O PASO DA SALGADURA Á CONSERVA
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Grazas a tecnoloxía francesa, o paso á conserva en lata foi iniciado en Bueu polos Massó e as novas tecnoloxías derivadas do vapor implementarían o desenvolvemento dos barcos e das artes de arrastre.
Da xávega pásase ao bou e ao boliche coa conseguinte problemática e máis adiante produciríanse os enfrontamentos entre os tradicionais xeiteiros e os defensores da traíña, arte importada do Cantábrico, que tivo gran repercusión económica e social en Cangas.
En 1884 se firma outro acordo de pesca en Aldán que trataba de regular o uso das xávegas na súa enseada
Un novo acordo de pesca na enseada de Aldán vai ser referendado o 28 de febreiro de 1884 en presenza do Cabo de Mar Enrique Refojos Pardavila, delimitando as postas ou “boles” das xávegas, a súa posición e lonxitudes.
O acordo está asinado polos patróns de xávega, todos galegos, José Fdez. Gandón e José Lorenzo Otero; polos do xeito José Castro Glez. e Fco. Franco Menduíña e polos do polbo J. Ramón Vilariño Ermelo e Manuel Ares Castro, ante varias testemuñas, mariñeiros da zona.
As postas acordadas serían: Menduíña, desde as Laxas a Pedra Cativa; Areabrava, desde as pedras do rio ata Cons da Viña; Pinténs, desde a Pedra Galga ao Portelo da Area e desde as Pedras do Mar á Punta da Ria.
Outras postas adicionais serían: a de Sartaxéns, desde as rocas da Punta da Barra a Caldeirón; a de Areacova, desde Punta Lavaceira a Pedra Rubia; a de Cova da Balea, desde Pedra Rubia a Oubel, a de Vilariño, desde o rio Orxás ata Esteiro e a de Arnelas, desde a Pedra Testada ao río de Arnelas.
A finais deste ano vaise producir unha forte crise pola falta de sardiña e no día 16 de febreiro do ano seguinte, o comandante de Mariña de Vigo vaille comunicar aos pescadores da súa xurisdición a autorización do Ministerio para pescar durante a veda imposta.
Esta medida extraordinaria pretendía paliar o estado de miseria no que se encontran as xentes do mar desta zona, permitindo que os de Aldán, Beluso e Bueu puidesen pescar con tres xávegas, facendo quendas (rotando) acordadas entre eles.
Durante este último terzo do XIX, cada fomentador viña sostendo entre xeitos, traíñas e xávegas a unha media de 50/70 homes, traballando en cada fábrica unhas 20/30 persoas, a maioría mulleres que percibían a metade do salario dos homes.

En 1883 os Massó se asocian cos franceses Pascual Dargenton Lafont e Félix R. Domingo e se pasan a conserva hermética de peixe creando a conserveira “La Perfección” en Bueu
En xullo do 1883, os Massó van dar o primeiro paso ás conservas en Bueu, facéndoo logo en Cangas Darío Lameiro (antes fábrica de Gil Montelles en Balea), Francisco Montes González que estaba instalado xa en 1886 no lugar da Viña do Boi (final rúa Fomento) e Francisco Fernández Cervera que inaugura fábrica nos anos finais do XIX nun pequeno estaleiro de ribeira.
En 1903 tamén abriría fábrica de conservas en Menduíña, Tomás Bolívar Massó, asociado con José Barreras Massó quen logo, xunto cos seus irmáns, vai quedar en 1928 coa titularidade desta empresa, ampliando o seu negocio ao mercar tamén a que Carreras tiña en Xestadelo.
A fábrica de Menduíña estivo ata esta data baixo a xerencia de Luis Bolívar, irmán solteiro de Tomás coñecido como O Sultán e inmortalizado por Torrente Ballester en Los Gozos y las sombras, quen no ano 1928 pasaría a vivir a Darbo para facerse cargo da fábrica do Salgueirón, que fora antes de Guido Paganini Picasso e xérmolo da nova conserveira.
O 15 de xuño de 1888 os armadores de xávegas firmarían un novo convenio con instrucións de uso desta arte, postas, horas, quendas, lances… Asinan o mesmo polo Hío, Benito Ferrer, Agustín Fernández, José Lorenzo e Carlos e José Pardavila e por Aldán, os Mandado, Barros, Bolívar, Carballo e Torres.
Foi este un período de transición marcado pola prohibición de importar a chapa para as latas polo que moitos dos fabricantes aínda manterían a salga tradicional ata a súa desaparición como sistema de elaboración do peixe.
A mediados de agosto de 1889, fomentadores de Aldán, de Vigo e de Marín entrevistaríanse no Ferrol co capitán xeral para tratar sobre o uso do boliche ou trabuquete que sería prohibido en 1892.
A chegada de novas tecnoloxías, baseadas no vapor e no gas, permitirían avances mecánicos aparecendo algunhas máquinas movidas con este sistema, sobre todo muíños como o de Juan Buet (1885) ou o de Curbera (1895) que logo serían electrificados.
As primeiras fábricas de conservas en Cangas foron as de Darío Lameiro en Balea e a de Francisco Fernández Cervera
Aínda que anteriormente se abrirían fábricas de salga, ata 1897 non se instalaría en Cangas unha de conservas, sistema do que sería pioneiro Darío Lameiro Sarachaga que adquirira a salga de Gil Montelles en Punta Balea, seguíndolle logo Francisco Fernández Cervera en 1902.

Este comezara en 1889 abrindo unha “escabechera” nun local que fora un estaleiro de lanchas xeiteiras de doce por seis metros e o Concello de Cangas ameázao co peche se non mellora as condicións de salubridade deste establecemento, non aptas para manipular alimentos. Este Fernández Cervera procedía de Santander e era fillo dun tal Fernández Castañeda, importante vendedor de raba e destacado valedor dos defensores do uso da traíña.
Tamén nestas datas, arredor do 1906, a salga de Temperán – Hío que estaba xa en mans de Aracil Hermanos, pasaría a mans de Ángel González Vidal (Bogador).
Esta expansión en Cangas había coincidir coa nova “guerra” entre xeitos e as novas traíñas ou cercos de xareta, importadas do Cantábrico xunto coas embarcacións chamadas traiñeiras.
En 1907, en Cangas había 10 fábricas de salga e 5 de conserva
Superados estes conflitos, na altura do 1907, o concello de Cangas contaba con 10 fábricas de salga, 5 de conservas, 2 dedicadas exclusivamente ao escabeche e outras tres de secado.

A rúa do Fomento, daquela na beiramar, a zona do Salgueirón (de salga), Punta Balea, o Recheo do Señal, O Forte, Rodeira e mesmo o casco antigo da vila serían os lugares onde se irían instalando as industrias de salga, conserva e secadoiros cuxo devir xa foi recollido noutras publicacións.
En 1906, rematado o recheo fronte as pedras do Señal, o Goberno outorgaríalle a Manuel Ojea e Benjamín Caamaño unha concesión que pouco despois acollería oito naves, a maioría ligadas á salga, conserva e auxiliares, recibindo o nome de naves de Ojea.
Xa en xuño do mesmo 1906, recalaría en Cangas o santanderino Vicente Vila Serrano quen solicita permiso para levantar unha fábrica na Punta de Rodeira, feita en ladrillo, que comezaría a funcionar en 1908 e que en principio se dedicaría á producción de noces en conserva, máis ao fracasar este proxecto, dirixirían o establecemento cara a salga. Estaría rexentada por Pedro J. Portanet de Vigo ata 1913, ano no que sería comprada por Daniel Eiroa Novoa e en 1939 alugada a Ramón Arbones que mudaría a razón comercial por Rodeira Lda. (Vigo).

Xa en 1911 os Massó comezarían a adquirir as fábricas de salga de Punta Fociño (Melide) e a de J. Barreras en Punta Balea, mentres que J. R. Curbera mercaba en 1912 a de Ameixide, ano no que tamén se instalaría na rúa Fomento, Ángel Botello, natural de Ayamonte.

O xenovés Guido Paganini abriría fábrica no Salgueirón cara a 1915 (a salga dos Acuña?) e logo afectada por unha creba económica, seríalle adquirida polos Massó ao Banco de Roma cara a 1928 e a carón dela levantarían a nova fábrica anos despois.
No muelle de Ojea instalaríase tamén en 1915, o italiano Pietro Montemerlo Botassi, sogro de Guido Paganini, abrindo “Salazones Montemerlo”. Desta fábrica, adaptada aos novos tempos, pero mantendo o sistema tradicional e artesanal, sería continuadora a de Lago Paganini.
A evolución das artes e o procesado do peixe
Desde a Idade Media xa se utilizaban aparellos de cordel como espiñeis ou liñas para pescar os congros e as redes de sacada como traíñas, chinchorros… ou os xeitos para a pesca da sardiña.
As betas, volantas, tramallos… capturaban basicamente as pescadas e os badexos e as nasas e rascos destinábanse á captura de mariscos e do polbo, pero foron logo os cercos os que permitirían maiores beneficios pola cantidade de sardiña que capturaban.
Algunhas destas artes de pesca irían evolucionando no seu sistema e os grandes cercos irían desaparecendo ata a chegada da arte ou xávega importada polos cataláns.
As embarcacións máis usadas eran as dornas, lanchas do xeito, trincados… e pirlos e galeóns nas redes de maiores dimensións.
Para poder exportar o peixe e que non se descompuxese nos longos días de viaxe, recorríase a vellos sistemas herdados xa dos romanos como o curado que, cun lañado previo (eviscerado) e descabezado nalgúns casos, se puña a secar ao ar ata o seu deshidratado. Este secado aplicábaselle preferentemente ao congro, raia, badexo… chamados peixes de coiro e aos polbos.
O afumado ou arencado era outro sistema aplicado ao peixe máis pequeno como os xureles ou as sardiñas, mellor as dos últimos meses do ano por teren menos graxa, dándolle un prensado manual e somerxendo o peixe medio día nunha salmoira suave para logo envarillalas e poñelas nos fumeiros das lareiras uns dez días.
O escabechado era outro dos sistemas, máis laborioso, que se lle aplicaba tamén a sardiña, xurelo, xarda, bonito… e sobre todo aos bivalvos como as ostras, vieiras, mexillóns… conservados nun prebe de vinagre, allo, loureiro, ourego… feito para o caso.
Cando chegaron os cataláns, os nosos mariñeiros xa levaban anos utilizando o salgado das sardiñas, botándolle o sal lixeiramente entre as capas que se colocaban en cascos ou botas de madeira (tabais, barriles) previo eviscerado e descabezado. Aínda así, este sistema tampouco permitiría unha longa conservación do produto ata que chegaron os fomentadores cataláns coas súas prensas que conseguían extraerlle ás sardiñas unha maior porcentaxe de graxa (saín) que era a que aceleraba a descomposición do peixe pero tamén lle restaba sabor e nutrición.
En principio van utilizar píos de madeira para a salmoira e as prensas van localizarse en barracóns ou loxes de táboas de piñeiro. Unha vez asentados definitivamente en Galicia, xa fixeron en pedra os píos e tamén as fábricas ou almacéns de salga que cara finais do século XIX pasarían ao sistema da conserva en latas con aceite do que os Massó, como dixemos, serían pioneiros en Bueu a finais do século XIX.
Unha fábrica de salga constaba basicamente de tres partes:
- A Chanca onde se ubicaban os píos que acollían a sardiña, primeiro revenida e logo na salmoira uns quince días;
- o Morto onde se situaban as prensas que presionaban as sardiñas colocadas xa nos tabais para tirarlle o saín que saía por unhas canaletas feitas na pedra do chan e ía parar a uns píos.
- o Claro, espazo sen cubrir que se deixaba entre eses dous espazos cubertos; normalmente térreo que podía acoller pozos de auga, canais, píos de saín… e por onde se facía o traslado dos tabais ás prensas.
Como locais anexos á fábrica ubicábanse oficinas, almacéns, adegas e nun lateral adoitaba situarse a vivenda xa na mesma planta que a fábrica ou nun andar superior, segundo as dispoñibilidades.

Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Un comentario
Fomentadores e xávegas na enseada de Aldán (III) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "CANGAS E O MAR" RUTA "ALDÁN, UN CONDADO Á BEIRA DO MAR" […]