APUNTES DA HISTORIA DAS ILLAS CÍES (II)
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

A partir do século XII as Illas Cíes foron obxecto dunha ocupación monástica
Coa expansión monástica vanse instalar nelas pequenos eremitorios cluniacenses con actividade pesqueira que se acollen baixo a advocación de San Martiño na illa sur e San Estevo na illa norte, dependentes cadanseu dos mosteiros de Sta. Mª de Oia e de Coruxo.
Sería en decembro de 1122 cando Afonso VII lle dona a Celanova o cenobio de Coruxo coa illa de San Estevo de Sias, as salinas do Lagares e outros lugares próximos e a finais de 1142, o mesmo rei ratificaríalle a posesión da illa de San Martiño ao mosteiro de Sta. Mª de Oia e a xurisdición e couto de Coruxo coa illa de Santistevo de Sias, ao de Celanova, ambos beneditinos.
Aquí estivo en 1201 o rei Afonso IX asinando privilexios na fundación da nova vila de Baiona (antes Erizana) e máis tarde en xullo de 1228, o mesmo rei aínda lle volvería ratificar estas posesións ao mosteiro de Celanova igual que tamén o asumiría, en escritura de concordia, o bispo e cabildo de Tui en marzo de 1230.
Con todo, a medida que ía consolidándose a diocese tudense, os mosteiros de Oia (agora cisterciense) e o de Coruxo (bieito) estarían sometidos a fortes presións e preitos polo bispo ata que finalmente no ano 1416, o titular de Tui, Juan Castro, faría escritura de permuta con Celanova do mosteiro de Coruxo pola igrexa da Madalena e o mosteiro de San Xés en Ribadavia.
Mais esta escritura de troco foi considerada nula por Celanova pois non só non contaba co obrigado consentimento do Papa, senón que as rendas e beneficios en Ribadavia eran consideradas moi damnificadas e lesivas polo mosteiro ourensán, abríndose preito por este motivo pero os mosteiros de Coruxo e de San Estevo de Sías seguiron pertencendo a Tui a pesar da reclamación celanovesa.

Proba disto é que no ano 1420 o rei Juan II e o seu fillo Enrique IV concédenlle ao mosteiro de Santistevo de Cíes unha renda de 2.000 marabedís anuais sobre os décimos do peixe de Baiona.
Porén, sabemos que o 27 de xuño de 1510 o procurador Afonso González a instancias do arcediano compostelán vai arrendarlle este mosteiro a un ermitán chamado Cristovo Zapata sen termos máis noticias de como se resolveu este asunto.
O que si sabemos por un Apeo que localizamos na reitoral de Coruxo nos anos oitenta é que ao menos o mosteiro existente en Santistevo de Sias e os seus dominios pasarían á Mitra tudense por sentenza do provisor ao se resolver un preito ao seu favor (con Celanova?) no 19 de maio do 1520.

Posteriormente, con data de 19 de maio de 1528, o mesmo bispo de Tui Diego de Avellaneda vai aforarlle ao racioneiro da colexial de Baiona, Alonso González de Morente e máis ao bacheler Céspedes o “mosteiro, casa e oratorio de San Estevo de Sías, pertencente á Cámara de Coruxo, coas súas casas, casais, viñas, soutos, erdades iure e froitos, rendas e dereitos e dereituras coa obriga de pagaren dous ducados de ouro, dúas ducias de coellos e outras tantas de pescadas cada ano”.
A partir de mediados do século XVI a constante presenza de piratas e corsarios de distintas nacións inimigas de España provoca que as Illas Cíes queden deshabitadas
Os últimos datos do xa citado Apeo son de 1555 e anotan que o Casal de Santistevo de Sias xa pertencía en virtude de aforamento, a dona María Josefa de Sequeiros, viúva do capitán Francisco Morales quen á súa vez llo legaría ás monxas do convento de Santa Clara de Santiago que delegan o seu usufruto nas homónimas clarisas da cidade de Pontevedra.
A partir destas datas a permanencia na illa xa se faría imposible pola continua presenza de piratas e corsarios de distintas nacións inimigas de España e como sabemos, a finais do século XVI, o convento de Sías foi incendiado e saqueado polos corsarios de Drake, permanecendo logo as illas deshabitadas durante bastantes anos.
A comezos do XVII o bispo de Tui, Fr. Prudencio de Sandoval, visita o mosteiro de Coruxo do que temos noticias ata 1632 e no mesmo tempo, o visitador de Santiago, Jerónimo del Hoyo, alude á colocación dunha forca nas Cíes (posiblemente en San Martiño) por parte dos de Baiona. Ante este acto simbólico de xurisdición, sería o alcalde-xuíz de Cangas, dependente do arcebispo de Santiago quen reclamase as illas como súas, non tendo moito percorrido xurídico este asunto polas razóns documentais expostas anteriormente.
Desde 1635, a Mitra de Tui vai consolidar o seu territorio pois xa contaba coa igrexa colexial e dous hospitais na mesma vila de Vigo que aínda era de xurisdición temporal de Santiago de Compostela. No 1650 coa división de Galicia en sete provincias, nacería a de Tui, incluíndose tamén as Cíes na súa xurisdición.
A cartografía que coñecemos desde 1634 vai denominar case sempre a estas illas como Islas de Bayona, aínda que as veces tamén se empregan os nomes de Cias, Seyas, Sias
A cartografía que coñecemos desde 1634 vai denominar case sempre a estas illas como Islas de Bayona por ser esta localidade coa súa fortaleza, un dos portos reais que xunto co da Coruña tiñan este rango especial en Galicia.
A veces, os nomes de Cias, Seyas, Sias, acompañan ao de illas de Bayona e outras aparecen coas denominacións de San Martín, Faro e Monteagudo sendo que a segunda xa recibe este nome en 1784 o que vén demostrar a existencia dun faro marítimo anterior ao que se erguería logo en 1852.
O antigo faro está documentado nos seus restos ao sur da illa e denominouse da Porta por atoparse no paso entres as illas.
A partir de 1810, as Illas Cíes cobrarán vida de novo grazas a novas infraestruturas como as instalacións militares, as fábricas de salga ou o faro
A partir de 1810, as instalacións militares, as fábricas de salga, o faro, as expedicións cinexéticas, unha taberna… irían dándolle vida de novo ás illas, sobre todo á do Medio ou Faro e á do Norte, acollendo unha pequena poboación, maioritariamente de Cangas, adicada á pesca, á agricultura (millo e pataca) e ao pastoreo despois do peche das fábricas de salga.
Nestes anos e para a atención espiritual dos colonos é cando aparece a relación coa parroquia de Cangas e se fan logo, nos primeiros anos do século XX, as procesións marítimas, impetratorias da pesca, coa Virxe de Darbo.

Os procesos desamortizadores dos bens eclesiásticos (mans mortas) da primeira metade do século XIX propiciarían que moitas das terras útiles das illas pasasen a mans particulares, a maioría persoas con recursos pero poucas destas de Cangas.
Á vista do que sabemos, cabe concluír pois, que desde a perspectiva institucional, se quitamos a Baiona que nunca volveu reivindicar as illas, estas, desde o ámbito relixioso, que é a única base de litixio, tamén poderían ser reclamadas polo Concello de Oia (San Martiño ou Sur), polos beneditinos ou polas monxas de Santa Clara, senón fose polo proceso desamortizador de mediados do XIX.
Polo tanto, e no que respecta a Cangas, o asunto reclamatorio sobre as Cíes só lle afectaría exclusivamente no relixioso ao cura titular da parroquia canguesa, aínda que non nos imaxinamos a este párroco asumindo actualmente os oficios na capela existente (1963), sobre todo os domingos, para atender, ao menos, aos visitantes católicos das illas.
O que non sabemos é se hai demanda ou obriga de atención neste sentido como ocorre coa falta de médico, pois moito nos tememos que os turistas non viaxan ás Cíes para rezar, aínda que cabe a posibilidade de ofertar casamentos neste novo paraíso atlántico en vez de facelo en Nigrán, que está de moda, ou marchar a Bali e outros lugares exóticos.
Mais, tamén neste sentido relixioso, queremos tranquilizar ao cura de Cangas pois, ao menos desde a agregación das Cíes a Vigo, estas quedaron adscritas relixiosamente á parroquia denominada de San Francisco de Afuera.
Con todo, a última noticia aclaratoria sobre a posesión das Cíes vén da man do propio presidente da Xunta que afirma con rotundidade que estas e as demais do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia son Patrimonio Autonómico, admitindo con isto a súa responsabilidade no caos que reinou no transporte marítimo durante o verán de 2017.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
2 comentarios
Elvira Lastra
Moi moi interesante. Gracias Xerardo Dasairas
As voltas coas Cíes (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO […]