A ASOCIACIÓN QUE TRABALLA POR MANTER VIVA E POÑER EN VALOR A TRADICIÓN DAS ALFOMBRAS FLORAIS DE BUEU

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información facilitada por Carmen Santos e Manuel Alonso, Presidenta e Vicesecretario da propia Asociación Cultural Alfombras de Bueu.

A Asociación Cultural Alfombras de Bueu constituíse en febreiro do ano 2015 para dar un novo pulo a esta tradición centenaria de Bueu

Como contamos na primeira parte deste artigo adicado á historia do alfombrismo en Bueu baixo o título As alfombras florais de Bueu (I): Orixe e evolución, durante anos foron moitas as familias do pobo que participaban das numerosas alfombras florais que se elaboraban con motivo do Corpus Christi.

A súa gran variedade e vistosidade facía que moitas persoas acudisen a vila cada ano a contemplar os seus orixinais deseños, pero chegou un momento no que a actividade entrou en retroceso debido sobre todo a que os alfombristas cada vez eran menos pola falta de relevo xeracional.

Foi entón cando xurdiu a idea de constituír a Asociación Cultural Alfombras de Bueu para unir esforzos e frear o declive. Fomentar o coñecemento en todos os sectores da sociedade, especialmente entre a xuventude, e traballar pola posta en valor desta importante tradición do pobo foron as súas dúas liñas principais para comezar a traballar.

CORPUS BUEU
Procesión do Corpus Christi de Bueu (2016).

Coa creación da Asociación Cultural Alfombras de Bueu, os alfombristas comezaron a participar directamente nas decisións sobre a organización das alfombras no Corpus

Unha vez conformada a Asociación, que actualmente conta con preto de 250 socios, os seus primeiros esforzos centráronse en tomar as medidas necesarias para mellorar a organización das alfombras florais da procesión do Corpus. Decidiron actuar sobre o percorrido que se viña facendo, que era moi longo e desgraciadamente ía quedando valeiro de alfombras ao ir faltando as persoas maiores que tanto vivían estas festas.

Ademais decidiuse que os espazos que foron quedando valeiros nos último anos por falta de relevo xeracional dos alfombristas serían asignados a toda persoa ou colectivo interesado en participar. Con isto buscábase fomentar a participación de todas as persoas interesadas con independencia de que fosen ou non veciños das rúas polas que pasaba a procesión e nas que se elaboraban as alfombras.

Outra medida que tomaron foi promover que os materiais e servizos necesarios fosen compartidos por todos os participantes, o que na práctica supuxo pasar do espírito individualista que se percibía nas últimas edicións do Corpus a outro marcado pola solidariedade entre todos, compartindo materiais e contribuíndo á participación de todos en todo o percorrido.

Esta iniciativa foi todo un acerto como quedou patente no ano 2016 cando o evento puido sobrepoñerse a escaseza de flores para esa época porque a Asociación foi quen de xestionar e posteriormente subministrar materiais a todos aqueles que quixeron elaborar algunha alfombra.

Ademais de fomentar o coñecemento do alfombrismo a nivel local, a Asociación Cultural Alfombras de Bueu tamén traballa na difusión da actividade a nivel nacional e internacional 

Co obxectivo de dar a coñecer todo o referente o arte das alfombras florais, os dez membros da xunta directiva do colectivo, decidiron organizar no 2015 as “I Xornadas sobre as Alfombras de Corpus” nas que participou una delegación procedente de Ponteareas, referente a nivel mundial. A ela se uniría outra de Redondela ao ano seguinte e iría crecendo ano tras ano.

No 2016 a Asociación Cultural Alfombras de Bueu entrou a formar parte da Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efímero

Despois de adherirse á Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efímero (CGIEAAE), a Asociación comezou a participar activamente das súas accións chegando incluso a organizar encontros internacionais en Bueu, normalmente coincidindo coa Festa do Carme.

Foi neste mesmo ano cando os membros da asociación comezaron a realizar viaxes a nivel internacional participando por exemplo no mes de maio no VI Congreso Internacional de Arte Efímero en Noto (Sicilia) e na Infiorata de Castori celebrada tamén en Italia no mes de setembro, onde fixeron unhas alfombras para a ocasión. 

No 2017 as alfombras florais do Corpus Christi de Bueu foron declaradas “Festa de interese turístico galego”

Grazas á iniciativa tomada anos atrás pola Asociación, tras moitas xestións e traballo, conseguiuse que as alfombras do Corpus Christi de Bueu fosen declaradas como “Festa de Interese Turístico de Galicia”.

Con esta calificación recoñecíase a historia e tradición das alfombras de Bueu e foi un novo impulso para proxectar aínda con máis forza a súa importancia e prestixio no exterior.

Ese mesmo ano a Asociación colaborou no “Encontro Internacional de Alfombristas pola Paz” na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, elaborando unha gran alfombra coa participación de 18 delegacións.

No 2018 a Asociación Cultural Alfombras de Bueu foi invitada a participar na alfombra da Grand Place de Bruselas que se elabora cada dous anos

O 2018, comezou coa elaboración dunha alfombra para a recepción aos Reis Magos. A longo dese ano, a Asociación realizou obradoiros nos colexios e institucións, as tradicionais alfombras polo Corpus, e outras alfombras xa habituais (FICBUEU, Nadal, Día do Alzheimer, …..). No  “Encontro Internacional de Alfombristas de Bueu” dese ano estiveron alfombristas de Camaiore como invitados especiais. 

En xuño participaron no “VI Congreso Internacional de Arte Efímero de Elche de la Sierra”.

En agosto foron invitados a participar na espectacular alfombra da Grand Place de Bruselas que cada dous anos enche de cor esta emblemática praza que é a maior da cidade de Bruselas e unha das máis fermosas do mundo.

CORPUS BUEU

No 2019 a Asociación Cultural Alfombras de Bueu participou activamente na creación da Federación Galega de Alfombristas 

Este foi un ano no que a Asociación centrouse en consolidar e mellorar a organización de todas as actividades que xa viña facendo de xeito regular. 

En xullo tivo lugar o “Encontro Internacional de Alfombristas de Bueu” coa participación de 14 participantes procedentes de 6 países: Portugal, Malta, Alemaña, India, Italia e varias delegacións de España e Galicia.

CORPUS BUEU
Alfombras florais elaboradas na Praza Massó por parte das diferentes delegacións participantes no Encontro Internacional de Alfombristas celebrado en Bueu (2019).

En setembro a Asociación Cultural Alfombras de Bueu participou activamente na formación da Federación Galega de Alfombristas. Esta institución xurdiu como unha forma de unir e dar voz ás localidades galegas onde tamén se realizaban alfombras, pero que pola súa entidade non podían acceder ás redes de comunicación ou aos circuítos internacionais.

Os obxectivos desta entidade, ademais de unir aos alfombristas dispersos existentes, é a divulgación, análise, posta en valor e conservación para que este Patrimonio Inmaterial se transmita as próximas xeracións.

Como colofón, no mes de Outubro algúns dos membros da Asociación viaxaron ata San Miguel de Uriangato (México) para participar no “IV Encuentro Internacional de Alfombristas de Uriangato” onde elaboraron unha alfombra cunha alusión ao Camiño de Santiago.

No 2020 a pandemia da COVID 19 fixo que as actividades previstas fosen canceladas, incluído o VIII Congreso de Arte Efímero de Tokyo, pero a pesar de todo a Asociación participou de varias iniciativas

O ano 2020 ía ser moi especial para a Asociación debido sobre todo a viaxe que tiñan programada a Tokyo para acudir ao “VIII Congreso de Arte Efímero” organizado pola (CGIEAAE), pero lamentablemente a pandemia mundial da COVID 19 obrigou a cancelar o evento.

Antes do confinamento a Asociación colaborou coa Federación nalgunhas alfombras temáticas en A Coruña e confeccionaron no edificio da Deputación Provincial de Pontevedra, a primeira alfombra integramente realizada con Camelia.

Despois de que se declarara a pandemia a nivel mundial, realizaron tres participacións en actividades propostas pola Coordinadora Internacional e tamén, en coordinación coa Federación, fixeron unhas alfombras polo Corpus en Santiago de Compostela, na Igrexa de San Francisco, que substituía á Catedral por obras, e na igrexa de San Fructuoso, desde onde se emiten todos os domingos a misa pola TVG, coa súa importante repercusión.

No mes de xullo, o día 25, participaron na confección de  tres alfombras en Santiago con motivo da Festa del Apóstolo, nas inmediacións de San Martín Pinario, igrexa que substituía á Catedral por obras. A proxección destas alfombras tamén tivo unha altísima repercusión e incluso foron  admiradas polos reis de España na súa visita oficial a Galicia.

En setembro unha delegación procedente de San Miguel de Uriangato (México) devolveu a visita que algúns dos membros da Asociación Cultural Alfombras de Bueu fixeran en 2017 e no 2019 ao país azteca, e elaboraron xuntos unha alfombra conmemorativa diante do Concello de Bueu.

En novembro organizouse o “I Foro de Alfombrismo e Patrimonio Inmaterial de Galicia“. Fíxose dun xeito virtual pero con sede física nas instalacións de Bueu, onde se presentaron ao mundo dos alfombristas interesantes conferencias que relacionaban aos mundos das alfombras de arte efémera con valores patrimoniais intrínsecos a nosa cultura popular.

De aí xurdiu unha exposición itinerante coa presentación dos traballos nun ano da Federación e que tivo paradas en Bueu, Rianxo, Perbes, Miño, Moaña, Burela, Ponteareas, Ames, …..

Xa ao final de ano, fixeron unha nova alfombra en Santiago de Compostela, esta vez con ocasión da Apertura da Porta Santa con motivo da inauguración do “Ano Santo Compostelán” e o Xacobeo. Esta alfombra realizouse propiciada pola Federación, na Praza da Quintana, xusto fronte á Porta, e novamente tivo unha gran repercusión a súa realización dada á difusión dos actos por varias cadeas de televisión.

Como noutros anos, e a pesar da pandemia, a finais de decembro tamén realizaron a alfombra de Nadal, que ven a ser o peche da súa campaña anual nos últimos tempos.

A día de hoxe a Asociación Cultural Alfombras de Bueu trata de manter a súa actividade a nivel galego agardando o fin da pandemia para volver ao ámbito nacional e internacional

A nivel local a Asociación centra as súas actividades en datas como o Corpus Christi, as Festas do Carmen, o Nadal ou o FICBUEU, pero tamén leva a cabo algunha colaboración adicional co Concello.

A parte de estas citas imprescindibles tamén fai innumerables colaboracións con outros compañeiros, a Federación, a Coordinadora Internacional, outros Concellos, a Deputación, a Xunta de Galicia e outros colectivos.

Se vos gustan as actividades deste colectivo e queredes recibir máis información sobre as súas  podedes contactar con eles:

Carmen Santos Cidrás (Presidenta da Asociación Cultural Alfombras de Bueu)

alfombrasbueu@gmail.com

Facebook: Asociación Alfombras Bueu

Queremos agradecer a colaboración da Asociación Cultural Alfombras de Bueu para a elaboración deste artigo e felicitalos polo gran labor que están realizando dende a súa creación para a recuperación e posta en valor desta tradición que tanto arraigo ten no pobo de Bueu.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

7 comentarios

  1. Feira Medieval Moaña AntiQua 2023 » A Illa dos Ratos

    […] da primeira Federación de Alfombristas de Galicia, xunto con outros colectivos históricos como a Asociación Cultural Alfombras de Bueu, e as de Ponteareas, Rianxo, Miño, Burela, […]

  2. Feira Medieval Moaña AntiQua » A Illa dos Ratos

    […] da primeira Federación de Alfombristas de Galicia, xunto con outros colectivos históricos como a Asociación Cultural Alfombras de Bueu, e as de Ponteareas, Rianxo, Miño, Burela, […]

  3. Asociación Moaña AntiQua » A Illa dos Ratos

    […] da primeira Federación de Alfombristas de Galicia, xunto con outros colectivos históricos como a Asociación Cultural Alfombras de Bueu, e as de Ponteareas, Rianxo, Miño, Burela, […]

  4. A Semana Santa de Cangas » A Illa dos Ratos

    […] floral elaborada pola Asociación Cultural Alfombras de Bueu para conmemorar o XXIX Encuentro Nacional de Cofradías Penitenciales celebrado en Cangas no ano […]

  5. La Semana Santa de Cangas » A Illa dos Ratos

    […] floral realizada por la Asociación Cultural Alfombras de Bueu para conmemorar el XXIX Encuentro Nacional de Cofradias Penitenciales celebrado en Cangas en […]

  6. Asociación FICBUEU » A Illa dos Ratos

    […] ➢Elaboración de una alfombra floral conmemorativa de cada edición por parte de la Asociación Cultural Alfombras de Bueu. […]

  7. Asociación FICBUEU » A Illa dos Ratos

    […] ➢Elaboración dunha alfombra floral conmemorativa de cada edición por parte da Asociación Cultural Alfombras de Bueu. […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.