A CHEGADA DOS FOMENTADORES CATALÁNS A ALDÁN
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Témonos referido noutras ocasións e desde diferentes puntos de vista, ao uso das artes de pesca na nosa zona, centrándonos agora na xávega, arte importada e indefectiblemente ligada á chegada dos cataláns ao noso litoral a mediados do século XVIII.
En principio actuarían como comerciantes para instalarse logo como salgadoiros que se arrogaban o fomento da “decaída” pesca galega e de aí o nome popular que se lle deu de fomentadores.
Os fomentadores cataláns chegaron a Galicia logo de sobreexplotar as súas costas empregando a xávega
Segundo os numerosos traballos sobre o tema, foron varias as razóns que incidiron en que os cataláns se asentasen nas costas atlánticas andaluzas, portuguesas e galegas e que tiñan moito que ver co uso indiscriminado que fixeron no Mediterráneo da xávega, arte de arrastre que esquilmou as postas.
Outra delas foi a guerra de 1738 con Inglaterra que cortaría a chegada de peixe arencado ao Levante e a expulsión dos cataláns dos caladoiros do norte de África e de Portugal pola voracidade pesqueira que exercían.
Despois disto, porían os ollos en Galicia ao teren noticia de que as nosas rías eran un fervedoiro de sardiña debido ao decaemento da nosa pesca, que retornara aos sistemas tradicionais, ao fracasaren os intentos de recuperación dos cercos entre 1748 e 1750.
Ao igual que noutros eidos económicos, a burguesía galega non mostrou moito interese pola evolución da pesca e o aproveitamento da mesma seguía en mans dos mosteiros, bispados e algún nobre ou fidalgo que tiraban bo gaño dos pobres pescadores ou pescadores pobres que só faenaban cando había algún contrato ou esixencia de pesca por convenio cos mercadores.
Outro aspecto importante nesta situación vai ser a implantación da chamada Matrícula do Mar en 1737, reestruturada logo en 1743 e 1751, que levaría a que os homes de mar pasasen a exercer a exclusivamente a pesca, liberándose así da xurisdición señorial e eclesial, pero asumindo a obriga de serviren na Armada entre os dezaseis e sesenta anos.

Este servizo, que deu orixe aos chamados Cabos de Mar en cada porto, había minguar o persoal dedicado á pesca pola entrada en guerra cos ingleses, afectándolle máis ás Rías Baixas onde a cota establecida de mozos foi a maior de Galicia.
As levas da Armada chegaron a mobilizar ata 7.000 mariñeiros que deixarían sen operatividade a uns 1.200 barcos, conlevando que labregos e labregas inexpertos, chamados “terrestres”, suplisen os labores de pesca nestes anos ata que se prohibiu a súa intervención nos traballos do mar. Porén, os cataláns, mediante argucias legais e incluso falsificación de documentos de exención, conseguían zafarse deste servizo, xa fosen residentes temporeiros ou fixos.
Esta carencia de mariñeiros na pesca faría que o fluxo catalán (algúns vascos e casteláns tamén) que comezara polas rías do norte, se desprazase ao pouco cara o sur, centrándose sobre todo na cidade de Vigo desde a que os cataláns estenderían as súas redes comerciais, vindo establecerse primeiro na enseada de Aldán, para pasar logo a Bueu e outros portos da ría de Pontevedra.
A enseada de Aldán xa contaba cunha vella tradición salgadora que se remonta a época romana como testemuñan as factorías e vilas de Nerga, Pipín… e que continuaría séculos despois, en 1492, ao pretender García Sarmiento, delegado arcebispal en Pontevedra, “poboar o porto de Aldao” para sacarlle rendemento, ao consideralo desatendido polos seus donos, os Aldao, á par que favorecían aos pontevedreses do Corpo Santo .
O asunto non foi adiante ao opoñérense outros señores e chegar á Real Audiencia de Galicia que non permitiu esta ocupación ilegal. Mais, este feito habería servir de revulsivo para Pero Arias de Aldao, conde de Aldán, que sete anos despois vai abrir neste porto unha pequena factoría, a primeira da que temos noticia, na que se preparaba a sardiña polo sistema galego (escochado e afumado) para a súa comercialización.
Foron anos de preitos polos dereitos de pesca ou “visitas” na enseada de Aldán, entre os do Corpo Santo de Pontevedra e os de Cangas, ambos portos de dominio arcebispal, representado por Garía Sarmiento.
Este, despois dun preito que chegou á Chancelería de Valladolid en 1501, ditaría normas para a pesca con cordas espineis, liñas, cercos e xeitos, establecendo unha liña virtual polo medio da ria que deixaba a costa do Hío para os de Cangas.
Mais, este deslinde non se cumpriría e seguirían os conflitos e desordes cos mareantes de Aldán e Hío de señorío laico e real respectivamente que se querelaban en 1561 contra os cercos cangueses do arcebispo por térenlle cortado as redes da sacada, perdendo toda a pesca e aducindo que eran máis antigos na pesca que os de Cangas, vila de recente formación.
Os conflitos entre mareantes habían continuar nas rías a pesar das normas e convenios establecidos e agora van cobrar novo impetu ao importaren os cataláns, anos despois da súa chegada como comerciantes, a xávega ou arte varredeira.
Hai que dicir que os cataláns como comerciantes xa tiñan coñecemento das nosas rías e da súa riqueza pesqueira desde finais da Idade Media ao chegaren algúns barcos galegos con sardiña e peixe ás costas mediterráneas.
Na metade do século XVI, aínda que esporadicamente, xa visitan os nosos portos coas súas sagetías cargadas de viño, licores e augardentes que trocaban cos comerciantes galegos por sardiña, aproveitando a tornavolta, pois os tratantes e armadores portugueses e galegos xa diminuiran o trasfego de peixe cara ao Mediterráneo.
A presenza de cataláns e aragoneses nos portos das rías Baixas está constatada a pesar do escaso rastro que deixaban nos fletamentos pero xa en 1551 temos constancia da denuncia que cinco mariñeiros cataláns fan ante o xuiz de Cangas, a onde se dirixían, ao seren atacados por uns corsarios franceses que lles “tomaron la nao, bino y dineros que traían”, deixándoos abandonados na illa de Sálvora.
Aínda que non imos entrar no importante tema do sal, fundamental nos procesos de salga, cabe dicir que desde que Portugal reanudara o su proceso de independencia en 1640, este produto comezara a escasear, tendo que importalo desde o sur da península.
Para paliar este déficit e por referirse á zona da que tratamos, cabe apuntar que en 1698 o rei concederíalle ao marqués de Valladares os dereitos de explotación das salinas ubicadas en Santo Andrés do Hío (a onde chaman “La Barra”) e en Santa María de Darbo (en Santa Marta – Liméns) así como todas as que houbese desde O Hío ata Meira.
Mais o conde-marqués xamais poría en funcionamento esta concesión, dedicándose ao remate da que estaba a construír en Coruxo e que xunto coas salinas do Ulló e outras no Salnés que, mal que ben, cubrirían unha parte da cota dos alfolís, un deles no porto de Aldán e outro en Cangas.
A chegada dos primeiros fomentadores cataláns vai propiciar o nacemento das Matrículas do Mar, creándose un novo escenario socio-político no que os pescadores especializados e organizados colectivamente vanse identificar como mareantes
Estas confrarías, como a do Corpo Santo en Pontevedra ou a do Bon Xesús de Cangas van anexionarse unha serie de poderes e dereitos arredor do acceso e explotación dos recursos pesqueiros, en especial os de maior valor comercial como eran o congro e a sardiña exercendo o monopolio sobre as pesqueiras.
Fronte a eles estaban “os outros”, os pescadores independentes e de tradición familiar cunha categoría profesional inferior que pescan desde o seu barco e desde terra con artes chamadas “menores” (fronte aos grandes cercos) como a liña, o palangre ou o tramallo.
Nas escasas zonas de traballo coas que contaban estes pescadores é onde adoitarían establecerse os fomentadores, e a enseada de Aldán era unha delas. Outros aspectos de certa importancia que influirían na arribada dos cataláns ás nosas costas serían a liberdade de fabricación de licores e augardentes en 1746, a súa expulsión de Portugal ao ditarse normas proteccionistas sobre a pesca e o terremoto de Lisboa en 1755 que lles arrasaría as barracas de salga que tiñan na desembocadura do Guadiana e nos Algarves.

A presenza catalá detéctase en Aldán en 1756 ao casar nesta localidade Josep Alba de Barcelona cunha veciña que era natural de Pontesampaio
A primeira ondada de comerciantes cataláns vaise producir entre 1755 e 1777 nas rías do norte, quizais coas miras postas no porto da Coruña, único habilitado para o comercio con América, pero ao pouco xa van decantarse por estender as súas redes comerciais cara as rías do sur, máis abundantes en pesca. A presenza catalá detéctase en Aldán en 1756 ao casar nesta localidade Josep Alba de Barcelona cunha veciña que era natural de Pontesampaio.
A influencia catalana na Capitanía Xeral de Galicia na Coruña favorecería que esta legalizase o uso da xávega en 1757 pero prohibiríalles en 1771 a arte do bou (boi) que tamén querían introducir.
En 1758 xa estaba instalado en Vigo Bonaventura Marcó del Pont como “traficante de sardina” e en 1759 chega Francisco Puch (Puig) que se asocia co anterior, igual que en diversos períodos farían Caminada e Buch (Boix). Ao pouco tempo xa se vai incrementar a lista de comerciantes cos Fábregas, Carreras, Ferrer, Nonell… que se van ubicar basicamente no Areal da Barxa, logo coñecido como o dos cataláns.
Pronto se saturou esta praia viguesa con barracas ou loxes para a preparación do peixe e os cataláns puxeron os ollos noutras zonas como Cangas pero toparon coa oposición do gremio de mariñeiros, baixo a tutela arcebispal, a que se instalasen e pescasen nas súas postas.
Xa que logo, Josep Caminada, oriundo de Mataró, sería o primeiro en instalarse no Hío e en 1762 xa tiña un negocio de comercio e almacén de salga, achegando tamén aparellos de pesca (xávegas) manexados por mariñeiros da zona a soldo cos que establecían contratos de pesca.
Este sistema precapitalista de pago había ser tamén un punto de fricción co sistema tradicional de aparcería (a partes) que aínda estaba ao uso nas vilas mariñeiras tuteladas polo poder arcebispal, mosteiros ou nobres e fidalgos, forzas vivas moi ausentes xa na ría de Aldán, agás os párrocos que tamén se beneficiaban da pesca.
Unha parte moi positiva do asentamento catalán sería que nas súas loxes, palabra de procedencia portuguesa, tamén habían darlle traballo a numerosas mulleres, favorecendo o emprego feminino.
Pablo, un dos barceloneses irmáns Fábregas establecidos en Vigo, abriría na Moimenta (Rio Esteiro – Hío) en 1760 unha fábrica de salga que aos cinco anos habían venderlle por 10.000 reais ao francés Pierre Tournelle (galeguizado en Pedro Tornelle) que posuía unha das sete xávegas que xa se usaban na ría de Vigo para a pesca da sardiña.
Logo, Pablo e Félix Fábregas, xunto con Antonio, fillo deste último, instalarían unha nova fábrica de salga en Aldán que operaba con dúas xávegas (de Pablo e de Antonio) que lles reportaban unha inxente cantidade de sardiña á súa industria.
A finais de 1764, Francisco Puch, asociado con Marcó del Pont, tamén establecerían outra salgadura no Con (Aldán), mercándolle os terreos a uns particulares pero tres anos despois disolveríase a sociedade, ficando coa salgadura os herdeiros de Puch.

A xávega é semellante a unha sacada das que xa se usaban aquí, pero amosa dúas variantes que a converten nun aparello totalmente diferente coas mallas en rombo e un saco
Igual que acontecería máis adiante coa traíña e a traiñeira, o uso da xávega estaba ligado a unha embarcación mediterránea chamada “xávec” pero esta non acompañou á arte dos cataláns no seu establecemento en Galicia sendo os autóctonos pirlos ou galeóns e as lanchas do xeito as máis utilizadas.
A xávega, entre prohibicións e permisos, compartiría a pesca cos xeitos, os trabuquetes e as traíñas vellas que sabemos que na ría de Aldán, a finais do século XVIII, medían 250 brazas de longo (2.600 m.), 18 de peralto e malla de polegada e media, utilizando pedras en vez de chumbos.
Cara a 1884 o boliche ao trabuquete ou ao balo vai ser tamén unha arte moi usada polas súas dimensións máis pequenas, contabilizándose en Cangas máis de douscentos nesta data.
No caso das xávegas apúntase que as primeiras que operaron nas nosas rías foron as dos fomentadores Moreu e Lamberti que as importaran de Cataluña e que as estenderan por Andalucía e Portugal.
Na súa feitura a xávega é semellante a unha sacada das que xa se usaban aquí, pero amosa dúas variantes que a converten nun aparello totalmente diferente coas mallas en rombo e un saco.
Ambas características faríana unha arte moi esquilmativa dos fondos, levando a ditarse numerosas ordenanzas a favor e en contra, orixinando longos e numerosos preitos. Aínda que acabaría por reducirse o seu uso, o certo é que aínda en 1911, estarían a traballar 231 delas na costa galega entre Cariño e Camposancos.

Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Deixa a túa resposta