RETALLOS DE HISTORIA NO FONDO DO MAR (1920-actualidade)
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Este será o último dunha serie de tres artigos escritos polo investigador Xerardo Dasairas nos que realizamos un percorrido por algúns dos grandes naufraxios na costa de Cangas.
Nesta terceira entrega recordaremos algúns naufraxios máis sucedidos na zona da Borneira como o do Siboney (1920) ou o do mercante Cabo La Plata (1952) pero tamén nos achegaremos a outros ocorridos nas Cíes como o do Ave del Mar (1956) ou o do Polycommander (1970).
O Siboney, exemplo dos grandes naufraxios da costa de Cangas
En 1920 acontecería outro gran desastre marítimo con importante eco mediático como foi o do transatlántico norteamericano Siboney que embarrancaría tamén na Borneira o día 9 de setembro deste ano, ás dez da mañá.

Pertencía á compañía Ward-Line e procedente de Santander, chegaba a Vigo para embarcar carga e emigrantes con destino a Cuba e México. Se o anterior accidente do Southern Cross, do que falamos no anterior artigo, fora cualificado de inexplicable, este aínda o sería máis, pois o capitán foi seguindo un rumbo entre as balizas e a costa (a primeira foi a da Punta dos Castros) cando tiña todo o amplo canal da ría para facelo.

Por isto, as coplas populares e o retrouso galaico, atribuiríanlle o accidente a un exceso alcohólico do piloto tal como se fose un Schettino actual tripulando o transatlántico Costa Concordia. Coa axuda pequenos barcos, rescataríase á pasaxe e a tripulación, sendo potentes remolcadores, nun rescate colosal para estas datas, os que reflotarían o transatlántico despois de dinamitar as rochas sobre as que pousaba na Borneira.
Outro episodio arredor deste naufraxio e xa típico na Galicia daquel tempo, foi o duro cruzamento de opinións entre un coñecido xornal da Coruña, aireando a falta de seguridade na ría viguesa, e as réplicas que en defensa da mesma abandeiraba o Faro de Vigo.

Con razón ou sen ela, o caso é que desde 1921 houbo que contabilizar aínda diversos naufraxios sen perdas humanas, de pequenas embarcacións en Punta Subrido como o do León por abordaxe, o balandro Juanita en Barra (1924), unha traiñeira de Cangas no 1926, unha chalana en Rodeira en 1928 e a abordaxe en Barra do vapor Nueva Julia polo Méndez Núñez.
En 1929, os Cons da Raposa en Aldán farían naufragar á motora Florentina e na punta de Rodeira embarrancaría o balandro Carmen de Domaio. Especialmente dramático sería o naufraxio en outubro do 1931 da traiñeira canguesa Dolores na punta dos Castros, falecendo os seus cinco tripulantes.
En Cabo Home, no ano 1932, naufragarían dous motoveleiros e no 1935 na Costa da Vela tería lugar o tamén tráxico e sentido naufraxio da motora moañesa Cuatro Hermanos.
A pesar de se ter eliminado xa unha parte dos baixíos e mellorado a sinalización, aínda naufragaría en 1942 na Punta da Borneira, un motoveleiro denominado Comercio de Cer que consta como un dos últimos de certa importancia neste actual cemiterio de barcos.
Outro barco español da mesma Compañía Ybarra, protagonizaría un dos últimos naufraxios nas costas de Cangas. Esta vez sería o mercante Cabo La Plata de 80,5 m. de eslora e 3.125 Tm. de rexistro que anos antes, durante a guerra, fora incautado en Vigo polos franquistas e serviría no Cantábrico co nome de Plaustra.

O Cabo La Plata embarrancaría nos Baixos dos Capeludos, fronte a Punta Robaleira o 2 de outubro de 1952, con carga xeral de suministros alimentares (viño quinado, aceite), tabaco, xabón e motores, basicamente, inundándoselle a sala de máquinas e unha adega polo que os trinta tripulantes terían que abandonalo.
A pesar da prontitude con que se procedeu ao desaloxo da carga aproveitable, aínda houbo quen tirou beneficio das crebas na zona arredor da praia de Melide antes de que se iniciase o seu desguace. Este faríase in situ mediante voaduras da súa estrutura, provocando unha gran mortaldade de peixe que tamén foi aproveitado para o consumo e venda.
Outro inexplicable accidente na Borneira foi o embarrancamento o 24 de agosto de 1956 do bou francés Casoar que saía para o porto de La Rochelle despois de facer reparacións en Vigo. Como non tiña vías de auga, os remolcadores agardaron á pleamar das catro da madrugada para reflotalo con éxito.

As Illas Cíes tamén foron testemuñas de numerosos naufraxios, algúns deles de triste lembranza para Cangas
Pola súa situación estratéxica na bocana da ría, as Cíes foron testemuñas de numerosos naufraxios, algúns deles de triste lembranza para Cangas.
Por este motivo, aínda que quedarían fóra do noso ámbito costeiro, tamén recollemos algúns dos naufraxios ocorridos nesta área na que se levan localizado máis de 40 xacementos e pecios, desde unha flota árabe do século IX ou dous barcos de Drake en 1589 ata hoxe, incluídos submarinos e buques de guerra.
Xa falamos do Júpiter afundido en 1808 e en 1874 naufragaría o vapor Bonita nos baixos dos Forcados, sendo que na praia da illa de San Martiño embarrancaría o vapor Adriano en 1886.
Outros vapores de pasaxeiros como o San Agustín que deixaría 85 mortos, e o francés Asturianne, naufragarían en 1917, este último nos Biduidos ao tentar fuxir dun submarino alemán que o tiña localizado.
Estes baixos son coñecidos polos nosos mariñeiros pola súa perigosidade, sobre todo con néboa e teñen unha longa historia de afundimentos como o do barco grego Spyridon ou o do vapor español Itálica, un transatlántico botado en 1883 (67,1 m. de eslora e 1.070 TRB) da compañía española Ybarra, ambos naufragados aquí no ano 1922.

Os Carallóns tamén foron un punto tráxico, naufragando neles o Skogland Berge en 1923 ou o cargueiro noruegués Aslaug Haaland en decembro de 1929, perecendo os seus trinta tripulantes.
No ano 1926 rexistraríase o naufraxio do vapor Arlanza e en 1927 tería lugar o accidente do vapor Weyler nº 8 que foi afundido por abordaxe da súa parella o Joaquina Villot, ambos de Bouzas. Este tráxico naufraxio causaría grande conmoción na época ao morreren nove dos doce tripulantes, conseguindo salvarse tres deles grazas a axuda do fareiro e doutros veciños das illas.
Logo acontecerían as traxedias do Laureano Montenegro en 1928 con seis mortos, o pesqueiro Cuatro Hermanos no ano 1934, dous embarrancamentos de vapores e o incendio do Samwater inglés en 1947.
O sinistro do barco español Cabo de la Plata en 1952 tamén foi moi sonado e nesta área ocorreu o tráxico e sentido afundimento do Ave del Mar con base en Moaña o 10 de novembro de 1956 con 26 mortos.
Grande impacto ecolóxico causou o petroleiro noruegués Polycommander que foi bater coas rochas do Muxieiro nas Cies (Monteagudo), vertendo 12.000 toneladas de cru na ría, ardendo parte da súa carga. Aconteceu o 5 de maio de 1970, cando saía pola bocana norte e ao pouco de abandonalo o práctico co rumbo enfilado.

Aínda que se ocultarían datos deste sinistro (época franquista) sen vítimas humanas, os informes do barco da Armada que dirixiu as operacións de rescate, constataron o estado de ebriedade do capitán e máis da tripulación…
Co incendio do cargueiro John Live por fronte a Barra en 1976 e co afundimento do Marbel en 1978 con 27 desaparecidos, pechamos esta triste historia de sinistros no entorno das Cíes.
Ao longo da historia da navegación, todo tipo de barcos sufriron naufraxios debido ao estado do mar, á perigosidade da costa, sinalización escasa, conflitos bélicos ou neglixencias varias de patróns e tripulantes. Nas actividades de pesca prodúcense continuamente e o transporte de pasaxeiros e barcos de guerra son os que maiores vítimas teñen provocado.
Igualmente a navegación de cabotaxe de todo tipo está predisposta a estes accidentes no mar pero nos últimos anos, senón moi frecuentes, son as mareas negras que causan os grandes petroleiros dos nosos tempos, quen teñen orixinado os maiores desastres ecolóxicos no mar e nas costas xa moi afectados pola contaminación.
E neste sentido, todos lembramos a desfeita ecolóxica e económica que causou o Prestige e as neglixencias cometidas que a puderon evitar.
Ademais dos danos ecolóxicos evidentes pola contaminación das augas, tamén cabería reflexionar sobre a parte negativa destes depósitos de ferralla nos fondos mariños pois en parte contribúen, segundo informes, a que a ría de Vigo conste como unha das máis contaminadas de Galicia neste sentido.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Deixa a túa resposta