ALMA DO FOLCLORE E O BAILE GALEGO NO MORRAZO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.

Hoxe imos dedicar este artigo a unha muller entrañable á que lle  temos moito cariño e a quen veñen de nomear “Pregoneira das Festas do Cristo de Cangas 2023“. Dende que asistiu a unha das nosas primeiras rutas en Massó, a súa relación coa nosa asociación é tan especial que podemos afirmar rotundamente que a consideramos a avoa oficial de “A Illa dos Ratos”.

Carmiña Pérez Alonso (Vigo, 1938), ademais de ser unha excelente persoa, é admirada e coñecida pola súa extensa traxectoria no mundo do folclore galego e por ser a impulsora de varios grupos de baile tradicional por todo o Morrazo.

Carmiña Pérez Alonso descubriu a súa vocación sendo moi noviña

Carmiña naceu moi preto da ribeira do Berbés e, aínda que residía alí cos seus pais, dende ben pequeniña pasaba algunhas fins de semana coa súa avoa de Moaña.

Foi nesta vila morracense onde aos oito anos descubriu a súa paixón pola música e o baile tradicional galego o que a levou a participar nun grupo de baile da Sección Feminina baixo a tutela de Lola, a súa primeira mestra.

Cando cumpriu 15 anos o seu irmán Carlos animouna a participar da fundación do grupo “Vento das Cíes”. Era o ano 1954 e o grupo nacía inicialmente  enmarcado dentro das actividades do Sindicato Obreiro de Educación e Descanso de Vigo.

CARMIÑA PEREZ ALONSO

Este grupo pronto comezou a coller boa fama grazas á destreza dos seus membros, tanto homes como mulleres, pero tamén pola labor do seu director e mestre, un home chamado Pedro que cando tivo que emigrar a Venezuela por motivos persoais, deixou no seu cargo a José Iglesias Nieto “Melitón”.

Esta persoa marcaría moito a vida profesional de Carmiña polas súas ensinanzas. De feito ten declarado en varias ocasións que o considera un gran bailador e pandereteiro pero sobre todo o seu mellor mestre.

Con “Vento das Cíes” Carmiña Pérez Alonso percorreu varios países

Co grupo “Vento das Cíes” Carmiña percorreu toda España, e tamén tivo a honra de bailar noutros países como Portugal, Francia e Marrocos. Participou nos actos de  inauguración de TVE Madrid e da TVP Lisboa e incluso apareceu bailando na película “La casa de la Troya” rodada en Redondela en 1959 con Arturo Fernández como protagonista.

Con 17 anos un consignatario alemán pediulle que lle dera clases de baile galego as súas fillas para amenizar con “muiñeiras” as festas que ofrecía para os turistas alemáns no Clube de Campo en Vigo. Esta experiencia tívolle que gustar moito a Carmiña porque anos despois retomaría esta faceta como mestra de baile tradicional.

Carmiña Pérez Alonso casou e formou a súa familia nunha das vivendas sociais de Massó en Cangas 

No ano 1960 gañou un concurso de baile por parellas en Pontevedra xunto a José “Melitón” e seguiu bailando ata uns meses antes de casar co cangués Jose Cordeiro en 1965.

CARMIÑA PEREZ ALONSO

Naqueles intres contaba con 26 anos e como o seu marido traballaba como almaceneiro en Massó, a familia mudouse a Cangas onde a empresa facilitoulles unha vivenda a estrear.

Esta vivenda e as tres anexas compartían un patio interior e foron as últimas construídas dentro do complexo.

Os veciños do bloque eran como unha gran familia. Ademais de Carmiña e o seu marido Pepe Cordeiro, alí vivía Antonio, que era o vixiante da fábrica; Maximino “Chimiño”, que era pintor; e Manolo Graña, que traballaba nas oficinas e que era tío dos que teñen a cafetería “La Marina” de Cangas. Posteriormente esa vivenda sería asignada a Evaristo Moreno, un dos encargados da fábrica.

Cada familia pagaba 100 pesetas ao mes de aluguer social. Non pagaban auga porque tiñan pozo e dispoñían dun galiñeiro e horta.

Foron anos moi felices compartindo vida e soños á beira da gran fábrica. Os traballadores e traballadoras que residían dentro do complexo de Massó tiñan moi boa relación entre eles e todos os sábados pola tarde era habitual que se reunisen na cafetería do comedor social para falar das súas cousas, tomar un cafeciño ou ver a televisión, a primeira que existiu no barrio.

Despois de casar e coidar das súas fillas, retomou a súa carreira e adicouse á ensinanza do baile tradicional

A parella tivo dúas fillas, e Carmiña deixou temporalmente aparcado o seu amor polo folclore para coidar delas. Con esa nova situación o matrimonio comezou a vender enciclopedias Salvat para complementar e mellorar a economía familiar.

Co paso do tempo as súas fillas creceron e, despois de varios anos na Escola do Padroado de Massó, en 1974 pasáronas para o novo CEIP  San Roque. De feito, para a inauguración do centro, o director pediulle a Carmiña que conseguise uns gaiteiros.

Emocionada coa súa implicación na organización dos actos, falou co grupo “Airiños de Sampaio” e ofreceuse a preparar unha muiñeira cunha parella de baile que actuaría diante autoridades que acudirían para a ocasión.

Como non podía ser doutro xeito a actuación foi un éxito e seguramente por ese bo sabor de boca, ese mesmo ano Carmiña comezou a prepararse para impartir clases de baile tradicional nos colexios e centros culturais da contorna.

Seguindo o consello de Dna. Ana María Soto Landeira, asistenta social de Massó, Carmiña desprazouse a Madrid para asistir a diversos cursos de metodoloxía e posteriormente  matriculouse noutros cursos específicos de folclore galego que se celebraban en Lugo.

Ana María Soto Landeira e Carmiña Pérez Alonso despois de asistir ao funeral dun ex-empregado de Massó no ano 2017.

En setembro de 1975 Carmiña comezou a dar clases de baile galego nas instalacións do CEIP San Roque, actividade que se mantería durante  25 anos. En xaneiro de 1976 tamén iniciou un proxecto similar no CEIP do Hío.

Carmiña Pérez Alonso foi a responsable de que xurdisen multitude de agrupacións folclóricas de baile e música tradicional galega en todo o Morrazo

Grazas a esta faceta formativa en colexios, Carmiña conseguiu crear unha gran canteira de rapaces e rapazas que se afeccionaron ao baile e o folclore galego e aproveitando isto impulsou a creación de varios grupos. Moitos deles aínda manteñen a súa actividade nos nosos días.

Algúns dos grupos que axudou a fundar foron: Casa do Mar de Moaña (1978), Casa do Mar de Cangas (1978), Asociación Veciñal O Cruceiro de Hío (1984), Grupo Pais de San Roque (1986), Grupo de Danzas Antoxo de Bueu (1990), Grupo de Danzas Maruxía en Cangas (1992), Grupo de Danzas Xente Nova de Chapela (1994), Grupo de Danzas Ximalveira de Hío (1994) e Grupo de Danzas Soavela da Asociación Cultural de San Andrés do Hío (2007).

Coa súa xubilación chegaron para Carmiña Pérez Alonso as merecidas homenaxes pola súa labor cultural

Co paso dos anos foron moitos os nenos e nenas que pasaron polas mans de Carmiña, que sempre lle tiveron gran admiración e sobre todo moito cariño.

Por isto non foi sorprendente que no momento da súa “xubilación” sucedéranse unha morea de homenaxes.

No 2013 o Grupo de Danzas Soavela, da que Carmiña era directora no momento de poñer fin a súa dilatada traxectoria en 2007, organizou no auditorio municipal de Cangas a “Homenaxe a Carmiña Pérez Alonso” en recoñecemento pola súa gran labor achegando e fomentando o baile galego entre os habitantes do Morrazo.

Carmiña Pérez Alonso segue sendo unha muller vital e un referente para as novas xeracións do baile e folclore tradicional

A día de hoxe, no 2023, Carmiña segue sendo unha muller incombustible e chea de enerxía. Tras 38 anos adicada en corpo e alma ao folclore e ao baile galego , segue en plena forma colaborando na asociación A Cepa que tanto fai por manter viva a memoria de Cangas e dun xeito máis informal, segue amosando os seus coñecementos no grupo de baile “As faltriqueiras”.

Carmiña, no centro portando un abanico na man, coas súas “Faltriqueiras” e algúns membros de “Lume de Caroso” (2019).[/caption

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.