UN LUGAR POR DESCUBRIR: RIQUEZA NATURAL E HISTORIA 

Texto elaborado por Gabriel Meizoso, biólogo especializado en acuicultura, bioloxía celular e ambiental, docente desde hai máis dunha década e fundador de GM Educación.
 
 
Este artigo serve para achegarnos a importancia natural das Salinas do Ulló e para promocionar un evento organizado entre outras entidades polo Concello de Vilaboa e Mar Abaixo, o proxecto empresarial de Xandro García Regueira, un antigo compañeiro de A Illa dos Ratos. A declaración de intencións que trasladan os organizadores aos interesados é a seguinte:
 
“Comparte unha pequena viaxe literaria connosco e descobre como podes experimentar este lugar dunha forma única, combinando lecer, cultura, saúde, eco-pedagoxía, interpretación etnográfica e biolóxica nunha xornada de ciencia cidadá“.

As Salinas do Ulló, atópanse no Concello de Vilaboa, en pleno corazón da Ría de Vigo

Esta contorna tan peculiar, salientable pola súa beleza é facilmente identificable a vista de paxaro pola súa xeometría que revela a obra do ser humano. O enorme dique que desde o século XVII garante a tranquilidade das augas neste extremo da ría, é un elemento esencial da salina aquí situada, unha explotación para a obtención de sal mariño que o Colexio de Xesuítas de Pontevedra xestionou inicialmente. As comportas situadas no dique permitían a entrada de auga da ría coa subida da marea e o seu posterior estancamento e evaporación.

SALINAS DO ULLÓ

A área contida por este longo muro dividíase perpendicularmente en dous vasos: un de maior tamaño, onde a auga estancada íase evaporando pola acción solar e outro máis pequeno, dividido en cuadrículas menores chamadas cocedoiros, onde a sedimentación continuaba ata a evaporación total da auga, permitindo así a posterior recolección e tratamento desta substancia de estrutura cristalina.

SALINAS DO ULLÓ

Nestes tempos, o sal era un ben moi prezado para garantir a conservación dos alimentos durante o seu transporte e almacenamento. No século XIX, a adopción comercial das tecnoloxías de conxelación e refrixeración levou ao inevitable abandono desta e doutras moitas salinas.

Con todo, aínda permanecen as ruínas da chamada Granxa das Salinas, onde os encargados da súa explotación se aloxaban no pasado, así como os restos dun dos poucos muíños de marea galegos, que utilizaba a enerxía maremotriz para xerar o movemento das súas engrenaxes, producindo así un traballo.

SALINAS DO ULLÓ

Na actualidade, esta zona é un lugar ideal para o paseo, a contemplación, a apreciación e valoración da biodiversidade aquí contida. Non en balde, forma parte dunha zona protexida: o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Enseada de San Simón, o cal se atopa dentro da Rede Natura 2000. Así pois, as Salinas do Ulló forman parte dunha Zona de Especial Conservación (ZEC) e unha Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).

As Salinas do Ulló están conformadas por 3 ambientes naturais principais

O primeiro deles, a zona de marisma ou xunqueira, ocupa a maior parte da superficie das salinas e correspóndese cos antigos cocedoiros e varios fragmentos da lagoa. Trátase dun ecosistema que aloxa unha elevada biodiversidade, sendo moi complexo e produtivo pero tamén tremendamente fráxil.

SALINAS DO ULLÓ

A vexetación colonizadora emerxe por riba do nivel de preamar e é halófila (está adaptada a a substratos con elevados contidos en sales). Para resistir a enorme concentración de ións das sales disoltas na auga que absorben, estas plantas acumulan sales nas súas follas. Isto ten un impacto positivo no resto do ecosistema, deixando estes ións tóxicos de estar dispoñibles para o resto dos seres vivos.

Ademais, as raíces destas plantas reteñen os sedimentos finos do substrato. Deste modo, a vexetación da marisma conforma unha rede de depuración natural que mellora a calidade da auga.

As marismas tamén son importantes para as aves como lugares de alimentación, nidificación e descanso durante as súas rutas migratorias. Por iso, as Salinas do Ulló acollen a 46 especies de aves, moitas das cales están protexidas e contan aquí cun ambiente ideal para evitar ser perturbadas.

O segundo, o intermareal lamacento, é unha zona de transición entre o medio mariño e o terrestre delimitado espacial e temporalmente polas mareas baixas mínimas e as mareas vivas máximas históricas.

SALINAS DO ULLÓ

As pradeiras que forman aquí as especies de zostera son hábitats que teñen unha gran relevancia para a biodiversidade mariña, posto que xogan un papel fundamental na estabilización das lamas, participan no ciclo de nutrientes, contribúen á osixenación da auga e, grazas ás súas follas, desenvolven unha función de filtro que favorece a sedimentación das partículas finas.

Ademais, debido á súa heteroxeneidade inherente, favorecen a existencia dunha gran biodiversidade. Moitas aves aproveitan estas zonas para alimentarse dos pequenos invertebrados que habitan aquí. É o caso da garza real (Ardea cinerea), a garzota grande (Ardea alba), ou aves limícolas como o pilro común (Calidris alpina) ou o virapedras (Arenaria interpres).

O terceiro ambiente atópase nas marxes da lagoa e consiste nun bosque aluvial de ameneiro (Alnus glutinosa) e freixo (Fraxinus excelsior), un hábitat prioritario que comunmente coñecemos como ameneiral. Son tamén comúns aquí as formacións arbustivas de queiroas (queirogas, un tipo de breixo).

Esta vexetación regula o microclima do lugar, estabiliza os sedimentos, acumula auga e sedimentos e ofrece unha importante diversidade de hábitats para os organismos terrestres e acuáticos, contribuíndo así ao aloxamento dunha gran diversidade de especies animais.

Nas Salinas do Ulló podemos encontrar especies autóctonas de elevado valor ambiental pero tamén existen especies invasoras 

Así, as Salinas do Ulló están compostas por ambientes cun bo estado de conservación que atesouran valores naturais relevantes, incluíndo especies protexidas como a xilbardeira ou rascacú (Ruscus aculeatus), o salgueiro nodoso (Salix salviifolia), a bolboreta chamada señoriña dos brañais (Euphydryas aurinia), a aguia peixeira (Pandion haliaetus) o escornabois ou vacaloura (Lucanus cervus), a pinchorra rabilonga (Chioglossa lusitanica), a ra patilonga (Rana ibérica), ou a lontra (Lutra lutra).

SALINAS DO ULLÓ

Cabe destacar a presenza de moitas especies de vertebrados protexidas e de varias especies vexetais destacadas polo seu valor ecolóxico, como o ameneiro (Alnus glutinosa), a espartina mariña (Spartina marítima) e a zostera anana (Zostera noltei), unha das poucas fanerógamas que crecen na auga salgada.

Porén, tamén se atopan presentes nas salinas especies invasoras ou exóticas cunha capacidade de crecemento e/ou multiplicación moi elevadas que, a través da competencia polo espazo e outros recursos, desprazan e poñen en perigo ás especies autóctonas que teñen un papel similar no ecosistema, supoñendo así unha das principais causas de perda de biodiversidade en todo o planeta.

Aquí, podemos observar as seguintes especies invasoras: a mimosa común (Acacia dealbata), a robinia (Robinia pseudoacacia), a herba da pampa (Cortaderia selloana), o avespón asiático (Vespa velutina) e a tartaruga de orellas amarelas (Trachemys scripta scripta).

Das 316 especies documentadas nesta contorna, 69 están protexidas. Isto é só unha evidencia entre moitas da relevancia ecolóxica das Salinas do Ulló. Dicía o poeta inglés John Milton “ben que non se coñece, non é tal ben, e o posuír o que non se aprecia é coma se non se posuíse”.

SALINAS DO ULLÓ

Existe unha desconexión cada vez maior entre nós e a natureza. Para restablecer a conexión debemos estar en contacto coa súa realidade, comprender cómo funciona.

Tamén existe unha desconexión entre o impacto que xeramos e as nosas actividades diarias: moitas veces non somos conscientes de como contribuímos a eses impactos ambientais, non somos capaces de relacionar os nosos actos coas súas consecuencias.

Para contribuír a salvar esta desconexión, os compañeiros de Mar Abaixo propóñenvos unha actividade saudable ao aire libre na cal a ciencia cidadá será a protagonista

A actividade terá lugar o próximo 20 de Agosto ás 10:30, iniciándose no aparcadoiro próximo; nela poderedes descubrir a importancia ecolóxica das Salinas do Ulló mediante a vosa colaboración no rexistro fotográfico das especies que alí habitan.

Esta xornada eco-pedagóxica dunhas 3 horas de duración desenvolverase ao longo dunha ruta planificado duns 3,5 km e de baixa dificultade. A continuación deixámosvos dous enlaces: un ao formulario de inscrición e outro ao cartel do evento.

AS SALINAS DO ULLÓ

Os organizadores esperan que esta actividade permítalles aos asistentes marabillarse de novo cos elementos da natureza que damos por sentados e pasan desapercibidos durante o entumecemento ao que ás veces nos vemos sometidos na nosa rutina diaria.

Entendendo o funcionamento da contorna natural das Salinas do Ulló, os participantes seguro que adquirirán un novo nivel de valoración deste lugar. Como todos sabemos, cando valoramos algo, un ben preciado que é de todas e todos, adquirimos a necesidade de protexelo e aprendemos a gozalo dun xeito máis profundo.

Gabriel Meizoso
+ artigos
Biólogo especializado en acuicultura, bioloxía celular e ambiental. Docente desde hai máis dunha década e fundador de GM Educación.

6 comentarios

  1. As Salinas do Ulló (II): Avaliación da súa biodiversidade » A Illa dos Ratos

    […] artigo anterior publicado no blog de A Illa dos Ratos baixo o título “As Salinas do Ulló, un espazo con […]

  2. Marisol

    Me ha parecido un artículo súper interesante. Muy bien explicado, de manera que me he podido imaginar allí mismo, aunque no conozco el lugar, me lo apunto en mis pendientes para visitar… gracias por toda esta información y también por las preciosas fotografías.

  3. Laura

    Graciñas por este articulo dun sitio tan fermoso que nos axuda a combater esa “desconexión” que temos coa natureza… totalmente certo!

  4. Pedro A. Cortina

    Estupendo trabajo de divulgación de la ciencia. Gracias por favorecer esa conexión con la biodiversidad de nuestro entorno tan deteriorada. Gracias por hacer que me interese por ese entorno, hasta hoy desconocifo por mi, y que cuando lo disfrute personalmfnte seguro que me enamorara.

  5. Irulan

    Excelente artigo! O espazo ademais de fermoso e complexo, como o describe o autor, está moi ben coidado. Paga a pena facer unha visita e disfrutar das vistas.

  6. Irene

    Estupenda iniciativa. Muy bien documentada y explicada por el Sr. Gabriel Meizoso.
    Habrá que hacer una visita a la zona.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.