A VIDA NA CANTEIRA DE O COCHO

Texto elaborado por Ceferino Sánchez. Fillo do capataz da canteira do Cocho. Fotografías cedidas pola Agrupación Cultural Nós de Moaña.

 

Espallar as emocións a través da literatura ha ser un exercicio san, natural e solidario. Non deixes en van ese espazo emocional, escribe, comparte.

Convencido desta reflexión, non queda máis que felicitar a A Illa dos Ratos por darlle luz a esa idea, de que cada quen libere as súas.

 

A familia de Ceferino chegou de Castela para traballar na canteira de O Cocho

Corría o ano 31 do século pasado e meus avós paternos chegan a Galicia para traballar nas canteiras. Eran orixinarios de Castela e de alí viñan. Traían catro criaturas, unha muller e tres varóns. Un deles o 14 de outubro de 1951 converteuse en meu pai. Xa en Moaña naceron e foron rexistrados un dos meus tíos e unha tía.

Inmigración?  Non creo. Máis ben o que hoxe chamamos mobilidade xeográfica. A inmigración implica buscar a vida fóra por razóns diversas e, poida que si pero non era o caso, pois señor Fino traballaba en Bilbao e de alí a empresa trasladouno a Galicia nos seus plans de expansión.

Como queira que fose, na segunda década do século pasado principiaba o desenvolvemento de grandes infraestruturas portuarias. En Galicia as grandes empresas de obra civil demandaban tanto recursos humanos como materiais, basicamente a pedra. Había que abrir entón minas de superficie ou canteiras, e as concesións eran atractivas para a explotación, xa que a ría necesitaba peiraos.

OBRASCON era unha empresa de construción con sede en Bilbao á cal lle foi concesionada a explotación da canteira do Cocho. Nos anos cincuenta encabezaba a nómina o señor Fino Sánchez, meu pai, que era o que lle chamaban o “encargado”.

Pois si, alí no Cocho asentou o señor Fino e a súa familia, nunha casa da canteira da que aínda hoxe en día permanecen algunhas paredes en pé e onde nacín eu. Fun testemuña da produción da canteira durante dez anos ata que cesou a actividade.

Casa do capataz co antigo barracón de madeira en primeiro plano. Fotografía de Sarabia (1914).

Na casa dos Sánchez a canteira era “la cantera”

Para nós non era “a canteira”, era “la cantera”, porque aquela casa rezumaba castelán.

O meu avó era de Santander e a miña avoa de Burgos igual ca meu pai, era fácil de entender entón a educación no fogar. Ben, na rúa por suposto falabamos galego, non se falaba outra cousa aínda que había unha mestura galaico-luso-castelá, pola orixe da poboación. Esta poboación conectou coa “paisanaxe” nativa rapidamente e en todos os ámbitos, sociais e culturais, casaron e formaron familia. De feito, a miña nai é galega de pura cepa e raza, de Abelendo para máis datos.

Eu, o que escribe, cheguei a Meira por mor da Canteira, e por mor da Canteira tamén marchei. Aínda que a canteira será eterna, a súa actividade non o foi e meus pais tiveron que buscar a vida, neste caso en Vigo. O que queda da canteira do Cocho será eternamente o testemuño dun tempo distinto.

A contorna da canteira era moi diferente ao que vemos agora 

Que era aquela área do litoral da ría entre A Borna e o areeiro de Meira? Pois daquela, O Latón, o estaleiro e pouco máis; A Cerval, asentamento portugués; O Arroás, unha baliza nas cartas da ría; e O Cocho, a canteira e pouco máis. Pola parte alta, A Isamil, onde estaba a escola nacional, e un pouco máis arriba, o miradoiro da Fanequeira; a fábrica de conservas “La Guía” retomou o nome do lugar, pasando a ser coñecida a zona hoxe en día con ese nome.

O día a día que eu percibía nos meus veciños en xeral, e na miña adolescencia era, supoño, como en calquera outro lugar. Eu resumiríao en que, entre festa da Peregrina e festa da Peregrina, todo xiraba en torno aos tres focos industriais do lugar, aparte da pesca de baixura e tamén do agro doméstico. Máis tarde a emigración, sobre todo a Holanda, mudaría as perspectivas de futuro.

Vivín a canteira dez anos, “Dende o alto”, con mirada de inocencia, e alleo así ás razóns que aquela xente tiña no seu ser, e que estou certo non eran outras que buscar a vida traballando, para eles, para os seus e tamén… para outros.

Hoxe vexo outro panorama. Asómome e vexo recordos. Vexo ao meu pai, aos pais dos meus amigos, vexo os niños de andoriña, a Andrés o ferreiro que me facía os aros con “ghiador” e todo. Vexo a Matías o carpinteiro que me facía as carretas con freo e todo. A Francisco o garda xurado que me gardaba os cromos de futbolistas das caixas de mistos. A Florentino pescando muxos… pero tamén escoito berros que prefiro non recordar.

LOA Á CANTEIRA

Revelar memoria e volver a mirar.

Marcou a miña infancia, sen dúbida, a Canteira. “La Cantera”, como lle chamabamos os Sánchez; aquela mina a ceo aberto onde traballaban homes e mulleres. Aquel lugar bendito, saudado pola mirada do mar, canto de ras e a frescura dos seus arroios, gardería de “cucharillas”, larvas de ra chamadas así pola súa similitude con ese utensilio doméstico.

“Vida das entrañas pardas dun monte mariñeiro,

aquel lugar sinistro con aires de penal,

cheiro a fragua e pólvora e sabor dulzón de polvo de pedra,

ruídos de compresores, sons de vagóns de holocausto;

estampa branca e negra de remolcador de vapor,

cheminea amarela, can negro e patrón inglés.

Ricardo na grúa de carbón, e Otero na eléctrica.

Gabarras, galeóns, balandros cabrias e dragas, flota loxística.

Calor de xullo, sorbo de auga en caldeiro e pitorro de zinc,

sorbo do Cocho.”

Vexo no fondo do precipicio, un domingo calquera, como un home rompe cachotes: un, outro, outro e outro… duras horas extras as daquel home, amigo e veciño. Eu miraba dende o alto, e curioseábame aquel fenómeno físico do eco, que consistía no retardo en percibir o son do golpe a través das ondas que trepaban polos cantís.

Cantís rebentados pola cloratita, goma dous, ou vai ti saber. Toque de corneta, toque de queda, detonación, explosión, cascallos, silencio… toque de corneta.

A miña admiración e respecto profundo a todos aqueles homes e mulleres que traballaron na Canteira, o seu recordo sempre estará presente na mirada “Dende o alto”.

Foron dez anos de mirada sobre o baleiro, baleiro que custou baleirar e onde no firme do baleiro, tantas vivencias sentín. Fun un privilexiado. Grazas Familia.

Queremos agradecer a Ceferino Sánchez que nos regalase este texto que transmite de maneira tan fiel e emocionante o que era a vida na Canteira de O Cocho.

close

Subscríbete ao noso boletín!

Cada venres mandarémosche un correo con cousiñas interesantes complementarias ás nosa rutas.

Ao subscribirte, aceptas recibir os nosos correos informativos e aceptas a nosa Política de Privacidade. Podes darte de baixa en calquer momento

3 Comentarios

  1. Gabriel

    Eu son Gabriel de Meira ,miña aboa ,miña nai ,non eran importantes pero traballlaron na canteira do Cocho e da do Laton e moita mais xente q coñecin.
    Das canteiras dende fai uns anos estase a falar ,so unha parte da realidade q alí se viviu. Nunca oin falar sobre a explotacion dos traballadoreas, pesimas relacions laborais, abuso dos encarghados e xefes ,todo iso contoumo meus abos e oitra xente. De como as preñadas se lle facia traballar mais para q abortasen e fosen mais productivas , carghadas coma burras de pedra ,sei de xente q traballando alí tiveron varios abortos ,non so miña aboa. Esa realidade é a q tamen hai q falar ,meus abos nunca me falaron das canteiras como unha cousa melancolica ou como agora se queren facer mirar ,sempre me falaron con bagoas nos ollos ,é eu é como as quero lembrar…merda e miseria.

  2. Sonia

    Muy bueno.
    Me gusta.
    Soy nieta de Constante un hombre muy importante en A CANTEIRA DE O COCHO.

  3. Sonia

    Muy buen relato.
    Yo soy nieta de Constante tambien trabajo en A CANTEIRA DE O COCHO

Deixa o teu comentario

O teu correo electrónico non será publicado.Os campos obrigatorios márcanse cun *

Pode empregar estas etiquetas e atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos .
  • Finalidad Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.