A SOCIEDADE DE SOCORROS MUTUOS A UNIÓN DO HÍO (II)

Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019. Fotografías aportadas polo propio autor.

Logo do primeiro artigo onde falabamos do inicio da actividade da Unión do Hío, nesta segunda parte falaremos da construción do consultorio médico.

O 7 de marzo de 1926 o presidente Manuel Otero Ríos foi homenaxeado pola veciñanza como proba da súa gratitude, afecto e bo facer pola parroquia do Hío

A homenaxe consistiu no agasallo dun reloxo de prata e dun artístico pergameo confeccionado polo artista local Paco Priego. 

Grazas á xentileza de Antonio Rial puidemos consultar o documento fotocopiado da escritura de compra/venta outorgada por Carmen Otero Lorenzo como vendedora e esposa de Joaquín Rodas dun terreo denominado Eigrés o 15 de xaneiro de 1927 a favor do comprador e presidente da sociedade, Manuel Otero Ríos. A escritura rexistrouse dous días máis tarde no “Consultorio- Agencia” do cargo de Raimundo Vidal Pazos.

É moi importante esclarecer que na sesión ordinaria do Concello de Cangas do 19 de xaneiro de 1927, documéntase que Manuel Otero Ríos como presidente da sociedade citada xa tiña presentada a instancia para solicitar no concello a concesión de sinal da liña para edificar unha casa de planta alta no terreo denominado Eigrés sendo este terreo da propiedade do propio  colectivo. O texto di:

“ Dada la instancia presentada por Manuel Otero Ríos, Presidente de la Sociedade Socorros Mutuos “La Unión” de la parroquia del Hío, solicitando se le señale línea para construír un edificio de planta alta en el sitio nombrado Eigrés, de la propiedad de dicha Sociedad en el lugar del Iglesario…” .    

O 17 de xullo de 1927 a xunta directiva celebrou unha asemblea para tratar asuntos de importancia e melloras para a parroquia

Tiñan previsto establecer un consultorio  médico provisional na aldea de Vilariño contando xa coa  presenza dun novo médico, don Manuel Martínez Piñó, natural de Santa María de Tourón, Concello de Pontecaldelas. Pero non temos a certeza de que o consultorio de Vilariño chegase a efectuarse.

A compra do solar para a edificación dun consultorio médico tamén foi notificado polo xornal Faro de Vigo na seguinte maneira:

“LABOR SOCIAL- LA UNION DE HÍO. La floreciente y popular Sociedad “La Unión” de la populosa parroquia de Hío, adquirió un solar en el barrio del Iglesario, para construir su edificio social. El muy entusiasta e infatigable presidente D. Manuel Otero Ríos, presentó anteayer en el Ayuntamiento, la correspondiente instancia, solicitando construír el mencionado edificio. Este será de planta y espacioso, que sirva para su domicilio social y escuela. Felicitamos a la Unión de Hío, por el progreso que lleva, no obstante las dificultades que salen a su paso, y con facilidad saben vencer.”.

A UNIÓN DO HIO

O 31 de marzo de 1929 o centro médico do Hío queda inaugurado sentíndose entre a veciñanza un avance importante

O xornal El Correo de Galicia, na edición de 19 de maio de 1929, define como un gran logro a inauguración da nova construción médica/escolar:

“…Para la pintoresca, fértil y laboriosa parroquia de Hío, en el inmediato término municipal de Cangas, fué un día de júbilo el de anteayer domingo, con motivo de bendecirse e inaugurarse un edificio social para sede de “La Unión”, sociedad de Socorros Mutuos de la mencionada parroquia, edificio construído con la cooperación de los hijos de Hío, residentes en Buenos Aires. A las diez de la mañana, numerosos vecinos de la citada parroquia se reunieron en asamblea general en el nuevo edificio, asamblea que presidió el activo e incansable presidente de la sociedad, D. Manuel Otero Ríos, al que en unión de los demás miembros directivos, se debe el estado floreciente en que se halla “La Unión” de Hío.”

Continúa a crónica amosando que sobre as doce do mediodía, asistiron ao evento don Rafael Barrantes, gobernador civil interino de Pontevedra, tamén o fixo o seu secretario don Benito Peleteiro, don Manuel Sotelo como tenente alcalde de Cangas, o médico pontevedrés don Amancio Camaño, o avogado don Ramón Salgado, o médico de Cangas don Agustín Jorge Echevarri, don Jesús Solla, don Manuel Rodal Martínez, don Ángel González Vidal e don Francisco Eiroa como comerciantes e industriais da mesma vila, o representante en Galicia do diario de Buenos Aires “La Nación” don Joaquín e o xornalista de “ El Correo de Galicia” don Blas Agra.

Foron recibidos con fogos de artificio e ao acto tamén asistiron: o crego don Ricardo Touriño Gamallo co seu coadxutor don Ángel Álvarez Lugín e o médico que exercía como tal nesa data don Manuel Martínez Piñó.

A veciñanza colaborou con donativos e outras axudas. O veciño de Vilanova, Ramón Otero Cadabón, por exemplo, doou vigas de madeira para o piso e tellado do consultorio. Na construción do edificio dise que traballaron canteiros como: Avelino Solla Sobral, Juan Morgade Outón, José Dios Sobral, Daniel Fernandes ou Domingo Antonio Mendoça.

En 1931 a sociedade editou un pequeno libro onde aparecen fotografías de estampas de cada unha das aldeas do Hío

Pero na historia da sociedade do Hío, debemos engadir ademais de “A Unión” outra entidade coetánea nesta época que foi a sociedade de agricultores e mariñeiros do Hío coñecida como “La Alianza Defensiva” que en 1932 tiña como directivos a Alfredo Iglesias Romay como presidente, José Mariño vice-presidente, Luis Iglesias como secretario, Manuel Otero Prieto vice-secretario e Tomás Otero Costas como contable. Membros vocales foron: Juan Piñeiro, Feliciano Otero, Hilario Iglesias, Feliciano Gutiérrez e Eladio Iglesias. Nomeáronse como delegados das aldeas a : Manuel Portela por Nerga, Manuel Franco en Vilariño, Juan Gutiérrez no Igrexario, Ángel Pardavila en Pinténs, Ramón Gutiérrez por Donón, Juan Menduíña en Vilanova e Juan Iglesias en Liméns. O xefe-delegado era Eduardo Villar Sotelo.

A UNIÓN DO HIO

Debemos recoñecer e homenaxear a estes nosos antepasados que durante a súa vida fixeron ben e loitaron polas melloras da parroquia do Hío, por iso nos alegramos de que a día de hoxe a farmacia do Igrexario se chame «A Botica da Unión», en alusión e facendo honra a dita sociedade.

+ artigos

2 Comments

  1. Antonio Chamadoira

    Ola ANxo, **En 1931 a sociedade editou un pequeno libro onde aparecen fotografías de estampas de cada unha das aldeas do Hío.***…. como gustaria ver esas fotos….

  2. A UNIÓN DO HÍO (I) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "O HÍO, DE PEDRA EN PEDRA" […]

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.