O DURO E ESIXENTE TRABALLO NAS CARREIRAS.

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de diversas fontes e tomando como base a información dos paneis explicativos do propio Museo das Carreiras.

Nunha guía informativa editada en 1943 no apartado adicado a Parroquia de Meira dicía: … “ a pocos centenares de metros de la ciudad de la oliva, a la que une un tranquilo lago, esta Meira, centro fabril de hiladuras.

Sus numerosas fábricas en tiempos normales ocupan cerca de un millar de obreros de ambos sexos y sus especiales producciones de cordeles, jarcias y jaretas, son conocidas como las que abastecieron el mercado durante la guerra.” Nesa mesma publicación como lema publicitario afirmábase:La cordelería de Meira admite competencia en precios pero no en calidad.

A materia prima principal que se empregaba nas Carreiras era o cáñamo de diferentes calidades, aínda que tamén se traballaban outras fibras vexetais

Aínda que nas Carreiras tamén se traballaban materiais como o liño, a palmeira, a pita e a fibra vexetal, o certo é que a principal materia prima a partir da que se elaboraban os distintos fíos era o cáñamo.

Este material procedía normalmente da localidade alacantina de “Callosa de Segura” aínda que hai constancia de que durante a guerra civil, ao quedar esta localidade na zona republicana, houbo uns meses nos que a industria estivo parada e acabouse recurrindo a outros provedores de Aragón e e Castela León, sobre todo de almacéns de Astorga e La Bañeza, que iso si, enviaban cáñamo de inferior calidade.

As veces o cáñamo viña xa elaborado e listo para traballar pero o máis frecuente era que viñese en rama polo que a preparación previa facíase nas propias fábricas cordeeiras. Neste caso, chegaba en moños, restrelábase (peiteado cun peite similar ao liño) para quitar as impurezas e unha vez preparado, pesábase e almacenábase en estrigas.

Esas estrigas eran posteriormente repartidas entre as traballadoras ao inicio da xornada de traballo e tiñan que ser empregadas dunha maneira moi eficiente. Para ilustrar isto contamos co relato dunha antiga traballadora que contaba que “Ao comezar a xornada distribuíase para cada roda tantas estrigas para a obra do día… e tiña que dar xusto ¡¡¡.. Si a noite faltaba algún fío de cáñamo tiñamos que andar a pedilo … ¡¡¡ había cada discusión ¡¡¡ pois se non daba quería dicir que o fiaramos gordo e a bolicheta tiña que ser moi fina”.

O proceso de fabricación implicaba a catro traballadoras en cada roda de forma que unha delas rodaba e tres fiaban 

As rodas empregadas na elaboración das cordas e cabos artesanais eran de madeira, de aproximadamente un metro de diámetro, cunha canle no seu arredor, estaban ancoradas no banco e xiraban sobre chumaceiras.

Para iniciar a labor, as fiadoras levaban colgadas ao cinto unhas estrigas de cáñamo que ataban as carruchas. Cando a rodadora facía xirar a roda coa manivela situada detrás do banco, esta a través de cabos a xeito de poleas, facía xirar as catro carruchas que estaban colocadas na crus (tres para fiar e unha para facer a sobrevolta).

MUSEO DAS CARREIRAS DE MEIRAPanel explicativo que podemos atopar no museo.

A crus estaba situada nun extremo do banco e tiña unhas cuñas para tensar máis ou menos a polea que as unía a roda. Entretanto as fiadoras ían andando cara atrás formándose un fino fío de cáñamo do mesmo xeito que nunha “rueca” ou roda xiratoria.

Mentres desempeñaban o seu labor, as traballadoras das carreiras contaban cunha xerga propia para chamar as fiadoras. Así a fiadora que levaba o fío central denominábase MICHE, despois por cada banda levaba dúas fiadoras que eran as FORÁNS, á da súa dereita chamábase DESÁ e a da súa esquerda DALLÁ.

Ao fiar en tramos longos, contaban tamén cuns sinais que consistían en movementos coa cabeza mediante os cales daban instrucións para que a obra fose toda igual e tivese un óptimo acabado.

MUSEO DAS CARREIRAS DE MEIRA
O número de rodas coas que contaba cada Carreira daba unha idea das traballadoras que podían estar traballando nela: había carreiras de unha, de dúas e de ata doce rodas.

Antes de darlle o pulido final, había que “remollar as estacadas”

Algúns produtos elaborados de corda máis gorda, como as trallas e as malletas, antes de saír da Carreira, pasaban polo pío onde se remollaban para o seu pulido e mellora de aspecto de cara a súa presentación nos mercados.

Esta fase se chamaba “remollar as estacadas” pois así como se remataba a súa elaboración, enleábase co brazo en madeiras e colgábanse nunha estaca (en cada estaca collían 12 ou 13 madeixas).

MUSEO DAS CARREIRAS DE MEIRA
Pía onde se remollaban as estacas.

Despois do remollado estirábanse e antes do pulido final, rascábanse con cepillos de arameo ou outros enxeños para eliminar a arestilla, unha especie de serraduras que sobresaían. Algúnha traballadora contaba que “moitas veces rascabámolos con mallas de arame dos que había nos metálicos das camas”. Posteriormente pasábanlle un trapo seco para conseguir darlle brillo.

Tras o proceso artesanal obtíñanse diferentes tipos de produtos elaborados

Os distintos tipos de fíos e cabos que se obtiñan, ademais de ser identificados por unha numeración, recibían distintos nomes segundo a sección, nivel de acabado e fin para o que se fabricaba. Os tipos de fíos máis coñecidos eran:

  • A bolicheta: Fío moi fino que se empregaba fundamentalmente para atar e para facer palangres para a pesca da castañeta, o ollomol (besugo) e a pescada (merluza).
  • Os palangres para o congro e o polbo: Era bolicheta un pouco máis gorda; así o explicaba unha traballadora “o palangre para a pesca do polbo e do congro se facía nunha roda de colchar e rodábase ao revés con tres fíos. Viñan os de Cangas a buscar aquelas bolichetas para facer unhas liñas”.
  • Os fíos de armar: usados como o seu nome di para armar aparellos e copos.
  • O golerón: Empregado tamén para facer redes.
  • A fisca: Empregado nos aparellos de arrastre.

Tanto a bolicheta como os fíos de armar elaborábanse con fío moi fino, coma un pelo, partindo do cáñamo de maior calidade.

Tamén fabricábanse outros produtos como:

  • Roletes, trallas e malletas: elaborados a base de cáñamo de segunda tamén chamado “clarillo” ou de “estopa“, resultado da parte máis ruda do cáñamo no momento de ser restrelado. O destino destes produtos era para facer cabos finos para amarrar as embarcacións e para a arte da ardora.
  • Armado de aparellos: ademais de facer fíos e cabos, algunhas carreiras tamén armaban redes e aparellos para fornecer as empresas armadoras.
  • Fíos para os zapateiros:  Hai abundante documentación, cartas e facturas que nos amosan outro sector que se abastecía das carreiras: o dos zapateiros, pois os fíos de cáñamo empregábanse para coser na elaboración e reparación de zapatos. A maioría deses envíos ían para a zona de Ourense.

As traballadoras das Carreiras chegaron a fundar un sindicato

As décadas dos 30 e os 40 do século XX foron o período de maior puxanza desta industria. Neses intres contaba con máis de 700 persoas empregadas neste oficio de forma directa, a maior parte mulleres, e cun sindicato denominado “Sociedad de Hiladoras e oficios varios LA DEFENSORA”, que tiña a súa sede na antiga escola da Porta do Sol.

Este movemento estaba liderado por Enedina Esperón González e Eugenio Gayo Santomé que, por mor da súa actividade sindical, acabarían sendo represaliados durante e despois da guerra civil de xeito que ela acabaría presa en Pontevedra e el no Lazareto de San Simón.

MUSEO DAS CARREIRAS DE MEIRA
Panel adicado ao movemento sindical nas carreiras.

A loita sindical de “LA DEFENSORA” tivo o seu punto máis álxido cando convocou unha importante folga en xullo do ano 1933, tras a cal instaurouse por fin unha xornada laboral de oito horas.

Para ilustrar o cambio que supuxo este logro, sabemos dunha testemuña directa das condicións laborais que tiñan aquelas mulleres que declaraba que ata aquel momento “Traballabamos de estrela a estrela, incluso en domingos e festivos, en función da demanda,… as veces incluso tiñamos que facer o traballo con luces de carburo… había quen traia as fillas pequenas a carreira para aguantar no candil mentres fiabamos, despois dabámoslles propina”

O ocaso das Carreiras estivo marcado pola automatización dos procesos e a aparición dos materiais sintéticos como o nailon

A partir dos anos 60, coa competencia de outros materiais sintéticos como o nailon, o emprego de máquinas, cada vez máis automatizadas, e a chegada ao mercado de novas artes xa elaboradas, fixeron que esta importante industria das carreiras para a elaboración artesanal de fíos desaparecese progresivamente

De feito, esta tendencia xa se apreciaba dende os anos 50, cando a súa actividade foise reducindo e unicamente coa chegada das bateas, as Carreiras puideron subsistir fabricando cordas para a cría de mexillón ata que a súa actividade cesou definitivamente.

Para rematar este artigo, deixámosvos un video de como se traballaba o cáñamo de forma artesanal na poboación alacantina de Callosa del Segura, onde teñen incluso o “Museo do cáñamo“.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.