O POBO DE CANGAS SAÍU A RÚA POLA DEFENSA DA VILA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio da Asociación A Illa dos Ratos.
O 9 de decembro de 1617, un grupo de piratas turco berberiscos, a bordo de once navíos, atacan a florecente e próspera vila de Cangas, sementando as súas rúas de morte e destrución.
Este feito histórico, tan relevante como descoñecido entre moitos dos habitantes do pobo, é o piar no que se asenta a Conmemoración Histórica “A defensa da Vila – María Soliña”, que o Concello de Cangas leva intentando consolidar dende fai varios anos para poñer en valor esta parte tan importante da nosa historia e desestacionalizar o turismo.
Despois das bases sentadas nos anos anteriores nos que participaron na preparación moitos dos colectivos culturais da vila, nesta edición a encargada da organización do evento que se celebrou os días 27, 28 e 29 de setembro foi a A. C. A Defensa da Vila.
A programación, que podía consultarse na web www.adefensadavila.com, incluía a “Feira dos invasores 1617”, xornadas culturais, actividades infantís e a habitual representación teatral polas rúas do centro da vila. Ademais, como en anos anteriores participaron realizando actuacións e pasarrúas diversos colectivos como A.C Peis d´hos, A.C Lembranzas da Ría, A.C.F Tromentelo, Grupo de Danzas Pais de San Roque, Lume de Karoso, Ameaça de bombo ou a A.C María Soliña.
A Asociación A Illa dos Ratos realizou nesta ocasión unha actividad de animación infantil e unha visita guiada
O sábado 28 a partir das 17:30h a Asociación A Illa dos Ratos foi a encargada de organizar a actividade de animación para nen@s que se celebrou fronte a Casa da Bola e na que participaron máis de 250 persoas.
Houbo un obradoiro de escudos, outro de personaxes divertidos e tamén maquillaxe, xogos e un sorteo de varios almorzos bufete no Hostal e Apartamentos Rodeiramar 2A, viaxes as Illas Cíes, Ons e San Simón cortesía de Naviera Nabia, pases para o Club Termal do Spa Bienestar de Moaña, vales de compra cortesía de Fecimo – Comercio do Morrazo e prendas de roupa da marca canguesa Pink Souba Clothing.
PREMIADOS NO SORTEO DA FESTA HISTÓRICA INFANTIL “A DEFENSA DA VILA” 2024
Ademais da concorrida actividade do sábado pola tarde, o domingo día 29 a partir das 10:30 realizamos a ruta “Cangas 1617, A defensa da Vila” cunha asistencia de máis de 60 persoas.
O colofón final foi a representación da obra “María Soliña” escrita por Xosé Manuel Pazos a cargo de Teatro de Ningures
Os piratas turco berberiscos chegaron puntuais o domingo ás 20:00h a bordo de tres embarcacións e avanzaron con decisión polas rúas para enfrontarse aos cangueses e canguesas que quedaran para tratar de defender a vila.
Desde A Illa dos Ratos queremos felicitar a todas as institucións, colectivos e particulares que participaron para que este evento fose posible un ano máis, especialmente a Nico Avilés e Fran Graña, impulsores de la Asociación Cultural A Defensa da Vila, polo seu excelente traballo e dedicación.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Un comentario
Carmen Iglesias Rosales
Parabens a todas as asociacions culturales por todas as representación teatrais, xogos e tamén a ruta que fijó a Illa dos ratos contando a historia da defensa da Vila 1617.