A MULLER QUE MÁIS FILL@S TROUXO AO MUNDO EN MOAÑA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, en base á información facilitada por unha das súas netas, da que non poñemos o seu nome porque prefire manter o seu anonimato.

Constantina Pérez Calvar foi parteira de Moaña durante máis de 60 anos, período no que axudou a chegar a este mundo a varias xeracións de moañeses e moañesas. No ano 2009 a Asociación de Mulleres de Moaña (AMM) propuxo ao Concello que se lle adicase unha rúa o máis preto posible da súa casa e dende entón, tal e como falamos na nosa ruta “Mulleres da historia de Moaña”, unha das rúas que está fronte a praza de abastos leva o seu nome.

Precisamente nunha desas rutas participou activamente unha das súas netas, contándonos algunhas cousas moi interesantes dela. Vimos que gardaba tantos nítidos e agarimosos recordos de Constantina que decidimos propoñerlle elaborar xuntos este artigo para dar a coñecer a historia e homenaxear a súa avoa.

Constantina Pérez Calvar pertenceu a unha estirpe de parteiras moi apreciada e querida na vila

A vida non foi sinxela para Constantina Pérez Calvar. Sendo moi noviña, como moitas nenas da súa época, tivo que madurar a forza e asumir responsabilidades que serían impropias para unha menor do noso tempo. 

De feito, a primeira vez que acompañou a súa nai a asistir nun parto contaba unicamente con 13 anos. O dato podería resultar sorprendente pero era algo que as mulleres da súa familia viñan facendo de xeración en xeración e ela sempre tivo claro que ese tamén sería o seu camiño.

Esforzouse moito en aprender para desempeñar mellor a súa vocación. Grazas a esta actitude e a algún libro de obstetricia que a súa neta recorda ver na súa casa,  conseguiu superar en coñecementos as súas predecesoras e co paso do tempo gañouse o respecto e a admiración de todo o pobo de Moaña e pasou a ser coñecida como “Señora Constantina”.

A súa vida estivo marcada por dous feitos tráxicos nos que perdeu ao seu marido e a un dos seus fillos

Formou a súa familia con José Sequeiros, un bo home que se adicaba a pesca e que faleceu nun naufraxio ocorrido o 16 de maio de 1925 cando a embarcación na que estaban a faenar, a Peregrina, que tiña ese nome na honra da súa nai, envorcou en Liméns.

Trátase dun suceso pouco coñecido pero por fontes orais sábese que todo sucedeu cando estaban subindo a bordo o aparello cheo de peixe e sufriron un golpe de mar que provocou que a embarcación envorcase.

Un dos catro ocupantes que ían a bordo conseguiu subir as rochas. Nun primeiro momento, José Sequeiros e outro dos mariñeiros tamén conseguiron saír á superficie pero ao ver que aínda faltaba un dos compañeiros, trataron de baixar a salvalo e correron a mesma sorte que el.

CONSTANTINA PÉREZ CALVAR
Crónica do suceso no Faro de Vigo do 17 de maio de 1925.

Así foi como Constantina quedou viúva con 33 anos e a partir de entón tivo que sacar adiante aos seus fillos ela soa. Cando ía a ataender un parto, deixaba a súa filla Constantina, que tiña 7 anos cando faleceu o seu pai, ao cargo da casa, coidando do resto dos seus irmáns (Pepe, Gloria e Manuel) e se as circunstancias o requerían preparando patacas e peixe para comer.

Pero un ano antes desta traxedia no mar, a familia xa tivera que sobrepoñerse a outro feito realmente triste cando debido a un movemento de terras, un talude que había na parte traseira da súa casa viuse abaixo soterrando a vivenda e provocando a morte dun dos xemelgos que descansaban no seu berce, esmagado por unha pedra. O outro pequeno, Manuel, tamén quedaría sepultado pero sería rescatado 7 horas despois de entre os cascallos. 

Constantina foi unha muller loitadora que para sacar adiante a súa familia adicouse sobre todo as labores do campo pero tamén ao marisqueo e incluso exerceu de curandeira

Como xa adiantamos antes, co paso dos anos, polo respecto e admiración que o seu bo facer e predisposición no traballo como parteira espertaba entre os seus veciños, pasou a ser coñecida como “Señora Constantina”.

Xa fora de día ou de noite, con chuvia, vento ou a pleno sol, Constantina acudía na axuda das embarazadas de maneira desinteresada e sen pedir nada a cambio. De feito, nalgunha ocasión, sobre todo nos chamados “tempos da fame” que viñeron despois da guerra civil, saía da casa con algunhas barras de pan baixo a brazo convencida de que a familia que ía visitar agradecería moito o detalle.

Ao longo de tantos anos de traxectoria, foron moitas as anécdotas que lle ocorreron a esta gran muller. Por sorte algunhas delas podemos coñecelas a través da súa neta.

Unha relación especial coa vida pero tamén coa morte: tiña ataúdes no baixo da súa casa, certa habilidade para predicir a morte e ademais recorrían a ela para amortallar aos defuntos

Moita xente non o sabe pero Constantina ademais da súa faceta relacionada coa vida, tamén tiña unha especial relación coa morte. Foron moitas as ocasións nas que os veciños e veciñas da nosa protagonista recorrían a ela para axudar a amortallar aos finados.

Quizais por isto, Constantina tiña unha especie de sexto sentido para percibir que a algún dos seus veciños ía chegarlle a súa hora, algo que conseguía poñendo a súa atención no canto do “ralo”, tamén coñecido como avenoiteira cincenta, chotacabras ou paxaro se mal agoiro, algo que curiosamente tamén facían outros veciños en Moaña, tal e como comentamos xa na ruta “Sendeiro de Rialdarca“.

CONSTANTINA PÉREZ CALVAR
Ilustracións do “ralo”.

Pero ademais desta sorprendente habilidade, a morte tamén estaba presente fisicamente na súa casa en forma de ataúdes… Preto da súa casa, fronte a La Orensana, estaba a Mueblería Gregorio Hernández, propiedade dun empresario de Zamora que curiosamente tiña un irmán con outro negocio similar en Cangas.

Ademais dos mobles que este tipo de negocios venden para os nosos fogares, neste tamén tiveron a idea de expoñer e vender cadaleitos… Eran outros tempos nos que a xente non lle parecían estrañas estas cousas e resulta que ante a falta de espazo para gardalos, D. Gregorio pediulle a Constantina que lle deixase almacenalos na bodega da súa casa. Ela, todo bondade, aceptou.

Isto facía que cando a súa neta tivese que deixar de lado os seus medos ía a cear coa ela, porque aínda que nun principio lle tiña máis medo aos ratos que aos defuntos, iso cambiou cando nunha ocasión a suxestión xogoulle unha mala pasada.

Aquela noite, Constantina ía preparar a cea e pediulle que collera un vello caldeiro de zinc e fose a bodega a coller unhas patacas. A neta pasou entre as caixas o máis rápido que puido e cando estaba enchendo o caldeiro coa cabeza gacha, sentiu un ruído. Ao levantala para ver de que se trataba, pareceulle ver que unha man estaba saíndo dun dos ataúdes e agarrando unha daquelas asas douradas que tiñan para portar os defuntos.

Non dubidou en soltar o caldeiro e saír disparada gritando na busca da protección da súa avoa e cando chegou onda ela lle dixo “Abuela, Abuela, un difunto quiere salir ¡¡¡ “. A reacción de Constantina foi collela da man, tranquilizala e levala de novo a bodega onde lle fixo volver a ver o féretro mentres lle dicía: “O que ves aquí, miña reina, son soamente caixas de madeira preciosas, mira como brillan. É certo que un día terán dentro un difunto, pero non lle teñas medo por iso. Na miña vida moitas veces tiven que tratar cos mortos e sabes, son os mellores clientes porque nunca se queixan e nunca te farían dano. Dano fan os vivos, con eses si que terás que ter coidado”.

CONSTANTINA PÉREZ CALVAR
Imaxe dun almacén de ataúdes que nos serve para facernos unha idea do que había no baixo da casa de Constantina.
Aquel día de inverno con chuvia e vento no que Constantina regresaba de asistir un parto ataviada co seu mantón cheo de flecos e asustou a uns mariñeiros porque pensaron que era a morte 

As saídas da parteira pola noite daban pé a moitísimas historias. Contaba Constantina que en moitas ocasións se cruzaba co cura D. Donato a altas horas da madrugada pola rúa. O motivo era que o párroco, tan recto como bondadoso, lle levaba patacas, ovos ou leite as familias máis necesitadas e o facía a esas horas para que os veciños non coñecesen a súa situación de precariedade.

Nunha noite, logo de cruzarse con el, tivo lugar unha anécdota moi curiosa. Durante o inverno, para combater o frío, era habitual que cando saía a atender un parto nocturno, Constantina empregase un mantón que tiña unhas franxas (“flecos”) colgando. Rematara de asistir nun parto e como chovía moito e había un forte vento, tapou a cabeza co mantón e agarrouno coas dúas mans á altura do peito.

Serían as 4 da mañá cando ao chegar ao alto dunha costa na zona da Paradela, observou a dous mariñeiros que estaban portando unha patela. Cando levantaron a mirada e a viron, deixaron a patela no chan  e agarráronse un o outro. A medida que aquel espectro se achegaba a eles, o medo invadía os seus corpos ata o punto que remataron de xeonllos e se puxeron a rezar.

Cando Constantina chegou a súa altura, parouse, descubriu a súa cara e lles dixo “que relixiosos vos volvestes coa idade…” provocando unha risa nerviosa nos dous mariñeiros que se sentiron aliviados de saber que se trataba da muller que os trouxera a este mundo e non da morte que viña para levalos para o outro.

Orgullosa de recibir ducia e media de ovos dunha parturiente, a pesar de ter galiñas na súa casa

Como noutras casas do rural, na casa de “Señora Constantina” había galiñas. Moita xente o sabía e cando ían facer a compra na tenda de ultramarinos que rexentaban o seu fillo Manuel e a súa muller Asunción, os pais da neta que participa neste artigo, aproveitaban para encargarlle ovos.

Nunha ocasión, tiñan un pedido e enviaron á súa filla a casa de Constantina a recollelos, pero antes de chegar ao seu destino, avoa e neta se cruzaron na rúa  e percibiu que Constantina viña especialmente contenta. “Mira que cobrei por un parto” lle dixo ofrecéndolle con orgullo unha pequena bolsa de papel de estraza que levaba na man. A neta abriu a bolsa e mirou perplexa ducia e media de ovos. Non entendía nada. “Pero abuela, usted tiene gallinas…”. A resposta de Constantina foi: “Mira, miña reina, nesa casa había moita necesidade, así que cando me preguntaron que me debían e lle dixen que nada que xa falaríamos noutro momento, notei que parecía que se ofendían. Como insistían e vin pola ventá que tiñan galiñas, lles dixen “non teño ovos, con media ducia estamos pagos”.

A neta seguía sen entender nada: “No entiendo… pero usted ya tiene gallinas…” así que Constantina explicoulle o motivo da súa felicidade:  “Ela quería pagarme e deste xeito quedou salvada a súa dignidade, dándome algo que ela cría que eu non tiña, e si tivera outra cousa e lla pedira tamén ma daría”. Para a parteira o importante non eran os ovos senón o valor que aquela familia tan necesitada lle daba a súa labor entregándolle o pouco que tiñan. Outra lección de vida que lle regalou a súa neta.

Constantina ía a asistir os partos coa súa roupa de diario, pero tiña na casa un mandil branco de liño que lle regalara a muller de Castroviejo

Cando atendía os partos era habitual que tivese que deixar precipitadamente as súas labores do campo e aínda que sempre tiña a man uns sobres de clorina para desinfectar as mans, non tiña tempo a cambiar de vestimenta. 

Cando o Doutor Jose Abal recorría a ela para coñecer a súa opinión á hora de derivar parturientes a hospital ou cando o chamaban para botarlle unha man a Constantina nos partos, sempre lle dicía algo sobre este tema, pero para ela o importante era dar unha atención rápida antes que levar unha vestimenta máis adecuada.

Curiosamente, na súa casa gardaba con mimo un mandil de liño de cor branco que lle regalara a muller de Jose María Castroviejo, e que so empregaba cando era ela quen solicitaba os seus servizos.

Logo dunha vida entregada a axudar as mulleres a traer aos seus fillas e fillos a este mundo, Constantina Pérez Calvar faleceu en 1968 como consecuencia dun cáncer

Cando xa superara a barreira dos 70 anos, a súa familia comezou a notar que case non comía e que estaba cada vez máis delgada e pálida, pero cando lle sacaban o tema ela lle quitaba importancia ao asunto.

Seguramente se atopaba mal e tiña molestias pero non dixo nada pola súa capacidade para aguantar a dor, xa sabemos do sufridos que eran os nosos antepasados, e por non preocupar aos seus achegados. Cando por fin conseguiron que aceptase ir ao médico, detectáronlle un cáncer de duodeno moi avanzado. Xa non había nada que facer e a súa vida rematou con 73 anos, 60 deles adicados a asistir nos partos de miles de mulleres de Moaña.

Queremos agradecer a neta de Constantina a súa colaboración para a elaboración deste artigo sobre esta figura tan especial e relevante da historia de Moaña.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Verónica Sequeiros

    Mi abuela y mi papá en la foto que mandé para poner allí, a pedido de mi primo Lolo Martínez Sequeiros. No la conocí, murió cuando yo tenía 6 años… Pero siempre la quise mucho y a mi papá también, quien falleció en Uruguay el 1965.
    Gracias por tan lindas palabras recordándola.

    Ma. Verónica Sequeiros

  2. Verónica Sequeiros

    Mi abuela y mi papá en la foto que mandé para poner allí, a pedido de mi primo Lolo Martínez Sequeiros. No la conocí, murió cuando yo tenía 6 años… Pero siempre la quise mucho y a mi papá también, quien falleció en Uruguay el 1965.
    Gracias por tan lindas palabras recirdándolla.

    Ma. Verónica Sequeiros

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.