A ASOCIACIÓN SUESTE ESTIVO PRESENTE NO XVI ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA EN SADA
Texto elaborado por Celso Coloret, membro da xunta directiva da A.C.R Sueste de Moaña.
Tras a gran decepción que supuxo para os membros de Sueste, e tamén para o pobo de Moaña, a cancelación do XV Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia que se ía celebrar na vila en agosto de 2021 debido ao repunte da Covid, a asociación moañesa participou na edición de 2023 que se celebrarou en Sada.
O XVI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que ten lugar cada dous anos, celebrouse en Sada en 2023
Os colectivos federados en Culturmar reunidos en asemblea o sábado 15 de outubro de 2022, decidiron por unanimidade ratificar o proxecto presentado pola Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros para celebrar a XVI edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia no porto de Sada entre os días 3 e 6 de agosto de 2023.
A proposta foi aprobada co apoio unánime da Corporación Municipal sadense e de diversas entidades da vila relacionadas co mar como a Confraría de Pescadores de Sada, a asociación cultural Eres de Sada si… ou o clube deportivo Alamar.
Na presentación do proxecto Os Patexeiros destacaron as inmellorabeis características da Ría de Sada para a navegación, así como a ligazón histórica da vila coa cultura mariñeira, cuxo máximo exponente foi a frota patexeira que en tempos pasados abonou con este crustáceo os campos de toda a comarca.
Pola súa parte, a Xunta Directiva de Culturmar agradeceu ao colectivo a organización do evento, que volta ás Rías Altas despois de 16 anos; a última vez foi na edición do 2007 celebrada en Ferrol.
Nos meses seguintes foronse coñecendo máis detalles sobre o programa de actividades do XVI Encontro, un evento moi agardado xa que o último encontro, que se ía celebrar en Moaña no ano 2021, tivo que ser suspendido a poucos días da súa celebración debido á pandemia da COVID-19, cando xa estaba todo preparado e cunha participación prevista de máis de 115 embarcacions.

A Asociación Sueste leva 20 anos traballando pola recuperación do patrimonio marítimo e fluvial galego
Dende o ano 1.993, data que se celebra o primeiro Encontro Galego de Embarcacións Tradicionais, agroma por toda a costa galega un movemento comprometido coa idea de evitar a perda definitiva do rico patrimonio relacionado co mar e a cultura marítima e fluvial, tanto material (centrándose na conservación e recuperación das embarcacións tradicionais e de todos aqueles elementos relacionados con elas), como inmaterial.
Neste proceso de recuperación temos que destacar a figura de Staffan Mörling, chegado a Galiza na década dos anos 60 e recentemente falecido, que percorreu toda a costa galega estudando a tipoloxía e usos das embarcacións tradicionais xusto no momento que comezaban a abandonarse.
Foi o seu traballo un dos alicerces sobre os que se ten desenvolvido unha extensa labor de recuperación e posta en valor deste patrimonio. A el debémoslle a localización da última lancha xeiteira na desembocadura do Río Xallas no Ézaro (a Marina, hoxe no Museo Massó de Bueu), que deu lugar ao proxecto de construción da lancha xeiteira Nova Marina, na escola Aixola en Marín.
Froito deste movemento aparece en Moaña un grupo de persoas no ano 2003 que viñan participando de xeito individual nas regatas de dornas, que se xuntan e deciden crean unha asociación. Comeza así a singradura de SUESTE, que no 2023 cumpre 20 anos, e conta cunha extensa relación de actividades de recuperación, rehabilitación, visualización e posta en valor do patrimonio marítimo en Moaña.
A Asociación Sueste centrou a súa actividade ao longo destes anos en catro eixos principais
– A Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña, dende 2003 ata 2022, XVI Edicións. Celébrase o segundo sábado do mes de agosto e acoden principalmente embarcacións da Ría de Vigo e da de Pontevedra. A Xuntanza tamén trata de promocionar “unha nova vida para os vellos barcos”, mostrando a potencialidade destes para a navegación de recreo.
Ao longo dos anos arredor da Xuntanza foise consolidando unha semana de actividades onde hai lugar para as conferencias, a presentacións de libros especializados, novelas e posía, concertos e exposicións de fotografía. Temos que recoñecer o intenso compromiso do Concello de Moaña, que ten desenvolvido ao longo dos anos unha programación de actos, actividades e oferta gastronómica arredor deste evento, que a día de hoxe e dende o ano 2015, cristaliza no Programa Días de Mar.
– A recuperación, rehabilitación e construción de embarcacións, actividade que é o piar da asociación e que ten o seu máximo expoñente na recuperación do Galeón Eliseo. No ano 2005 Sueste aposta pola adquisición do galeón de ría Eliseo, construído no Freixo en 1908; iso supón un traballo de búsqueda de novos socios para poder acometer o importante esforzo económico que ía supor a súa rehabilitación, a cal remata en 2009 cando por fin podemos velo amarrado no peirao de Moaña, ata 2010 non se lle instala a armadura das velas.
Durante o período 2020 a 2021 acométese outro ambicioso proxecto de rehabilitación da embarcación, en gran parte grazas á convocatoria de axudas para a recuperación do patrimonio marítimo por parte da Deputación de Pontevedra. Ademais do galeón Eliseo, Sueste ten recuperado un bote de ría e outras embarcacións menores.
– Achegamento do patrimonio á mocidade, coa realización de actividades nas que a xente moza pode participar en labores de rehabilitación e/ou construción de embarcacións tradicionais, navegación tradicional a vela, campamentos de verán e campamentos urbanos, contando co financiamento e a colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e o Concello de Moaña.
– A protección das Carpinterías de Ribeira de Casqueiro e Carlagho en Moaña, ameazadas pola construción dun paseo marítimo que pretendía o derrubamento parcial de unha delas e eliminar o seu acceso ao mar, facendo desaparecer un dos seus elementos singulares.
Comeza unha loita épica para dar a coñecer o que son as carpinterías, os seus elementos característicos, a súa vocación e a súa vinculación á lámina de auga e por que deben de manterse, recuperarse e rehabilitarse, cal é a relación desta industria co noso pasado máis recente e a súa vinculación coa nosa realidade.
Todo este traballo da asociación ten a súa recompensa cando no ano 2015 se presenta en Patrimonio de Galicia o expediente de protección patrimonial das carpinterías, baseándose na Lei de Patrimonio de Galicia que recolle as carpinterías de Ribeira e as artes de carpintería como elementos esencias a conservar.
No momento en que se publica no DOG o inicio do expediente de protección, lévase a cabo por parte duns desalmados un acto terríbel; en xuño de 2016 préndenlle lume á carpintería de Casqueiro, reducindo a mesma a cinzas e afectando gravemente a de Carlagho, perpetrando un atentado contra un ben patrimonial en proceso de protección, dando a ver a faciana máis triste e escura da ignorancia e a falla de recoñecemento dos valores que constitúen unha mostra importantísima da nosa identidade.
No ano 2019 recae a resolución definitiva do expediente de protección patrimonial, declarando o conxunto das carpinterías de Ribeira de Casqueiro e Carlagho como bens protexidos. A día de hoxe, neste ano 2025, tras un longo proceso de tramitación coas administracións responsabeis, estase levando a cabo un proxecto de rehabilitación para as dúas carpinterías e de acondicionamento do seu entorno urbano.
Queremos agradecer a Celso e por extensión a todos os membros de Sueste, a súa colaboración coa nosa asociación tanto neste ambicioso proxecto como na ruta “A Moaña mariñeira“, na que nos permiten acceder as súas instalacións para ver por dentro unha carpintería de ribeira.

Celso Coloret Portela
Secretario da Asociación Cultural e Recreativa Sueste
-
Celso Coloret Portela#molongui-disabled-link25/10/2022
Deixa a túa resposta