RIALDARCA: A HISTORIA DUNHA LUITA VECIÑAL

Texto elaborado por Tonio Nogueira. Veciño da zona e coautor da Estratexia de Recuperación Integral do Val de Rialdarca.

Rúa Alfredo Saralegui, 28 en Cangas. Teléfono 986 30 09 23 / 699 09 39 90.

No artigo anterior, “Rialdarca: Historia recente dun val fluvial na costa galega”, rematábamos explicando que a partir do ano 2.005, para facer fronte a diversas ameazas do “boom” urbanístico especulativo, establécese unha unidade de colaboración a tres bandas entre as A.A.V.V. Rialdarca, Praia-Seara e A Xeira. Daba comezo unha mobilización social organizada en defensa, reivindicación e posta en valor do espazo natural e fluvial do val de Rialdarca. 

Foi a partir desta luita social e ambientalista, que naceu a actual estratexia pública de recuperación integral do val de Rialdarca cos seus afluentes

A estratexia foi demandada como prioridade de actuación municipal a partir dos anos 2.016 e 2.017, polas A.A.V.V de A Praia – A Seara e de San Martiño, e apoiada e financiada polo Concello de Moaña.

No documento recoñécese ao val de Rialdarca como o gran “pulmón verde” da nosa vila, e establece unha senda peonil, natural, amable e segura, entre o centro urbano actual (nacendo mesmo na praza do concello), e o enorme conxunto histórico-patrimonial de San Martiño, Sabaceda e outros barrios, á vez que se pon en valor a riqueza fluvial, natural, social e paixasística de toda a contorna.

Como ten reflexionado o mestre gaiteiro de Moaña e investigador da etnografía, Xavier Blanco: “O sendeiro de Rialdarca é unha viaxe no espazo, pero tamén no tempo. Comeza na Moaña urbana, e remata na Moaña histórica”. E crédeme cando digo que os avances que se conseguiron na recuperación deste espazo natural, foron sempre co esforzo e suor dos veciños e veciñas. 

COÑECENDO RIALDARCA
Presentación da Estratexia de Recuperación Integral do Val de Rialdarca. (2019).

Ata os anos 60 o val de Rialdarca era, como calquera val fluvial do país, un centro neurálxico da vida social e material dos barrios

As mellores terras de cultivo e pastos coidadas palmo a palmo, a indispensábel moenda e o uso cotián dos lavadoiros e as fontes que daban a auga para vivir e para lavar. É a partir do “desarrollismo” franquista dos anos 60-70, xunto co proceso de globalización posterior e ata a actualidade, que aparecen e acentúanse unha serie de cambios socioeconómicos, xunto cun desmesurado crecemento urbanístico mal planificado. 

Estes factores modifican profundamente a paisaxe e funcionalidade do val, provocando un abandono progresivo e o deterioro xeneralizado do espazo. Unha historia que tristemente se repetiu en practicamente toda a xeografía da costa galega (e o máis dramático e que desfeitas similares segan acontecendo na actualidade en plenos anos 2.020).

E non se trata aquí de estar en contra do progreso, senón de defender o concepto do desenvolvemento sostíbel, o auténtico progreso, o que se pode manter no tempo, facendo énfases na reconciliación entre os recursos naturais e o territorio, o benestar material e economías locais vivas e dinámicas e a sociedade no seu conxunto, evitando comprometer a calidade de vida das sociedades humanas, no presente e para as futuras xeracións. 

Agora que a emerxencia ambiental global, conformada pola suma da alarma climática, as especies invasoras e a perda masiva de biodiversidade, está chamando a nosa porta.

Agora que a crise e desabastecemento, de enerxía, materiais (metais), auga e alimentos, estáse tornando tristemente nunha realidade que ningún goberno nin país poden obviar.

Agora mirando cara atrás, e que se alcanza a observar con absoluta nitidez, como de acertados, necesarios e exemplares, foron e seguen a ser os movementos sociais en defensa do territorio e da súa xestión sostíbel. E como un movemento que foi e segue a ser tan insidiosamente vilipendiado como o ecoloxismo (tamén a propia ciencia), advertía xa fai décadas das ameazas que agora se están convertendo en rotunda realidade.

E continuamos a intentar traballar colectivamente, con urxencia e con dinamismo, para cambiar o rumbo e construír un novo modelo de produción e consumo, xusto e sostíbel, sobre as cinzas do actual sistema, inxusto, especulativo, depredador e en fase de inicio de colapso.

Nos anos 80-90, e bastaron só un par de décadas, o proceso de abandono e deterioro do val de Rialdarca xa estaba moi avanzado con vertidos ilegais de lixo e hidrocarburos 

O punto máis esperpéntico, era a situación de vertidos ilegais xeneralizados e incontrolados de lixo e residuos sólidos urbanos, que se daba en varios barrancas, camiños e ríos, de Moaña e de todo o Morrazo.

Pois o Morrazo, igual que o resto de Galicia, xa entrara de pleno na globalización consumista, da obsolescencia programada e a hiperxeración de residuos. Nembargantes nesta altura, aínda non estaban ben desenvoltos e espallados os aínda incipientes sistemas públicos de recollida de lixo nas vilas do país, nin existía unha conciencia forte das poboacións ante os novos malos hábitos do consumismo. 

Por riba, algúns “profesionais do ladrillo” aproveitaron este momento de confusión e permisividade social, para envorcar toneladas de cascallos, tanto nos camiños e carreiros, como no propio leito do río. E outros “profesionais das industrias”, aproveitaban o momento para as agachadas, realizar algúns vertidos ilegais de aceites ou hidrocarburos. Rialdarca é só un exemplo dos incontábeis, esta mesma historia ou similar, repetiuse tristemente en ríos de todo o país. 

Era a Galicia “desarrollista” dos anos 80 e 90. Os técnicos superiores da Xunta e do estado central, técnicos de urbanismo municipais ou concelleiros, simplemente miraban para outro lado, ninguén se atrevía a deter o mal chamado “progreso”.

A imaxe de contemplar, o que só un par de décadas atrás, nos anos 60, eran os recursos máis valiosos e o centro da vida da xente, como os tramos do río e os muíños, agora abandonados e cheos de electrodomésticos, ferrallas e toneladas (literalmente) de residuos, exemplifica perfectamente as dinámicas delirantes nas que nos instalamos, e das que aínda non acabamos de saír do “todo” como sociedade superconsumista e contaminante.

Só hai que observar as últimas vagas de incendios, a aínda pésima xestión de residuos de SOGAMA ou a depredación dos MacroEólicos e MacroEncoros, malas políticas desenvoltas tanto por parte da Xunta, como do estado central e da U.E. 

Pero neste momento, tamén comezan as reaccións veciñais, e as voces a prol da recuperación do “sentidiño” e do reencontro co propio entorno e fogar, antes máis minoritarias, comezan a medrar en número e intensidade, ao par que aparecen certas leis administrativas de protección ambiental, fluvial e patrimonial.

Despois de varios anos de denuncias e chamadas ao Seprona e policía local, no ano 2.000, cinco aguerridas veciñas fartas destas dinámicas e fartas de non poder lavar no río e cultivar tranquilamente nas súas “veighas”, dixeron BASTA XA !!

Esas cinco veciñas, baixaron ata o concello, subiron ata o despacho do alcalde e petáronlle directamente na porta. Paráronse os vertidos ilegais intencionados e as envorcaduras de cascallos de obra. 

E felizmente Moaña e o Morrazo xa foran consolidando un sistema público de xestión de residuos sólidos urbanos, así como unha rede de tratamento de augas residuais. Nos anos posteriores, ducias de denuncias, chamadas ás administracións e notas de prensa, pois aínda aparecían certos episodios criminosos.

Actualmente, calquera destes “profesionais” das accións ilegais, deberían saber xa que con Rialdarca non se xoga. Xa esta ben de tanta piratería, emporcando e degradando o medio ambiente de todos, para aforrarse catro patacos.

Cando parecía que chegaba a calma, xurdiu unha nova ameaza contra a que os veciños tiveron que enfrontarse: a voraz especulación urbanística

En pleno “boom” inmobiliario especulativo de principio dos anos 2.000, chega o intento de estocada final do sistema depredador ao val de Rialdarca. Coa desastrosa mal chamada “Vía Rápida” xa rematada e coa tolería das propostas especulativas de erguer milleiros de vivendas, máis portos deportivos, chalés de luxo e demais, para cementar e “marbellizar” o Morrazo, preséntase un plan urbanístico salvaxe, realmente abusivo e desastroso, cuns bloques de edificios masificados sen zonas verdes nin servizos (mellor nin lembralo), a ubicar nos fértiles campos agrarios que circundan o río de Rialdarca.

Como voitres chegaban os especuladores, disque a ofrecer “ouro”, a cambio das “veighas” de patacas, millo e cebolas (que supostamente non tiñan valor, dicían…). 

A luita veciñal prende axiña, como unha chispa. Primeiro deixándolle ben claro ao goberno municipal a nosa oposición frontal a tales plans urbanísticos, e a continuación organizándose coa A.A.V.V de Rialdarca, contando con especialistas para confeccionar as alegacións pertinentes. É unha das chaves do movemento. A maioría da veciñanza da zona con “veighas” en propiedade, negouse en redondo a vender, negouse a aceptar o suborno do sistema, “RIALDARCA NON SE VENDE”. E cando unha persoa ou unha comunidade vence a avaricia propia, o sistema derrubase. 

As A.A.V.V. de Rialdarca, Praia-Seara e a Xeira comezan neste momento unha gran acción directa de limpeza comunitaria e posta en valor do río e sendeiro de Rialdarca

Os traballos de recuperación e posta en valor do río e o sendeiro de Rialdarca, comezaron coa recuperación de parte da toponimia medio esquecida da zona. Ademais durante cada sábado dos 3 meses de verán dos anos 2.005 e 2.006, ducias de veciños e veciñas, coas súas propias ferramentas, recuperamos os antigos camiños. 

Do mesmo leito do río sacamos a pulso toneladas (literalmente) de residuos. Restos de lavadoras, frigoríficos, televisións, somieres, neumáticos, plásticos, telas, ferrallas, entullos e ata chásis de vehículos, tristes testemuñas da indecencia colectiva do pasado recente.

Conseguiuse limpar case por completo o leito do río na súa totalidade, quedando só focos secundarios de residuos, que se foron retirando gradualmente en accións posteriores. Podemos dicir que felizmente a día de hoxe o Rialdarca é un río limpo, natural e rexenerado.

Erguéronse pequenas pontes e escaleiras artesanais, con madeira de especies invasoras. Limpáronse e descubríronse os 8 muíños, o lavadoiro colmatado da Xeira e a fonte do Cano.

Rialdarca volveu a vida plena e a xente lanzouse a redescubrilo e a desfrutalo

Foi un momento de auténtica alegría. Todo este movemento social conseguiu que o Concello por un lado dese o paso a recoñecer como oficial o sendeiro, e por outro que aceptara as alegacións veciñais contra a pretensión urbanística inicial (consolidándose finalmente as clasificacións de solos agrarios e zonas verdes, nos terreos circundantes ao val fluvial, outra vitoria). O propio Concello introduce o sendeiro nas rutas oficias de turismo e no ano 2.007 coloca novas pontes no sendeiro, e realiza unha importante intervención de posta en valor do conxunto patrimonial do lavadoiro e fonte de Rialdarca. Tamén se pon en valor o que a día de hoxe é o miradoiro natural máis urbano de Moaña, a carballeira municipal do monte Carrachal. 

COÑECENDO RIALDARCA
Inauguración do Sendeiro do Río de Rialdarca. (2007).

En 2.008 a burbulla do “boom” inmobiliaria-financeira estalou e chega a brutal crise económica, de estafa e roubo para a clase traballadora, máis as pantasmas de novas ameazas da especulación máis salvaxe esvaecéronse en gran medida.

Aínda nun contexto social convulso e con poucos recursos, as accións veciñais de posta en valor mantéñense no Rialdarca, pero con máis calma e espazadas, ata ben entrado o ano 2.018

E dise pronto, máis dunha década de traballo comunitario veciñal !!!. Rozas planificadas e respectuosas co medio ambiente, recollidas de lixo, plantación de especies autóctonas, xornadas de educación ambiental, alertas e denuncias de intentos de certas barrabasadas. Solicitudes continuas ás administracións de accións de restauración ambiental e patrimonial. 

Os colexios, institutos, asociacións sociais e deportivas e outros colectivos, comezan a visitar e a usar con alegría e gozo todo este espazo natural (aínda que por desgraza non sempre se atope no estado correcto para o seu uso). Por outra banda debemos congratularnos de que a tendencia de abandono agrario foise invertendo, e cada vez máis veciñas están cultivando e recuperando as “veighas” regadas polas augas do río, para obter alimentos ecolóxicos de máxima calidade, incrementando a biodiversidade do espazo. Incluíndo as primeiras hortas ecolóxicas municipais de Moaña. 

No ano 2.019 o Concello de Moaña presenta oficialmente a “Estratexia de recuperación Integral do Val de Rialdarca”

Nos anos 2.016-2.017, a partir de toda esta herdanza social previa, comeza a cristalizarse unha proposta de anteproxecto para a recuperación do val e por fin no ano 2.019 faíse realidade e o Concello de Moaña presenta oficialmente a “Estratexia de recuperación Integral do Val de Rialdarca”. Trátase dun estudo multidisciplinar e minucioso do territorio, do seu patrimonio cultural e dos ecosistemas naturais e agrarios deste “pulmón verde”. Onde se presentan ducias de ideas e medidas, para recuperar de xeito ordenado, planificado, gradual, agarimoso e sostíbel todos estes recursos e valores tan fundamentais, que os vales fluviais nos ofrecen. Consecuentemente, nos anos 2.020, 2.021 e no presente 2.022, adicáronse máis esforzos e traballos da administración pública municipal para recuperar este río que nunca antes na nosa historia. 

  • Rozas planificadas e respectuosas co medio e colocación de sinalización.
  • Innumerábeis accións de educación e voluntariado ambiental de todo tipo.
  • Coidado e mantemento do miradoiro do Monte Carrachal.
  • Colocación e mellora de escaleiras, pasos e pontes, de madeira e adaptadas ao entorno, ao longo sendeiro.
  • Estudos de catalogación de flora, e eliminación de especies exóticas invasoras.
  • Restauracións dos lavadoiros de Rialdarca e Xeira, e das súas canles.
COÑECENDO RIALDARCA
Roteiro de presentación da Estratexia de Recuperación Integral do Val de Rialdarca con máis de 160 asistentes. (2019).

Nestes 17 anos todos e todas, activistas, veciñas e concello, aprendemos moito e conseguimos salvagardar, protexer e iniciar a recuperación do val de Rialdarca

Aprendemos que un espazo natural non é un xardín, nin un parque, nin un bulevar. Que os espazos naturais hai que recuperalos como o que son, espazos salvaxes e cheos de biodiversidade, con intervencións dimensionadas, sostíbeis e moi ben pensadas.

Re-aprendemos que as fontes, os ríos, os lavadoiros, as fragas de ribeira, carballeiras e as terras de cultivo, non son o pasado, senón os nosos valiosos recursos do presente, e sobre todo do noso futuro.

E que aínda quedan persoas vivas que albergan a nosa historia e tradición máis orgánica, e que recompilar a súa testemuña é fundamental para seguir chantando a nosa raíz neste terra, con “sentidiño”, respecto e bo facer.

Podemos dicir que nestes 17 anos, conseguimos salvagardar, protexer e iniciar a recuperación do val de Rialdarca, para poder así seguir mirando cara adiante. Pero sabendo que aínda queda moito por facer:

  • As rozas de mantemento anual do sendeiro e dos seus camiños adxacentes teñen que mellorar en tempo e forma. A gran parte do patrimonio cultural material e inmaterial aínda esta por recuperar.
  • Hai moito que mellorar tanto na eliminación de especies invasoras como na plantación de especies autóctonas.
  • Buscar xeitos de potenciar a ordenación do territorio e a capacidade de produción agraria local en ecolóxico.

Aínda esta pendente consolidar o sendeiro na súa parte alta, a partir do túnel do rego de Sanchelán ata a carballeira da Igrexa de San Martiño, incluíndo un plan para recuperar e poñer en valor todo o monte do Castro de San Martiño.

Seguimos e seguiremos, Rialdarca tivo, ten e sempre terá, os seus gardiáns e coidadores.

Queremos agradecer a Tonio Nogueira a súa colaboración co noso blog realizando este artigo. A súa experiencia en primeira persoa sobre este tema aporta un gran valor engadido, e a incorporaremos aos contidos que xa tratamos na nosa ruta “Sendeiro de Rialdarca“.

Tonio Nogueira
+ artigos

 Veciño da zona e coautor da Estratexia de Recuperación Integral do Val de Rialdarca.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.