A TRADICIÓN CENTENARIA DAS ALFOMBRAS FLORAIS DE BUEU

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información facilitada por Carmen Santos e Manuel Alonso, Presidenta e Vicesecretario da propia Asociación Cultural Alfombras de Bueu.

LA FIORENTINA. Deliciosos xeados artesáns na rúa Félix Ozámiz, 6 de Cangas.

Hoxe imos achegarnos a una tradición centenaria da Vila de Bueu, as súas alfombras florais. Viaxaremos ao século XVIII para coñecer os seus inicios vinculados á celebración do Corpus Christi e a continuación falaremos da súa continua evolución ao longo de todo o século XX ata converterse nun importante atractivo cultural e turístico.

A orixe das alfombras florais de Bueu estaría vinculado coa celebración do Corpus Christi

A festividade do Corpus Christi instáurase en Bueu a partir do século XIII e esténdese posteriormente por todas as parroquias da vila ao longo do século XIV. Na parroquia de San Martín de Bueu atopamos documentos escritos do século XVIII que avalan a celebración desta festividade, de feito, segundo estudos do investigador Arturo Sánchez Cidrás, xa no ano 1740 aparecen referencias nos libros de “La Cofradía del Santísimo Sacramento” nas que se fala dos gastos xerados con motivo do festexo.

Pero non sería ata o ano 1913, cando aparecería un artigo no periódico local “El Adelanto do día 1 de xuño no que se dicía que “Flores, inciensos, espadañas, son finos aromas que arroban el espíritu hacia Dios….” en referencia ao Corpus Christi na vila.

Non se teñen localizado ata o momento máis referencias escritas pero o que si é seguro é que esas flores, fiúnchos e espadañas estendíanse sobre os camiños polos que pasaba o Santísimo para que a sagrada forma non pisase o chan e discorrese sobre a purificada alfombra no seu percorrido.

Estas maneiras primitivas seguiron existindo, incluso nos peores anos da Guerra Civil, ata que mediados os anos corenta, probablemente entre 1945 e 1948, produciuse unha gran evolución coa introdución de serraduras procedentes dos estaleiros de ribeira e talleres artesanais de carpintería do pobo, un claro exemplo da gran influenza que o mar sempre tivo no deseño e a execución destes traballos.

AS ALFOMBRAS FLORAIS DE BUEU (I): ORIXE E EVOLUCIÓN
Alfombras florais na Banda do Rio a mediados do século XX.

Estes serraduras eran tinguidos en diversas cores empregando anilinas e tinturas ao auga e, ante a escaseza de flores naturais, engadíanse aos materiais que xa se viñan empregando dando como resultado unhas alfombras máis densas e coloridas.

Tamén se aprecia, nas fotografías das que dispoñemos, como xorden nese tempo as primeiras formas xeométricas, que se realizaban empregando moldes feitos con cartón e co paso do tempo de madeira, o que permitía que quedasen máis perfectas.

Co paso dos anos optouse por empregar preferentemente a masa vexetal fronte ás labras e serraduras, e para dispoñer de materia prima suficiente botábase man dos campos próximos aproveitando todo tipo de flor, semente ou talo que fora posible de incorporar aos traballos.

Como é lóxico a situación xeral foi evolucionando e a xente que participaba na elaboración das alfombras, plantaba especies vexetais que lles permitisen logo dispoñer de flores de diversas variedades e cores nas datas dos traballos. De feito, unha das particularidades das alfombras de Bueu, desde sempre, é que o material empregado na elaboración das mesmas procede da procura no medio natural ou en plantacións preparadas para tal fin, recurrindo unicamente de forma puntual á compra de materiais adicionais.

Co paso do tempo o xeito de organizar as alfombras do Corpus en Bueu pasou dun modelo no que eran diferentes colectivos os que coordinaban os traballos a outro no que a decisión sobre o deseño e elaboración quedaba en mans dos propietarios das vivendas situadas por onde pasaba a procesión

Nos inicios desta tradición foron distintos colectivos os que promovían a realización destes traballos florais con motivo da celebración da festa do Corpus Christi onde, como xa dixemos, o habitual era que se estendera a materia vexetal polas rúas nas que ía pasar logo a procesión.

Co paso dos anos a responsabilidade pasou directamente as familias propietarias das casas situadas nas rúas polas que pasaba a procesión, de xeito que eran elas as que decidían sobre a elaboración dos tapices que se creaban fronte as súas propiedades.

Isto ocasionou que os deseños incluíran infinidade de novos motivos xeométricos ou antropomorfos, relixiosos ou laicos, xerando unha ampla diversidade imaxinativa que atraía ano tras ano a gran cantidade de público, incluso de lugares afastados, para admirar os traballos.

Nos anos oitenta xurdiu un novo impulso coa chegada de novas formas de traballar, sempre cun carácter claramente distintivo, que permitían facer alfombras que eran case como as téxtiles persas, con gran creatividade nos deseños e incorporando motivos innovadores.

Así xurdiron nesa época cualidades que permanecen nas alfombras que se realizan a día de hoxe e que a continuación se citan:

  • Para o perfilado do debuxo, inicialmente se empregaban sementes de eucalipto, as súas tapas ou outros vexetais como a árnica. Nesta época comeza a introducirse material procedente da costa, como cunchas de diversas especies como berberechos, ameixas, vieiras, mexillón,…
AS ALFOMBRAS FLORAIS DE BUEU (I): ORIXE E EVOLUCIÓN
Árnica que se empregaba tradicionalmente para perfilar nas alfombras florais.
  • Nesta liña, calquera elemento procedente do mar é empregado a día de hoxe nas alfombras de Bueu, ben como perfilados ou tratándoos para facer recheos únicos que permiten orixinais efectos visuais.
  • Ademais, estase ensaiando co uso de labras metálicas (aluminio) e co papel (origami).
  • Tamén se buscan solución a problemas como o vento do Norte ou a chuvia nas rúas da vila, condicións que obrigan a enxeñar técnicas que minimicen o efecto destas inclemencias meteorolóxicas nos traballos.

Dende o 2015 a Asociación Cultural Alfombras de Bueu é quen asume a responsabilidade de organizar as alfombras no día do Corpus Christi e poñer en valor esta tradición

Nos últimos anos, aínda que a realización das alfombras en Bueu tivo sempre unha vocación familiar vinculada as vivendas polas que pasaba a procesión, estase retornando a unha realización colectiva das alfombras encabezada pola Asociación Cultural Alfombras de Bueu, da que falaremos no seguinte artigo.

AS ALFOMBRAS FLORAIS DE BUEU (I): ORIXE E EVOLUCIÓN
Alfombra floral na rúa Eduardo Vincenti.
Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. As alfombras florais de Bueu (II): A A.C Alfombras de Bueu » A Illa dos Ratos

    […] contamos na primeira parte deste artigo adicado á historia do alfombrismo en Bueu baixo o título As alfombras florais de […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.