UNHA SAGA IMPORTANTE DE MULLERES POXADORAS DE BUEU
Texto elaborado por José Manuel Dopazo Entenza, colaborador externo do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela). Fotografías do Arquivo Dopazo, o arquivo familiar das “xulianas”.
O gran problema co que nos atopamos na recuperación da memoria colectiva é que as mulleres apenas aparecen e, muitas das veces, non temos coñecemento dos seus nomes. En cambio, no caso das Xulianas, foi precisamente o nome desa muller iniciática o que perdurou mesmo até o día de hoxe. Orgullosamente, eu son da familia das Xulianas.
Xuliana Conde, a iniciadora da saga de poxadoras de Bueu
Xuliana Conde González naceu en San Xián de Marín en 1843. Proviña dunha familia humilde, dedicada aos oficios do mar. Era unha muller de baixa estatura e de carácter serio. Chegou a Bueu na década de 1860, con 20 anos, onde casou con Antonio López, veciño das Meáns.
A partir de aí, pasaron a alugar unha casiña en Montero Ríos 75, ao lado mesmo da praia, xa que el era mariñeiro. Nesa casa de dúas alturas e un pequeno terreo atrás, criaron os cinco fillos que lles viviron: José, Francisco, Manuel, Ángel e Concepción.
Deste modo, xa en pleno centro neurálxico da actividade pesqueira e comercial de Bueu, Xuliana comezou a vender a captura do seu home. Aos poucos, fíxose coa venda doutros barcos até se lograr facer un nome na vila. Pasar da venda á poxa foi un proceso case natural. Xa que logo, foi incorporando novos armadores e establecendo relacións coas puxantes empresas conserveiras.
Morreu en Bueu cara a 1914, non sen antes deixar o negocio familiar en mans da súa única filla, Concepción. En palabras da súa neta máis nova, Fita: “Abuela Xuliana traballaba no mesmo que mamá. Seino porque abuela Xuliana deixoulle a mamá a ventaxa. Foi a primeira que traballou diso aquí en Bueu”.
Tamén deixou unha débeda con Antonio Barreiro de 50 pesetas (1) que necesitaba para un neto hospitalizado. Por suposto, os seus herdeiros saldárono ao ano seguinte, con todo, dános unha visión do valor que Xuliana daba á unidade familiar.
(1) O soldo feminino en 1914 era de 1,23 pesetas diarias en xornadas de 10 horas.
Concepción López Conde, máis coñecida como Siña Conseusión a Xuliana, foi a segunda muller poxadora da saga
Siña Conseusión foi a filla mais nova e única de Xuliana Conde. Naceu no lugar da Praia en 1882 e desde moi pequena encargouse dos labores da casa, así como de ir coa súa nai á poxa do peixe para aprender o oficio. Desde que Xuliana non puido continuar poxando, Conseusión tomou as rendas.
Casou con Manuel Dopazo (natural da Carrasqueira) a inicios de 1900. O matrimonio trasladouse á mesma casa na que Conseusión se criara. Alí tiveron catorce fillos, dos cales só lles viviron oito: Concepción, Consuelo, Carme, Manuela, María, Manolo, Santiago e Fita.
Os rexistros e documentación relacionada coa venda de peixe estaban a nome do seu marido Manuel Dopazo. Con todo, era Conseusión a encargada de poxar o peixe, cobrarlles aos compradores e pagarlles aos mariñeiros.
Tiña a teima de que os mariñeiros debían cobrar cada semana polo seu produto, independentemente de que os grandes empresarios só pagasen a final de mes (cando non se demoraban máis). Isto explica que vivisen toda a vida de aluguer e non puidesen xuntar uns aforros para mercar casa de seu.
As fillas maiores foron regateiras, polo que parte do produto poxado quedaba na casa para vender. Ademais Manolo actuou por un tempo de poxador como posíbel sucesor da nai. En cambio, foi María quen seguiu adiante co oficio familiar desde o momento en que Conseusión xa non se puido facer cargo, ademais de pola enfermidade do seu irmán Manolo (padecía dos bronquios e fumaba acotío).
Na década de 1950, tras a morte do seu marido, Conseusión empezou a dar síntomas de demencia. Desde ese momento, Manuela encargouse de todo o traballo da casa (incluída a crianza das súas fillas e parte das súas sobriñas), e María tomou a poxa como oficio propio.
En 1969, Concepción López morreu en Eduardo Vincenti 46, coidada e arroupada polas súas fillas e netas.
María Amada Dopazo López, máis coñecida como María a Xuliana, naceu no lugar da Praia en 1914
María a Xuliana era unha muller de forte carácter e conviccións firmes. Comezou estudos de costura coa idea de que o seu futuro se proxectase cara a este oficio. De nova, namorou dun rapaz de ideas progresistas, con todo, o pai non lle permitiu estar con el, polo que María decidiu que non ía casar. Ao longo da década de 1940, comezou a acompañar a nai na poxa e no traballo de oficina.
María Amada Dopazo López, máis coñecida por María “A Xuliana” (1914-1994)
Nesta época tiveron que deixar a casa que alugaran durante case oitenta anos para se trasladaren a Ramón Bares nº12 (en 1943). Foi un golpe grande xa que supuña abandonar a casa familiar en aras dun novo destino. Nesta casa é onde tivo a súa única filla, de solteira, en 1947. Deste modo, na unidade familiar estaban os dous vellos (Conseusión e Manuel), Manuela e María, así como as súas respectivas fillas (Lela, Luísa e María Dolores).
Sete anos máis tarde volvéronse mudar para Eduardo Vincenti 46. En todos estes traslados, Conseusión, Manuela e María foron as encargadas de toda a organización. Iso non as deixaba exentas da poxa e venda de peixe, así como dos labores domésticos e o coidado das fillas. En decembro de 1957 morreu Manuel Dopazo, o que supuxo un duro golpe para a familia. Por unha banda, Siña Conseusión entrou nun estado de deterioro cognitivo progresivo e, xa que logo, María fíxose cargo do traballo de poxa, venda e oficina. Por outra banda, Manuela coidou tanto do pai como da nai até a morte.
Desde 1963, María tomou a súa sobriña Luísa como sucesora ensinándolle o labor de venda e poxa do peixe. En certa maneira, fíxoa a súa sucesora e herdeira no oficio familiar. María xubilouse en novembro de 1983, aínda que continuou case até finais asistindo á venda na lonxa. Morreu na súa casa do Ramal dos Galos en novembro de 1994. Era o día de San Martiño, polo que estivo rodeada de toda a familia, como era habitual nestas festas.
Manuela Dopazo López, irmá de María, naceu na Praia en 1909 (2)
Manuela Dopazo López (1909-1994)
Malia que é unha das Xulianas menos coñecidas, o seu labor foi imprescindíbel para que toda a familia puidese funcionar. Mentres que a súa irmá María traballaba na lonxa e na praza, é dicir, traía os cartos para a unidade familiar, Manuela posibilitoulle o traballo en tanto que se encargou dos labores da casa, da crianza das súas propias fillas (Lela e Luísa),da filla de María (María Dolores) e doutras sobriñas (Rosi). Ademais, foi ela quen coidou do pai, Manuel Dopazo, e da nai, Siña Conseusión. Sobre todo, tendo en conta que Conseusión requiría extrema atención derivada do seu estado de saúde. Foron dez anos de coidados diarios.
Polo tanto, a perpetuación deste oficio familiar da poxa non podería recaer en María se Manuela non se encargase do coidado doméstico. Morreu en maio de 1994, o día antes do seu aniversario, con todos os preparativos para celebralo rodeada dos seus seres queridos: as fillas, as sobriñas, as netas e o bisneto.
(2) Nas actas de nacemento das fillas, en realidade, figura que naceu en 1906, polo que se xera a dúbida.
Profesor de ensino secundario que dende fai moitos anos ven realizando investigacións de temas relacionados coa etnografía da nosa contorna. En 2022 publicou a obra "Até aquí podo contar. A lingua da Illa de Ons", unha obra divulgativa que nos mergulla na fala, historia e sociedade da Illa de Ons até o seu éxodo. A finais deste 2025 sairá un novo libro titulado "Domingo de Entroido, a maior alboirada. O Entroido na Illa de Ons", un manual onde se reconstrúen os ritos ligados ao Entroido na Illa de Ons desde finais do século XIX até a actualidade.
Tamén foi autor de artigos de investigación e entrevistas publicadas en diversas revistas tanto divulgativas como científicas, así como poñente en charlas en universidades por toda Europa para divulgar a nosa cultura e, sobre todo, a nosa lingua.
Un comentario
As Xulianas, a saga de poxadoras de Bueu (II) » A Illa dos Ratos
[…] Protexido: As Xulianas, a saga de poxadoras de Bueu (I) […]