RECOÑECER BUEU NA PRIMAVERA DE 2025 

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. 

Logo de nove anos de actividade con máis de 800 rutas realizadas nos tres concellos do Morrazo e a punto de superar os 23.000 asistentes, temos unha gran nova que anunciarvos ¡¡¡ Por fin imos a comezar cos programas de rutas guiadas en bueu.

O Concello de Bueu e a Asociación A Illa dos Ratos organizamos o programa “Recoñecer Bueu 2025, un programa de nove rutas guiadas gratuitas que se desenvolverán ao longo de todo o ano nas que trataremos de poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila.

RUTAS GUIADAS EN BUEU
A presentación desta iniciativa tivo lugar o martes 15 de abril nun acto no que estiveron algúns concelleiros e concelleiras do goberno como Carmen García, de cultura, Silvia Carballo, da área de turismo e Alberto Moital, de patrimonio.

«Recoñecer Bueu na primavera 2025» a través de tres rutas guiadas en Bueu

O obxectivo das rutas será que os asistentes coñezades dun xeito ameno e didáctico algúns dos lugares máis importantes e fermosos de Bueu, resaltando os seus valores naturais, culturais e etnográficos. 

O programa comezará o vindeiro 26 de abril cunha ruta titulada “Intermareal de Agrelo”, e continuará o 11 de maio con “Massó, a orixe” e o 15 de xuño con “Ermelo, o berce do Morrazo”

A ruta «Intermareal de Agrelo« será guiada pola oceanógrafa e educadora ambiental Lucía Sotelo e percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior, un espazo con gran biodiversidade e riqueza natural.

Visitaremos as pozas da zona intermareal da praia de Agrelo para observar a flora e a fauna mariña que vive nelas e que ten que adaptarse cada día ás condicións cambiantes que se producen cando sobe e baixa a marea. Trátase dunha ruta moi interactiva na que se poderán ver e tocar diferentes especies como os ourizos, os tomates de mar ou algunha estrelamar.

A segunda ruta prevista será “Massó, a orixe” na que contaremos a historia da conserveira Massó e das diferentes xeracións que se encargaron de coller o relevo de Salvador Massó Palau, que chegara a Bueu en 1816. Poremos especial atención a evolución das súas actividades industriais, primeiro de salgadura no «Almacén do Rei» e logo da conserva en «La Perfección» e na moderna fábrica de Bueu inaugurada en 1926 e pechada en 1992.

Tamén haberá tempo para curiosidades e anécdotas: como era o  día a día das traballadoras, as súas ocupacións e preocupacións e a importancia que tivo a actividade conserveira para a súa incorporación ao mundo laboral.

Para completar o programa estrearemos a ruta «Ermelo, o berce do Morrazo« na que faremos unha viaxe no tempo para coñecer a relevancia histórica dese núcleo poboacional do que xa no Concilio II de Braga, aló polo ano 572, se falaba como o “berce do Morrazo”.

Tras varios séculos de esplendor, o seu importante mosteiro foi entrando en declive debido a diversas circunstancias como o escaso número de habitantes, a marcha dos monxes beneditinos que atendían o mosteiro, ou a eclosión das outras parroquias da nosa contorna.

Os participantes en «Recoñecer Bueu na primavera 2025» terán un 10% de desconto en Pink Souba Clothing e entrarán no sorteo dun exemplar do libro «El secreto de la Perfección»

Os participantes nas nosas rutas de primavera en Bueu poderán beneficiarse dun 10% de desconto en Pink Souba Clothing presentando na tenda un flyer que entregaremos ao rematar as rutas.

Ademais por cortesía de Librería Miranda entre todos os asistentes sortearemos un exemplar adicado do libro «El secreto de la Perfección», unha novela de Lola Fernández Pazos presentada recentemente na sala noble do Museo Massó e na que parte da trama está ambientada precisamente na gran fábrica de Bueu. 

Se estades interesados en asistir teredes que darvos moita présa porque as prazas son limitadas e a demanda moi elevada 

Os interesados deben inscribirse previamente por whatsapp no 611 08 08 53 indicando un nome completo, a ruta e o número de persoas que desexan asistir.

Nun principio teremos un límite de 35 prazas por ruta e unha vez sexan completadas, habilitaremos as correspondentes listas de espera que xestionaremos de forma activa.

Coma sempre as nosas rutas son totalmente gratuítas pero ao finalizar os percorridos, @s nos@s guías ofrecerán aos asistentes a posibilidade de facer unha colaboración simbólica e voluntaria a favor da nosa asociación que empregaremos para a realización doutros proxectos.

VÉN DE RUTA COS RATOS ¡¡¡

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.