FÉLIX SOAGE, O GRAN FILÁNTROPO DE CANGAS.

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de información facilitada por Fernando Cuñarro Pintos, secretario da A.C A CEPA e Lois Guimeráns Rial e Antonio Graña Graña, coautores do libro “Ao filántropo cangués D. Jose Félix Soage Villarino”.

José Félix Soage Villarino naceu na rúa Real de Cangas o 4 de Abril de 1844 no seo dunha familia humilde e mariñeira. Sempre tivo vontade e iniciativa para o traballo e por iso con só catorce anos, o oito de xullo de 1858, embarcou camiño de Bos Aires onde o esperaban os seus tíos Xosé Manuel Soage e Xosé F. Villarino que o acollerían como empregado no almacén de Ramos Xerais e ultramarinos que rexentaban.

Os almacéns de Ramos Xerais, unha evolución das “pulperías”

Orixinalmente naquelas terras o que había eran as chamadas “pulperías” que eran almacén, tenda, taberna e casa de xogo, lugar de encontro dos paisanos onde se xuntaban os gauchos a conversar das novidades. Lugar de cita para a bebida con horarios adaptados ás súas comenencias e ao período entre pagas que permitían o abuso do alcohol.

Pero coa chegada dunha inmigración de máis nivel, a sociedade comezou a converterse en máis cosmopolita e complexa provocando o declive das pulperías e o nacemento dos almacéns de Ramos Xerais, precursores das tendas especializadas que apareceron a finais do s. XIX.

Aqueles establecementos de Ramos Xerais vendían de todo: produtos nacionais e importados, xeralmente atados a compromisos cos grandes terratenentes da zona. Desta forma podíase pagar con “notas” emitidas polos patróns de estancias ou levar unha “libreta de fiado”, pioneiro sistema de crédito sen intereses. Os seus clientes eran os típicos gauchos arxentinos que se provían de comestibles e de utensilios para as súas faenas do campo.

Pola súa valía Soage pasou de ser un simple dependente a ser o xerente dos negocios familiares 

Nese traballo no almacén de Ramos Xerais pasou Félix Soage nove anos ata que o seu parente Juan C. Martínez o puxo de xerente dos variados negocios que tiña. A partir dese intre no pensamento do noso protagonista comezaron a aparecer aspiracións de chegar a ser como un dos moitos emigrantes dedicados ao comercio que lograron independizarse rapidamente e mercaron terras, converténdose en propietarios latifundistas.

Atopou unha Arxentina con moito por facer

Naqueles tempos a Arxentina era un país que se estaba facendo. As familias galegas alí instaladas reclamaban xente moza para atender os traballos do campo e os negocios.  A meirande parte dos emigrantes galegos establecéronse na cidade de Bos Aires que  concentraba a case totalidade da poboación e incorporáronse á incipiente industria porteña. O resto do país era case un continente deserto.

Coa independencia arxentina trunfa un modelo económico constituído por unha clase terratenente propietaria de grandes extensións de territorio gañado na conquista do deserto e comeza unha etapa de ordenamento e construción dun país agro- exportador de lá, coiros, carne e trigo. 

Este modelo de país necesitaba xente emprendedora,  man de obra barata para o campo e gañar espazos desertos cara ao sur fronte a Chile, o seu inimigo xeopolítico.

Unha das correntes colonizadoras de galegos dirixiuse, co obxectivo de colonizar a Pampa, ás terras do Tuyú, no Partido de Dolores (provincia de Bos Aires), zona esta de bos pastizais para o gando. 

No 1880 Félix Soage decide mercar unhas terras e iniciar unha importante actividade agropecuaria

Durante os trece anos que lle durou o emprego a fronte dos negocios familiares, Félix Soage logrou facerse cuns bos aforros. En xaneiro de 1880, grazas a eles e a un préstamo bancario, logrou mercar unha extensión de 16.000 hectáreas de terra na zona de Casares dentro da gran provincia de Bos Aires, é dicir catro veces a superficie aproximada de Cangas, a súa vila natal.

Nos seus establecementos de campo Soage empregaba unhas latas de esquila para o pago por traballos nesa actividade.

Estas corresponden ao valor 50 de vellón e un vellón ambos punzonados en bronce coa marca número 76.671 do antigo Partido del Tuyú, segundo se observa no  Rexistro de Marcas da Provincia de Bos Aires de 1899. (As imaxes das latas inclúense por xentileza de Adolfo Santa María coa autorización do Centro Numismático de las Sierras del Tandil).

Félix Soage foi mercando cabezas de gando ovino e en pouco tempo contaba xa con 20.000 ovellas. Mais axiña tivo que soportar e sobrepoñerse a un dos momentos máis amargos da súa vida cando unha gran inundación nas súas terras case o deixa sen gando.

O seu tesón, paciencia, intelixencia e resistencia fixo que Soage realizase as obras necesarias para evitar futuros asolagamentos. Deseñou sistemas de rego, construíu bebedoiros para o gando e conseguíu pastos recuperando a súa actividade e a rentabilidade na venda de coiro, carne e gando ovino.

Nun artigo publicado na revista arxentina El Hogar podiamos ler:

E con paciencia de formiga  cumpre alí unha tarefa que despois atraerá a atención dos entendidos: abre canles, tende unha complexa rede de desaugues, levanta a man os niveis escorregadizos da lama que retira dos baixos, e efectúa todo este labor persoalmente e de sol a sol, coa enerxía necesaria para solucionar o grave problema.

Por fin puido domar a adversidade, a chuvia é agora unha bendición sobre os campos, a auga flúe polas obras, alimenta os lugares  máis secos e nutre os campos de alfalfa e pastos tenros, que xorden grazas aos bebedoiros e ás pías.

Así podemos ver a Xosé retornar ás súas riquezas e ao engorde dos seus animais estendéndose en pasteiros dispersos nas súas 16.000 hectáreas redimidas por unha ratificación de valor e esforzo, impregnado por unha nobre causa. Durante vinte anos, Soage, dedicouse de cheo ás actividades agropecuarias”.

En 1904 trasladouse a Bos Aires, mercando unha finca na rúa Uruguai 1602 onde se dedicou aos negocios mentres espertábase nel unha morriña que se fora acumulando en tanto tempo de sacrificio e que o levara a ter unha situación económica moi desafogada.

Félix Soage no seu despacho de Bos Aires.

Félix Soage respondeu cando Cangas precisou a súa axuda

Mentres o noso protagonista facía “as américas”, en Cangas a vida transcorría con normalidade á beira da ría.

Nunha noite de temporal, unha galerna moi grande con forte vento, chuvia e a marusía, levou por diante os alpendres ou pendellos que utilizaban as mulleres do mariñeiros para a venda do peixe e castigou bravamente a ribeira. O temporal golpeou toda a noite, rompendo os muros de contención e as cativas instalacións dos peiraos.

A veciñanza ficaba resígnada e cunha sensación de desamparo como nunca antes se vira. As mulleres, cargadas de anos, tiñan que traballar a intemperie e refuxiarse nos portais cando chovía para poder vender as súas mercadorías porque xa non existían os alpendres que levara o temporal.

Cando esta noticia chegou a Bos Aires, Félix Soage facendo gala do seu puro amor á terra e co agarimo que sempre lle tivo a Vila de Cangas que o arrolou na súa infancia, inmediatamente ordenou redactar un proxecto  ao arquitecto vigúes Jacobo Estens, para a construción dun moderno mercado de abastos no punto máis céntrico da vila, próximo ao porto, onde as mulleres volvesen abrir os seus postos ao abrigo de ventos e choivas.

O proxecto contemplaba unha superficie de 2.000 m2, con cámaras frigoríficas, postos para froitas, legumes, aves e sobre todo un amplo espazo para a salga e a venta de peixe fresco. O valor da obra foi de 163.000 pesetas da época que foron aportadas na súa integridade polo benefactor cangués.

As obras de construcción do edificio da Praza de Abastos-Mercado de Cangas, iniciáronse no ano 1923 e nese momento o sindicato Alianza Mariñeira, fíxolle chegar unha carta de agradecemento ao Sr. Soage, que lles respondeu o seguinte: ”é para min un motivo de satisfacción que as obras sexan consideradadas como útiles para os habitantes do meu pobo natal. Ditas obras son para min, unha das máis gratas aspiracións”.

Vista da Praza de Abastos de Cangas tras a súa inauguración.

Fixo gala da súa faceta solidaria en Cangas pero tamén na Arxentina

Pero a faceta solidadaria deste ilustre cangués non quedou aí. Na Arxentina tamén realizou numerosas doazóns a Sociedades de Beneficencia da emigración, accións polas que o goberno español concedeulle a Félix Soage a Gran Cruz da Beneficencia: 

  • Financiou unha sala de primeiros auxilios en Daireaux no Partido de Caseros, lugar onde realizara a súa fortuna.
  • Dedicou douscentos mil pesos ao levantamento dun pavillón hospitalario na cidade de Temperley.
  • Financiou unha sala en exclusiva para os cangueses emigrados a Arxentina no Hospital Español de Bos Aires.
  • Fundou varias bibliotecas de barrio.
  • Axudou de forma constante á Benemérita Sociedade de Irmás dos Desamparados, ao Padroado da Infancia, ao Padroado Español, e a Sociedade Española de Socorros Mutuos de Bos Aires.

Todos os nadais Soage percorría os hospitais infantís para repartir xoguetes, roupa e lambetadas. En 1919 Soage outórgalle á Sociedade Española de Socorros Mutuos a cantidade de 25.000 pesos, pola cal a entidade nomeouno socio honorario.

En Cangas ademais da súa gran contribución para o edificio da praza de abastos, Félix Soage tamén participou noutras obras benéficas enviando cartos para:

  • A construción dunha escola para nenos sen recursos.
  • Proxectos de abastecemento da traída de augas.
  • Obras de mellora de moitas rúas e algúns xardíns da vila.
  • Obras de restauración e construción das bóvedas da Igrexa- Ex Colexiata de Cangas, así como a doazón dun novo órgano de gran potencia, obra de Alberdi.

Esta importante labor altruísta foi moi valorado polos veciños de Cangas que lle enviaron un álbum coas sinaturas de todos transmitíndolle o seu agradecemento.  

Faleceu antes da inauguración da Praza de Abastos

Lamentablemente este recoñecemento da súa labor non chegou a ser disfrutada en vida por Felix Soage xa que o 8 de abril de 1924, o gran filántropo de Cangas morría en Bos Aires, lonxe da súa Cangas querida, da que tanto se lembrou coas súas obras e o seu pensamento.

A tristeza desolou o pobo de Cangas cando chegou a noticia do seu falecemento. O Concello de Cangas, querendo agradecerlle todas as doazóns recibidas, encabezou unha iniciativa para erguer unha estatua na Alameda da vila por subscrición popular. Esa foi a orixe da obra encargada ao destacado escultor cambadés  Francisco Asorey que inclúe grabada a frase «Cangas al filántropo José F. Soage Villarino» (1925), en homenaxe póstuma a este cangués tan ilustre.

Escultura de Asorey presidida busto de Soage xunto a un home que curiosamente esta basado nun mariñeiro de Cangas.

Aínda que Félix Soage non puido asistir a inauguración do edificio do Mercado de Cangas, a súa gran doazón,  realizouse un acto de entrega a favor do Concello o día 31 de Agosto 1925, en presencia do Gobernador Civil, Sr Obispo, Presidente da Deputación  e o alcalde de Cangas D. Pedro Rodríguez, e  en representación dos heredeiros de José Félix Soage, asisitiron os seus sobriños, Benigno García Soage e Emilio Lorenzo.

Ademáis desta escultura, para recordar a este cangués universal que dun modo altruísta tanto colaborou coa vila de Cangas, temos unha rúa que leva o seu nome e tamén se lle puxo “Xardíns de Félix Soage” como nome oficial da Alameda Vella.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Santoro, o fotógrafo da luz (II) » A Illa dos Ratos

    […] detrás dos certames de debuxo infantil que se celebraban na Alameda Vella – Xardíns de D. Félix Soaxe, unha actividade ao aire libre na que participaba cada verán xente moza da vila, do Morrazo e […]

  2. O Ronsel de Lembranzas, un libro para recordar » A Illa dos Ratos

    […] gran filántropo da vila D. Félix Soage, o crego D. Valentín Losada, o sindicalista D. Lorenzo Corbacho ou o poeta popular D. Serafín […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.