ASCON: O ESTALEIRO DE MOAÑA LÍDER A NIVEL NACIONAL

Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.” Fotografías recollidas no libro “Moaña Historia Fotográfica, Tomo III” cedidas pola A.C Nós.

Pescanova e Ascon foron alternativas de emprego á pesca de altura ou á emigración para os moañeses

Para a man de obra moañesa da década dos 60 do século XX non só se abriron oportunidades laborais no mar de altura ou na emigración. A coincidencia no tempo de dous fenómenos empresariais de escala internacional e de alto nivel de emprego como Pescanova e Ascon, fixo que o estaleiro fose aquel lugar, en terra, que cobizaba todo traballador da ría de Vigo nun tempo de fuxida do traballo no mar de baixura, duro e inseguro.

Xoán Carmona Badía introdúcenos aos antecedentes do estaleiro Ascon:

Ata os anos 50 a gran empresa do naval vigués era Hijos de J. Barreras e a persoa clave José Barreras Massó. Nos anos 50 están traballando en Barreras o seu fillo, José Barreras Bolívar e o seu sobriño, Alejandro Barreras Barret que se converte no home de confianza, dende o punto de vista técnico, de José Barreras Massó. Alejandro Barreras, por dicilo así, é quen ten “o estaleiro [Ascon] na cabeza”.

É el quen trae a un enxeñeiro, que lle chamaban “o alemán”, Guillermo Gefaell, que tamén entra a traballar en Barreras. Cando Alejandro Barreras decide marchar e leva con el a Guillermo Gefaell, a finais dos 50, Alejandro Barreras é un dos fundadores de Ascon e Ascon nace co saber facer de Barreras que era o gran estaleiro de Vigo”.

A percepción dos traballadores no estaleiro apunta varios factores como o cambio de status que cita Lois Pena Viéitez (Moaña, 1949) traballar no Laton [Ascon] era un signo de calidade: non ías ao mar.

Julio Alonso Cebada (Vigo, 1949) fala da procura dun maior nivel salarial, os mellores traballos, en Vigo, eran Ascon e a banca. A seguridade e incremento das rendas dos traballadores creou no imaxinario popular unha especie de Eldorado, a partir de 1961 cando a percepción social era que non facía falta ir á CTE, a “Holanda” ou “á Pescanova” porque en Ascon, ‘gañábase ben a peseta’, e comezaron a mercarse motos, coches e a facer casas, recorda un José Díaz Calvar (1940-2019) que traballara na canteira previa ao estaleiro, despois no varadoiro, sendo encargado de montaxe en Ascon e estimando que antes de 1960 poderían traballar unhas 30 persoas no estaleiro. Ao longo da súa vida laboral foi vendo como gremios enteiros de Moaña, como os patróns e obreiros dos barcos de carga e transporte de Domaio –os “barcos da pedra”- foron entrando sucesivamente no estaleiro de Meira: “Joaquín de Rúa, Manolo de Concha, Varela, Antonio Regueira, Magallanes…, deixaron de andar co monico por enriba dos tablóns e, nunha semana, estaban todos a traballar de peóns”, resumindo que todo Meira e todo Domaio, aínda que foran de rapaces nas contratas, pasaron por Ascon”.

AS VOCES DE ASCON E CONSERVAS LA GUÍA
Nave de montaxe en Ascon. Anos 60. (Arquivo da A.C Nós. Libro “Moaña Historia Fotográfica” – Tomo III – Páxina 230).

A insistencia nunha mellor organización que o resto das empresas fabrís da ría, fosen estaleiros, conserveiras, etc., é citada tamén por Miguel Costa Fernández (1937), “a máis eficaz organización do traballo estaba en Ascon. Os obreiros de Ascon, a mediados de 1960, xa podían permitirse o luxo de comer no bar: non tiñan que levar fiambreira, nin que a muller ou a filla lles levase a comida, despois creouse o comedor”, o horario eran sete horas continuas máis tres de horas extras -“a velada”- e a “acción concertada” do sindicalismo vertical permitiulles ter a disposición dos traballadores economato, comedor ou caixa de compensación para baixas laborais duradeiras.

Podemos diferenciar dúas etapas na vida de Ascon

A primeira etapa (1961-1975) correspondería á propiedade de Román Davila, a aparición de Pescanova e a apertura dunha nova factoría do estaleiro en Teis, Vigo.

A segunda fase (1976-1984) estaría marcada polo cambio de dirección, a ampliación do cadro de persoal, a crise económica e a liquidación da empresa.

O cadro de persoal das dúas factorías (Meira, Moaña e Teis, Vigo) está formado por un número cada vez maior de empresas auxiliares que case multiplican por tres o número de empregados nos estaleiros (1.800 obreiros na empresa principal –dos que 451 eran residentes en Moaña- e 5.400 en empresas auxiliares chegaron a traballar no complexo naval) dando lugar a un microcosmos fabril organizado segundo as técnicas máis avanzadas da época en canto a loxística, produción, control dos tempos, seguridade no traballo, política social, etc.

A percepción de Ascon por parte dos traballadores era moi diferente en cada unha das súas dúas factorías 

Na percepción dos participantes neste proceso destacan algunhas características sociais distintas entre as dúas factorías: a factoría de Meira -a que conta coa súa maior parte do persoal de Moaña- non participa nas folgas laborais nin nas mobilizacións derivadas dos conflitos das empresas Citroen e Barreras en 1972, a primeira conflitividade laboral e política de relevancia na ría de Vigo durante o franquismo, sen embargo a factoría de Ríos (Vigo) é unha das que se suma ás mobilizacións obreiras e políticas.

Os testemuños deste proceso sociolaboral empregan conceptos –para o caso de Moaña- distintos para se referir á masa obreira do estaleiro como o de proletariado mixto:  político-sindicalmente conservador ou indiferente, normativo e pouco conflitivo.

O persoal da principal factoría de Ascon, en Meira (Moaña), de cultura rural e simbiótica, tería un concepto de empresa como estratexia económica familiar transmitida de pais a fillos, asumindo a cultura xermánica, paternalista, autoritaria e vertical implantada por Guillermo Gefaell: os pais van procurando a reprodución e supervivencia dos intereses familiares de, cando menos, dúas xeracións.

AS VOCES DE ASCON E CONSERVAS LA GUÍA
Eugenio, Roberto, Enrique Santomé “Ricucho” e Manolo en Ascon en1966. (Arquivo da A.C Nós. Libro “Moaña Historia Fotográfica” – Tomo III – Páxina 223).

Na factoría de Vigo había unha composición máis moza, urbana e reivindicativa –sobre todo no sector dos aprendices- dentro dunha organización do traballo máis horizontal, un proletariado urbano máis activo e concienciado sindicalmente, segundo Alberto Ruíz Montero (1949), enxeñeiro naval e director dunha das factorías. 

Os produtores de Moaña responderían así a un modelo de traballador asalariado que utiliza parte do seu tempo en labores complementarios ou economicamente activos –coidado das leiras e viñas, pesca ou marisqueo durante as campañas anuais, o que incrementaría o nivel de absentismo na fábrica- e a masa obreira de Vigo, habitante dunha cidade e unha cultura cada vez máis urbanas, con residencia en edificacións colectivas e dedicación laboral plena á súa profesión fabril, aínda que con presenza de operarios da periferia viguesa que tamén combinan cultura agrícola (horticultura, sobre todo) e residencia unifamiliar.

Manuel Pérez Rúa
+ artigos

Sociólogo.

Autor da tese doutoral "Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade." 

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.