Texto elaborado por José Manuel Dopazo Entenza, colaborador externo do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela). Fotografías do Arquivo Dopazo, o arquivo familiar das “xulianas”.
Tras o primeiro artigo que publicamos adicado as Xulianas, nesta segunda entrega o autor nos conta detalles interesantes das últimas representantes desta importante saga de poxadoras de Bueu e remata facendo unha reflexión sobre a necesidade de poñer en valor o seu labor e de darlles o recoñecemento que merecen pola súa relevancia na historia da nosa vila, xa que sen elas non se podería entender o desenvolvemento pesqueiro e industrial do Bueu do século XIX e XX.
Luísa Agulla Dopazo, coñecida como Luísa a Xuliana, naceu no lugar da Praia en 1936
Luisa era unha muller alta, de ollos azuis e de carácter esgrevio e mesmo arisco para quen non a coñecía. Desde pequena tivo problemas de saúde até que, aos dezasete anos, contraeu unha tuberculose que a postrou dez anos na cama.
Os seus avós investiron todos os cartos necesarios para que permanecese viva. Deste modo, con vinte e sete anos comezou a traballar man a man coa súa tía María. Luísa mostraba grandes dotes para o cálculo mental e isto facilitou que adquirise con rapidez os labores tanto da venda de peixe como da poxa.
Luisa Agulla Dopazo (1936-2017)
Ten comentado muitas veces que a forma de cantar na poxa era diferente da súa avoa, á súa tía e a ela mesma. Malia todo, a esencia era a mesma: ir baixando o prezo do lote desde unha cantidade fixada até o prezo mínimo en que o patrón permitía a venda. Neste caso, Luísa podía contar de un en un, de dous en dous, de cinco en cinco ou de dez en dez, de maneira descendente.
A inicios dos 80, aproveitou que a súa tía María se xubilaba, para deixar de ser autónoma e unir todos os barcos que levaban baixo a recentemente creada Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu.
Este cambio laboral non só implicou descargar parte do traballo que supuña ser autónoma (ademais de poxar e vender peixe, tiña todo o labor administrativo dos cobros e dos pagos), senón que tamén significou para a unidade familiar unha estabilidade inmensa.
É dicir, xa non debían ter uns aforros gardados para o pago dos mariñeiros e para imprevistos e, polo tanto, puideron por fin mercar unha vivenda de seu no Ramal dos Galos nº 3.
Anos despois, en 1993, afianzou a súa praza mediante oposición pública para a Xunta de Galiza. Para tal fin, Luísa tivo que preparar un temario teórico, así como un suposto práctico.
Por suposto, gañou a oposición, constituíndose como unha das primeiras poxadoras públicas de Galiza.
Luísa xubilouse en outubro do 2001 tras estrear a actual lonxa de Bueu. Desde ese momento, non volveu pisar nin a lonxa nin a praza, pois consideraba que xa lles dedicara demasiados anos da súa vida. En 2017, días despois de facer oitenta anos, morreu acompañada da súa familia máis próxima.
A última das Xulianas da que imos a falar foi Manuela Dopazo López, máis coñecida como Lela a Xuliana, que realizou unha importante labor dentro da unidade familiar
Lela naceu na Praia en 1934 e foi unha alumna avantaxada tanto na lectoescritura como nas contas. Cursou estudos de costura grazas aos que, posteriormente, traballou por conta propia.
Estivo emigrada desde 1956 até 1960 en Ondarroa (Euskal Herría), onde marchou para coser. Con todo, tamén traballou nas fábricas de conserva vascas cochando o peixe. Volveu a Bueu cando a súa avoa Conseusión enfermou. Deste modo, axudoulle á súa nai Manuela descargándoa de parte do traballo doméstico.
Manuela Dopazo López “Lela” (1934-2024)
Do mesmo modo que Manuela, Lela tamén criou varias fillas das súas primas como propias: María José, Conchi e Luísa e, durante un ano, Sandra. Ademais, encargouse da súa nai e de varias das súas tías: coidou a tía Consuelo, pois xa lle morrera o seu único fillo, e por suposto, a súa tía María, coa que compartía casa. Foi nai para as netas de María e avoa para a seguinte xeración (Manuel, Anxo, Xoán e David).
Igual que acontecía coa súa nai, o labor de Lela foi fundamental dentro da unidade familiar en tanto que Luísa era a encargada de traer o sustento económico ao fogar e Lela facía posíbel que a casa funcionase.
Por suposto, cando enfermou Luísa a principios de 2017, foi Lela quen afrontou de novo os coidados familiares. Lela morreu na casa con unha das súas fillas, Luísa Entenza, con total lucidez e tranquilidade en marzo de 2024. Foi a memoria da tribo que permitiu recoller e perfilar boa parte dos datos que aquí presento.
A saga das Xulianas cobra maior importancia para a historia de Bueu pola súa singularidade é a perdurancia no tempo do seu nome e do seu legado
Malia que temos constancia doutras mulleres que poxaron ao mesmo tempo que Conseusión (Rosa Rúa ou Zulema Piñeiro) así como o labor practicamente feminino de centos de regateiras (entre as que se atopa a maioría das mulleres desta familia), a saga das Xulianas cobra maior importancia para a historia de Bueu en tanto que a súa singularidade é a perdurancia no tempo do seu nome e do seu legado. Non hai mariñeiro xubilado nin, en certa maneira, aínda en activo que non lembre algunha destas poxadoras. Non se podería entender o desenvolvemento pesqueiro e industrial do Bueu do século XIX e XX sen nos mergullar nas relacións e no traballo desta saga de poxadoras.
Trátase dun labor calado e, en certa maneira, totalmente oculto (pensemos no caso da documentación na época de Siña Conseusión). Con todo, en pleno século XXI, xa é hora de que a vila de Bueu lles renda a homenaxe merecida e as coloque no lugar que merecen como facedoras de vida e dadoras de espírito para Bueu.
Profesor de ensino secundario que dende fai moitos anos ven realizando investigacións de temas relacionados coa etnografía da nosa contorna. En 2022 publicou a obra "Até aquí podo contar. A lingua da Illa de Ons", unha obra divulgativa que nos mergulla na fala, historia e sociedade da Illa de Ons até o seu éxodo. A finais deste 2025 sairá un novo libro titulado "Domingo de Entroido, a maior alboirada. O Entroido na Illa de Ons", un manual onde se reconstrúen os ritos ligados ao Entroido na Illa de Ons desde finais do século XIX até a actualidade.
Tamén foi autor de artigos de investigación e entrevistas publicadas en diversas revistas tanto divulgativas como científicas, así como poñente en charlas en universidades por toda Europa para divulgar a nosa cultura e, sobre todo, a nosa lingua.
Un comentario
As Xulianas, a saga de poxadoras de Bueu (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "MULLERES DA HISTORIA DE BUEU" […]