A EVOLUCIÓN DAS MARCAS DA CONSERVEIRA “MASSÓ”
Texto elaborado por Sara Martínez Costas. Historiadora de Arte. Fotografías cedidas pola A. C. A Cepa.

Para poder falar con propiedade da produción de marcas e produtos de Massó, deberíamos botar unha mirada cara atrás no tempo para analizar dous séculos e catro xeracións de dinámica empresarial.
Poucas firmas do sector conserveiro tiveron o seu prestixio e tamaño, e sobre todo o seu elevado protagonismo no desenvolvemento da pesca e da industria galega en xeral.
A chegada do primeiro Massó a Galicia data de 1816
Salvador Masso Palau, o primeiro Massó que de desprazou a Galicia, chegou a Bueu en 1816 e adquiriu un antigo depósito de sal chamado “El almacén del rey” para convertelo nunha pequena fábrica de salgadura.
Este membro dos Massó foi un dos moitos emprendedores de orixe catalán, coñecidos como os “fomentadores cataláns”, que chegaron a Galicia a partir de mediados do século XVIII.
Procedían de familias de alto nivel adquisitivo e encheron as nosas costas de fábricas de salgadura implantando ademais novas artes de pesca para incrementar as capturas e abastecer de materia prima da súa industria.
O gran cambio empresarial viría dado pola transición da salgadura á conserva
En 1883, despois de case cen anos de experiencia na salgadura, Salvador Massó Palau e os seus dous fillos, Salvador e Gaspar, decidiron converter a fábrica de salgadura nunha conserveira. A transformación fíxose con inversión de capital francés (Pascual Dargenton Lafont e Félix Domingo) e fábrica pasou a chamarse “La Perfección”.
A constitución desta nova sociedade tivo en parte a súa orixe na crise pesqueira francesa provocada pola sobrexplotación das dúas costas coa conseguinte baixada das capturas, sobre todo de sardiña.
Con este acordo, e a través de “La Perfección”, os Massó comercializaban ao por maior tanto sardiñas en aceite como outros peixes, e engadiron ademais a conserva de aves e a fabricación de latas.
Para logralo participaron en varias Exposicións Universais nas que por unha parte coñeceron o que se estaba a facer noutros países e por outra banda deron a coñecer as súas marcas e produtos.
Massó fabricaba e os franceses vendían os produtos con diferentes marcas
En poucas palabras, a organización da empresa tiña un esquema moi sinxelo: Massó fabricaba e Dargenton e Domingo vendían. A producción ía aos depósitos que os socios franceses tiñan en Bayonne e estes as distribuían con denominación francesa, de aí marcas como Le Drapeau, la Perfección ou Les Prefesibles.
A primeira marca tiña un prezo máis accesible e estaba dirixida ás clases más baixas, mentres que as outras dúas estaban destinadas a Francia, onde se producía o seu maior número de ventas. Cabe sinalar que as primeiras latas foron feitas mediante a técnica “a decollage”, de apertura fácil, que aínda que xa eran empregadas noutros países, os Massó as patentaron por vez primeira en España e a rexistraron ao seu nome.
A partir de 1888, a nova xeración entrou a dirixir a empresa e implementan a innovación como estratexia. Foi nestes tempos nos que comezaron a comercializar a súa nova marca Le Figaro utilizando unha asociación de imaxes da cultura francesa e a española.

É importante recalcar que ata ese momento se comercializaban as marcas con denominación de orixe francesa e sen mencionar a súa procedencia española. É por iso que dun modo moi hábil e sutil empregando este concepto máis “intercultural” facilitouse a súa comercialización nos mercados externos fieis aos produtos franceses.
Le Figaro foi unha marca de máxima calidade na que se coidaba todo tipo de detalle: o uso da cor, coidada presentación con ilustracións, en poucas palabras, xa se estaba desenvolvendo a mercadotecnia do produto.
Coa chegada da terceira xeración se consolida a empresa e aparecen máis marcas
Nas décadas de 1920 e 30 e con Gaspar Massó García xa á fronte da empresa, Massó se consolidou como unha das empresas conserveiras máis importantes, destacando sobre todo por ser a máis innovadora de Europa. Grazas aos beneficios obtidos durante a Primeira Guerra Mundial a empresa tivo capacidade para ampliar e modernizar a antiga conserveira de Bueu.

Nesta nova etapa é na que se lanzaron ao mercado marcas como Kayrel ou Porrón. Os habitantes de Bueu so tiñan acceso á marca Kayrel, posto que eran as que estaban máis ao seu alcance.
Como curiosidade cabe dicir que os Massó alardeaban da calidade dos seus produtos ata o punto de que dicían que as súas conservas non tiñan data de caducidade. Para demostralo gardaban un lote de latas anualmente para abrilas ao cabo de cen años.
Con D. Gaspar como xerente a empresa viviu os seus anos de esplendor
Unha vez máis un conflito bélico, neste caso a Guerra Civil Española, contribuíu a expansión da empresa posto que as súas fábricas subministraron conservas aos lugares ocupados polo bando dos nacionais.
Como consecuencia desa gran demanda decidiron construír unha nova e moderna fábrica en Cangas, coñecida na época como “O Gran Casino da Sardiña”, ao tempo que aumentaron a súa propia flota de barcos pesqueiros.
Entre os produtos elaborados pola empresa figuran unha ampla gama de especies como agulla, ameixa, anchoa, angulas, atún, berberecho, bonito, xarda, lura, choco, espadín, mexillón, navalla, polbo, sardiñas, troitas e zamburiñas. Tamén se facían patés e sopas.

No deseño das marcas e os carteis publicitarios colaboraron importantes artistas galegos
Por último e non por iso menos importante, temos que facer referencia a coidada imaxe das marcas de Massó. Neste sentido é imprescindible destacar a colaboración do publicista Federico Ribas Montenegro e o artista Urbano Lugrís, ambos galegos, que puxeron a disposición da empresa o seu talento para o deseño publicitario e a promoción dos seus produtos.
Federico Ribas foi un dos máis destacados artistas gráficos da súa época e o seu labor en relación a Massó foi moi importante en canto a deseño e mercadotecnia.

Curiosamente nalgúns dos carteis publicitarios que elaborou para a empresa empregaba a imaxe da súa muller como modelo, marcado por un estilo cosmopolita, refinado e sofisticado.
Todo isto supuxo que os seus deseños, tanto para as latas como para os carteis publicitarios, tivesen un grande éxito ata o punto que a empresa recibiu en 1978 o premio a mellor imaxe de marca en España.

Se este artigo pareceuvos interesante recomendámosvos visitar o Museo Massó de Bueu. Nas súas instalacións atoparedes moita máis información de todas as súas marcas e produtos así como diferentes elementos orixinais relacionados coa historia da actividade empresarial de Massó.
Sara Martínez Costas
Historiadora da Arte
-
Este autor non ten máis artigos.
Un comentario
María Carmen Fandiño Monroy
Artículo muy Interesante. Es una lástima el abandono en el que cayó la Fábrica de Masso, con todo lo que representó para el pueblo de Cangas.