CONFRARÍAS, PROCESIÓNS, PASOS E IMAXES DE GRAN VALOR ARTÍSTICO CON MOITO ATRACTIVO TURÍSTICO

Texto elaborado por Beatriz Iglesias Barreiro, técnica de turismo da oficina municipal de Cangas, e Manuel Gil Fandiño, presidente da Coordinadora da Semana Santa de Cangas, da Irmandade da Virxe dos Dores e a Soidade e membro da Executiva Nacional de Confrarías Penitenciais. As fotografías facilitadas por Manuel Gil Fandiño foron tomadas polo fotógrafo cangués Santoro.

Os teus aliados nos primeiros anos de vida do teu bebé.

A pesar de que este ano tampouco poderá celebrarse a Semana Santa de Cangas, non imos deixar de recordala, aínda que sexa de forma escrita e poñendo o foco nas súas características propias e nos protagonistas da súa importante historia.

A Semana Santa de Cangas foi declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2002

A Semana Santa de Cangas é unha das celebracións máis reputadas de toda a provincia e tamén de Galicia. Por algo ten o galardón, concedido pola Xunta de Galicia, de Festa de Interese Turístico Galego dende o ano 2002, merecido pola súa antigüidade, polo valor artístico dos seus pasos e imaxes, polo número de confrarías e de procesións.

A SEMANA SANTA DE CANGAS

Pero falar da Semana Santa canguesa sen facelo tamén da súa igrexa non tería sentido. Hai que pensar que a Ex Colexiata está presente na vida dos cangueses e canguesas dende hai máis de 500 anos, coas mesmas dimensións dende o inicio da súa construción, comezada a finais do s. XV e rematada a mediados do XVI. Crese que houbo unha pequena igrexa anterior. A súa traza é do gótico, a súa fachada principal é renacentista e a torre é barroca. Cangas contaba cunha gran igrexa en relación ao número de veciños que tiña, que eran poucos, e iso denota a importancia que tivo. Chegou a contar incluso cun abade e seis cóengos, por iso o título de Colexiata.

A SEMANA SANTA DE CANGAS
A Ex colexiata de Cangas e a Fonte do Cabalo. Fotografía do santiagués Xaime Cortizo.

A igrexa atópase rodeada de belas casas, como a de Cheré, a de Rosita, o antigo Concello ou a fermosa pastelería de Quico. Tamén destacan a típica casa de patín na que durante parte do século XX estivo a escola de Barbicas, a de Chamadoira ou a “Casa das Novenas”, esta última pola súa parte de atrás, e sobre todo a popular Fonte do Cabalo, obra de Ignacio Cerviño, autor estreitamente ligado á Semana Santa canguesa.

Por todo isto, non é difícil imaxinar o poder de atracción que tivo este templo, primeiro polo seu importante valor relixioso e, na actualidade, cun gran respecto pola tradición e o valor cultural que a identifican.

Aínda que os hábitos, as costumes e as crenzas foron cambiando co paso dos anos, a Semana Santa de Cangas aínda conserva un forte carácter cultural, histórico e tradicional

¿Que veciño de Cangas non estivo presente na procesión do Santo Encontro, máis coñecida como a procesión dos Carallotes? Hai fotos moi curiosas dos anos 60, de dita procesión, onde o entorno da praza de abastos aparece cheo de xente e as árbores, que aínda están hoxe en día, aparecen cargadiñas de mozos subidos ás súas pólas espidas e robustas para non perder detalle do desfile dos pasos.

A SEMANA SANTA DE CANGAS

Hai que dicir que a calidade artística e a singularidade das imaxes da Semana Santa de Cangas é única, con varios pasos articulados e numerosas tallas feitas  polo artista e escultor Ignacio Cerviño quen, a pesar de que a súa obra máis popular é o admirado Cruceiro de Hío, igual de meritorias son as tallas de madeira que fixo para a Confraría da Misericordia.

Destacar a importancia, en paralelo ás imaxes, do acompañamento musical nas procesións, a cargo de diversas bandas de música. Cantas horas de ensaio de marchas procesionais, de autores como Reveriano Soutullo, Prudencio Romo, José Iglesias, Ramilo ou José Blanco, interpretadas pola banda de música Belas Artes de Cangas, pola banda de Cornetas e Tambores e pezas tradicionais coa banda de gaitas Tromentelo.

Existe unha Coordinadora que agrupa as cinco confrarías que son as protagonistas da Semana Santa de Cangas

Na actualidade, a Coordinadora de Semana Santa agrupa a cinco confrarías, tres das cales son centenarias:

A Irmandade da Virxe das Dores e da Soidade foi fundada en 1748 a instancias do prior da Colexiata Don Ramón Tabares. Foi chamada tamén da Boa Morte e absorbeu no seu día á xa existente confraría da Soidade. A súa imaxe titular é a Virxe das Dores, de 1805.

A Confraría do Santo Cristo do Consolo crese que é anterior ao ataque de 1617 por parte dos piratas turco berberiscos. A súa imaxe titular é o Cristo do Consolo, que é ademais, patrón da vila.

A Confraría da Misericordia foi fundada polo gremio de mareantes no 1709, tendo nas xentes do mar un gran impulso e respaldo económico, de aí que tivesen encargado a Ignacio Cerviño a meirande parte das súas obras. As imaxes titulares desta confraría son San Xosé e a Virxe do Carme.

A Agrupación de San Pedro, creada no 1992, ten como imaxe titular a San Pedro, pero á imaxe nova, feita por Suso o Caramuxo no 2018 e que substitúe á imaxe que se sacaba ata entón, que é a do altar maior.

Finalmente, a Irmandade do Cristo Resucitado fundouse no 2014 e o seu Cristo é o máis novo e luminoso da Semana Santa.

Cada ano a intensa programación da Semana Santa de Cangas comeza o Venres de Paixón e remata o Domingo de Pascua

En canto aos actos, en Cangas a Semana Santa comeza o Venres de Paixón coa procesión da Virxe das Dores, que é festa local dende os anos sesenta. Esta imaxe, datada no 1807, estaba gardada durante todo o ano nunha casa do Eirado do Sinal, pero ao falecer a dona da casa, pasou a gardarse na propia igrexa, na sancristía. Son varias as imaxes da Semana Santa canguesa que, por falta de espazo, están depositadas en baixos ou naves de particulares, ou na popular “Casa das Novenas”.

Continúan co Domingo de Ramos ou día da procesión da bendición das palmas, na que sae o paso da “Entrada de Xesús en Xerusalén”, montado na popular burriquiña, que nos seus inicios chegou a ser de verdade (unha burrica propiedade dos “Torrosos”). É obra dos autores cangueses Bladimiro Mielgo, xa falecido, e de Suso o Caramuxo.

Logo ven o Mércores santo coa procesión da Virxe da Soidade, a do Altar das Animas da Ex Colexiata, que se ven facendo dende hai uns doce anos, e na que a Virxe, ao atardecer, sae levada por mulleres polas rúas do casco vello ata a praza do Señal. Esta é unha das imaxes máis antigas da igrexa, case tanto como o templo.

Na tarde do Xoves Santo sae a procesión dos Apóstolos. O paso da Santa Cea é unha fermosa obra de Cerviño, con coloridas vestimentas de veludo e con produtos naturais adornando a Mesa.

A SEMANA SANTA DE CANGAS

Sae acompañado polo paso de A oración no horto, obra de José Vamonde no 1998, e o paso da Flaxelación, que dende o ano 2019, foi substituído por un paso novo chamado Xesús da Saúde, feito nun taller de Ecija polo artista Jesús Richarte. Pecha o conxunto a Virxe das Dores.

E chega o Venres Santo onde o “madrugón” inicial para presenciar a procesión da Negación de San Pedro, co galo cantando tres veces antes de amencer, é compensado pola chocolatada no adro para todos os participantes. Nos inicios desta procesión, alá polo 2004, a imaxe que se sacaba era o San Pedro do retablo do altar maior, pero ante a fraxilidade dunha imaxe tan antiga, se encargou unha nova, obra de Xesús Bernárdez no 2018.

Séguelle, ás dez da mañá, a procesión do Santo Encontro, coñecida como a “procesión dos carallotes”, que simula o Calvario de Cristo, e na que o predicador vai relatando a pasaxe histórica mentres das diferentes rúas que conflúen na praza van saíndo as imaxes: as articuladas de San Xoan e a Verónica, seguidos de María Magdalena, María Cleofás e María Salomé, coñecidas como as “Tres Marías”, e a Virxe das Dores.

A SEMANA SANTA DE CANGAS

O Nazareno, ou tamén coñecido como paso das Caídas, acompañado no mesmo paso por un centurión romano (o noso “Carnasedo”), polo Cireneo e dous saións romanos. Estes últimos formaban, ata hai uns anos, unha imaxe separada, coñecida popularmente como “os Carallotes”.

A SEMANA SANTA DE CANGAS
Fotografía que mostra como era o actual paso do Nazareno: por un lado ía un paso co Nazareno, diante o centurión romano coñecido aquí como “Carnasedo” e detrás axúdalle a levar a cruz Simón o Cireneo, e por outro lado, ía o paso dos “carallotes”, cos dous saións romanos.

A imaxe que a precede, abrindo a comitiva, é o popular Francisquiño da Ferramenta, paso moi lixeiro no que se inician os rapaces novos a portar imaxes. Dise del que é unha reprodución da cara de Francisco Graña o “Ranqueta” cando era novo, agasallo que lle fixo Cerviño por terlle dado o traballo do fermoso panteón que preside o cemiterio municipal de Cangas, tal e como relatou o historiador Xerardo Dasairas nun recente artigo do Faro de Vigo. Todas estas imaxes, a excepción da Virxe das Dores, son obra de Ignacio Cerviño, no 1877, e pertencen á Confraría da Misericordia.

A SEMANA SANTA DE CANGAS
Primeiro plano de Francisquiño da Ferramenta.

A tarde do venres, no templo, ten lugar a escenificación do Descendemento da Cruz, onde o Cristo morto, considerado a obra cume de Cerviño en madeira, é descravado dunha impoñente cruz e depositado nunha urna de cristal.

A SEMANA SANTA DE CANGAS

Polo atardecer, énchense as rúas coa procesión do Santo Enterro: con San Xoan, as Piadosas Mulleres, o paso de Xesús crucificado (Cristo do Consolo, obra de Xoán Pintos no 1796), o paso da Piedade, a urna co Cristo Xacente e a Virxe da Soidade. O da Piedade é unha montaxe de dúas imaxes impactantes: a Virxe das Dores a Vella, colocada na pila bautismal da Colexiata, e un Cristo miúdo de trazos orientais, considerado outra das imaxes máis antigas.

Para rematar o Venres Santo, á medianoite, sae a emocionante procesión do Silencio en que, coas luces do alumeado público apagadas, so coas velas dos fieis e o redobre dos tambores para marcar o paso, saen o Cristo do Consolo e o Santo Cristo da Pila, ou Cristo que non quixo arder, solemne Cristo románico de autor descoñecido, portado polos membros de Protección Civil, do que é patrón.

A SEMANA SANTA DE CANGAS

O Sábado Santo ou Sábado de Gloria, prepárase no templo un emotivo velorio no que as imaxes da Virxe e dos seus compañeiros rodean a urna de cristal.

Para rematar, o Domingo de Pascua sae a procesión do Cristo Resucitado, imaxe do ano 2015, do escultor Jorge Villalba Terán, na que a procesión parte da Casa das Novenas, co Cristo e a Virxe do Rosario, para finalizar cunha solta de pombas.

As Confrarías de Cangas participan regularmente nos diferentes Encontros Nacionais de Confrarías Penitenciais

A SEMANA SANTA DE CANGAS
A Semana Santa de Cangas é a única galega que conta con representación na Executiva Nacional de Confrarías Penitenciais.

A Semana Santa conleva unha actividade cultural paralela aos actos puramente relixiosos, como son exposicións de arte sacro, concertos, … así como a participación das Confrarías no Encontro Nacional de Confrarías Penitenciais en diferentes puntos de España, que veñen tendo lugar dende os anos oitenta e nos que Cangas ven participando dende o 2003 cando se celebrou en Vigo. Nos anos seguintes o encontro organizouse en lugares como Ávila, Jerez, Medina del Campo, Almería, Ceuta, Ciudad Real, Barbastro, Crevillente, Burgos, Tarragona, Toledo, Alzira, Jumilla, Bilbao, Elche e, no 2016, en Cangas, congregando a expertos e amigos da Semana Santa tradicional. 

A SEMANA SANTA DE CANGAS
Alfombra floral elaborada pola Asociación Cultural Alfombras de Bueu para conmemorar o XXIX Encuentro Nacional de Cofradías Penitenciales celebrado en Cangas no ano 2016.

Queremos agradecer tanto a Beatriz Iglesias Barreiro como a Manuel Gil Fandiño a elaboración deste artigo sobre esta celebración relixiosa que, ademais do seu gran atractivo turístico, conta cun importante enraizamento e tradición na historia do pobo de Cangas. 

Beatriz Iglesias Barreiro
+ artigos

Técnico de Turismo.

Secretaria da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa.

Manuel Gil Fandiño

Presidente da Coordinadora da Semana Santa de Cangas, da Irmandade dos Dolores e membro da Executiva Nacional de Confrarías Penitenciais.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.