ECOLOXISMO E CULTURA GALEGA DENDE A ALDEA DO HÍO
Texto elaborado polas persoas que forman parte da Asociación Cultural Ecoloxista A Dema do Hío.
A A.C.E. A Dema do Hío xurdiu no ano 2023 coa intención de sumar novas iniciativas ao movemento asociativo do Hío
Nunha zona bulideira e comprometida como é a parroquia do Hío, xurdiu en maio de 2023 a Asociación Cultural Ecoloxista A Dema do Hío, unha agrupación formada por mozos e mozas, e non tan mozos nin tan mozas, que queren achegarse, xuntar e sumar iniciativas ao movemento asociativo do Hío.
É este un proxecto ilusionante e cheo de ideas que bolen no maxín das persoas que o
integran, apaixonadas da cultura galega e conscientes da importancia da música, e de determinados tipos populares, nos momentos de lecer das aldeas galegas.
Mais tamén persoas preocupadas pola contorna, polo medio natural e pola necesidade de defendelo dende unha perspectiva ecolóxica e, ao tempo, dende a súa valoración máis social.
Os seus membros entenden que tanto a lingua galega, coma o ser galego son imposibles de entender afastándose da terra e da aldea
A lingua e a terra son factores determinantes e inseparables na definición da nosa idiosincrasia e é por iso que cómpre defendermos o medio e ese microuniverso da aldea, axudar a que non esmoreza ese cosmos que sofre a extinción en moitos lugares de Galicia e que, afortunadamente, no Hío aínda goza de boa saúde.
Xa que logo, con este entusiasmo e estas arelas de contribuír na dinamización cultural e mais na protección e defensa ecolóxica da contorna, a Dema organizou e colaborou dende a súa creación en diferentes actividades, entre elas a foliada da festa de San Xoán en Vilariño, cunha saída previa polo aldea para recoller as herbas do cacho ou a festa de Santiago en Donón o 25 de xullo.
A intención é colaborar co mundo cultural da parroquia, fomentar o seu recoñecemento, valoración, difusión e respecto polos costumes á beira da defensa do medio, atacado decote por diferentes axentes cada vez máis daniños.
Todo isto xa se vén facendo no Hío dende hai tempo, mais A Dema tamén quere xuntar o seu esforzo: programar actividades durante todo o ano polas diferentes aldeas da parroquia, axudar a que as festas tradicionais non esmorezan, favorecer toda sorte de iniciativas culturais e, en todos os actos, primar a compoñente ambiental, o respecto polo medio e a súa defensa dende unha perspectiva consciente dos estragos que sofren o mar e os montes debido á irresponsabilidade das persoas.
Coma quen di a Dema acaba de nacer, mais agroma, como dicían na década dos 90 os membros do movemento Bravú, con forza abonda para tronzar o Universo.
Neste 2024 celebramos a segunda edición da Festa Area e Folk, o festival que toma o relevo da Festa Folk de Vilariño que viña organizando a A.C O Gato
Estamos encantados de poder celebrar, o vindeiro 17 de agosto, por segundo ano consecutivo, a Festa Area e Folk na praia de Vilariño. A pesar do esforzo que supón organizalo este ano regresamos coas mesmas ganas, ou máis se cabe, a defender e fomentar o noso patrimonio natural e artístico.
O vindeiro sábado reunirémonos novamente na contorna da praia, a carón do mar, un espazo que recuperamos un ano máis e que forma parte da alma do festival. As actividades a desenrolar son as seguintes:
Ás 10:00 h comezará a festa co pasarrúas de «Ameaça de Bombo». Un grupo de bombos, tambor e gaitas que percorre as rúas da aldea invitando aos veciños abaixar á praia para dar comezo un día de festa continuada.
Ás 12:00 h poderemos bailar coa música tradicional do quinteto «Os da Nogueira» na sesión vermú.
Ó finalizar a actuación estades todos invitados a participar da «Foliada aberta de A Dema», momento de maxia e conexión onde o único requisito é gozar da música máis divertida e enxebre. Pura Maxia!
Para os máis cativos, e da man dos rapaces e rapazas da Asociación Cultural O Arco de Vilanova, realizaranse diferentes actividades de animación, obradoiros de maquillaxe e xogos populares tradicionais onde se busca que aprendan, compartan e desfruten de novas experiencias.
Xa pola tardiña, a carón das 21:30 h comezarán as actuacións no escenario da praia.
O primeiro grupo en subirse o escenario será «Carapaus», a nosa proposta máis tradicional, que presentará o seu terceiro traballo discográfico “Camiño da Vida Tola”. Un disco con sabor a terra e país co que poñen en valor as músicas que soaban antigamente nos camiños que levan a Compostela e forman parte da nosa memoria inmaterial.
Sobre as 23:30 h, tomará o escenario «Sés«, unha grande cantautora galega que vén dende A Coruña para facernos bailar e cantar ata quedarnos afónicos. A súa intensa personalidade e a súa honestidade á hora de manifestarse, conquistará ao público presente, facendo que se cuestionen todo o establecido.
En torno as 01:30 h, «La Ganga Calé«, unha banda afincada en Lavapiés, Madrid, convidarannos a realizar unha viaxe multicultural a través da súa espectacular fusión de estilos musicais: salsa, rumba, funk, reggae e ska farán que movamos o esqueleto ata quedar sen folgos.
E por último, contamos co «DJ Kepasa», que ademais de amenizar os cambios entre os grupos, porá a fin de festa.
Este ano contamos tamén cun Punto Lila. Dende as 22:00 ás 06:00 h teremos un punto informativo e de seguridade que estará situado nunha caravana morada, con equipo técnico especializado en psicoloxía e tratamento de violencia de xénero que estará a disposición de calquera participante que precise este servizo.
A organización, porá a disposición dos asistentes un autobús nocturno para o regreso que terá saídas cada hora dende a 01:30h ata as 04:30, e sairá de Vilariño, para pasar por Cangas, Moaña e Bueu. Volver seguro a casa e reducir a contaminación é posible.
Redacción A Illa dos Ratos
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/es/author/admin/13/02/2021
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/es/author/admin/
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/es/author/admin/16/02/2021
-
Redacción A Illa dos Ratoshttps://ailladosratos.org/es/author/admin/27/02/2021
Leave a Reply