PARTEIRA SOLIDARIA E PRACTICANTE, QUE SEMPRE AXUDOU A QUEN O PRECISOU, SEN PEDIR NADA A CAMBIO
Texto elaborado por Montse Fajardo, xornalista e escritora especializada en memoria histórica con perspectiva de xénero, con motivo da homenaxe levada a cabo polo Concello de Moaña a Emilia dentro da programación do “Dia Internacional da Muller” do ano 2024.
“Sen dúbida, unha das mulleres máis queridas de Meira”
Ninguén sabe con certeza cal foi o intre no que Emilia Gramary Castilla (Meira, 25 de agosto de 1901- 24 de decembro de 1983) converteuse na parteira oficial de Meira. Empezou axudando ao doutor Luís Caamaño, a quen lle tiña alugado un cuarto na súa casa de Barreiros, e chegou un momento en que xa foi ela a que atendeu todas as mulleres da parroquia. Só avisaban o médico –primeiro Caamaño, e tras a morte deste, José Abal- se se complicaba o transo. Se non, collía Emilia as criaturas e nunca lle morreu ningunha, nin lle pasou nada a ningunha nai.
Emilia Gramary Castilla axudou a practicamente todas as mulleres que deron a luz en Meira entre os anos 40 e os 70
Emilia chegou a atender a varias xeracións da mesma familia e ata houbo un día en que tivo que estar a cabalo entre dous partos: cando Encarnación tivo a Maribel e Vida a Araceli.
Pariron a un tempo, e Emilia andou dun lado a outro para que ningunha das dúas se sentise desamparada. Conta Peregrina, a súa neta, que non lle importaba nada quedar toda a noite na casa dunha parturiente se a cousa se prolongaba. “Cando tiñas as dores viña e ata que nacía a criatura non marchaba” confirma Isabel, a Canaria, propietaria dun bar que estivo durante anos fronte á casa da parteira.
Emilia foi quen a aliviou nos dous primeiros embarazos: o de Valentín, que naceu en 1956, e o de Andrés, que chegou dous anos despois. “A segunda fornada”, como di ela, tardou case vinte anos e por iso tanto Juan, que é de 1974, como Dani, de 1977, naceron xa en Povisa.
A Emilia tamén lle daba igual a hora que fose, de día ou de noite, se facía falla ir pinchar a alguén que enfermara
Naqueles anos sen sanidade pública e co hospital máis preto nun Vigo sen ponte ao que había que chegar en barco ou dando a volta por Redondela nunha interminábel viaxe en coche, Emilia era parteira, practicante e a veciña a quen todo Meira acudía se a un pequeno lle subía á febre ou a unha pequena non se lle ía a tose.
E nunca lle cobrou un peso a ninguén. Por iso, cando xa pasaran anos desde que deixara de traballar, aínda seguían chegando á súa casa mariñeiros con peixe fresco para agradecerlle que atendera a súa compañeira cando se puxera de parto ou que lle dera un remedio para baixarlle a febre á prole.
Como todo pago, volvía á casa con froita e verdura fresca ou con ovos. E mira que facían falta os cartos! Porque o seu home, Vicente Santomé, tivera un accidente cunha máquina estando embarcado e perdera unha perna, e aínda que seguiu vendendo marisco cun curmán, a que verdadeiramente aportaba un salario era ela.
O seu oficio fundamental era ir á carreira, é dicir, era operaria dunha das famosas fábricas de confección artesanal de fíos e cordas para artes e aparellos de pesca tan senlleiras en Meira, nas que traballaron moitas das mulleres da parroquia, e ademais gañaba un extra cociñando para as vodas, que daquela se celebraban nas casas. Á propia Isabel a Canaria cociñoulle a ovella que lle mercara o avó para festexar que casara con Valentín, o fillo da Pinicha.
Emilia era neta de Alejandro Castilla, un gaditano que chegou dende Cataluña e fundou a primeira cordelería de Meira
Ela, Emilia, era das de Castilla, neta daquel andaluz, Alejandro, que en 1890 fundou a primeira das fábricas de cordel. Primeiro en Meira de Arriba, onde chegou a ter dúas, e tras comprarlle ao Estado boa parte da illa de Samertolameu montou a terceira que, co tempo, ficou en mans da súa filla Isabel, unha irmá de Emilia, nai da nosa parteira.
Malia ser unha empresaria pioneira, Isabel ficou invisibilizada pola misoxinia da época, e a fábrica pasou a chamarse “Cordelería Martínez” en honor ao apelido do seu home, de José.
Emilia traballou durante anos para a súa tía naquela factoría sita a apenas uns metros da súa casa, nunha zona que agora alberga o Museo das Carreiras e a nave na que aínda segue fabricando fíos para redes unha bisneta de Alejandro Castilla, María Jesús Martínez.
Emilia Gramary Castilla tivo unha nena, Isabel, e un neno, Daniel, pero tamén criou a súa sobriña Maruja
No tempo de Emilia, as cordas confeccionábase en rodas e en cada unha delas traballaban catro operarias: unha que a manexaba e tres que fiaban. Había carreiras de unha, dúas e ata doce rodas, e moitas veces acompañaban a Emilia tanto a súa filla Isabel como Maruja, a sobriña que criou como se a parise ela, logo de que a súa nai, irmá de Vicente, marchara traballar fóra.
Emilia tivo tamén un fillo, Daniel, que naceu en 1923, cando ela tiña 22 anos. De adulto, o primoxénito marchoulle a vivir a Brasil coa súa muller, Celia, que era de Vilaboa, e non tivo descendencia.
Isabel, si. O primeiro dos netos, José Antonio, criouse coa avoa ata que seguiu os pasos do tío e tamén marchou a Brasil, onde casou. O segundo neto foi Jacinto, e logo chegou a neta, Peregrina, que foi quen coidou a Emilia nos seus últimos días, pois Isabel, a filla, enfermou e morreu un ano antes ca ela.
Daquela, Emilia levaba xa unha década viúva. Cando lle enfermou o home, marchou a vivir coa filla a San Martiño, ao Casal, pero conta a neta que non aturou estar lonxe de Meira e, ao primeiro, andaba a cabalo entre a casa de Isabel e a súa, pero acabou volvendo a Barreiros e alí morreu, na casa na que tanta xente petara para pedir axuda.
Cando lle morreu o home apenas exercía xa como parteira, pero non dubidou en botar man en dous dos catro partos que tivo a neta
A primeira filla de Peregrina, Lupe, naceu en 1973 no hospital. A nai era moi nova, levaba días soltando augas e José Abal pensou que era mellor levala a Vigo.
Porén, Marcos, o primeiro bisneto, non agardou pola viaxe. Era a noite do 23 ao 24 de xaneiro de 1975, o tempo era malo, Rande aínda estaba en obras e mesmo estaban abrindo o camiño á parroquia do Redondo, que era onde vivía entón a parturiente, así que Abal se retrasou e tivo a avoa Emilia que lembrar vellas mañas e aliviar a neta. A seguinte foi outra nena, que quizais por ter nacido na casa da avoa materna foi bautizada Isabel.
A súa nai rompeu augas nunha mañá de domingo e cando chegou o doutor xa botara a nena fóra con axuda da avoa. Aínda faltaba un parto, o de Bruno, que chegou en 1983, cando levaba xa dous anos aberta a ponte, así que Peregrina puido agardar ata chegar ao hospital.
A listaxe de netos complétase co fillo de Maruja, con Pepe, e o de netas coas dúas fillas: Marisé e Anabel. No fondo, varias xeracións de Meira son, dalgún xeito, parte da descendencia de Emilia, que acolleu nas súas mans proles enteiras.
A Isabel Nogueira, a neta da súa tía, atendeulle os seis partos. Catro mulleres e dous homes que naceron entre 1952 e 1975. E como ela, ás outras tres fillas do panadeiro. Emilia foi, sen dúbida, unha das mulleres máis queridas de Meira, a parroquia na que naceu o 25 de agosto de 1901 e na que morreu na Noiteboa de 1983.
O seu pai, José Gramary Santomé, morreu cando ela era moi nena e a súa nai, Emilia Castilla Costa, tivo que saír adiante con cinco criaturas: Emilio tiña dous anos máis que Emilia, Marina nacera un ano despois, Eliseo en 1904 e María, en 1906. Son, sen dúbida, as Castilla, un exemplo de mulleres bravas que ficarán para sempre na memoria colectiva de Meira.
Agradecementos: A Peregrina Martínez, Isabel a Canaria e Lito Rodríguez, por compartir as súas lembranzas de Emilia.
Dende a Asociación A Illa dos Ratos queremos agradecer ao Concello de Moaña, especialmente a María Ortega, e a escritora Montse Fajardo que nos desen autorización para reproducir este fermoso texto que recolle esta historia tan inspiradora, a vida doutra desas grandes mulleres que entregaron a súa vida aos demais sen esperar nada a cambio e que merecen sen dúbida formar parte da memoria colectiva do Morrazo.
Montse Fajardo Pérez
Xornalista e escritora especializada en memoria histórica con perspectiva de xénero. Fotografía de Anxo Padín.
-
Este autor non ten máis artigos.
Deixa a túa resposta