A PRIMEIRA FUNCIONARIA DE BUEU, NA BIBLIOTECA POPULAR

Texto elaborado por Belarmino Barreiro Rosales, arquiveiro municipal e delegado do persoal funcionario do Concello de Bueu

Nestes últimos anos, no Concello de Bueu estase a producir unha remuda xeracional de traballadores públicos, acentuada por razón da súa xubilación, o que provocará que noutros dous mandatos máis non quede xa ningún do persoal estatutario que conformou o cadro de empregados municipais que lembramos dos últimos corenta anos.

Sirva o presente artigo para render unha pequena homenaxe a todos eles, servidores públicos que teñen pasado pola Administración Local, os máis deles desapercibidamente, ó servizo dos cidadáns de Bueu, dende o persoal de lonxa, mercado, enterrador, limpeza viaria ou non, recollida do lixo, camiñeiros, brigada municipal de obras dende o peón ata o oficial de servizo de augas, electricista, albaneis, carpinteiros, subalternos ou ordenanzas, de seguridade cidadá, alguacís, gardas urbanos e rurais e policía local ata chegar ó persoal de oficinas en calquera das súas escalas, personificando na figura da primeira muller funcionaria municipal deste distrito, dona Sofía Gómez Buceta. 

Sofía Gómez Buceta, a primeira funcionaria do Concello de Bueu naceu en Pontevedra en 1902 e os seus inicios como traballadora municipal foron na Biblioteca Popular Municipal

Consta que nace o 30 de outubro de 1902 na cidade de Pontevedra, filla do matrimonio Ricardo Gómez Neira e Adela Buceta Pesqueira, ambos tamén da capital provincial pero afincados en Bueu na aldea do Casal da Graña dende 1895 onde el exerce de perito agrimensor e será logo designado secretario do rexistro civil e xulgado de Bueu mentres a nai adícase á casa.

É a máis nova de tres irmáns, Joaquín, dezasete anos maior ca ela, ausente e Ricardo, un ano maior ca ela quen chegará a ser o depositario municipal “paseado e desaparecido” en 1936. 

Os seus inicios no Concello de Bueu teñen que ver coa Biblioteca Popular Municipal de Bueu, inaugurada o 7 de outubro de 1927 sendo Alcalde-Presidente don Camilo Davila Davila quen na sesión da Comisión Permanente do 9 de setembro de 1929 plantexa a necesidade da creación dun posto fixo para poder atender o grande éxito de afluencia que tiña a biblioteca instalada nos baixos da Consistorial, feito sobre o que declaraba:

cuyo éxito ha justificado el objecto que se propuso la Corporación al crearla. Viene rigiéndose esta institución por órdenes verbales que convendría condensar en instrucciones escritas que sirvan de norma pública en lo sucesivo y dar mayor impulso a su sección circulante con las limitaciones necesarias para hacerla compatible con el servicio fijo de la Biblioteca y para impedir que los libros sufran extravío o deterioro anormal, al utilizarse en el domicilio de los lectores…”

Sofía Gómez Buceta foi contratada como auxiliar de biblioteca pero polas súas aptitudes acabaría prestando tamén servizo como oficial auxiliar para a secretaría xeral do concello

Non será ata o primeiro de xaneiro de 1931 cando o Alcalde don Perfecto García Nogueira contrate a Sofía Gómez Buceta por 2,50 pesetas de xornal, ratificado o seu nomeamento no Pleno de 23 de febreiro dese ano “ con la sola excepción de los días festivos en que no se abra la Biblioteca” e pasando a persoal fixo estatutario en virtude de reclamación por escalafón de empregada pública coma administrativa en calidade de oficial auxiliar o 31 de decembro de 1935.

SOFÍA GÓMEZ BUCETA
Ficha de funcionaria de Sofía Gómez Buceta (agosto de 1934).

Vai ser o único persoal asignado á Biblioteca Popular Municipal de Bueu primeiramente ata o seu peche. Dado o seu nivel e aptitudes axiña demostradas pasará prestando parcialmente e compaxinando os seus servizos para a secretaría xeral a partires de xaneiro de 1937 e definitivamente nela a partires de 1940 tras superar o expediente de depuración de funcionarios públicos un ano antes.

Posiblemente sexa a mellor pluma caligráfica que pasou nunca polo Concello ata hoxe. Aí queda o testemuño presente do seu puño e letra nos libros de actas, amillaramentos, padróns de habitantes e tantos outros documentos que anonimamente ela despachou ó longo da súa carreira profesional. 

SOFÍA GÓMEZ BUCETA

En 1944 solicita o ascenso de categoría imediatamente superior a Oficial de terceira como administrativa quedando no aire pendente de estudio xurídico por esixencia de titulación académica maior e posterior oposición tendo que circunscribirse á categoría dun auxiliar. 

Tras 40 anos adicados ao servizo público, Sofía Gómez Buceta faleceu en 1971 poucos meses despois de xubilarse 

A maior parte dos seus conveciños lembrarana na atención ó público, lendo o xornal na de Ferrolán e nos veráns cun parasol branco para protexerse do sol andando pola vila.

Vivirá no lugar da Graña onde en 1962 tralas reformas oportunas, instalarase no baixo da súa casa a Escola pública de Nenos número 2 da vila, da cal se di é copropietaria.

En 1952 empezan os primeiros achaques na súa saúde e en novembro de 1957 ten que causar a primeira baixa laboral durante seis meses por enfermidade recoñecida polo médico de atención pública domiciliaria e inspector municipal de Sanidade, don Benito Pazos Peleteiro quen certifica “ unha lesión … considerando necesario reposo absoluto”.

A partires de aquí necesitará varias veces repouso en 1959 e 1966 que a fará acudir ó balneario de Cuntis para recibir tratamento da súa doenza acentuada. 

SOFÍA GÓMEZ BUCETA
Imaxe da antiga Biblioteca Popular Municipal de Bueu, nos baixos do actual edificio do Concello.

Tras corenta anos e un mes de servizo continuado e ininterrumpido, o 31 de xaneiro de 1971 xubílase como traballadora funcionaria municipal do Concello de Bueu e finará o 16 de outubro dese mesmo ano cando contaba 69 anos de idade, de estado civil solteira e sen fillos.

Será a súa sobriña, Peregrina Piñón Buceta quen reclame a prestación de socorro para gastos de sepelio á que ten dereito a finada de acordo cos estatutos da Mutualidade Nacional de Previsión da Administración Local recoñecéndolle a cantidade de cinco mil pesetas.

O testemuño mudo do seu paso polo Concello a modo de legado, foi que no mesmo ano da súa xubilación foron convocadas sendas prazas de auxiliares administrativas, da que só se cubriu unha delas e que outra muller veu a ocupar simbolicamente o seu posto, recentemente xubilada tamén e que supuxo a semente das mulleres que hoxe desempeñan un posto na Administración Local de Bueu.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.