FONTES SENLLEIRAS E SINGULARES DE DARBO E CANGAS

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Como xa puidemos ver no artigo anterior, cada fonte que temos na vila de Cangas ten algún elemento ou característica diferenciadora que a fai especial e única. Neste segundo e último artigo da serie “Arquitectura da auga nas fontes de Cangas”, Xerardo Dasairas nos fala dalgunhas das fontes que podemos atoparnos en Darbo ou Cangas e que pola súa singularidade poden ser consideradas como elementos arquitectónicos senlleiros da vila.

A arquitectura da auga nas fontes de Cangas e Darbo

A fonte do atrio de Darbo

Con intencións votivas semellantes á de Santo Amaro temos a da igrexa de Darbo, manancial que xa debía existir cando se menciona a parroquial por primeira vez no ano 1318 xa que é o único lugar de abastecemento de auga próximo.

Porén, pouco sabemos da fonte actual, mais pola súa traza e a advocación da Virxe que a preside, cabe supoñer que a súa estrutura non fose levantada ata as reformas exteriores da igrexa no 1771 pois, aínda que de elementos barrocos, é perceptible xa unha certa influencia neoclásica.

A ARQUITECTURA DO AUGA NAS FONTES DE CANGAS
Fonte do atrio en Santa María de Darbo.

Aínda que máis baixa que o nivel do chan, a procedencia da auga vén de máis arriba pois non cabería o seu consumo nunha zona que era camposanto de enterramentos.

A existencia de dous chorros que manan da boca de dúas figuras, remítennos, como noutras partes, á idea de teren unha dobre finalidade na sanación de males diferentes.

A fonte de Santo Leonardo

Esta fonte, situada entre a rúa adicada ao polifacético sacerdote D. Manuel Graña González e a Subida a Síngulis, foi botada de menos por algúns lectores en outros artigos anteriores pero decidíramos incluíla neste apartado pola súa feitura construtiva que inclúe dúas cartelas co seu nome e a data de 1880.

Chama moito a atención, o aproveitamento do desnivel para engadirlle unha escaleira de pedra con varanda de ferro que permite o acceso directo á mesma desde a rúa superior, evitando o rodeo, aspecto que lle da un ar distintivo das demais.

Ata hai uns anos contaba con dúas artísticas billas (ver foto) que incrementaban esa fasquía á que nos referiamos.

A ARQUITECTURA DO AUGA NAS FONTES DE CANGAS

Foi construída para paliar os problemas de abastecemento dos barrios do Costal e Outeiro debido á perda de caudal e á contaminación que sufría con frecuencia a antiga e próxima Fonte Garrida.

Para moitos resulta chamativa esta advocación de Santo Leonardo, santo sen referentes en Cangas, pero obedece ao nome do médico Leonardo Arnaud que custeou o material.

Ademais disto, a fonte aparece tamén indirectamente como unha homenaxe que ao dúas veces alcalde de Cangas, César Arnaud, lle fixo ao seu irmán, primeiro médico municipal  da vila que residía nesta rúa, chamada anteriormente Álamos.

A fonte Nova do Señal

Non cabe dúbida que esta obra tivo moito que ver na demanda que no mesmo ano fan os veciños do barrio do Señal, en expansión, para que se lles fixese outra fonte. Como o presuposto da mesma alcanzaba as 2.223 pts pois incluía a traída desde o manancial do Campo do Galo de propiedade parroquial, solicitarían financiamento da Deputación que contribuiría á obra coa metade do presupostado.

Esta fonte, situada na saída da vila, no descampado que logo foi o Eirado do Señal, foi realizada polo canteiro P. Cons Argibay (apelidos da contorna pontevedresa) e inauguraríase en 1881, sendo alcalde M. Ventura Sequeiros Matos, parente do daquela presidente do organismo provincial.

A ARQUITECTURA DO AUGA NAS FONTES DE CANGAS

Por esta emblemática fonte, o Eirado do Señal pasaría a chamarse “Plazuela de la Fuente Nueva” que como xa comentaramos noutro artigo do que falamos das fontes, tiña un pío abrevadeiro ao redor e que, poucos anos despois, sería retirado por antihixiénico ao se utilizar para limpar e lavar o peixe.

A fonte de Santiago ou do Cabalo

Foi levantada durante o mandato do alcalde e farmacéutico Francisco Martínez Budiño por acordo de 1887, ano no que tamén se van emprender outras obras como o alumado público a petróleo ou a restauración do reloxo da excolexiata.

Esta fonte, na súa primeira localización, ergueuse máis ao norte no lado contrario ao que ocupa hoxe, fronte da fachada da excolexiata e dentro do espazo do antigo camposanto. A auga procedía dun manancial ou mina existente nun terreo propiedade do cura Alejandro Díaz Arce que foi expropiado.

A fonte foi inaugurada no 1890 tal como figura na cartela lateral na que se recolle tamén o nome do concello. O deseño e a obra da fonte son da autoría do mestre canteiro Ignacio Cerviño e contaba cunhas efixies de golfiños, rematando a estrutura a estatua ecuestre de Santiago polo que foi popularmente coñecida como a Fonte do Cabalo. 

A ARQUITECTURA DO AUGA NAS FONTES DE CANGAS
A fonte do cabalo de Cangas.

A condución da auga desde a mina facíase por unha canle de pedra realizada polo mesmo Cerviño o que non evitaría protestas dalgúns veciños pola súa mala construción que xeraba asolagamentos nas súas propiedades.

En xullo de 1906, o canteiro de Coiro Juan Fontán remata co derrubo do muro que pechaba o adro da igrexa e a fonte trasládase para o lugar actual, cedido polo cura, pero sen os golfiños que non lle acaían ben ao tema ou non cabían no espazo destinado a ela.

Esta fonte non só foi lugar habitual de xogos infantís e de latriqueo feminino senón que destas rexoubas xurdiu tamén que o veciño taberneiro José Pereira, por facerlle “un favor” aos clientes, adoitaba rebaixar coa auga da mesma o viño pelexón de Cacabelos que adoitaba dispensar no seu local.

E é que esta fonte, na súa primeira ubicación, estaba situada preto deste establecemento pero estorbaba o tránsito dos carruaxes pola rúa Real polo que foi trasladada posteriormente, como dixemos, quizais en marzo de 1906 cando con permiso do arcebispo se procedeu ao derribo do muro que rodeaba a excolexiata.

A efixie de Santiago “Matamouros”, actualmente bastante deteriorada, pasou tamén por diversas vicisitudes anecdóticas e controvertidas, ficando na memoria como un dos seus máis tristes usos o do control e vixilancia que nela exercían os falanxistas nos días da sublevación militar contra a República.

Esta fonte foi un punto estratéxico nestes días pois localizábase preto do local da Falange, estaba na rúa principal da vila e ademais a carón da igrexa, do Concello, do que fora o Centro republicano e do cine cuxo propietario, Saturnino, caeu morto por disparos do “fogo amigo”, efectuados desde este punto.

A fonte do Tritón de Massó

En estado visible de deterioro, como o resto dos inmobles, atópase fronte ao que foi o parvulario, a chamada Fonte do Tritón de Massó que antano contribuía a dulcificar a voráxine fabril que se desenvolvía a poucos metros dela. Aínda que está realizada en cemento, pola súa traza non nos estrañaría que detrás do seu deseño estivese a man de Urbano Lugrís.

A ARQUITECTURA DO AUGA NAS FONTES DE CANGAS

O chorro de auga saía da boca do tritón e non sabemos se esta aproveitaba o antigo manancial de Lavapés ao que se lle atribuían propiedades sanatorias. O conxunto da fontana merecería unha mellor atención da escultura e do seu entorno, aínda que foi unha mágoa non xestionar o seu traslado aos novos xardíns onde luciría mellor que no emprazamento actual.

Novas fontes artísticas máis modernas

As novas fontes artísticas, como a do xardín da Ribeira do Señal (Alameda Nova) ou a da praza da Palma, enriquecida coa efixie de María Soliño, aínda que non teñen o subministro de auga como misión principal, son modernas achegas á arquitectura da auga, primando sobre elas aditamentos tecnolóxicos como os chorros a presión e os efectos lumínicos, ambos de custoso mantemento pola atención e operatividade que precisan.

A ARQUITECTURA DO AUGA NAS FONTES DE CANGAS

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Un comentario

  1. A arquitectura da auga nas fontes de Cangas (I) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "ALDÁN, UN CONDADO Á BEIRA DO MAR" […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.