A HISTORIA DUN CANGUÉS DA ARMADA REPUBLICANA

Texto elaborado por Beatriz Iglesias Barreiro, Técnico de Turismo e familiar de Bernardo Blanco Rodal.

Este artigo que elaborei para o “Blog dos Ratos”, vai dedicado á miña nai, Lola Barreiro Blanco quen, con 84 anos, é unha gran sabedora de historias do Cangas de antes e coa que teño unha débeda pendente.

A curta historia de Bernardo Blanco Rodal, mariño republicano de Cangas, todo o que aquí se conta, é froito do escoitado e recopilado na “casa”, do que se recordan na familia Blanco da súa persoa, e tamén dunha pequena colaboración feita coa profesora da Universidade de Valencia, Victoria Fernández Díaz, especialista no exilio dos mariños da Armada Republicana.

Bernardo Blanco Rodal era un neno que quería ser mariño e percorrer os mares

Bernardo Blanco Rodal naceu en Cangas, no barrio do muelle, no ano de 1914. Foi un dos fillos menores de Joaquín Blanco e Dolores Rodal, concretamente o sétimo de nove irmáns. A súa nai faleceu de parto cando contaban poucos  anos, quedando ao cargo do seu pai.

Dende ben pequeno, Bernardo Blanco Rodal destacou na escola pola súa intelixencia. O seu mestre, D. José Monge, sempre dicía que daría un home de carreira, un gran científico, pois o que lle  apaixonaba eran o ceo e as estrelas, o que hoxe en día diríamos a astrofísica, pero sobre todo, o mar.

Pero non procuraba o mar para pescar, senón para navegar. Ao contrario que o seu pai e os seus irmáns, que se dedicaban á pesca, destacando todos como patróns, el decidiu que quería ser mariño, que non mariñeiro, pois a súa ilusión dende neno era ingresar na Armada. Mais logrouno.

Ingresou na Armada Española e chegou a ser oficial no buque Libertad

Entre os seus irmáns reuniron os cartos necesarios para costearlle as viaxes e ingresou voluntario na Armada Española, cando contaba tan só 14 anos. Alí aglutinou o mar, o ceo e as estrelas, tan interconectados no seu proxecto de vida, aprendendo a manexar aparellos de navegación como o sextante, o compás ou as cartas náuticas.

O sextante se empregaba para calcular a posición do barco tendo en conta as estrelas.

Formouse como mariño a bordo do buque escola Galatea, buque de instrución para formar aos futuros oficiais gardamariñas da Armada Española, e chegou a ser oficial no buque Libertad, aínda que tamén pasou polo Miguel de Cervantes, onde pertenceu ao primeiro comité de goberno de dito barco, nos inicios da guerra.

A deste valente mariño republicano foi unha vida familiar truncada pola Guerra Civil

Se non se tivesen desencadeado os acontecementos da Guerra Civil, Bernardo sería, entre outras cousas, o padriño de bautizo da miña nai, pois a miña avoa Lola, a súa irmá, estaba embarazada do seu segundo fillo, que nacería a finais de maio de 1936.

Na primavera dese ano, tiña pasado uns días en Cangas, traendo agasallos para as súas irmás: para Teresa, que nadaba moi ben, trouxéralle un traxe de baño que causara sensación entre as mozas da vila, e para Lola e Josefa, unhas mantas que aínda perduran nalgunha casa da familia….

Navegaban dun porto a outro, percorrendo a costa española, chegando incluso a desembarcar en Francia. Nesas paradas, cando estaban franco de ría, Bernardo adquiría sempre algún detalle para a súa familia.

Mesmo chegou a traer unha radio para o seu pai, cando tan só había unha no pobo, que era a do Casino. Mágoa que pouco durou na casa dito aparato posto que foi requisado polos falanxistas ao inicio da guerra.

A miña avoa sempre contaba que, no momento de despedirse do seu irmán, esa que sería a última vez que estivo en Cangas, xa tivera un presentimento, un mal presaxio, o de que non chegaría a ser o padriño da súa filla Lola, que estaba a piques de nacer. En definitiva, presentía que non volvería velo nunca máis. Realmente, esa foi a súa última vez coa familia e na súa vila natal.

O Galatea e o Libertad foron os dous buques onde estivo máis tempo

O Galatea fora construído a finais do XIX nun estaleiro de Glasgow, funcionando como mercante británico na súa primeira etapa, e posteriormente, empregado pola Armada Inglesa na Primeira Guerra Mundial.

Logo foi comprado por unha navieira italiana para transporte de mercancías e finalmente foi adquirido polo goberno español no 1922 para convertelo en buque escola ao servizo da Armada Española, onde permaneceu ata 1982. Nel formouse Bernardo como gardamariña.

O cruceiro Libertad foi o buque insignia da Mariña de Guerra da República Española, chamado primeiramente Príncipe Alfonso e rebautizado como Libertad coa chegada da Segunda República.

Foi botado nun estaleiro de Ferrol en 1927 e permaneceu en activo ata 1970. Neste buque estaba destinado Bernardo, ascendendo de categoría ata chegar a oficial como alférez de navío.

Os que coñeceron a Bernardo Blanco Rodal, o recordan como un bo compañeiro, mellor persoa e heroe de guerra

En outubro de 1938, na fronte de Levante, estando o barco no porto de Cartaxena, unha bomba da aviación inimiga entrou no Libertad, provocando un incendio nun pañol.

Aínda que non estaba de garda nin o accidente afectara á súa sección, Bernardo entrou no barco para intentar salvar vidas e evitar a perda do Libertad, sen preocuparse do perigo que corría.

Os gases do incendio producíronlle unha gravísima intoxicación que causou o seu falecemento.

Conservamos varios recortes de prensa daquelas datas, e todas as descricións coinciden en que foi un heroe, pero sobre todo, en que era moi bo compañeiro e mellor persoa. Este é un deles:

A historia de Bernardo Blanco Rodal quedou recollida no libro “El exilio de los marinos repúblicanos”

Tal e como se recolle no libro de Victoria Fernández Díaz, El exilio de los marinos republicanos, “….el heroísmo y aguante de los marinos bajo las bombas quedó confirmado el día del entierro del oficial de guardia del buque Libertad, Bernardo Blanco Rodal, de Cangas, que murió por intoxicación de gases al producirse un incendio en el crucero. Durante su entierro, en el cementerio de los Remedios de Cartaxena, se produjo un ataque aéreo de la aviación italiana y los muchísimos marinos que asistían al acto aguantaron formados e impávidos al lado del féretro hasta que los aviones se alejaron y se le dió sepultura….”.

A raíz de que Victoria Díaz nos facilitase a información, contactamos á súa vez, co arquivo municipal de Cartaxena, para intentar indagar sobre o paradoiro final de Bernardo.

Efectivamente, dende o arquivo nos informaron de que, unha vez revisados os rexistros de enterramento do cemiterio municipal de Nosa Señora dos Remedios, no barrio de Santa Lucía, o 6 de novembro de 1938, ás 11 horas, fora enterrado na Fosa 2738. Medio ano despois, remataba a Guerra Civil Española dando paso a unha ditadura que perduraría ata a morte de Franco no 1975.

Aquí, en Cangas, non houbo bombardeos, nin houbo ataques por mar, nin houbo refuxios antiaéreos, aquí houbo chivatazos e rifas que se viñan xestando dende había un tempo….

Beatriz Iglesias Barreiro
+ artigos

Técnico de Turismo.

Secretaria da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.