AS ILLAS CÍES: UN TERRITORIO CON MOITOS PRETENDENTES

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía oficial de Galicia.

 

Cando un repara con atención no nome da Parroquia de Santiago de Cangas e Illas Cíes, o primeiro elemento singular que encontra nesta denominación é o do seu santo titular “Santiago de Cangas”, esquecido para moitos, que sempre pensan como patrón no Cristo na honra do cal dedican as festas da vila, ese que non quixo arder na invasión turca de 1617.

Para o caso, serva de ilustración o escudo de armas da Vila, no que aparece, ademais do sol dourado, a urna das reliquias do Apóstolo, a cruz de Santiago, a cuncha de vieira e o bastón de peregrino.

A continuación, aínda máis sorprendente no nome desta parroquia, a postila final “…e Illas Cíes”, para o que compre mergullarse na historia das Illas e así entender esta relación eclesiástica con Cangas e, de paso tamén, con outras vilas vencelladas as Illas, que configuran a lista de “pretendentes” que queren facer delas un territorio de seu.

Fagamos un percorrido pola historia do territorio insular, outrora ben diferente, porque hai máis de 20.000 anos, a ría de Vigo encheuse de area e non tiña o aspecto de hoxe.

As Cíes non sempre foron unhas illas senón o cumio dos montes que había na zona, agora anegados pola auga do mar

Dende calquera dos miradoiros que teñen as localidades da Ría de Vigo cara ao mar, resulta fácil entender como era este val hai naquela altura: no medio da ría onde hoxe temos auga salgada, daquela había area e zonas de árbores atravesados por un caudaloso río Verdugo, que chegaba ata Cíes e Baiona, para caer logo sobre o océano, formando unha gran fervenza.

Existía, por aquel entón, unha grandísima lagoa en Cabo Home-Nerga e na praia de Patos, e outra pequena na zona de Rande. Ata hai 4.000 anos, a Illa de Monteagudo conectaba co Morrazo por unha barra de area e podíase andar dende terra ata alí.

No Museo do Mar de Vigo se gardan algúns restos de troncos daquela época, outros aínda poderían aparecer, especialmente na praia de Patos, como os restos de naufraxios que sempre xorden despois dalgún temporal forte.

O mar non chegaría ás vilas costeiras da ría ata a época romana e os primeiros en explotar as illas serían uns monxes

Xa choveu dende aquela, e quen sabe se por mor dos choros da Coca de Redondela, que como di a lenda “de tanto chorar secáronselle as entrañas e o corazón, inundando o val de auga“, o caso é que parece ser que o mar non chegou ás localidades costeiras da ría ata a época romana.

O acordo dos investigadores non é doado porque a mitoloxía creada arredor das Cíes, segundo fontes clásicas e cronicóns medievais, aluden a feitos históricos lendarios imposibles de contrastar, como o paso de Xulio César, ou o asalto aos Herminios, ou identificalas coas Casíterides, etc.

As documentacións das Illas son escasas polo feito de estar deshabitadas moito tempo, pero para dar certa luz a tanta incógnita e desacordo, dispoñemos dos achados arqueolóxicos que amosan asentamento humano desde o paleolítico, e a posterior ocupación galaico- castrexa e romana.

Os primeiros que explotaron este territorio insular dalgunha maneira foron os monxes e se descoñece a razón da fundación dun pequeno mosteiro nunha Illa que quedaba preto de Erizana, na antiga Baiona, por parte de San Fructuoso que podería tratarse de San Martiño na Illa do Sur.

Debido ao interese e atractivo mítico – relixioso que as Illas causaban no medievo, que no caso concreto das Cíes era a súa abundante pesca, Ordoño II confirma a súa doazón á igrexa de Santiago no ano 911, cumprindo así o testamento de Alfonso III “O Magno”, seu pai. 

O bispo de Iria Flavia funda o Mosteiro de San Xian na Illa de Arousa no ano 929 e, polas penurias que pasaban, varios territorios insulares entre eles as Illas Cíes foron utilizados para a súa “mantenza e vestimenta”.

Posteriormente xa con Xelmirez, as Illas Síes non serían mencionadas como territorio xacobeo, pasando quizais ao bispado de Tui.

Toda esta expansión monástica leva a que pequenos mosteiros cluniacenses con actividade pesqueira se instalen nas Illas Cíes: na Illa do Sur dependente do Mosteiro de Santa Mª de Oia e acollida polo San Martiño e, na Illa do Norte dependente do Cenobio de Coruxo e acollida polo San Estevo.

Alfonso VII doa as posesións de Coruxo e Illa do Norte ao Mosteiro de Celanova, feito ratificado máis tarde por Alfonso IX na fundación de Baiona. O escrito de concordia por parte do bispo e Cabildo de Tui en 1228 confirma estas posesións das Illas polos beneditinos, os de Santa Mª de Oia a do sur e os de Celanova a do norte. 

Ambos Mosteiros estaban sometidos a fortes presións e preitos, e Juan Castro, bispo de Tui en 1416, fai escritura de permuta con Celanova: lle cambia o Mosteiro de Coruxo e Santiestevo de Sías na Illa do Norte pola igrexa da Madalena e o Mosteiro de Sanxés de Ribadavia; unha permuta sen consentimento do Papa polo que Celanova aproveitou para declarala nula, sobre todo por considerar pouco beneficiosas as rendas en Ribadavia. 

Porén estes mosteiros de Coruxo e de Sías seguiron pertencendo á mitra tudense pola resolución dun preito con Celanova en 1520, segundo as informacións derivadas dun apeo localizado na reitoral de Coruxo nos anos 80’.

Máis tarde, en virtude dun aforamento, legarían este Mosteiro da Illa do Norte ás Monxas de Santa Clara de Santiago, quen delegan o seu usufruto nas homónimas da cidade de Pontevedra.

Ademais o rei Juan II e o seu fillo Enrique IV lle concedían a este Mosteiro de Sías a renda de 2.000 marabedís anuais sobre o peixe de Baiona e logo máis tarde, cando as Illas pertencían a Baiona, foi incendiado polos corsarios de Francis Drake a finais do século XVI. De feito, a continua presenza de piratas e corsarios provocou que as illas permaneceran deshabitadas durante bastante tempo.

O visitador de Santiago, Jerónimo do Hoyo alude a colocación dunha forca nas Cíes a principios do século XVII por parte de Baiona, posiblemente en San Martiño, ao tempo que Francisco Prudencio Sandoval, bispo de Tui, visita o Mosteiro de Coruxo. Estes actos simbólicos de xurisdición provocaría a que sería a primeira reclamación deste territorio insular, aínda que sen moito percorrido xurídico, cando o alcalde xuíz de Cangas, dependente do Arcebispo de Santiago, reclama as Illas como súas. 

Coa división de Galiza en 7 provincias nacería a de Tui en 1650 e as Cíes quedarían dentro da súa xurisdición

Antes da existencia do lazareto de San Simón colocouse nas Cíes unha estación sanitaria encargada de realizar a inspección dos barcos que chegaban de América.

En canto a cartografía coñecida dende entón vai denominar case sempre a estas illas como Illas de Baiona, por ser un dos portos reais máis próximos a Cíes, por iso, as veces os nomes de Cías, Seyas, Sías, acompañan o de Baiona. Outras veces aparece coas denominacións de San Martín, Faro e Monteagudo, o que demostra a existencia dun sinal continuo anterior ao de 1852.

AS CÍES, DE QUEN VIÑAN SENDO?
1780, Carta francesa por L.S. de la Rochette. Fonte cartotecadigital.icc.cat Ref. única I. de Baiona.

Coa chegada do século XIX as Cíes acollen unha pequena poboación procedente de Cangas e adicada á pesca

Nas primeiras décadas do século XIX, as instalacións militares, fábricas de salgas, o faro, as expedicións cinexéticas e mesmo unha taberna, irían dándolle vida de novo as illas, sobre todo ás do medio e do norte, acollendo unha pequena poboación, a meirande parte procedente de Cangas, dedicada á pesca, agricultura e pastoreo.

Precisamente para a atención espiritual destes colonos é cando aparece a relación coa parroquia de Cangas e, nos inicios do século XX, comezarían as procesións marítimas da pesca presididas pola Virxe de Darbo.

Os procesos de desamortización dos bens eclesiásticos do XIX propiciarán que moitas das terras útiles das illas pasaran a mans particulares de persoas con recursos e grazas a certas obras de defensa que garantían a seguranza comezaron a repoboarse. 

A guarnición das Illas proviñan dos rexementos instalados en Vigo, pero estas razóns militares non foron as que levarían a súa adscrición pola cidade olívica. Para evitar pagar o imposto da sal, Ramón Buch establece en 1837, non sen polémica, unha fábrica de salga e un almacén de avituallamento de barcos na Illa do Sur e, ao mesmo tempo, na Illa do Norte, Francisco Gil de Temperáns-O Hío establece outra fábrica de salgadura, ámbalas dúas con autorización do goberno da provincia e funcionando ata comezos do século XX.

Estes fomentadores non só eludiron o pago do arrendo á Deputación provincial de Pontevedra, se non que o Sr. Buch pretendía librarse tamén dos pagos dos consumos e industria en Baiona e Vigo.

En 1839 o Concello de Vigo consegue que o goberno estatal lle permita que as Cíes sexan adscritas ao seu termo municipal

As illas estaban tuteladas pola Deputación cando a corporación viguesa decide emprender actuacións legais en abril de 1839, e solicita ao goberno de Madrid a súa agregación ao Concello. Se estaban construíndo os novos concellos, e tras unha forte polémica entre varias vilas, foron adscritas a Vigo por decreto da rexedora María Cristina en 1840, creándose para os fregueses do territorio insular a parroquia de San Francisco de Afora. 

Con todo, a última aclaración sobre a súa posesión ven por parte da Xunta de Galicia, que afirma con rotundidade que son Patrimonio Autonómico, xunto co resto das illas pertencentes ao Parque Nacional Illas Atlánticas, abrindo unha nova fronte e asumindo tamén a única responsabilidade no transporte marítimo ás mesmas. Isto provoca tensións entre a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo, que afecta especialmente na solicitude de declaración do Patrimonio da Humanidade, onde o Concello de Vigo restrinxe a petición exclusivamente ás Cíes e a Xunta o fai para todo o Parque Nacional.

Non obstante, as Illas Cíes, a día de hoxe, pertencen no ámbito xurisdicional a Vigo, o que significa que sería este Concello quen percibiría as axudas da UNESCO para a súa conservación, no caso de seren declaradas Patrimonio da Humanidade. Porén, tras o “bloqueo” desta candidatura, o Concello de Vigo solicitou un novo título incorporando as Cíes á rede de Geoparques da Unesco.

A día de hoxe, as Cíes pertencen xuridicamente a Vigo pero os seus habitantes son fregueses da parroquia de Santiago de Cangas

Como conclusión, se quitamos a Baiona que nunca volveu reivindicar as illas, a única base de litixio posible sería dende o ámbito relixioso, que de non ser polo proceso de desamortización eclesiástica de mediados do XIX, poderían ser reclamadas por Oia (San Martiño, illa sur), polos beneditinos ou polas monxas de Santa Clara.

Polo que respecta a Cangas, o asunto da reclamación territorial sobre as Cíes en base a denominación eclesiástica, feita polo Centro de Iniciativas Turísticas de Cangas en 1992 quedou en nada. Ademais, unha vez esquecida e desaparecida a parroquia insular de San Francisco de Afora polas desamortizacións eclesiásticas, a día de hoxe, os habitantes das Illas, aínda que escasos, son considerados como fregueses da parroquia de Santiago da Vila de Cangas, pero quen sabe se coa moda de casamentos en lugares exóticos, non empecen a solicitarlle ao párroco de Cangas este novo paraíso insular atlántico para vodas, en lugar de facelo en Castrelos ou nos Pazos do Concello de Nigrán.

Con todo isto, cando te atopes de novo coas vellas dunas que están baixo os piñeirais en Cabo Home, agora que xa sabes que existen, pensa que son as descendentes das enormes que dominaban o val da Ría de Vigo cando non había mar.

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

Un comentario

  1. Iria Pinheiro

    Que interensante! Grazas polo vos traballo.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.