ADICAM E A SÚA FUNDADORA FINA ACUÑA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez en base a información e fotografías facilitadas por Olga Sotelo (Presidenta) e María Martínez (Traballadora Social) de ADICAM.

Shambala, Herboristería e Tenda Ecolóxica na rúa Ferrol, 1 de Cangas.

ADICAM (Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico), é sobre todo unha ilusión feita realidade a base de moito esforzo e moitas horas de traballo de mulleres, coma Fina Acuña Graña, que nun momento das súas vidas tiveron que facer unha parón para deixalo todo e dedicarse a elas e a súa enfermidade.

Fina Acuña Graña, fundadora de ADICAM.

ADICAM bota a andar o 21 de xaneiro do ano 2001 con Begoña, Tere, Vanesa, Loli, Isabel e Fina, en primeira liña e con 40 persoas asociadas, cantidade que iría evolucionando e crecendo o longo dos anos, e coa meta de promocionar a prevención e a detección precoz da enfermidade.

Os seus primeiros anos de vida transcorreron nun pequeno piso da avenida de Marín, ata que en febreiro de 2013, a entidade trasladouse, grazas a colaboración municipal, a actual sede na Casa da Bola onde precisamente facemos unha parada explicativa sobre ADICAM dentro da ruta “Historia das mulleres de Cangas” que organizamos cada ano dende a Asociación A Illa dos Ratos.

ADICAM é un referente autonómico no apoio á pacientes de cancro de mama e traballa para que as pacientes e as súas familias reciban unha atención integral 

A principal intención de Fina coa creación de ADICAM era a de transformar o concepto de paciente e facer propostas de mellora aos servizos hospitalarios a nivel provincial, sobre todo, no referente ao trato, á intimidade e a comodidade das persoas afectadas, xa que consideraba que a parte emocional das persoas afectadas era un aspecto fundamental que había que coidar.

Pero a súa visión de ADICAM evolucionou e co paso do tempo converteuse tamén nunha oportunidade para traballar en saúde fomentando actividades de lecer, de formación, de investigación, culturais e asistenciais.

Máis de 20 anos despois podemos afirmar rotundamente que ADICAM alcanzou todos esas metas. Dunha asociación que naceu cun obxectivo  humilde e sinxelo, foi crecendo ata alcanzar máis dun millar de soci@s (na actualidade rondan os/as 1750).

Isto fai que o nivel de exixencia para a actual Xunta Directiva, composta nestes momentos por oito mulleres diagnosticadas e un home, familiar dunha muller tamén diagnosticada, sexa importante.

O seu esforzo e implicación facilitan que ADICAM manteña unha actividade frenética durante todo ano, sempre tendo como meta principal mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticad@s de cancro de mama na comarca do Morrazo e ás súas familias, centrándose sobre todo na prevención primaria e secundaria pero tamén prestando acompañamento no diagnóstico aos/as enfermos/as e as súas familias, asesorando e informando no tratamento e colaborando na rehabilitación e seguimento, porque o cancro de mama cada vez máis é unha enfermidade crónica.  

En relación a poboación en xeral, antes da pandemia da COVID 19, os primeiros martes de mes organizaban na súa sede en Cangas unhas charlas de saúde as que podía acudir calquera persoa interesada. Nestes momentos esta iniciativa está paralizada debido a que ADICAM traballa cun colectivo moi vulnerable e o equipo de traballo considera que sería moi precipitado retomar as charlas de forma periódica como se viña facendo antes da pandemia.

Outro aspecto importante e que en ADICAM contan co seu propio equipo de investigación que na actualidade dirixe nun estudio científico que se está a desenvolver dende 2012 e que permitirá saber se se pode diminuír a incidencia de cancro co uso do kalanchoe.

O mes de Outubro é o máis intenso para ADICAM con motivo do Día Internacional do Cancro de Mama

Con motivo de que o día 19 de outubro é o Día Internacional do Cancro de Mama, ADICAM busca que a súa labor se faga aínda máis visible. Durante todo o ano pero especialmente neste mes traballan pola sensibilización da poboación do Morrazo e das comarcas limítrofes organizando un intenso calendario de eventos e actividades ao longo de todo o mes:

1.- Xornadas científicas que aglutinan a distintos profesionais sanitarios de diversa índole nos que se tratan temas relacionados co cancro de mama e da saúde das persoas.

2.- “Marcha Solidaria Fina Acuña”: A gran marcha solidaria de ADICAM foi unha iniciativa que xurdiu dun grupo de mulleres que para dar visibilización á causa, decidiron saír de Moaña e de Bueu e encontrarse nun punto intermedio de Cangas, alá polo ano 2008, todas elas ataviadas con panos rosas na cabeza e coas camisetas de ADICAM.

Grazas a elas e a súa valentía para ser as primeiras en facelo, esta marcha chegou a congregar a máis de dous millares de persoas, mulleres, homes, nenos e nenas que camiñaban formando parte dunha gran marea rosa.

Lamentablemente debido a pandemia esta iniciativa tivo que ser substituída nos últimos anos por un aplauso solidario e a chamada aos veciños para que decorasen de rosa as súas fachadas, balcóns e ventás. Este aplauso na honra de Fina Acuña, aínda que non ten o mesmo impacto visual, mantén o espírito e sentimento do evento orixinal.

Participantes da “Marcha Fina Acuña” á súa chegada ante a sede de ADICAM en Cangas.

3.- Xornada de portas abertas do 19 de Outubro. A ela esta convidada calquera persoa que lle apeteza pasar ese día pola sede da Casa da Bola.

4.- Mesas informativas formadas por voluntarias, moita de elas sobreviventes dun cancro de mama, informan a outras mulleres que están pasando por un proceso similar da labor da asociación e danlle a información a poboación en xeral sobre á importancia da prevención da enfermidade.

O calendario solidario, o certame de arte ou o proxecto “12 pasos” son algunhas das actividades que ADICAM viña realizando cada ano con carácter regular antes da COVID 19

O primeiro calendario solidario de ADICAM foi editado en 2008 cando un grupo de  mulleres valentes prestaron a súa imaxe e o seu tempo co fin de dar unha imaxe diferente das mulleres mastectomizadas se pode encontrar en moitas casas e establecementos do Morrazo.

Dende 2011 tamén veñen traballando na exaltación da imaxe da muller por medio da convocatoria dun certame anual de arte e a organización de exposicións de distintos estilos artísticos na súa sede, sempre buscando acercar á poboación para que poida comprender máis a enfermidade por medio da cultura.

No ano 2014 froito do interese de facer unha xuntanza entre mulleres con diferentes patoloxías, e que tiveran tempo para elas e para compartir a súas inquietudes organizaron a “I Convivencia en feminino”, convocatoria a que cada vez foron acudindo máis mulleres ata o parón obrigado pola chegada da COVID 19.

No ano 2015 comezaron tamén cun novo proxecto que foi todo un reto, o programa “12 pasos cara a saúde” que consistía en fomentar os hábitos de vida saudables entre a poboación en xeral. Esta é unha das actividades ao aire libre que se recuperaron na “nova normalidade” na que vivimos, con saídas para camiñar en compañia todos os martes e xoves as 10 da mañá dende a sede da Casa da Bola.

ADICAM

Outro reto para ADICAM foi o Grupo Interactivo de pacientes que comezou a andar no ano 2016, que xurdiu do interese por mellorar a calidade de vida das persoas que están pasando por un proceso oncolóxico. Nese mesmo ano comezou o programa “¡Ti queres ti podes!” de estimulación cognitiva e de exercicio físico adaptado a pacientes oncolóxicos. 

Outro feito importante desa data foi que Fina Acuña Graña traspasoulle a presidencia da entidade a Olga Sotelo Pastoriza, actual presidenta de ADICAM.

Para seguir traballando pola prevención primaria e no ano 2017 ADICAM puxo en marcha o programa “Apálpate”, no que un grupo de voluntarias, levou ao rural información sobre autoexploración mamaría, nunha clara aposta pola prevención.

En xaneiro  de 2018 co afán de dar coberturas ás necesidades directas das persoas da zona norte da provincia, ADICAM comezou a traballar tamén en Pontevedra, para poder chegar cada vez a máis mulleres que o precisasen. En xuño de 2020 inauguraría nova sede en Vigo na rúa Oliva, no centro cívico preto da colexiata e en marzo de 2021 outra en Moaña.

No 2019 debido a que tamén viñan atendendo mulleres con outro tipo de patoloxías de cáncer xinecolóxico, decidiron incluír esta realidade tamén nos seus estatutos, unha medida que foi aprobada en asemblea xeral de socios/as.

Os dous últimos anos foron moi duros para ADICAM pero incluso nos peores momentos da pandemia continuaron traballando para axudar a todos os habitantes do Morrazo

A actividade de ADICAM nunca se detivo durante estes tempos tan complicados que estamos a vivir, ao contrario, as súas integrantes traballaron moito polos seus veciños e veciñas e están moi orgullosas da súa labor.

Un exemplo da súa aportación foi que, durante os meses duros do confinamento, puxeron a disposición da poboación aos tres psicólogos dos que dispoñían, que por vía telefónica, atenderon as chamadas de particulares que precisaban esa axuda psicolóxica e tamén recibiron derivacións de organismos públicos e privados.

Ademais intentaron manter a actividade divulgativa empregando “Facebook life” con charlas de psicólogos e médicos e mesmo concertos de música cos que tamén buscaban facilitar unha alternativa de ocio que fixese máis levadeiro o confinamento.

Agora que a situación vai evolucionando favorablemente, grazas sobre todo a vacinación, puideron recuperar as actividades de ximnasia adaptada nas 4 sedes de ADICAM e todos os servizos individuais dirixidos ás persoas diagnosticadas de forma presencial: psicoloxía, traballo social, nutricionista, fisioterapia, orientación laboral, asesoramento en peiteados e beleza …

Un gran labor chea de recoñecementos

Por toda este intenso labor ADICAM foi premiada ao longo deste anos con premios de diferente índole. Algúns deles:

  • 2013 Premio da Asociación Cacarexo.
  • 2015 Premio da AAVV de Berducedo e Piñeiro.
  • 2015 e 2016 Bronce Premios Jovell.
  • 2018 Premio Daravelo, da Asociación de Darbo.
  • 2019 Medalla Emilia Pardo Bazán outorgada pola Xunta de Galicia.

Agardamos que a evolución da pandemia sexa o máis favorable posible e que pronto todos os colectivos e persoas podamos recuperar a normalidade nas nosas vidas.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.