A CIDADANÍA CONTRIBÚE Á AVALIACIÓN DA BIODIVERSIDADE PRESENTE NO ESPAZO NATURAL DAS SALINAS DO ULLÓ

Texto elaborado por Gabriel Meizoso, biólogo especializado en acuicultura, bioloxía celular e ambiental, docente desde hai máis dunha década e fundador de GM Educación.

Nun artigo anterior publicado no blog de A Illa dos Ratos baixo o título “As Salinas do Ulló, un espazo con carácter de seu”, tiven a oportunidade de divulgar a importancia da contorna das Salinas do Ulló desde un punto de vista ambiental, histórico e etnográfico.

Ademais, aproveitei a ocasión para promocionar un evento organizado por Mar Abaixo (empresa coa que colaborei), o Concello de Vilaboa e outras entidades para, tal e como dicíamos entón, “experimentar este lugar dunha forma única, combinando lecer, cultura, saúde, eco-pedagoxía, interpretación etnográfica e biolóxica nunha xornada de ciencia cidadá” nesta zona ideal para o paseo, a contemplación, a apreciación e valoración da biodiversidade aquí contida.

Este artigo é unha crónica completa dese evento que celebramos o pasado 20 de agosto de 2022, unha xornada de ciencia cidadá na contorna das Salinas do Ulló en Vilaboa cun gran éxito de asistencia e participación. 

O obxectivo principal da actividade consistiu na realización dun BioBlitz: un evento colaborativo de ciencia cidadá no que se intentan rexistrar tantas especies como sexa posible nun lugar e un período de tempo definidos

A proposta conseguiu chegar aos ollos e oídos de moita xente grazas a promoción realizada por A Illa dos Ratos, á cartelería distribuída nos concellos dos arredores e ás redes sociais do Concello de Vilaboa e das Salinas do Ulló.

En pouco tempo, contamos cun número moi elevado de inscricións e, aínda que non todos os inscritos puideron acudir, finalmente contamos con 70 asistentes (58 adultos e 12 mozas e mozos) que participaron activamente na xornada.

SALINAS DO ULLÓ

Dada a localización das Salinas do Ulló nunha zona protexida (o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Enseada de San Simón, o cal se atopa dentro da Rede Natura 2000), o obxectivo principal da actividade consistiu na realización dun BioBlitz: un evento colaborativo de ciencia cidadá no que se intentan rexistrar tantas especies como sexa posible nun lugar e un período de tempo definidos.

Para isto, creamos un evento nunha plataforma online á cal se podían conectar os asistentes mediante unha pequena app instalada nos seus teléfonos móbiles. Utilizando a cámara destes teléfonos, cada usuario tiña a capacidade de retratar as especies observadas, proporcionando unha proba visual para cada observación realizada. O seguinte paso consistía en intentar identificar cada unha das devanditas especies.

Para logralo, proporcionouse aos asistentes a “Guía de Apoio para A Identificación de Especies – Salinas do Ulló, Vilaboa (Pontevedra)“, un libriño dixital de 30 páxinas que creamos para a ocasión, deseñado para a súa visualización en smartphones. Ademais, tres biólogos estivemos presentes no evento para axudar coa identificación das especies máis complicadas. Tamén puxemos á disposición dos participantes varios carteis plastificados, en formato A3, cos listados totais de especies animais e vexetais documentadas nas Salinas do Ulló (316 especies, das cales 69 están protexidas).

Entender o funcionamento e a importancia dos tres ambientes principais das Salinas da Ulló foi un dos obxectivos principais da actividade

O itinerario que deseñamos tiña un triplo obxectivo:

maximizar o número de observacións posibles por parte dos participantes,

amosar os 3 ambientes principais das Salinas do Ulló (marisma ou xunqueira, intermareal lamacento e bosque aluvial de ameneiro e freixo), realizando unha explicación sobre o funcionamento e importancia de cada un deles e, finalmente,

– permitir ao equipo que nos acompañou de Tempos Arqueólogos a posibilidade de brindarnos unha perspectiva histórica detallada sobre a construción e explotación das salinas, completando deste xeito a introdución histórica xeral que brindei no primeiro artigo, así como explicar o proxecto xeral no cal estaba encadrada esta actividade que deseñamos.

SALINAS DO ULLÓ

Un dos elementos que resultan obvios para un biólogo na súa formación é a importancia da perspectiva histórica (aínda que sexa da historia recente) para comprender a evolución dos ambientes naturais e a biodiversidade que habita neles despois da intervención do ser humano.

Así, comprender o proceso polo cal o ambiente das salinas se converteu no que é hoxe en día permítenos comprender mellor a biodiversidade presente na zona e as súas particularidades.

Os participantes lograron identificar 116 especies da zona nas tres horas que durou a actividade

Deste modo, ao longo de tres horas (de 10:30 a 13:30), os participantes identificaron 116 especies na zona (un sorprendente 37 % das especies totais documentadas), realizando 395 observacións e acadando 472 identificacións totais (unha mesma observación pode ter varias identificacións, ás cales contribúen outros usuarios diferentes ao que fixo a devandita observación).

SALINAS DO ULLÓ

Entre as especies identificadas máis observadas no noso BioBlitz atopamos o Foeniculum vulgare (fiúncho), única especie do xénero que todos relacionamos instintivamente coas castañas e o Magosto, o Laurus nobilis (loureiro), símbolo do triunfo tan presente na nosa toponimia (Lourido, Lourizán…), a especie invasora Robinia pseudoacacia (falsa acacia), a fragante Mentha suaveolens (mentraste) con estupendas propiedades medicinais, Rubus ulmifolius (silva), que xa portaba os apetitosos froitos que espertan recordos de infancia, o familiar Pteridium aquilinum (fento común) e o Plantago major (lingua de vaca), outra especie á que se asocian interesantes propiedades medicinais.

SALINAS DO ULLÓ

Os individuos que máis facilmente captaron a atención dos asistentes pertencían ás especies de ave Egretta garzetta (garzota) e Cygnus olor (cisne mudo). Aínda que a marea estaba aínda moi alta ao inicio da andaina, cara ao final da mesma o nivel da auga descendeu o suficiente como para poder observar Fucus vesiculosus (botelleira) e Zostera noltei, unha planta acuática que non debemos confundir cunha alga. Algúns valentes tamén foron capaces de observar e identificar á invasora máis célebre dos últimos anos nestas latitudes: a Vespa velutina (avespa asiática).

SALINAS DO ULLÓ

Os “campións” do noso BioBlitz foron Marcos Conde (54 observacións), Carla Novás (32 observacións) e Gustavo Vázquez (31 observacións) e Marcos Morey (29 observacións). Parabéns!

Dicía Charles Darwin que “o amor por todas as criaturas viventes é o máis nobre atributo do home“. Ao inicio deste artigo comentaba que o obxectivo principal da actividade era a realización dun BioBlitz pero, en realidade, o obxectivo último que perseguimos desde o inicio está relacionado con esta cita de Darwin: promover a concienciación sobre a importancia da biodiversidade, o seu papel biolóxico e a necesidade de respectala e protexela, así como os ambientes nos que se desenvolve, para garantir un futuro no cal os nosos descendentes sexan capaces de gozar de moitas xornadas tan agradables e divertidas como a que vivimos o pasado día 20 de agosto no ambiente inigualable das Salinas do Ulló.

Darwin tamén dicía que “O home ao que lle preocupa gastar unha hora do seu tempo, aínda non descubriu o valor da vida“. Desde Mar Abaixo desexamos felicitar a todos os asistentes e agradecer o voso tempo e a vosa colaboración. Os datos xerados no noso BioBlitz serán útiles para a investigación científica e, con este espírito tomamos a decisión de manter activo o proxecto para que calquera dos participantes poida continuar a observación e identificación de especies nas Salinas do Ulló, acadando así unha maior comprensión das mesmas e apoiando a investigación futura na zona.

Esperamos que pasásedes unha mañá tan estupenda e divertida como a nosa e que o voso amor polo espazo natural das Salinas do Ulló aumentase, se cabe, un pouco máis. Para o autor deste artigo, sen dúbida foi así.

SALINAS DO ULLÓ

Dende A Illa dos Ratos queremos felicitar aos promotores desta actividade tanto polo éxito de convocatoria como por dar a coñecer e valorizar un entorno con tanta riqueza, historia e biodiversidade.

Gabriel Meizoso
+ artigos
Biólogo especializado en acuicultura, bioloxía celular e ambiental. Docente desde hai máis dunha década e fundador de GM Educación.

Un comentario

  1. PROFESORA Tina Otero

    Bo día,
    Son Tina Otero unha seguidora da Illa dos ratos encantada de estar ao tanto das moi interesantes actividades que desenvolvedes, parabens porque non deixades de sorprenderme gratamente.

    Me encanta a idea do bioblitz e me gustaría saber si hai algunha posibilidade de facelo co meu alumnado na desembocadura do Lérez, Marismas da Xunqueira de Alba…
    Eu son profesora do CIFP Carlos Oroza, somos un centro onde impartimos ciclos da familia de Hostalaría e Turismo polo que esta actividade pode rsultar super interesante para todo o alumnado pero en especial para os futuros intérpretes do patrimonio é dcir o alumnado que se está a formar para guías e prescriptores turísticos.
    Asi que quedo a espera da vosa resposta para poder facer unha colaboración con Gabriel e con todos vos que xa contades con algunha exalaumna nosa na asociación.

    Saúde e parabens polo magnífico trabalo de difusión do noso patrimonio.

    Tina

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.