RETALLOS DE HISTORIA NO FONDO DO MAR (899-1880)

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

A día de hoxe calcúlanse en arredor de 1.600 os pecios mariños de todas as épocas localizados nas costas galegas. Estas foron, desde a antigüidade ata hoxe, unha ruta obrigada cara o norte europeo cuxos ventos e oleaxes atlánticos provocaron numerosos naufraxios.

Pero incluso as rías coa súa difícil orografía e falta de sinalización causarían tamén grandes e pequenos desastres marítimos dos que excluímos os da pesca aos que lles dedicaremos un traballo a parte.

Cando analizamos os grandes naufraxios na costa de Cangas acontecidos a finais do século XIX e comezos do XX, comprobamos que os Baixos da Borneira seguían a ter gran protagonismo pola mala e escasa sinalización deste punto cuxa boia era clave na ruta de enfilamento para acceder ao porto de Vigo desde a bocana sur e que se facía moi perigosa de noite.

Outros baixos e rochas da Ría e as Illas Cíes tamén acapararon numerosos accidentes producíndose  a primeira traxedia ecolóxica na ria de Vigo.

Achegámonos a este tema, non só a través dalgúns vellos relatos que nos legaron os veciños de Darbo senón tamén pola continua pingueira de achados na nosa zona e o seu conseguinte espolio.

Estas accións incontroladas semella que van tendo fin ao ser obrigatorio informar á Mariña dos pecios e facerse cargo da súa investigación, hai xa uns anos, a Universidade de Vigo, a través da unidade de detección remota do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (Cacti).

Nas costas de Cangas e coa colaboración do centro de mergullo Balea e a empresa Argos, os científicos despregaron un sonar para captar entre as toldadas augas e o lamacento fondo, imaxes dos restos de barcos pousados nas augas da ria, desde os pecios máis antigos como naves árabes (ano 899) e o galeón Nª Sra. de los Remedios nas Cíes, canóns en Salaíños, pecios en Punta Subrido, Nerga, A Borneira… aos máis recentes naufraxios.

Non sabemos que hai de aproveitable nos restos que quedan, mais de seguro que haberían de conformar un excelente tema para lucir nun museo do mar. Actualmente xa é abondosa a bibliografía sobre este tema, subministrada basicamente por estudosos como R. Patiño, Cortizo, “Pepe de Olegario”, Lema, José Baña, Lino J. Pazos e outros.

De entre o material documental existente, traemos agora as referencias a grandes navíos, deixando para outra ocasión os aínda máis numerosos naufraxios de embarcacións de pesca.

Entre os grandes naufraxios na costa de Cangas atopamos barcos ingleses do corsario Drake

Nunhas prospeccións subacuáticas realizadas en Barra en 1983 por arqueólogos do Museo de Pontevedra foron localizados os restos dun barco do século XVI. Non sabemos certamente se os restos deste barco se poden corresponder con algún dos dous barcos ingleses que, segundo as noticias, petaron contra uns baixos na costa de Cangas cando saían da ría pola bocana norte despois de arrasaren Vigo.

Despois disto, o 2 de xullo de 1589 a armada de Drake xa retornaba ás súas bases cando se levantou un forte vento de suroeste que fixo que o filibote de John Hawkins, curmán do corsario, e un navío comandado por Henry Docwra ficasen varados preto da nosa costa, posibilitando o ataque dos cangueses aos mesmos.

Esta acción fixo que os ingleses abandonasen en botes os barcos, procedendo os asaltantes á liberación dos prisioneiros que levaban e á queima dos devanditos navíos.

A fragata francesa Hermine naufragou nos baixos da Borneira 

A primeira referencia documentada data de febreiro do 1657 e alude ao naufraxio da fragata Venganza que armada ao corso foi bater nas rochas do entorno da Illa dos Ratos, poñéndose en poxa os seus escasos restos.

Porén, o punto con máis frecuencia de accidentes había de ser o dos Baixos da Borneira e un dos primeiros naufraxios documentados neste lugar, foi o da fragata francesa Hermine ocorrido o 14 de agosto de 1761 que hai quen confunde coa Hermione, famosa esta por levar a Lafayette na axuda dos insurxentes das colonias americanas contra os ingleses.

GRANDES NAUFRAXIOS DA COSTA DE CANGAS
A fragata francesa “Hermine”

A Hermine fora botada en Baiona (Francia) cinco anos antes deste naufraxio e contaba con 36 canóns grandes, 26 medianos e seis pequenos, apenas usados en dúas ocasións e viña fuxindo, perseguida polos ingleses, da batalla naval de Fisterra.

A bordo da mesma viña como gardamariña o mozo Justin Bonaventure Morard de Galles que anos máis tarde chegaría a almirante da armada francesa, o que testemuña o salvamento da súa tripulación.

Un ano despois, un tal Francisco Silvy obtería unha autorización para rescatar os canóns deste buque, correndo pola súa conta o material de recuperación e os buzos. En troques, recibiría da Facenda Real, 300 reais por cada canón e 120 por cada cureña nas que se asentaban. Porén, o misterio que agacha este pecio é precisamente que nel, aínda hoxe, se atopen 21 canóns que era o material a recuperar.

Ante isto cabe supoñer que as cousas miúdas fosen levadas polos mariñeiros no abandono do barco e que fose totalmente imposible, polo lugar e a época, rescatar a súa artillería da que aí. Outra opción elucidativa, sería o espolio do pecio polos veciños e mariñeiros e incluso que os canóns atopados fosen doutro naufraxio.

No fondo mariño de Cangas tamén se atopan fragatas inglesas

O 6 de setembro de 1800 naufragaría en Punta Subrido a fragata HMS Stag da Royal Navy con 32 canóns, ao mando do capitán Winthrop. Este barco viña de participar no ataque da escuadra inglesa ao Ferrol cando o sorprendeu un temporal que a levaría a naufragar e arder perdendo a un dos seus homes.

En 1806 sería o bergantín español Amigo fiel quen de novo fose estragar o seu casco na Borneira e o 10 de decembro de 1808 naufragaría nos baixos do Carrumeiro nas Cíes a fragata de guerra inglesa de 50 canóns HMS Júpiter ao abrírselle unha unha vía de auga no casco pero salvándose tamén toda a tripulación.

GRANDES NAUFRAXIOS DA COSTA DE CANGAS
A fragata inglesa HMS Júpiter.

Este barco da clase Portland estaba considerado como un dos navíos máis rápidos da flota inglesa e a pesar de estar forrado con planchas de cobre na obra viva, blindaxe que non lle evitou o desastre.

Cando naufragou xa contaba con trinta anos de servizo (botado en 1778), tendo participado en numerosas accións de guerra. Traemos este barco a conto polo espolio, controlado en parte polas autoridades, que se fixo dalgúns elementos do mesmo e que foron almacenados na Axudantía de Mariña de Cangas dando lugar a unha reclamación dos mesmos polos franceses cando ocuparon Vigo. Xa comentáramos que o coñecemento da localización deste material bélico veu da man do avogado cangués Manuel Rodal, enemistado daquela co alcalde de Cangas e sospeitoso daquela de ser afrancesado.

Arredor de 1840 un veleiro inglés en ruta a Australia petaría no Cabalo de Aldán nas Osas, ficando como lembranza do naufraxio a Cruz de Couso que se di foi erixida polo conserveiro Celestino Buet en lembranza dun desastre que deixou moitos cadáveres.

Dez anos despois, o 18 de novembro de 1850, o bergantín Única Rosa, capitaneado por Vicente Nogueroles e cargado de sal, buscaría acubillo dun temporal na ría de Aldán, petando contra un con e afundíndose cando pretendía varar na praia de Pinténs. Neste naufraxio perderían a vida un tripulante do barco e un mariñeiro da zona que acudira con outros ao salvamento da tripulación.

O 20 de febreiro de 1857 e nos baixos de Punta Robaleira, tería lugar o naufraxio do Madrid, un vapor da navieira inglesa CP&O Line que desprazaba 480 tm. e que navegaba en rota de Southampton a Cádiz cun valioso cargamento de especias que sería totalmente recuperado debido á proximidade dos areais.

En maio de 1874 embarrancaría nos baixos Forcados das Cíes o vapor inglés Bonita de carga e pasaxe, botado había catro anos e pertencente á Belgian Royal Mail Company. Aínda que nestas datas houbo outros dous naufraxios anteriores nas Cíes, mencionamos só este por ser “raqueado” ou rapinado por 15 mariñeiros de Cangas e de Coruxo, que serían encausados por este feito.

O día 11 de xuño deste ano, sería o vapor Flor de María, que saíu de Vigo á unha e media da tarde con carga de mineral e aos tres cuartos de hora xa chegou aviso de que tiña encallado entre a Borneira e o Borneirón, conseguindo o consignatario salvar o barco e a carga trasvasándoa a lanchóns, descubríndose que levaba cinco canóns dos que se indaga sobre a procedencia e destino.

GRANDES NAUFRAXIOS DA COSTA DE CANGAS
A Borneira nunha carta naútica de 1910.

En 1876 produciríase o naufraxio da fragata Jean na ria de Aldán e neste mesmo ano, sería unha lancha de pesca a que deixase dúas vítimas nos baixos da Borneira, zona na que en 1877 embarrancaría a goleta de recreo María sen rexistrarse vítimas.

Co naufraxio do bergantín María Teresa o 26 de outubro de 1880, este punto costeiro levaba camiño de se converter, xa nestas datas, nun dos máis negros da ría xunto cos baixos Biduídos ao noroeste das Cíes.

Este bergantín-goleta de nacionalidade inglesa e matrícula de Xibraltar, capeaba o temporal reinante na ria cando rompeu amarras e foi encallar entre a Borneira e o Borneirón, rompendo o temón e abríndoselle varias vías de auga.

Os tripulantes desembarcaron e varios barcos fondeados en Vigo ofrecéronse, previo pago, a desencallalo pero coa demora e a noite, o temporal arrastraríao cara a Congorza.

A carga que foi salvada, constaba de 123 barrís de fariña candeal malagueña, 124 pipas de ron e augardente e bocois con viños xerezanos. Tamén se salvaron as pertenzas dos mariñeiros, obxectos de valor e do instrumental do barco, o velame e a maioría da carga, agás 16 pipas de ron en paradoiro descoñecido.

Os naufraxios foron bastante habituais no resto de Galicia

Desde que temos constancia dos periplos marítimos atlánticos, os barcos que navegaban costeando, enfrontábanse na altura de Galicia a numerosos temporais que os asolagaban ou desarboraban, arrastrándoos contra as rochas e cantís, facéndoos naufragar.

A nosa costa foi desde antigo de tránsito obrigado para as flotas que se procedían do norte chegaban ata aquí impulsadas polo noreste do verán e as procedentes do sur adoitaban aproveitar os ventos austrais na época de outono e inverno que se facía máis perigosa.

A propia configuración do litoral, os ventos que sopran recorrentemente e as correntes mariñas contribuirían a facer das nosas augas un auténtico cemiterio de barcos, ata tal punto que navíos de todas as épocas as teñen convertido nun dos lugares con máis barcos afundidos a causa de conflitos bélicos ou pola adversa meteoroloxía.

Nas últimas décadas téñense localizado uns 1.600 barcos afundidos, mais os especialistas calculan que pode haber ata 8.000, estando documentados uns 700 pecios na actualidade o que a penas suporía un 10% deles.

GRANDES NAUFRAXIOS DA COSTA DE CANGAS
Unha imaxe de prospeccións arqueolóxicas mariñas.

Dos xa coñecidos, uns 300 están considerados de interese histórico (máis de cen anos baixo as augas) e gozan de especial protección para evitar espolios. Os  pecios históricos de Galicia están formados na súa maioría por mercantes, pero tamén figuran barcos de pesca e buques de guerra.

Apenas se ten constatado que unha ducia destes barcos levase nas súas adegas algún cargamento monetario, residindo o seu auténtico valor na función que exercen como cápsulas do tempo pola información e datos que gardan no seu interior sobre un determinado momento histórico.

Na ría de Vigo, destacan como puntos de maior concentración de pecios, a Enseada de San Simón (Rande), a contorna de Cíes e a Costa da Vela, localizándose outros en Baiona, na entrada a Vilagarcía ou a Pena das Ánimas, entrando na Coruña, mais, evidentemente, sobre todos estes lugares destaca sobranceiramente, a Costa da Morte, un enorme cemiterio de barcos.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

  1. Grandes naufraxios na costa de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] do primeiro artigo dedicado a algúns dos máis importantes naufraxios na costa de Cangas como foron os casos […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.