AS FONTES MÁIS SENLLEIRAS E SINGULARES DE HIO E ALDÁN
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Cando falamos de “arquitectura da auga nas fontes de Cangas” referímonos a aquelas fontes nas que interveu a man do home para dotalas de certa monumentalidade, converténdose algunhas co paso do tempo en elementos arquitectónicos senlleiros ou singulares.
Porén, outras foron modificadas na súa estrutura perdendo o seu valor artístico inicial. Algunhas das fontes sen aditamentos arquitectónicos, que se crearon para servizo dos mariñeiros e dos veciños, desaparecerían por mor de obras como a praza de abastos ou na fronte marítima e outras con certo valor arquitectónico, por diversas circunstancias, foron modificadas ou trasladadas de lugar, construíndose outras novas arredor de 1880.
Na área do concello cangués atopamos fontes máis ou menos modernas como a da Alameda Vella ou a do Costal e outras de certa antigüidade e cunha conformación sinxela como a de Nazaret, a da Rosada ou a do Seixo.
Tamén hainas moi modificadas como a Fonte Ferreira que perdeu a súa primitiva feitura cunha desfavorable intervención na mesma, inexplicable hoxe en día.
Outras veces, a instalación dunha fonte para abastecer de auga a un barrio conlevaba negociacións con particulares como aconteceu en setembro de 1927 coa fonte e lavadoiro da Espiñeira que dependía dun manancial particular pertencente ao señor Guerra.
Porén, outras, sen arquitectura importante, alcanzan valor literario como a de Menduíña na que Cunqueiro, segundo conta, fixo amizade cunha lontra que ía beber nela polas noites.
A arquitectura da auga nas fontes do Hío e de Aldán
A fonte de Ogeo
Xa demos conta dalgunhas das innúmeras fontes coas que conta o noso concello e centrámonos agora naquelas que, ao noso entender, podemos considerar como senlleiras por algunha característica construtiva que as singulariza.
A primeira delas pola súa antigüidade é a existente no actual pazo abacial do Hío denominado Casal d´Ogen/Ogeu en 1468 polo importante ollo de auga (Ogeo=oculo>oclo>ojo) existente no lugar.

Este manancial, en orixe, discorría uns cantos metros monte abaixo, por fronte do casal, estancándose nunha zona chaira onde provocaba un ulló ou lagoíña que lle deu nome ao lugar.
Coa erección da igrexa preto deste espazo por causas relixioso – extratéxicas, o nome pasaría a denominar a toda a parroquia. A evolución do nome Hío, que ten a mesma orixe latina en oculu, evoluciona no galego Ollo e non en castelán como Ogeo.
A primeira grafía aparece en documentos medievais escrita como Yo (du Yo, do Yo, doYoo) e que atopamos tamén no topónimo Duio (Duyo) de Fisterra.
Xa no século XVIII sería o padre Sarmiento quen se fixese eco do topónimo, aludindo ás formas medievais anteriores pero tamén a coetánea de d´Huyó de onde se lle incorpora o -h- que conserva hoxe.
En todas elas o -Y- (semiconsoante yod) debe pronunciarse como -LL- resultando a palabra galega illó/ulló que, como dixemos, significa terreo asolagado ou lagoento como ocorre no Ulló de Vilaboa e outros moitos esparexidos por Galicia.
A finais do século XVI, cara a 1581, ao converterse o antigo casal en reitoral, parte da auga do manancial de Ogeo foi conducida mediante unha canle cara ao interior do primeiro andar do edificio.
Mais, aínda sería en 1760 cando o abade Juan Jacinto Gregorio de Castro Pereira y Ozores de Sotomayor, lle dese a forma pétrea que coñecemos hoxe, con dous canos de auga presididos por un escudo coas armas de Castro.
Este brasón loce unha ostentosa coroa propia de reis, condes, marqueses… sen motivo de que este abade puidese usala ao non posuír ningún dos títulos anteriores. En 1864 sería o abade Juan Manuel Míguez quen dotase a esta fonte pública de píos para servir de lavadoiro que máis modernamente se cubriría cun tellado que aínda que pode ser moi práctico pola protección que prodiga, réstalle certa fasquía ao conxunto da mesma.
A fonte da reitoral do Hío
Cando aquela casa de sobrado vai evolucionando cara a súa estrutura pacega, o párroco Ventura de Aldao erguería en 1677, fronte á antiga escaleira (logo eliminada) de entrada ao edificio, unha fonte artística conformada por un pío e lavadoiro, enmarcado no centro de dous muros de sillaría con asentos.

Nestes muros, aínda que con dificultade, pode lerse unha inscrición en latín que un tradutor de antano lle atribuíu ao poeta Ovidio. No paramento da esquerda lese:
ALDAVS INGENTI CONCVSVS NECTARIS AESTVR HOC AD POTANDVM NOBILE FECIT OPUS (Aldao, enardecido polo vigor do néctar, fixo esta nobre obra para bebelo)
e no dereito continúa con
LAVDIBVS INTVMEAT DVM QVEMQVAM DICERE COGIT: QUO PLVS SVNT POTAE PLVS SITIVNTVR AQVAE. ANNO 1677, que se traduce como Gábabase dela con loanzas que inducían a calquera a dicir: Canto máis se beban estas augas, máis se desexan. Ano 1677.
As fontes da Torre de Aldán
Aínda que oculta á vista polos altos muros que rodean o pazo, soubemos por primeira vez desta fonte ao aparecer reproducida nun cartel da Deputación dos anos setenta polo cal lle seguimos a pista ata dar cunha fotografía reproducida nunha revista dos anos vinte.

Esta fonte monumental de estilo barroco está enmarcada nun espazo axardinado e mostra na base dúas cabezas mitolóxicas que deitan auga polas súas bocas. Por enriba destas, nunha fornela con arco de medio punto, localízase unha imaxe da Virxe, enmarcada por columnas adosadas.
No cimo, dous pináculos e no centro, máis elevada, sobresae unha cruz. Segundo contan, semella que en tempos pasados, a auga desta fonte chegaba ata o mesmo salón do pazo.
Na Finca do Conde ou Frendoal (freixoal?), lugar de lecer dos señores, hoxe máis coñecida co alcume de “Bosque encantado“, existe unha pequena fontela de pedra que xa acusou a inxerencia vandálica nos seus elementos. Este manancial vén completar un conxunto conformado polo rio que xunto cun acueduto (rebautizado dos Mouros ou da Condesa) e a mina que abastecían auga para o regadío, conforman un complexo arquitectónico que ten a auga como motivo principal.

Esta finca ficaría segregada da Torre ao facerse a estrada Bueu – Cangas pola costa e afectaríalle a un dos dous arcos cos que contaba o acueduto ao que se lle atribúen tres séculos, aínda que hai quen o ve como obra medieval e incluso romana (?). O que si é certo é que algúns sepulcros medievais, abundantes neste lugar da Torre, aparecen convertidos en bancos.
Este espazo, que inclúe un castelo-muíño e outros elementos, está a reclamar unha maior atención ante a súa popularización e as numerosas visitas que recibe sen ningún control.
A fonte de Santo Amaro
Santo Martiño de Dumio aló polo século VI e un século despois, Santo Eloi e o concilio de Braga, continuaban a atacar as supersticións pagás, entre elas as referentes ás fontes, ante a obstinada resistencia dos galegos a abandonaren as súas antigas crenzas que se perpetuarían ata os nosos días.
Isto non ten nada de estraño pois na simboloxía das augas, elemento primixenio máis forte que os outros, estas representaban a vida, a fecundidade, a saúde, a sabenza e por ende todo aquilo que supón purificación, redención e penitencia que se perciben condensados, por exemplo, no ritual do Bautismo.
A cristianización dos mitos, dos símbolos e dos ritos (moi antergo é o da auga e do lume novo no Sábado Santo), sacrilizándoos a maioría das veces, tamén deu orixe a que moitas fontes levasen o apelativo de santas.
Nesta categoría podemos mencionar a fonte do Santo Amaro en Aldán que foi aproveitada e construída para dar servizo aos romeiros. A súa estrutura ben pode datarse a partir de construción da igrexa cara ao ano 1665. Aínda que máis sinxela e con un só cano, esta fonte presenta unha estrutura semellante á de Darbo, aínda que con menos valor artístico.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Un comentario
A arquitectura da auga nas fontes de Cangas (II) » A Illa dos Ratos
[…] xa puidemos ver no artigo anterior, cada fonte que temos na vila de Cangas ten algún elemento ou característica diferenciadora que a […]