APUNTES DA HISTORIA DAS ILLAS CÍES (I)
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Aínda que nalgún momento declaren ás Cíes patrimonio da humanidade, é dicir de todos, as illas seguirán pertencendo xurisdicionalmente a Vigo, concello que percibiría as axudas da Unesco, se é que as hai, para o seu mantemento e conservación.
Quizais pensando só no aspecto crematístico, como todos sabemos o Concello de Vigo e máis a Xunta de Galicia, cadanseu de distinto signo político, en vez de poñerlle orde ao descontrol do turismo nas mesmas, andan á gresca, entre outras cousas, por esta declaración universal que xa abrangue case milleiro e medio de lugares e monumentos de todo o planeta.
A razón deste rifirrafe reside en que a administración viguesa, xa con moitos apoios locais de importancia, restrinxe esta petición exclusivamente ás Cíes mentres que a Xunta veu propoñer que a declaración se estendese a todas as terras peláxicas que compoñen o chamado Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas (PNMTIAG).
Ademais deste conflito entre administracións, tamén aparecen de cando en vez, voces discordantes que aínda seguen a reclamar que as Cíes son de Cangas en base a que na denominación eclesiástica local aparece designada a parroquia como de “Santiago de Cangas e Islas Cíes”…
Non é esta a primeira vez que se recorre a este argumento para facer este tipo de reclamacións pois xa o polémico alcalde de Cangas, Lois Pena, impulsaría esta mesma demanda, aducindo que o seu homólogo de Vigo, tamén socialista, as tiña en total abandono.

Nesta ocasión e despois no ano 1992, sería o Centro de Iniciativas Turísticas de Cangas quen volvese insistir no tema, sendo moitos os veciños que concluíron que isto non era máis que outra cortina de fume para desviar a atención en momentos de crispación social por asuntos de todos coñecidos.
Cremos que, nin daquela nin desta, vai mudar o status de pertenza territorial e xurídica a Vigo pois esta dirimiuse con Baiona hai case cento oitenta anos, segundo recolle a misiva que o xefe político da provincia de Pontevedra lle dirixe á Casa Real: «He dado cuenta a Su Majestad la Reina Gobernadora de las comunicaciones documentadas de Vuestra Señoría de 23 de noviembre del año anterior (1839), y 9 de mayo último (1840) relativas a las Islas Síes o de Bayona cuya pensión jurisdiccional reclaman los ayuntamientos de Vigo y de Bayona».
Como se pode deducir, Cangas non participou nesta reclamación das Illas Cíes que xa desde comezos do XIX e grazas a construción dalgunhas obras de defensa e ao establecemento dun posto dos carabineiros do Rei con cárcere, propiciaron unha seguranza que permitiría a súa repoboación.
O Concello de Vigo decidiu emprender accións legais para lograr que se lle adscribisen as Cíes o 9 de abril de 1839
Aínda que a gornición das illas proviña dos rexementos instalados en Vigo, non foron razóns militares as que levaron á súa adscrición a esta cidade, senón a polémica xurdida en xuño de 1837 ao establecer o influínte fomentador Ramón Buch unha fábrica de salga e un almacén de avituallamento de barcos na illa sur.
Ao tempo, na illa norte e tamén con autorización do goberno da provincia, establecería outra fábrica o fomentador Francisco Gil que tamén contaba cunha salga establecida en Temperáns – Hío.
Mais, estes fomentadores non só eludiron o pago do arrendo (29 e 27 reais anuais) á Deputación provincial senón que o señor Buch pretendía librarse do pago dos consumos e industria (entre 4 e 5 mil reais) en Baiona e Vigo polo que este concello decide emprender accións legais o 9 de abril de 1839.
Coas illas aínda tuteladas pola Deputación provincial, a corporación viguesa comeza a dar os primeiros pasos para evitar situacións como as comentadas e o 7 de maio do ano antedito solicitan do Goberno de Madrid a súa agregación ao concello, argumentando que:
“Las Yslas de Síes, yermas en otro tiempo, hace ya muchos años que se hallan bajo la protección y dependencia de las autoridades civiles y militares de esta plaza; por disposición de estos se han construido almacenes y labrado fortificaciones en ellas, de aquí iban los destacamentos; de aquí salieron los primeros pobladores; a este ayuntamiento se recurrió por ellos para que se le diese permiso para edificar y tomar terrenos; el mismo fue quien los demarcó y les puso en posesión de ellos y el señor jefe político de la provincia está bien orientado de que las islas Síes no se hallan en el día en el abandono que se supone y ha motivado el acuerdo de la Excelentísima Diputación de ponerlas bajo la dependencia y administración de estas autoridades”.
Xa que logo, o 23 de xuño de 1840 unha Real Orde, asinada pola raíña Isabel II, baixo a rexencia da súa nai, e os secretarios de Estado e da Gobernación, decretaba que “las islas Síes o de Bayona estaban comprendidas en la jurisdicción y términos del Ayuntamiento de Vigo”, cuestión que ratificaría o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 30 de xuño deste mesmo ano.

Estudos recentes concluíron que o suposto castro localizado no seu día é en realidade un asentamento da Idade Media
Algúns arqueólogos (non titulados) deixaron escrito que as illas mostraban un asentamento humano desde o paleolítico que continuaría logo cunha ocupación galaico-castrexa e romana. Porén, estudos recentes (2025) concluíron que o suposto castro localizado é un asentamento da Idade Media.
A mitoloxía creada arredor das Cíes, proviñente de fontes clásicas e cronicóns medievais, aluden a feitos históricos lendarios imposibles de contrastar. Xulio César, Craso, os Herminios, Erizana, Viriato… forman parte destes relatos ao igual que o seu nome de Siccas (secas), illas dos deuses ou as illas do estaño (Casitérides) chamadas Lancia e Albiano, nome que igual que o de Scilly nos levan ás illas Británicas, unha destas Albión, a pérfida…

As Deorum Insula (Cíes) e as Casitérides nun mapa antigo.
Aparte do atractivo mítico-relixioso que as insulae (San Brandán, Thule, Ávalon…) despertaban no medievo, non conseguimos encaixar o motivo da fundación por San Frutuoso dun pequeno mosteiro ou eremitorio nunha illa preto de Erizana (logo Baiona) que pola súa advocación debeu ser a de San Martiño. Mais, o interese fundamental das Illas Cíes (Sias), aínda que a documentación é escasa, debeu ser a abundante pesca nas mesmas e con tal proveito llas ratifica (con Ons, Sálvora, Framio, Tambo…) Ordoño II á igrexa de Santiago en 911 en cumprimento do testamento do seu pai Afonso III O Magno.
No ano 929, baixo Afonso IV, o bispo iriense Hermenexildo funda o mosteiro de San Xián na illa de Arousa pero como os frades pasaban necesidade deulle pro victu atque vestitu (mantenza e vestimenta) esta illa e as antes mencionadas, entre elas as Sias.
Porén, xa na altura do ano 1115, baixo o mandado de Xelmírez, a Compostelana xa non menciona as illas Sias como pertencentes ao territorio xacobeo, pasando estas quizais ao bispado de Tui con motivo de se restaurar o mesmo no ano 915.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
Deixa a túa resposta