RIALDARCA: HISTORIA RECENTE DUN VAL FLUVIAL NA COSTA GALEGA

Texto elaborado por Tonio Nogueira. Veciño da zona e coautor da Estratexia de Recuperación Integral do Val de Rialdarca.

EL BRIBÓN DE LA HABANA. Paseo Marítimo, 13 de Cangas.

O proxecto actual de recuperación integral do val do río de Rialdarca cos seus afluentes, establecería unha senda verde, que uniría de xeito peonil, amable e seguro, o centro actual da vila de Moaña, co enorme conxunto histórico de San Martiño, poñendo en valor toda a riqueza fluvial, natural, e patrimonial de todo a contorna.

A gran diversidade vexetal e animal do leito e ribeiras do río, a potencialidade de uso agrario en ducias de hectáreas de regadío, varias fontes de auga natural de calidade, o propio castro de San Martiño ou a casa coa inscrición máis antiga do concello de Moaña (1.493) no lugar do Outeiro de Sabaceda. Son algunhas das xoias que alberga este val.

Vista aérea do val de Rialdarca.

O val de Rialdarca como importante vía de comunicación no rural

Ata os anos 50 e 60 o val de Rialdarca era, como calquera val fluvial do país, un centro neurálxico da vida social e material dos barrios. O tránsito era continuo. Xente que ía a por auga as fontes, ou aos lavadoiros de Rialdarca ou da Xeira a lavar vestimentas, alfombras ou roupa de cama. Xente que se movía dende os barrios das zonas altas como San Martiño ou Sabaceda, cara á Seara ou á Praia.

Os maiores do lugar aseguran, que o camiño carreteiro a día de hoxe aínda conservado en Rialdarca, era unha vía de importancia histórica. O cal unía os barrios do Redondo, Berducedo ou A Fraga, cara a feira de Abelendo e tamén cara Quintela e a Porta do Almacén. Este triangulo comunicativo ligábase a súa vez co camiño histórico de San Martiño – Ermelo.

O lavadoiro de Rialdarca como centro das relacións sociais

Os lavadoiros eran pezas claves na vida da xente daqueles tempos. O lavadoiro de Rialdarca foi un dos máis grandes e importantes de Moaña. Non só viñan a el xente dos lugares próximos, como A Gándara ou a Xeira, senón tamén dende Abelendo, Quintela, e outros barrios distantes.

Despois de 4 décadas de abandono e esquecemento, e de 15 anos de traballo e reivindicación veciñal, é hora de aportar os recursos necesarios para o estudo e posta en valor do patrimonio material e inmaterial deste val, así que como do seu medio natural e paisaxe.

A abundancia de auga no val facilitaba o uso intensivo das terras de cultivo en Rialdarca

E sobre todo agro. A auga do río e a coidada rede de regos tradicionais alimentaban as mellores terras de cultivo. Non había un só anaco sen traballar, nun ciclo continuo de plantación agrogandeira. Estas terras eran unha base fundamental no sustento das familias e por extensión de toda a sociedade.

Os campos tamén producían o millo que se moía nalgún dos 6 muíños activos do val na altura (2 deles xa estaban inactivos). Estes muíños xunto coa súa rede de canalización representan unha maxistral obra de enxeñería hidráulica popular adaptada ao entorno, na actualidade no abandono máis absoluto.

Na zona eran tamén comúns as plantacións de diversas arbores ou arbustos froiteiros. Sobre todo vide, para a elaboración de viño e destilación de licores, pero tamén pexegueiros, “masanseiras”, “cereixeiras”, figueiras, “anoseiras”, cítricos ou ”membrilleiros”.

Por último, a pesca de peixes de río como a troita e sobre todo a anguía europea (especie que tristemente se atopa en perigo de extinción na actualidade), xunto co rico marisqueo e pesca no complexo marítimo da enseada de Moaña-Meira, onde desemboca o esteiro dos ríos Pontillón-Rialdarca, completaban a soberanía alimentaria das familias nestes barrios.

O abandono progresivo dos terreos de cultivo cambiou a paisaxe de Raildarca

É a partir do “desarrollismo” franquista dos anos 60-70, xunto co proceso de globalización posterior e ata a actualidade, que aparecen e se acentúan unha serie de cambios socio-económicos e un gran crecemento urbanístico. Estes factores modifican profundamente a paisaxe e funcionalidade do val provocando un abandono progresivo e o deterioro xeneralizado do espazo.

E non se trata aquí, de estar en contra do progreso, senón de defender o desenvolvemento sustentable. Facendo énfases na reconciliación entre o benestar económico, os recursos naturais e a sociedade, evitando comprometer a calidade de vida da especie humana, no presente e para a futuras xeracións.

Por un lado comeza un abandono das terras de labranza para autoconsumo familiar, coa entrada progresiva da poboación no mercado internacional dependente da agrogandeiría industrial das multinacionais. Unha parte destas parcelas quedaron incultas, noutras os propietarios optaron pola plantación de arbóreas invasoras pirófitas de crecemento rápido, principalmente eucalipto, pero tamén nalgúns casos acacia moura ou robinia.

Esta corta e substitución do bosque nativo, xunto coa entrada na rede internacional de comercio de plantas ornamentais de xardín, provoca a implantación e espallamento ao longo do val de ata máis de 20 especies exóticas invasoras vexetais.

Por outro lado, a vez que aumenta a urbanización con novos edificios, espállase masivamente un novo medio de transporte, o automóbil privado. Créase unha enorme rede de vías asfaltadas, substituíndo aos camiños antigos de terra ou pedra. O tránsito peonil queda relegado, e a rede de camiños do val preto do río vaise perdendo.

Ademais a construción de edificios tórnase masiva na liña costeira. Pola suma destas dúas dinámicas, a finais dos anos 80 culmínase a aberración ambiental do entubado e soterramento dos tramos finais e esteiro dos ríos Rialdarca e Pontillón. Enmarcado no proceso global de soterramento e destrución da liña costeira e da gran marisma da Xunqueira, proceso que da o salto crítico a partir dos anos 70 e 80.

A partir desta época vanse instalando tamén unha serie de naves industriais no tramo medio de Rialdarca, invadindo as ribeiras do río tristemente. Os episodios de contaminación  que sofre o noso río na actualidade, verificados pola administración de Augas de Galicia (continuamos á espera da remediación do problema…), son dunha natureza similar as materias primas coas que traballan estas industrias. Asemade dende o inicio do abandono das parcelas e da senda ata os anos 90, efectúase unha acumulación de lixo e residuos sólidos, en varios puntos do río.

Dende os anos 90 comeza a falarse entre veciños da zona, a idea de que é necesario darlle a volta a esta lamentable situación. Lévanse a cabo en diferentes momentos, limpezas espontáneas ou festas populares.

No ano 2.005, impulsadas por diversas ameazas do “boom” urbanístico especulativo,  establécese un traballo de unidade a 3 bandas entre as A.A.V.V. Rialdarca, Praia-Seara e a Xeira, comeza unha mobilización social organizada en defensa, reivindicación e posta en valor do espazo do val de Rialdarca. Pero esta será unha historia a contar no noso vindeiro artigo.

Tonio Nogueira
+ artigos

 Veciño da zona e coautor da Estratexia de Recuperación Integral do Val de Rialdarca.

4 comentarios

  1. Coñecendo Rialdarca (II) » A Illa dos Ratos

    […] artigo anterior, “Rialdarca: Historia recente dun val fluvial na costa galega”, rematábamos explicando que […]

  2. Antonio López Nogueira

    Muitisímas grazas as dúas, Areceli e Nuria. Dende o equipo da Estratexia de Recuperación Integral do Val Fluvial de Rialdarca, seguiremos traballando xunto con outros colectivos, como a Illa dos Ratos, para reivindicar e poñer en valor este pulmón verde de Moaña. Apertas

  3. Araceli Gestido Rodríguez

    Grazas Toño por compartir o teu coñecemento. Queda moito que facer, pero con empeño acabaremos recuperando o val de Rialdarca.

  4. Nuria

    Genial y super interesante, es estupendo tener a personas así gracias por transmitirnos tus conocimientos y agradeciendo a tu esfuerzo.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.