IMOS COLLER UN BO SITIO, QUE XA VEÑEN AS MAJORETTES ¡¡¡
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio da Asociación A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías facilitadas por Jesús Bernárdez Solla, máis coñecido por Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa en Cangas e promotor desta iniciativa nos anos 70 do século pasado.
O Morrazo sempre foi unha terra na que a cultura xogou un papel moi importante, proba disto é a existencia de moitos colectivos como bandas de música, corais, comparsas ou agrupacións folclóricas que foron fundadas moitos anos atrás e que manteñen a súa actividade hoxe en día.
Pero ao longo do tempo tamén existiron outras actividades culturais que foron esmorecendo e desapareceron. Neste artigo imos a recordar unha delas, que supuxo unha iniciativa moi novidosa e chamativa nesta vila fai 50 anos: as Majorettes de Cangas.
As majorettes xurdiron como unha iniciativa para dinamizar a vila e dar a oportunidade ás mozas de Cangas de facer unha actividade conxunta
A posta en marcha desta agrupación nos anos 70 do século pasado, foi posible pola iniciativa, implicación e traballo de Suso “Caramuxo”, que daquela xa era un pintor novo con proxección que volvía a súa vila logo de pasar unha etapa da súa vida en Barcelona.

Caramuxo contaba nunha entrevista publicada no Faro de Vigo en novembro de 1999, que na súa estancia na cidade Condal tivera a oportunidade de coñecer iniciativas culturais moi novidosas e estaba convencido de que algunhas daquelas ideas se podían levar a cabo na vila que o viu nacer para dinamizar a vida da xente moza.
Así que cando chegou a Cangas, comezou por buscar algunhas rapazas para formar un grupo de majorettes. A súa proposta tivo moi boa acollida entre as mozas coas que falou e inmediatamente comezaron a preparar todo o necesario: a vestimenta, o estandarte, as bandeiras, as coreografías, etc.
Reuníanse para ensaiar case todos os días nun campo que había preto do cemiterio e con moita ilusión e poucos medios comezaron a facer os seus primeiros traxes. Improvisaban co que tiñan así que decidiron que para a parte inferior do corpo empregarían unhas botas negras e as saias do uniforme do Compañía de María que empregaban nas clases de ximnasia. Para elaborar as prendas da parte superior, chaquetas e gorros, as mozas reuníanse para coser no taller- estudio onde traballaba Caramuxo.

As majorettes de Cangas desfilaron por primeira vez nas Festas do Cristo de 1971
Para a súa posta de largo, as Majorettes de Cangas escolleron unha data con moita importancia e significado na vila: as festas patronais do ano 1971. Con Mari “A capitana” como encargada de levar a batuta, as mozas estaban bastante nerviosas porque tiñan dúbidas da acollida que podía ter a súa iniciativa entre os seus veciños máis conservadores. Sabían que naqueles tempos algunhas persoas podían considerar pouco apropiadas as súas vestimentas e movementos, pero tan pronto como comezaron a desfilar, esas dúbidas se disiparon.
O éxito foi tan rotundo e a súa presenza nas rúas canguesas tivo tal repercusión, que nos meses seguintes moitas vilas contactaron con Caramuxo para solicitar a súa presenza nas súas festas: Lalín, Cambados, Catoira, A Coruña ou Ferrol, entre outras vilas e cidades galegas, tiveron a oportunidade de ver a estas mozas desfilando polas súas rúas co seu bo facer e entusiasmo.

A cousa non quedou aí e tamén chegaron a actuar en outros lares como Asturias e Portugal. Se nas vilas galegas o impacto que tiñan as Majorettes de Cangas era importante, no país veciño foi aínda maior. Segundo contaban algunhas das integrantes do grupo, cando os homes portugueses acudían aos seus desfiles parecía que nunca viran a unha muller e quedaban tan prendados e hipnotizados coas mozas canguesas que non dubidaban en facerlle as beiras.
As Majorettes de Cangas estiveron en activo unicamente tres anos, pero o seu recordo quedará sempre na memoria do pobo de Cangas
O proxecto das Majorettes de Cangas mantívose en funcionamento durante tres anos. As mozas ían cumprindo anos e nas súas vidas foron xurdindo outras ocupacións propias da súa idade naquel tempo. Compaxinar o traballo na casa, os estudos, os ensaios e as actuacións era cada vez máis complexo e a isto se unía o malestar dalgún dos seus mozos porque as fins de semana, que era cando podían pasar tempo xuntos, as mozas tiñan que ir ás actuacións e desfiles por Galicia adiante.
Estes factores fixeron que as Majorettes de Cangas deixaran definitivamente de percorrer as nosas rúas pero todas as persoas que tiveron a oportunidade de gozar coas súas habilidades e as mozas que formaron parte daquela innovadora iniciativa, recordan con moito cariño e orgullo aquela experiencia.
Queremos agradecer a Suso “Caramuxo” a súa boa disposición para a elaboración deste artigo e para facilitarnos información sobre outros acontecementos e personaxes da historia de Cangas.
Fotografías das Majorettes cedidas por Suso “Caramuxo”












Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
3 comentarios
Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (III) » A Illa dos Ratos
[…] de las chicas confeccionando sus vestimentas.El primer desfile de las Majorettes de Cangas fue en las Festas do Cristo de 1971. Las chicas estaban bastante nerviosas, pero el éxito […]
Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (III) » A Illa dos Ratos
[…] primeiro desfile das Majorettes de Cangas foi nas Festas do Cristo de 1971. As mozas estaban bastante nerviosas pero o éxito foi tan […]
Olga
Que maravilla! Desconocía la existencia de las majorette! Le preguntaré a mi tía también, que a ella le encanta la música! Y seguro que las recuerda. Gracias!