa simboloxía e facer defensa activa da mesma.

Esta identificación cos modos de proceder violentos do squadrismo fascista implicaba que cada italiano debía converterse nunha nova canle de difusión e propaganda do programa mussoliniano. Obviamente, pola súa confidencialidade, pouco sabemos das actividades consulares de Paganini nestas datas, podendo seguir parte da súa traxectoria vital no eido relacionado con eventos sociais acaecidos en Cangas nos que adoitaba colaborar.

Unha das súas xestións vai ser durante unha visita que realizaron a Cangas unha partida de Exploradores ingleses (Scouts) de institutos de Manchester entre o 29 de agosto e o 2 de setembro do 1924.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Paganini no centro con camisa branca entre os exploradores ingleses que estiveron no Salgueirón en agosto de 1924.

Durante estes días estarían acampados na súa fábrica do Salgueirón e antes de embarcaren de volta en Cangas no vapor “Orita”, recibiron a visita duns exploradores de Pontevedra e xogaron un partido co Cangas F. C., club do que Paganini foi fundador en 1915, destacando incluso como gran xogador e goleador, pois xa formara parte dun equipo de fútbol en Xénova.

Os ingleses perderían por catro a dous e ao remate do match foron obsequiados con refrescos, xesto que os anglos corresponderon logo co convite a un té no campamento, acudindo a este acto, autoridades locais e algúns veciños, ademais do cónsul e a colonia inglesa de Vigo. Tan contentos marcharon os ingleses que dixeron que repetirían a visita en xullo do ano seguinte pero sabemos que non regresaron.

A partir de 1926 dende o consulado de Vigo se fomentan as relacións culturais con España tras a creación dos Institutos Italianos de Cultura no Exterior

Desde 1926, o goberno italiano vai impulsar as relacións culturais con outros países a través da creación dos Institutos Italianos de Cultura no Exterior e neste sentido vanse desenvolver unha parte dos cometidos do consulado vigués.

En xuño deste ano, Paganini vai pasar unha tempada no balneario “La Virgen” de Cuntis para tomar as augas, mellorar dunha doenza e así no mes seguinte atender a chegada de dous buques de guerra da Armada italiana, o acoirazado “Ferrucci” e o cruceiro “Pisa”.

Un ano despois volvería a aquel balneario pero esta vez para agradecer o trato dispensado e o bo efecto das augas, despois dunha xornada de pesca na que capturou uns salmóns de extraordinario tamaño, boa mostra da súa recuperación.

Neste ano 1927, o 16 de xaneiro, vai facerlle, obviamente no seu automóbil Fiat, un percorrido polo concello de Cangas ao cónsul xeral de Italia, Augusto Costaguetti, quen marchou encantado coas paisaxes e beleza da zona que Paganini como experto anfitrión lle soubo mostrar.

Na súa actividade de promoción do fútbol en Cangas vai formar parte da sociedade que a comezos de 1928 vai formar o Alondras C. F. e conseguir que no ano seguinte xa contase cun espléndido terreo de xogo en San Roque no chamado campo de San Andrés, propiedade de Cervera.

No seu ámbito consular, este ano tamén vai ser oportuno para Guido Paganini pois o 10 de maio atracaría no porto de Vigo o iate “Elettra”, propiedade do afamado inventor italiano Guillermo Marconi, que andaba a percorrer diversos países de Europa, probando desde un laboratorio experimental, o seu sistema de telegrafía sen fíos a bordo do seu barco.

GUIDO PAGANINI PICASSO
Na parte superior da imaxe aparece Marconi e o seu iate Elettra e na parte inferior, a bordo do mesmo coas autoridades de Vigo (á dereita Paganini).

Sabemos que nesta ocasión e como delegado consular italiano do Fasci, foi das primeiras autoridades en recibilo, obsequiando con bombóns a Marconi, á súa dona e ás belas señoritas representantes da alta sociedade viguesas. Paganini, acompañado do seu fillo Nico e o conserveiro Antonio Cervera, levaron ao inventor e máis á súa muller a dar uns veloces paseos pola ria na súa canoa-automóbil.

Outros conserveiros como Francisco Cervera e os Massó, tamén participarían nas atencións dispensadas ao inventor, poñendo o primeiro, á súa disposición, unha modernísima “canoa-automóbil”, entanto os segundos correrían coas excursións pola zona, aportando un automóbil.

Xa que logo, no día seguinte, farían unha excursión a Bueu en coche desde Vigo collendo a estrada de Pontevedra cara a Figueirido, San Adrián de Cobres, o “Gaján” e Bueu, onde foron agasallados na factoría dos Massó. Neste lugar, foille mostrado o acopio de maquinaria, embarcacións, trebellos e documentación antigos que viñan facendo os Massó, suxeríndolle Marconi a idea de conformar un museo do mar na vila.

Consta que esta viaxe desde Vigo non lle sentou moi ben ao inventor que se sentiu indisposto en Bueu, ordenando desprazar a Cangas o seu iate “Elettra” no que retornaría a Vigo, suspendendo tamén a viaxe prevista a Santiago.

Unha das primeiras lancha-automóbil de Cangas foi a de Paganini, adquirida en febreiro deste ano pois era representante da marca italiana Baglietto con motor Di Giorgi de 8/10 cabalos. Outras lanchas foron mercadas por Cervera, Montemerlo e Pérez Barros co que Cangas contemplaba abraiada as idas e chegadas destes rápidos vehículos acuáticos.

E aínda vendería máis, grazas á promoción que fixo en agosto deste ano nunha exhibición en Bueu coa súa lancha, facendo diversas manobras e alcanzando a velocidade de 22 nudos, impresionando ao numeroso público presente.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.