UNHA MULLER ANIMOSA E MOI PRESENTE NA VIDA DE CANGAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir da información obtida de diversas fontes e fotografías facilitadas pola propia Celia.

Celia Fernández Requejo “La frutera” (Cangas, 1968), tamén coñecida como Celia de ADICAM, é unha muller recoñecida en todo o Morrazo pola súa vitalidade, positivismo e bo humor, pero tamén por participar activamente no Entroido, no Nadal e nas diferentes actividades que organizan colectivos como ADICAM, a Asociación de Alfombristas Cunchas e Flores ou Cangas Vella.

Celia Fernández Requejo “la frutera”, é a menor de dous irmáns e pasou os seus primeiros anos de vida na casa da súa tía no Salgueirón

A nosa protagonista naceu no ano 1968 nunha das casas que quedan xusto enfronte da entrada a Frigoríficos do Morrazo. O seu pai estaba normalmente embarcado na pesca de altura por Sudáfrica ou as Malvinas, así que cando a súa tía quedou viúva, a súa nai non dubidou en deixar a casa familiar da rúa San Xosé e mudarse coa súa irmá e os seus tres fillos pequenos.

Alí foi precisamente onde chegou a este mundo a pequena Celia e foi no Salgueirón onde viviu parte da súa infancia baixo a influencia da gran fábrica de Massó: a serea, o cheiro a cachalote, os barcos que viñan a descargar… recordos que ten presentes con moita claridade a pesar do paso do tempo.

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO
A pequena Celia coa súa piruleta e o seu bolso.

Celia Fernández Requejo estudou no Compañía de María de Cangas, onde coñeceu a Fina Acuña, e logo comezou a traballar na froitería familiar

A pequena Celia estudou no colexio Compañía de María. Alí foi onde coñeceu a Fina Acuña Graña que se convertería nunha das súas mellores amigas e que anos despois, tal e como contamos na nosa ruta “Historia das mulleres de Cangas“, sería a impulsora de ADICAM. 

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO
Fotografía de Celia coa súa gran amigar Fina Acuña Graña.

A súa amizade sería para sempre, a pesar de que durante un tempo a vida de cada unha fora por camiños diferentes. Fina atopou certa estabilidade traballando no Alcampo de Avenida de Madrid en Vigo e Celia intentou asentarse no negocio familiar, unha froitería rexentada pola súa nai no número 3 da rúa Manuel Graña.

Pero chegou un momento no que a unha moza con inquedanzas como Celia apetecíalle probar outras cousas así que, para gañar máis cartos e sentirse un pouco máis independente dos seus pais, non dubidou en aproveitar a oportunidade de traballar na conserveira CONNORSA de Vilaboa. Alí botou 3 anos entre 1986 e 1989 ata que quedou embarazada e casou co seu marido.

Para conciliar mellor o traballo e a crianza, Celia decidiu regresar a froitería familiar despois de ter a súa primeira filla 

Aquel negocio familiar xurdira de maneira natural e como evolución lóxica da actividade que Mucha “A Pelusa”, nai de Celia, levaba facendo moitos anos. 

Antes de montar a froitería situada na rúa Manuel Graña, “A Pelusa” tiña un almacén na rúa Cega onde acumulaba sobre todo as mazás que traía da Estrada ou incluso desde Ponferrada, e ademais de venderlle froita aos mariñeiros da ribeira, tamén ía pola rúa co carro cheo de froita na busca de clientes.

Celia retornou ao negocio familiar logo de dar a luz a súa primeira filla e cando Mucha se xubilou, colleu o relevo. Co paso dos anos converteuse nunha gran vendedora, pero tamén nunha agricultora incansable traballando o pequeno terreo que ten na súa casa e unha finca da familia do seu marido da que quitaron as viñas e onde cultivan algunhas das cousas que vende na froitería.

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO
Dende 2015 a froitería de Celia cambiou de ubicación e se atopa no número 13 da rúa Manuel Graña de Cangas.

Celia foi diagnosticada de Linfoma de Hodgkin no ano 2013 e iso cambiou a súa perspectiva da vida

Nunha cita médica á que acudía con certa preocupación, Celia foi diagnosticada de linfoma de Hodgkin. Cando saíu da consulta falou por teléfono coa súa nai, que curiosamente quedara acompañada por Fina Acuña, e non tivo valor de dicirlle que acababan de confirmarlle que sufría ese tipo de cáncer.

Cando chegou a casa, Fina achegouse a ela para felicitala porque cría que lle dixeran que todo estaba ben, pero Celia explicoulle que mentira porque non quería desgustar a súa nai e que lamentablemente non traía boas novas.

Sempre se di que nestes casos é moi importante manter unha boa actitude e Celia non deixou que a enfermidade lle quitase un ápice da súa positividade. 

Nun principio intentou continuar con normalidade coa súa actividade laboral, pero como a súa filla viña de rematar os seus estudos de Educación Infantil e lle botaba unha man na tenda, decidiu contratar tamén a súa cuñada e aproveitar as tardes para facer actividades.

Nas súas propias palabras, a intención era “disfrutar do momento e do que fagoe neste sentido, ADICAM, da que xa levaba sendo socia dende o principio, foi un espazo onde compartir as súas inquedanzas coas compañeiras e un apoio moi importante para levar mellor o aspecto psicolóxico e as consecuencias do tratamento.

Participaba en todas as iniciativas que se levaban a cabo e foi nunha convivencia de mulleres que ADICAM organizou en Panxón onde coñeceu ao doutor Jorge Cameselle, polo que Celia sinte moito cariño e admiración e que a día de hoxe é o seu compañeiro inseparable nas sesións de risoterapia que organizan. Comezaron a facelas para diferentes tipos de colectivos como Aspamsim ou Alento, pero tamén levaron alegría a planta de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro e traballaron con persoas con síndrome de down, crohn, ictus, etc.

Sesión de risoterapia no Diversum Concept Cafe de Vigo, unha cafetería que loita pola inclusión social de persoas con discapacidade.

Precisamente no local da asociación Alento en Navia impartían talleres de risoterapia para socios de diferentes asociacións e formaban aos seus monitores para que puidesen realizar ese tipo de actividades nos seus centros. Grazas a isto, agora adican todo o seu tempo as catro delegacións de ADICAM e unicamente participan con outros colectivos cando estes o demandan.

Ao longo dos últimos anos Celia participa activamente en moitos dos eventos e actividades que se organizan por todo o Morrazo

Celia está moi presente na vida social de todas as vilas do Morrazo xa que forma parte de moitos colectivos e sempre se mostra disposta a colaborar con outros se o precisan, sobre todo dende que está como presidenta da Asociación Cangas Vella.

Cada ano prepara un traxe diferente para cada día do Entroido, empregando materiais reciclados como globos, redes dos allos, cintas, etc. e a súa creatividade chega a tal nivel, que os seus clientes pasan a propósito pola froitería para admirar en primicia os seus modelos.

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO
Celia e compañía lucindo un dos seus coloridos traxes de Entroido.

Polo Samaín non deixa de sorprendernos cada ano cunha nova “performance” acompañada dos seus fieis compañeiros (A familia Adams, os malos de Disney ou o Rei León) e no Nadal tamén é unha das persoas máis animosas para poñer ambiente polas rúas da vila, incluso en fin de ano.

Ademais, dende fai algún tempo está á fronte dos veciños que elaboran as alfombras florais con motivo do Corpus Christi en Cangas. Dende moi nova xa participaba facendo unha alfombra na rúa onde a súa nai tiña a froitería. Cando os que dirixían foron faltando, Celia decidiu dar un paso adiante para que esa tradición non se perdese e agora se encarga do deseño dos debuxos e de xestionar o material para unha alfombra que foi crecendo ano tras ano ata alcanzar os 98 metros.

Tamén milita na Asociación Cunchas e Flores de Bueu e anteriormente formou parte da Asociación Alfombras de Bueu coa que viaxou a México e participou en varios encontros con alfombristas de toda Galicia e de España, pero tamén de Bélxica, India, Alemaña, Xapón, Guatemala, Italia ou Portugal. 

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO
Celia elaborando unha alfombra en Uriangato (México) cos seus compañeiros da Asociación Cultural Alfombras de Bueu.

E non podemos esquecernos da súa faceta como seareira da Marea Azul, apoiando ao Balonmán Cangas cada semana tanto no Gatañal como nos seus desprazamentos: Nava, Alcobendas, León, Santander,.. un sentimento que leva moi dentro dese gran corazón seu dende que, sendo unha nena, acompañaba ao seu pai a ver os partidos no vello pavillón de Romarigo.

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO
Unha das viaxes da Marea Azul para apoiar ao Balonmán Cangas.

Recentemente, recibiu un recoñecemento por parte de ADICAM

O pasado 7 de Outubro ADICAM decidiu facerlle a Celia un merecido recoñecemento tanto pola súa implicación nas actividades da asociación como por ser un exemplo, apoio e unha referencia para moitas mulleres que no seu momento tiveron que pasar por algún tipo de cáncer de mama ou xinecolóxico.

CELIA FERNÁNDEZ REQUEJO

Como titulaba o Faro de Vigo, Celia é “unha muller imprescindible”. Permitímonos engadir “orgullosa canguesa, traballadora e sempre disposta a aportar o seu entusiasmo e positivismo para mellorar a vida da xente“.

Queremos agradecer a Celia a súa predisposición para que puidésemos elaborar este artigo. Foi un verdadeiro pracer que compartise con nós algúns detalles da súa vida, os seus recordos e vivencias. Estamos convencidos que Cangas sería un lugar moito mellor se houbese máis persoas como ela.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Celia Fernández Requejo "La frutera" » A Illa dos Ratos

    […] Fernández Requejo “La frutera” (Cangas, 1968), tamén coñecida como Celia de ADICAM, é unha muller recoñecida en todo o Morrazo pola súa vitalidade, positivismo e bo humor, pero […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.