COIDANDO DOS GATIÑOS DAS NOSAS RÚAS DENDE 2014

Texto elaborado por Paula Martínez Martínez, presidenta da Asociación Colonias Canguesas.

Se paseaches algunha vez polas rúas de Cangas do Morrazo, ¿fixácheste na cantidade de gatos que as poboan?. Moitas veces estes gatos vense sans; e non, non é que saiban coidarse sós, senón que se debe ao labor da asociación Colonias Canguesas.

O caso de Nora foi o que motivou a fundación de Colonias Canguesas

A razón da unión que levou máis tarde á fundación da asociación foi grazas a Nora, unha gata adulta que vivía nas rúas de Cangas, nun estado lamentable. Nunca nos cansaremos de repetir que ela é a nosa verdadeira e única fundadora. Por mor dunha publicación en redes sociais pedindo axuda desesperada para ela, coñecémonos e foi entón cando xurdiu a idea de facer algo máis grande.

Neses momentos non había ningunha asociación na zona que se encargase de atender gatos e iso motivounos a formar a asociación para axudar aos grandes incomprendidos.

A poboación de gatos en Cangas sempre foi moi elevada e era moi necesaria a presenza dunha asociación que empezase a axudalos e controlalos na medida do posible.

Queriamos darlles un pouco máis de visibilidade xa que moitas persoas non son conscientes de dura que é a súa vida. Ningún gato elixe vivir na rúa, loitando diariamente por sobrevivir.

COLONIAS CANGUESAS
Simba, un dos gatos das colonias de Cangas atendidas pola asociación.

Defendendo estas ideas fundouse en setembro do 2014 a asociación sen ánimo de lucro Colonias Canguesas

A asociación está composta única e exclusivamente de voluntarios, que adicamos o noso tempo libre a facer todo o posible por cumprir as labores da asociación e a día de hoxe seguimos loitando dentro das nosas posibilidades para seguir adiante e axudar aos gatos que viven no noso pobo.

A nosa labor está na rúa, nas colonias felinas, entendendo como “colonia” a agrupación de gatos rueiros. O noso principal obxectivo é o seu control, a través do método CES (Captura, Esteriliza, Solta na colonia de orixe).

COLONIAS CANGUESAS
Gata capturada para ser sometida a unha castración CES.

A castración dos gatos é fundamental, desta forma evitamos moitos sufrimentos: mortes, atropelos, pelexas, etc. Tamén coidamos a diario das colonias, alimentando ós gatos, desparasitándoos e vixiando se algún deles precisa de atención veterinaria.

No caso dos gatos sociables que localizamos nos avisos que recibimos de gatos abandonados, intentamos atoparlles fogares definitivos. Temos un protocolo de adopción para asegurarnos que os gatos vaian para familias responsables e nunca volvan ser vítimas do maltrato ou abandono.

A asociación non conta cun refuxio onde ter os gatos recollidos, a pesar de que moita xente así o crea. Traballamos con casas de acollida que teñen de forma temporal os gatos nos seus fogares ata atopar adopcións para eles. Temos moi poucas casas de acollida e iso limítanos a hora de recoller gatos, xa que dependemos totalmente delas para poder facelo. Por iso estamos profundamente agradecidas coas nosas casas de acollidas habituais, sen elas non poderíamos axudar a moitos gatos que precisan da nosa axuda.  

Noutras moitas ocasións atendemos urxencias veterinarias, casos de gatos que chegan en moi mal estado de saúde debido a atropelos, enfermidades, envelenamentos, ataques de cans, etc. Estas urxencias soben moito os gastos veterinarios xa que en ocasións fan falla operacións moi custosas.

Queremos agradecer de todo corazón ós veterinarios que colaboran con nós, por sempre atender ós nosos gatos das mellores das formas e facer todo o posible para que saian adiante.

Colonias Canguesas finánciase a través das aportacións de socios, madriñas e padriños, e de donativos puntuais que fan as persoas que seguen o seu labor polas redes sociais

Nestes momentos estamos en negociacións co Concello de Cangas para firmar un convenio de colaboración para o control das colonias. Esperamos moi pronto ter moi boas novas para todos os gatos de Cangas.

Se te preguntas como podes axudarnos para que podamos seguir coa nosa labor, nestes precisos momentos o que máis precisa a asociación son voluntarios, xa que somos moi poucos voluntarios en activo. Se tes un pouco de tempo libre, gústanche os gatos e tes moitas ganas de axudar, non dubides en sumarte a nosa cadea de voluntariado. Cada un fai o que pode, cando poida. Cantos máis sexamos poderemos conseguir cousas máis grandes.

Tamén podes axurdarnos adoptando a algún dos nosos peludos. Sempre temos casos moi urxentes que están a espera de atopar un fogar definitivo.

Outra forma de colaborar con Colonias Canguesas é converterte en casa de acollida. Como xa dixemos, as casas de acollida son fundamentais para poder recoller gatos da rúas, xa sexa gatos nados nas colonias, gatos abandonados, maltratados, rueiros que precisan dunha temporada nunha casa para recuperarse dalgunha enfermidade, etc.

COLONIAS CANGUESAS
Comparando estas dúas imaxes podemos ver como mellorou o estado de Cromo despois da acollida.

Ti pos a túa casa o tempo que poidas, todo o teu amor e nos facémonos cargo de tódolos gastos veterinarios do gato acollido e incluso da súa alimentación si é necesario ata que apareza para el unha adopción.

As axudas económicas, de comida ou material son fundamentais para que Colonias Canguesas poda realizar o seu labor

Nunca nos cansamos de dicir aos nosos seguidores que sen eles nada sería posible porque é así. Todo o que recadamos grazas a súa axuda o destinamos ós gastos veterinarios que precisan a diario os nosos gatos.

Hai varias formas de colaborar economicamente, como:

Facéndote socio dende 5€/mes

Apadriñando o amadriñando un dos nosos gatos dende 5€/mes. É unha forma moi fermosa de axudarnos, enviamos correos periódicos as madriñas e os padriños informando do estado do seu afillado e tamén poden vir a coñecelo cando queiran.

Facéndote Teamer por 1€/mes, un café que agasallas ós nosos gatiños que tantísimo o precisan.

https://www.teaming.net/coloniascanguesas

Doando a través de Paypal: coloniascanguesas@gmail.com

Doando a través do noso número de conta.

Outra gran maneira de colaborar é facendo doazóns de comida e utensilios para gatos. Alimentamos a diario a máis de 80 gatos, o que supón un gran consumo de penso que acabamos costeando, a maioría das veces, os voluntarios debido ós elevados gastos veterinarios. Por iso unha doazón de penso e paté é para nos unha gran axuda, cada gran de area é benvido por moi pequeno que sexa.

Soemos necesitar tamén empapadores, transportíns, area para os gatos acollidos, etc. Temos varios puntos de recollida onde podedes deixar as vosas doazóns, en Cangas (Goluts, Fotofili e Clínica Veterinaria Vetersalud Cangas), Bueu (Lambonada “La Maravilla” e Clínica Veterinaria Fociños) o Moaña (Boutique Infantil Vicky).

Tamén facemos feiras os fins de semana na Alameda Nova en Cangas cando hai suficientes voluntarios e o tempo acompaña. Sempre avisamos polas nosas redes sociais cando vamos montar o posto benéfico e informativo.

COLONIAS CANGUESAS

Invitámosvos a todos a seguirnos polas nosas redes sociais, a través delas imos informando das nosas accións e dos gatos que recollemos e buscan un fogar.

Instagram: @coloniascanguesas https://www.instagram.com/coloniascanguesas/

Facebook: https://www.facebook.com/acoloniascanguesas

E a nosa páxina web: https://coloniascanguesasblog.wordpress.com/

Se tes algunha dúbida ou queres contactar con nós por algunha razón deixamos o noso correo electrónico, responderémosvos na maior brevidade posible.

coloniascanguesas@gmail.com

Queremos agradecer a Paula e a todos os membros de Colonias Canguesas a súa colaboración para este artígo que esperamos que sirva para que sexa recoñecido o seu gran labor coidando dos gatos que viven nas rúas do noso pobo. 

Paula Martínez Martínez

Presidenta de Colonias Canguesas

Un comentario

  1. Bibiana

    Gracias por vuestra labor y por hacer de este rinconcito del mundo un lugar mejor
    Ojalá sigamos muchos vuestro ejemplo
    Un abrazo de corazón

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.