O BUSTO QUE RECORDA A UN MOAÑÉS EMPRENDEDOR
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, en base a información e fotografías facilitadas por unha das súas netas, que prefire permanecer no anonimato.
Paseando pola Xunqueira de Moaña, preto da desembocadura do río dos Ladróns ou da Fraga, lugar de onde partimos na nosa ruta “Sendeiro da Fraga de Moaña”, seguro que reparastes algunha vez na existencia dun chamativo busto de pedra.
Neste artigo desvelaremos a historia que hai detrás desta escultura que permanece aí dende 1967, sendo testemuña de excepción da evolución e crecemento da vila.
Trátase do coñecido popularmente como “O busto de Leta” erixido na honra de D. Eduardo Pérez Calvar “Leta”, unha persoa emprendedora, loitadora e visionaria que ao longo da súa vida converteuse nunha figura moi coñecida na sociedade moañesa da súa época.
Eduardo Pérez Calvar “Leta” era o armador do “Ave del Mar”, protagonista do naufraxio máis tráxico da historia de Moaña, no que perdeu a un sobriño e ao seu fillo José que ía de patrón
Eduardo Pérez Calvar era un home cun marcado carácter emprendedor e decidido, e tiña a visión necesaria para embarcarse en proxectos empresariais as veces tan novidosos que podían parecer moi arriscados para aquela época.
As persoas que o trataron o recordan sobre todo polas súas boas ideas e tamén pola súa actividade como armador. Foi propietario de varios barcos de pesca e polo seu carácter e valores, os mellores patróns de Moaña querían traballar con el.
Esta actividade tróuxolle moitas alegrías pero tamén unha pena moi grande que o marcaría de por vida: a traxedia do “Ave del Mar”, protagonista do naufraxio máis tráxico e importante da historia da vila con 26 falecidos, todos de Moaña, entre os que estaban un sobriño e o seu fillo José, que era o patrón.
Aquel tráxico día, cando “Leta” se enterou de que o barco non regresara a porto tras a xornada nocturna de pesca, dirixiuse rapidamente á capitanía marítima para que se organizase canto antes un operativo para localizar o “Ave del Mar” e aos posibles superviventes.
Chegado o mediodía, a multitude preocupada que se xuntara no peirao puido ver por fin como unha lancha motora saía para percorrer os bancos de pesca na busca do “Ave del Mar”. A bordo da lancha ían familiares esperanzados con que a explicación da súa demora fose debida a algunha eventualidade meteorolóxica ou mecánica que obrigase ao barco a buscar refuxio, pero cando chegaron ás Cíes atoparon varios metros cadrados de cuberta flotando, e ao seu carón dous corpos boca abaixo que resultaron ser un mariñeiro e o motorista do “Ave del Mar”.
Tras coñecer a noticia, “Leta” sentiuse desolado pero tamén coa responsabilidade de recuperar os corpos dos outros mariñeiros. A pesar das malas condicións do mar convenceu a un mergullador para que intentase somerxerse ese mesmo día para localizar o barco e xunto a outras embarcacións se desprazaron á zona.
Unha vez alí o mergullador negouse a baixar para non poñer en perigo a súa vida e foi entón cando alguén lle comentou a “Leta” que na zona había uns homes con modernos equipos autónomos de mergullo que levaban varios meses buscando o famoso tesouro de Rande na parte máis interna da Ría.
En canto conseguiron localizalos explicáronlles o que pasara e “Leta” comentoulles que quería contratalos para recuperar os corpos das vítimas do naufraxio. Os profesionais explicáronlle que estaban alí cunha concesión administrativa que establecía unhas condicións moi estrictas para poder estar alí e que como eran estranxeiros e estaban traballando para unha compañía estranxeira (americana), tiñan prohibido polo goberno español realizar calquera traballo que puidese competir cos intereses dos mergulladores españois.
“Leta”, decepcionado, regresou a terra firme para atopar máis mergulladores interesados en asumir o reto e ao día seguinte foron tres os que comezaron a traballar rodeados de máis de 30 embarcacións cargadas de familiares que agardaban esperanzados o rescate dos seus defuntos.
Foron tres días de incansable traballo ata o punto que un dos mergulladores caeu enfermo e faleceu, o que levou aos outros dous a dar por terminado o traballo.
“Leta” estaba desesperado polo que, acompañado das embarcacións dos familiares das vítimas, decidiu achegarse de novo para tratar de convencer a Potter e os seus compañeiros.
As viúvas vestidas de loito pregábanlles angustiadas que colaborasen para recuperar os corpos dos seus maridos e fillos e a tensión acumulada era tal que “Leta” non puido evitar que as súas lágrimas se derramasen diante daqueles descoñecidos.
Quizais conmovidos pola dor e tristura que desprendía aquela comitiva, Potter e o seu equipo decidiron reconsiderar a súa postura inicial e aceptaron o traballo como un servizo voluntario sen remuneración. Desprazáronse para botar unha ollada na zona coñecida como “A Porta”, preto de Punta Galera, nas Cíes, onde o “Ave del Mar” fora visto por última vez pero cando chegaron alí había moita corrente e a visibilidade era tan escasa que tiveron que deixar os traballos de busca para os seguintes días.
O resto da historia xa a coñecemos: os mergulladores conseguiron finalmente localizar o barco e sacar algúns corpos antes de que a acción do mar o esnaquizase deixando unicamente as súas cadernas. En total foron recuperados 22 cadáveres, sumando aos que estaban dentro do barco os outros que foron aparecendo pouco a pouco durante as seguintes semanas en diferentes puntos da ría como a praia de Melide ou a de Rodas. Os corpos dos outros catro mariñeiros non se recuperaron nunca e dende entón a data do 10 de novembro de 1956 converteuse nunha das máis tristes da historia de Moaña.
Ademais da súa actividade como armador, “Leta” emprendeu en sectores tan diversos como o cine ou a hostalaría
“Leta” tivo a oportunidade de gañarse moi ben a vida como armador pero non foi esa a única actividade empresarial na que tomou parte.
Nos anos 50 do século pasado estaba tan convencido do potencial das novas tecnoloxías audiovisuais, que se animou a fundar o Cine Prado de Moaña (1950) e posteriormente o Cine Calvar en Cangas (1952).
Como xa comentamos, a traxedia do “Ave del Mar” marcou a súa vida pero non acabou co seu espírito emprendedor e anos máis tarde decidiuse a construír na Xunqueira o popular Hotel Arenas.
Con esta construción posiblemente quería deixar algo que mantivera viva a súa memoria por iso na parte de arriba do edificio mandou gravar as iniciais do seu nome e da súa muller Cándida Rodríguez (EP y CR) e na entrada principal do edificio decidiu colocar o seu busto.
O busto está enriba dun bloque de granito que na súa parte central tiña incorporada unha plaquiña coa imaxe do barco “Ave del Mar” e o texto “1967 – E.P.C “Mi sueño, mi última obra”.
Agora xa sabemos a orixe deste busto e a historia da persoa á que fai referencia, unha información moi interesante pola que estamos moi agradecidos a súa neta, que foi quen nos facilitou a maioría dos datos e as fotografías que empregamos para a elaboración deste artigo.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Un comentario
Naufraxios tráxicos para Moaña » A Illa dos Ratos
[…] mortos e catro desaparecidos, entre eles o patrón do barco e fillo de Eduardo Pérez Calvar “Leta“, coñecido armador da […]