A TORRE DE HOMENAXE QUE DERRUBARON OS IRMANDIÑOS 

Texto elaborado por Benito Vilas Estévez, socio da empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega que foi a encargada da escavación e posta en valor da Torre de Meira. 

O lugar da Torre de Meira non é tan só un dos mellores miradoiros que existen no Concello de Moaña, senón que ademais trátase dun xacemento arqueolóxico que consta dun espazo amurallado perimetralmente de case unha hectárea con foso, que comprende dentro da mesma a Torre de Homenaxe recuperada durante a intervención de 2021.

A maiores no recinto sábese que existe un patio de armas e diferentes recintos de uso incerto dos cales algún poderían ser habitacionais, pero que neste momento é imposible de asegurar a falta de escavacións futuras.

A TORRE DE MEIRA

Durante as escavacións realizadas durante o ano 2021, grazas a un convenio da Comunidade de Montes de Meira co Concello de Moaña e a unha subvención da Deputación de Pontevedra, localizáronse distintos restos cerámicos, un par de moedas, obxectos persoais en bronce e restos óseos de comida, en sintonía co aparecido durante as primeiras escavacións realizadas 1976.

Ao mesmo tempo, na actual intervención púidose comprobar que a entrada a Torre de Homenaxe sería unha entrada en altura, probablemente entre 5 e 8 metros sobre o nivel do chan, como acontece noutras torres similares como a de Cadaloba, A Forxa, ou a do Castelo-Fortaleza de Monterrei, entre outros exemplos.

O lugar da Torre de Meira era coñecido tamén como o Castelo

A pesares de ser actualmente o lugar coñecido como a “Torre”, os veciños testemuñan que este promontorio que se sitúa a 140 metros sobre o nivel do mar era coñecido como o “Castelo”, sendo a zona da “Torre” a zona onde se sitúan as casas na actualidade.

En realidade, esta apreciación por parte dos veciños garda máis sentido co que se observa do xacemento xa que como foi dito anteriormente, non é tan só unha mera torre de vixilancia, senón que se trata mais ben dun fortaleza, camiño de converterse en todo un castelo.

A TORRE DE MEIRA
Recreación de como sería o espazo na contorna da Torre de Meira.

Isto vese referendado por ser a fortificación que se erixe sobre o val de Meira e Moaña, e que non garda relación visual cos outros dous grandes xacementos da época da Torre como son O Castelo de Darabelo (coñecido popularmente como Monte Castelo en Darbo, Cangas) ou o Castelo do Liboreiro ou Leboreiro (a montaña que divide Bueu e Cangas).

A destrución da Torre de Meira, durante a II Revolta Irmandiña

A época de construción da Torre é actualmente descoñecida, se ben sábese que a súa destrución acontece durante a Segunda Revolta Irmandiña entre 1467 e 1469, sendo señor deste lugar Gregorio de Valladares tal e como se recolle no preito Tabera-Fonseca. Esta Segunda Revolta Irmandiña foi posiblemente a maior revolta social da Idade Media en todo o contexto europeo, nun momento no que a fame, as epidemias e os abusos por parte da nobreza galega se repartían ao longo do territorio.

Pouco tempo despois, en 1476, o señor Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) ordenou que as ruínas da Torre de Homenaxe foran totalmente derribadas ata a base, para non seren nunca máis reconstruída.

Dita destrución ata a base non obedece tan só o interese en que non se voltara reconstruír esta fortaleza, senón que a súa vez gardaría un importante efecto simbólico para as xentes do pobo xa que supuña liberarse do mecanismo de control que os oprimía.

Para entender esta cuestión, compre entender a prominencia que gardaba este sitio vista dende abaixo (pois a torre roldaría moi probablemente os 20 metros de altura por comparación con outros lugares), xa que se situaba nun lugar estratéxico que ademais de poder controlar o Val de Meira dende arriba, tamén era posible observala nitidamente no horizonte dende abaixo creando unha sensación de control e opresión constante sobre as xentes, de tal xeito que eliminar ese fito da paisaxe era liberarse dunha gran carga simbólica.

A TORRE DE MEIRA

Benito Vilas Estévez
+ artigos

Membro de Árbore Arqueoloxía e Restauración Sociedade Cooperativa Galega

2 comentarios

  1. Carmen Iglesias Rosales

    Excelente a información que Xabi nos ofreceu sobre a historia da Torre e o Castelo e unhas vistas panorámicas espectaculares.

  2. Olmo

    Estades a facer rutas guiadas nesta torre?
    Gustaríame participar nalgunha.
    Gracias.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.