ANA MARIA SOTO LANDEIRA: A SEÑORITA DE MASSÓ
Texto elaborado por Raquel Rodríguez Paz. Socia de A Illa dos Ratos.
No artigo de hoxe queremos lembrar a unha desas mulleres galegas que tanto fixeron para achegar a cultura, a dignificación laboral e a oportunidade de formación nun tempo no que estudar quedaba restrinxido a unha minoría podente.
Ela foi Ana María Soto Landeira, unha viguesa nacida en 1921 que comezou a traballar como asistenta social na conserveira de Massó de Cangas alá polos anos 50 do século pasado, prestando axuda ás familias que traballaban na fábrica.
A súa adicación faría de Massó un exemplo a seguir no ámbito social
Ao longo dos anos foron moitos os proxectos sociais e laborais que encabezou esta muller e que non pasaban desapercibidos.
Encabezou propostas tan innovadoras como a creación dunha gardería preto da fábrica e foi quen de conseguir que as mulleres puidesen dispoñer dun tempo durante a súa xornada laboral en Massó para a lactación das súas crianzas.
Actuaba como mediadora para solucionar calquera problema a nivel laboral dos/as empregados/as e para mellorar a súa vida a través da cultura, avogou pola organización dunhas clases para diminuír o seu índice de analfabetismo. Neste senso, tamén axudou a tramitar bolsas de estudo para os fillos/as dos traballadores/as que estudaban na “Escola do padroado de Massó“.
Impulsou a creación dun comedor social e dun economato, así como o proxecto da construción de vivendas sociais dentro do propio complexo industrial.
Ana María Soto Landeira, primeira asistenta social de Galicia
Esta gran muller estudou maxisterio en Santiago de Compostela e, nos seus inicios, deu clases aos/ás fillos/as de familias con escasos recursos económicos. Das súas visitas a diferentes fábricas, conseguiu tamén que unha metalúrxica de Vigo permitira saír os/as seus/súas empregados/as media hora antes, un día á semana, para reunírense con ela e que lle contasen os seus problemas.
Ana María foi unha precursora no ámbito da axuda á comunidade, desenvolvendo a función de asistenta social moito antes de que esta figura tivese o recoñecemento social e académico que ten na actualidade.
Todo comezou cando acudiu a unha reunión de Acción Católica na que o xesuíta Francisco Gómez lle fala da figura dos asistentes sociais. Ana María acepta, malia non coñecer exactamente esa labor, mudándose á capital madrileña para formarse na Escola de Traballo Social.
Entrou en Massó no ano 1955 e co seu traballo mellorou moito a vida das empregadas da fábrica
De volta en Galicia, polo ano 1955, e co seu título baixo o brazo, a muller de D. Gaspar Massó, Dna. Amalia Bolívar, preséntalle ao empresario e este acéptaa na súa conserveira de Cangas.
Ana María dedicaríase a facer visitas ás familias dando a coñecer a súa situación familiar á empresa para, con posterioridade, seleccionar aquelas que máis necesitaban unha das vivendas que a empresa poñía a disposición dos seus traballadores e traballadoras.
Tamén realizaría labores de acompañamento e asesoramento dos/as traballadores/as no que respectaba a ir ao médico, posto que, debido ao gran analfabetismo que había, moitos non sabían o que significaban as recomendacións do médico.
Sempre quixo que a tiveran como “unha man amiga que lles axudaba” se algún/ha traballador/a tiña algunha baixa e poder volver á empresa, se tiña que cambiar de posto por recomendación médica, etc.
Pero o seu labor non rematou aquí; gracias a ela contrataron un médico pediatra e trouxeron varias enfermeiras de Santiago para que ensinaran ás mulleres como coidar aos/ás fillos/as das traballadoras durante a xornada laboral das súas nais.
Todo este labor viuse recompensado xa que a Ana María subírona de categoría dentro da empresa facendo labores de administradora. A súa contribución serviu para converter a Massó nunha empresa modélica naquel tempo. Con posterioridade, compañías como Zeltia, Vulcano ou Barreras apostaron pola contratación de asistentas sociais.
Colaborou de maneira altruísta con Aldeas Infantiles e co Fogar e Clínica San Rafael
Teríamos que destacar asemade que, aínda que o seu labor se desenvolvía principalmente en Massó, esta extraordinaria muller tamén se comprometeu con asociacións como Aldeas Infantiles e co Fogar e Clínica San Rafael, un centro dedicado ao coidado de nenos/as con discapacidades intelectuais.
Da Orde Hospitalaria recibiu a “Carta de Hermandad” pola súa dedicación para solucionar as cuestións sociais dos relixiosos e nos anos 80 seguía colaborando na xestión administrativa do dispensario farmacéutico, tramitación de citas médicas e control de receitas.
Nos 90, xa xubilada, aínda seguía ofrecendo a súa incrible colaboración ocupándose, xunto con outras traballadoras, da coordinación do voluntariado.
No ano 2010 foi homenaxeada pola Asociación Cultural A Cepa de Cangas, e tamén polo Concello de Bueu, na Gala da Igualdade dedicada ás mulleres que traballaron nas conserveiras da localidade.
No 2016, realízanlle outro recoñecemento ao seu labor nomeándoa filla adoptiva do Concello de Cangas
Anita, a señorita de Massó, así coñecida cariñosamente na vila canguesa, finou o 22 de abril do pasado ano 2019, aos 98 anos.
Raquel Rodríguez Paz
Socia de A Illa dos Ratos
4 comentarios
Xosé Manuel Pazos Varela, un hombre de cultura, honrado y generoso (I) » A Illa dos Ratos
[…] los/las hijos/hijas de los trabajadores/as valía para estudiar, la trabajadora social de Massó, Ana María Soto Landeira , se encargadaba de gestionarles una beca para que pudiesen cursar estudios […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (I) » A Illa dos Ratos
[…] cando algún fillo/a dos traballadores/as valía para estudar, a asistenta social de Massó, Ana María Soto Landeira, se encargaba de xestionarlle unha bolsa de estudos para que puidese cursar estudos […]
Carmiña Pérez Alonso, promotora do folclore e baile galego no morrazo » A Illa dos Ratos
[…] o consello de Dna. Ana María Soto Landeira, asistenta social de Massó, Carmiña desprazouse a Madrid para asistir a diversos cursos de […]
Carmiña Pérez Alonso, promotora do folclore e baile galego no morrazo » A Illa dos Ratos
[…] o consello de Dna Ana María Soto Landeira, asistenta social de Massó, Carmiña desprazouse a Madrid para asistir a diversos cursos de […]