SEMBLANZA DA VIDA DE BERNARDINO GRAÑA VILLAR

Texto elaborado por Héitor Mera Herbello, profesor de lingua e literatura galega e coautor do libro “Conversas con Bernadino Graña”.

A ESMORGA LIBRERÍA E PAPELERÍA. Rúa San José, 18 en Cangas.

Bernardino Graña nace o 27 de setembro de 1932 nunha casa fronte ao mar na vila mariñeira de Cangas de Morrazo. Dende moi novo aprende, a cabalo entre Cangas e Ribadavia –vila esta última á que a familia tivo que marchar por mor das consecuencias da Guerra Civil– dos xogos infantís e das distintas experiencias que a vida vilega e rural –pasaba temporadas na casa dos seus padriños en Darbo– lle ían achegando.

Xa daquela, ademais dos xogos, os contos populares, que tanto influíron na súa traxectoria como creador, foron forzando un espírito e sensibilidade hoxe manifesta e evidente.

Xa adolescente ten que ir todos os días de Darbo a Vigo para cursar o bacharalato no instituto Santa Irene. Alí estuda sobre todo as materias propias das Humanidades –tendo moi claro que o seu pai mestre era moito máis docto na arte de explicar– e deixando de lado as matemáticas, disciplina non moi achegada aos seus intereses.

Ese déficit fai que non aprobe esta parte do Exame de Estado que tiña que facer ao final do seu percorrido no instituto e procurar poñerse ao día nunha academia na que o destino o leva a coñecer a un rapaz de Tui. Esta será a primeira conexión que Bernardino Graña teña con Faustino Rey Romero ao que lle pasaba os seus versos a través do compañeiro de academia.

A relación foi frutífera e moi cedo entra en contacto co equipo de redacción da revista viguesa Alba. Alí relaciónase con Celso Emilio Ferreiro, con Ramón González-Alegre Bálgoma, o propio Faustino Rey Romero, Cunqueiro, Manuel María, Otero Pedrayo e cunha serie de persoeiros que o introducirán no mundo da literatura galega e que, pouco e pouco, o irán “galeguizando”.

Nese sentido entendemos que Bernardino é afortunado por ter uns contactos e un mundo tan especial ao alcance da man desde tempos tan achegados á xuventude ou mesmo á adolescencia. Tamén está en contacto con revistas doutros lugares da península das que fai recensións dos seus números recén editados e ás que envía poemas.

Bernardiño Graña cursou estudos nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid

Logo chega a etapa universitaria. Percorre tres universidades antes de licenciarse: Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid. En todas elas deixou pegada. Non en balde, nada máis chegar á universidade compostelá gaña o Premio das Festas Minervais e  xa adquire certa sona como poeta.

Ten relación con Ferrín, Gustavo Docampo, coñece a Otero Pedrayo e a Aquilino Iglesia Alvariño. En Salamanca forma parte do grupo poético La Marabunta e colabora coa revista Clavero para, xa en Madrid, formar parte do grupo Brais Pinto. En Madrid publica o seu primerio poemario na colección que leva o nome do mesmo colectivo. Ese primeiro libro foi Poema do home que quixo vivir (1958).

Despois de participar activamente na súa vida universitaria pasa un curso no colexio Fingoi de Lugo no que prepara Contos populares da provincia de Lugo (1961) que, aínda que nos créditos aparece como mérito de Ricardo Carballo Calero, quen fixo realmente a escolma e edición foi Graña talmente recoñece o profesor ferrolán nunha carta que lle envía a Cangas.

Despois desta experiencia en Lugo gaña a súa praza e bota moitos anos traballando por distintos institutos do Estado español. Neste periplo vai dando gran parte da súa obra poética, dramatúrxica e narrativa. Agora ben, estar fóra non implica non estar en contacto con Galicia e implicarse cos diferentes proxectos que se van desenvolvendo no País a prol da normalización cultural. Non esquezamos que é un dos fundadores do PEN Club de Galicia e membro fundador e primeiro presidente da AELG.

Participou dos tres grandes xéneros literarios: poesía, dramaturxia e narrativa

A obra poética de Bernardino Graña abrangue títulos tan senlleiros para a literatura de Galicia como son Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes volveran Sar arriba e sementaran (1980), Sima-cima do voar do tolo (1984) ou sen sombra e sen amor (2004), entre outros.

En canto a narrativa destacamos Fins do mundo (1974) e Protoevanxeo do neto de Herodes (2006).

Da súa dramaturxia destacamos sobremaneira 20.000 pesos crime (1962) e para rematar, a respecto da súa obra infantil, xénero no que foi pioneiro en Galicia, O león e o paxaro rebelde (1969), Planeta de ratos tolos (1990), O gaiteiro e o rato Pérez (1994) ou Rata linda de Compostela (1994).

Queda visto neste pequeno resumo que Bernardino Graña non só participou dos tres grandes xéneros literarios, senón que o fixo destacando en cada un deles e, acorde co seu talento, innovando e deixando un legado en forma de obra que é un dos maiores orgullos do noso sistema literario.

Xa sexa pola súa poesía da materia, política ou ecolóxica; xa sexa pola aparición da obra dramática en chiscadela ao xénero negro e de suspense; por iniciar un percorrido vizoso no ámbito da literatura infanto-xuvenil ou por deixarnos unha das novelas máis interesantes de principios de século no que pon en tea de xuízo todo o que se nos contou sobre a relación entre Xesús e Herodes, está claro que posuímos a fortuna de contar cun dos grandes autores, clásico en vida, da nosa literatura en Cangas para Galicia.

É un enorme honor para nós como pobo que á altura dun Castelao, un Cunqueiro ou un Celso Emilio, Cangas estea gravada a lume nas asociacións literarias do País e de fóra grazas ao inxente labor dun home que sempre, sempre quixo vivir para deixarnos moitos dos mellores achádegos da literatura de nós. 

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos

7 comentarios

  1. Xosé Manuel Pazos Varela, un hombre de cultura, honrado y generoso (IV) » A Illa dos Ratos

    […] su faceta creativa como dramaturgo y escritor. Incluso tuvo tiempo de componer poemas dedicados a Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas o Vidal Bolaños, algunos para regalar a sus alumnos con […]

  2. Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (IV) » A Illa dos Ratos

    […] faceta creativa como dramaturgo e escritor. Incluso tivo tempo para compoñer poemas dedicados a Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas ou Vidal Bolaños, algúns para regalarlle aos seus alumnos con […]

  3. Cangas en la literatura » A Illa dos Ratos

    […] «Irei a Darbo» con Bernardino Graña y la «Oda composta aos mariñeros de Cangas, homes de vento e fume». Nos acercamos al santuario […]

  4. Cangas na literatura » A Illa dos Ratos

    […] “Irei a Darbo” con Bernardino Graña e coa “Oda composta aos mariñeiros de Cangas, homes de vento e fume”. Achegámonos ao […]

  5. Serafín Graña Rúa, moito máis que un poeta popular e carteirista » A Illa dos Ratos

    […] 25 destacados poetas galegos entre os que se atopaban Manuel María, Xosé Luis Mendez Ferrín ou Bernardino Graña, entre […]

  6. Pepe Santos Rodríguez, "O poeta" » A Illa dos Ratos

    […] Pero para chegar a este punto pasan moitas cousas de por medio. Ao rematar a guerra, Pepe volveu á súa querida Cangas. Pasaba os domingos visitando enfermos e persoas necesitadas, ás veces, co seu bo amigo e tamén escritor Bernardino Graña. […]

  7. Asociación Cultural A Cepa » A Illa dos Ratos

    […] xornadas dedicadas á muller, xornadas á lingua e homenaxes e actos a escritores, Bernardino Graña, Pepe poeta, Serafín, Cecilio Rial, Manuel María, Rosalía de Castro, cursos de iniciación e […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.