UN MILAGRE EN CANGAS QUE A CIENCIA NON PUIDO EXPLICAR

Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado e cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.

Todo ocorreu o 13 de xuño de 1887. Na véspera levaron aos pés da cama de Balbina Zabala a imaxe do Sagrado Corazón que encargara para donarlla á excolexiata. Desmaiouse e espertou curada. “De súpeto Balbina deu un berro afogado, abriu os ollos e exclamou en voz alta:  Quen me tocou? Meu Deus ¡ Estou curada ¡. Balbina era filla do exalcalde de Cangas, Ignacio Zabala Pimentel, e a súa curación dunha parálise que a tiña prostrada dende facía oito anos nunha cama da casa familiar en Rodeira, foi considerada como unha milagre e a moza pasou a ser coñecida popularmente como “A Santa de Rodeira”.

Balbina Zabala, de 26 anos, filla do exalcalde de Cangas, curou en 1887 dun xeito milagroso da parálise que a tiña prostrada varios anos e pasou a ser coñecida como a Santa de Rodeira

As cautas autoridades eclesiásticas acabarían por non cualificar de milagre senón de extraordinario, o feito da curación instantánea da señorita Balbina Zabala con 26 anos, filla do exalcalde Ignacio Zabala Pimentel.

Os considerado como milagre ocorreu o 13 de xuño do 1887, día de San Antonio, cando na véspera lle levaron á casa unha imaxe do Sagrado Corazón para que a vise, pois era un encargo dela para donarlla a excolexiata.

No devandito día, puxeron a imaxe aos pés da cama na que levaba prostrada case dez anos, dende 1878, e despois de confesarse e comungar na bendición da imaxe, estivo desmaiada tres cuartos de hora. Ao volver en si, preguntou se alguén lle tocara pois pararan as dores que tiña, producidas por unha chaga que non curaba.

Antes, cando se lle facían as curas, case non podía tocárselle pois producíanselle terribles dores e agora recuperara a mobilidade no brazo e perna esquerdos e posta de xeonllos na cama pediu a roupa para vestirse ela soa, camiñando sen muletas, apenas apoiada no brazo de alguén.

Coñecedores os veciños disto, que o predicador P. Boneta cualificou como providencial, o domingo día 19 de xuño, a procesión do Sagrado Corazón sairía coa imaxe da casa, acompañada da xa nomeada como “santa”, con grande asistencia de público que incluso asistira dende diversos lugares.

A banda municipal de Vigo acompañaría a comitiva ata a igrexa que lucía adornos e a bandeira española e logo houbo unha festa ata a unha da madrugada con iluminación de fogueiras e foguetes, actos programados para este evento relixioso.

Aínda que non houbo unha “Santa Balbina”, este feito perduraría con certa polémica e durante anos lembraríase e falaríase da “Santa de Rodeira”. A petición da ciencia médica da época, sería trasladada a Santiago onde un competente comité médico cualificaría este caso de “fenómeno misterioso cuya explicación no ha alcanzado todavía la ciencia médica”.

O milagre da Santa de Rodeira foi difundido por un católico anónimo

No ano 1879 caeu enferma a moza dona Balbina Zabala que a un talento pouco vulgar, reunía unha virtude solidarísima, un carácter doce e afable e unha humildade que raiaba en portentosa, segundo confesión da súa propia familia e amigas.

A enfermidade que atacou á pobre rapaza revestiu desde os primeiros momentos un carácter de marcada crueldade: trousaba os alimentos que tomaba, deixou de facer as súas función naturais, unha fatiga ou dispnea frecuente impedíalle pronunciar unha soa palabra, e a máis diso botaba nalgúns días gran cantidade de sangue pola boca, de modo que os seus pais perderon por completo as esperanzas de salvala.

Cando a crían na agonía e os médicos que a asistían consideraban que a ciencia xa rematara a súa misión, a enferma pasou un mes, e dous, e tres e seis e oito, inmóbil, coas extremidades esquerdas paralizadas, desmaiándose de cinco en cinco minutos, sendo preciso para volvela ao estado normal soprarlle con forza nas fosas nasais, co cal se conseguía reanimala, pero non sen que sentise, ao volver en si, agudísimas dores.

Os médicos absortos naquel uso raro que ninguén conceptuaba, nin había entón motivo para iso, milagroso nin sobrenatural, concretáronse en observar e a esperar o desenlace daquela verdadeira anomalía patolóxica.

Chegou a primavera do ano 1880 e a moza Balbina, lonxe de manifestar impaciencia ou desesperación, fixaba os seus ollos conmovidos nos cadros de varios Santos que había na habitación. Continuaba coa horrorosa dispnea, sen moverse, e desmaiándose de cinco en cinco minutos pouco máis ou menos, sendo preciso que non saísen do seu lado tres ou catro persoas que facían quendas para soprarlle nas fosas nasais e facela volver en si.

Por prescrición facultativa só tomaba de dous en dous días unhas pingas de champaña misturadas con auga fría. Polo menos con este medicamento e o réxime alimenticio, os vómitos de sangue foron menos frecuentes.

Cando levaba sete anos prostradísima e ademais se lle tiña presentado no peito unha chaga que lle daba vivas dores e ensanchaba de diámetro, producindo a inflamación de todo o costado, un notable médico da escola compostelá examinouna, sen dar explicación daquel que denominou fenómeno, reservándose o diagnóstico, que porén conceptuaría como fatal para a enferma.

Vírona outros médicos de Santiago e Vigo, estando conformes de que non podía prolongarse moito tempo o triste estado daquel cadáver que parecía reanimarse por unha forza galvánica. E este era o mesmo prognóstico do ano 1886 e o fenómeno, o caso, a anomalía, ía pasando xa á categoría de prodixio.

Debido a fatiga, Balbina Zabala non podía articular palabra

Chegou o ano 1887 e o tumor canceroso de natureza indeterminada xa invadía gran parte da rexión torácica; a infeliz Balbina xa non podía articular unha palabra; os pés perderon a súa forma ordinaria retorcéndose cara atrás e a parálise estendéuselle as dúas extremidades inferiores.

Os sopridos dos enfermeiros volvían á vida á enferma ao menos dúas ducias de veces ao día. O champaña e o auga prestábanlle a aquel escrúpulo de corpo humano o sustento para a súa existencia artificial. Oito anos morrendo ¡¡¡ exclamaban os seus país desconsolados e repetían saloucando todos os que se achegaban ao triste leito da moza. Os padecementos non erosionaban a vontade indomable daquela privilexiada criatura. Cando a interrogaban sobre os seus tormentos ela sorría e erguía os ollos ao ceo.

O P. Herranz tiña sido o seu confesor durante algún tempo e aínda que o ilustre xesuíta notaba algo superior na virtuosísima moza, non se atreveu a certificala nin de santa nin de visionaria. Outros P.P Xesuítas admirábanse da piedade e do talento daquela rapaza. Máis tarde, o P. Boneta, superior dos Mercedarios de Conxo, substituíu aos anteriores confesores de Balbina e como home de experiencia e de talento recibiu a beneficio de inventario as sinxelas revelacións da enferma.

Despois de oito anos de crueis martirios, xa todo Cangas se decatou daquel prodixio e admiraba a paciencia e o fervor daquela criatura , que non exhalaba unha soa queixa a pesar de que as dores que sentía eran inaguantables. Uns días antes de San Antonio confesouse co P. Boneta e logo de comungar con extraordinario traballo, díxolle con voz case imperceptible:

– Padre, gustaría pedirlle un gran favor.

– Fala, miña filla – respondeu o P. Boneta – e veremos se é posible concedercho.

– Querería que se encargase unha imaxe do Sagrado Corazón de Xesús pois a igrexa de Cangas carece dela. Quere vostede falarlle disto ao meu pai e ao señor Cura?

– Si, miña filla, eu farei canto estea da miña parte.

E en efecto, accedendo aos desexos de Balbina puido acordarse de que encargase unha imaxe a Valencia. Cando chegou o Sagrado Corazón, e como Balbina manifestase ardentes desexos de vela pois ela xamais podería ir a igrexa de Cangas, a dous kilómetros da súa casa, deuse orde de que lle levasen a caixa que contiña a imaxe e como pesaba 30 arrobas, procurouse un medio de locomoción fácil para a condución do vulto.

A contemplación da belísima imaxe do Sagrado Corazón de Xesús que a familia encargara para cederlla á excolexiata foi determinante na curación milagrosa da Santa de Rodeira

Seguindo as indicacións da familia, abriuse a caixa, sacouse a imaxe, que era belísima, e foi levada ao cuarto da enferma. Cando foi colocada sobre unha mesa fronte ao leito, Balbina comezou a saloucar e a botar abundantes bágoas.

A SANTA DE RODEIRA
Recreación pictórica da habitación da coñecida como Santa de Rodeira.

Os pais creron que sufrirá unha gran impresión e trataron de acougala. Os saloucos foron cada vez máis grandes e así permaneceu tres cuartos de hora, quedando ao fin sumida nun profundo desmaio con toda a familia arremuiñada en derredor do leito.

O desmaio prolongábase esta vez dun xeito alarmante: xamais excederá de sete ou oito minutos. Pasou un cuarto de hora e a ansiedade era indescritible. E así transcorreron ata corenta minutos e Balbina permanecía inmóbil, pero o seu pulso latexaba aínda como así llo comunicaba a todos os presentes o médico de cabeceira. De súpeto, Balbina deu un berro afogado, abriu os ollos e exclamou en voz alta:

  • Quen me tocou? Meu Deus ¡ Estou curada ¡ Estou curada ¡

Todos retrocederon con abraio e crérona sumida nalgún delirio.

  • Seréate, miña filla.
  • Se xa o estou ¡ Oh Xesús meu ¡ Ouh Sagrado Corazón de Xesús ¡ El curoume ¡

E ergueu os brazos en alto, antes inmóbiles, cruzando as mans. O abraio de todos chegou ao seu cume cando Balbina pediu as roupas para vestirse. As roupas ¡ Nada tiña de vestir aquela infeliz despois de oito anos de prostración inaudita ¡

Proporcionáronlle un hábito do Nazareno e á vista da súa nai e doutras persoas da familia vestiuse pola súa man. Todos se resistían a crer que a parálise tivera desaparecido. Pero ela, lixeiramente apoiada no brazo do seu pai, chegou ata a imaxe do Sagrado Corazón, fincouse de xeonllos e vertendo abundantes bágoas permaneceu así media hora.

A Santa de Rodeira recuperara a mobilidade e a chaga que tanta dor lle causaba cicatrizara case completamente

Ninguén se daba de conta de como puidera resistir a roupa sobre a chaga e logo comprobouse con sorpresa que a metade se acaba xa recuberta cunha costra e o resto en vías de curación. Ao día seguinte a cicatrización foi completa. Os médicos que no día anterior a atendían como enferma en gravísimo estado, quedaron cheos de estupor e asombro.

Ao dar a noticia disto, o pobo de Cangas acudiu en masa á morada da Srta Balbina Zabala, a cal se negaba a recibir o menor eloxio e súplica, pedindo que se esquecese todo e que a deixasen. Coas esaxeracións do vulgo, púñase de mal humor e ante as dúbidas e reticencias das señoras semiilustradas, sorríalles cunha humildade impoñente.

Ao momento, dispúxose unha gran función e a fama do milagre voou por toda a provincia sendo obxecto de vivos comentarios ata na prensa de Madrid. A moza Balbina empeñouse entón en acompañar a imaxe ata a igrexa de Cangas pero toda a familia e os médicos opuxéronse, pois ao cabo de oito anos era imposible que puidese dar un paso. Entón Balbina exclamou sorrindo:

  • Non temades, teño forzas para ir a Cangas co Sagrado Corazón e volver á miña casa.

E así foi, Balbina, seguida dun xentío inmenso, foi a Cangas polo seu pé e volveu, camiñando nada menos que os catro quilómetros sen manifestar cansazo. Segundo as últimas noticias, a moza Balbina continúa perfectamente e cada día recobrando máis forzas, pero abstraída acotío en profundas meditacións.

A SANTA DE RODEIRA
Recreación do traslado da imaxe do Sagrado Corazón de Xesús á excolexiata.

Tales son os feitos testemuñados por ducias de persoas respectables e por centenares de homes e mulleres do vulgo. Temos a seguridade de que ninguén ha de atreverse a pedir probas dos feitos anteriores porque todos sabemos que así como o reto dirixido por unha persoa respectable aos librepensadores de Francia e España, acerca das milagres de Lourdes, foi esquinado ou refutado despois de terse aceptado ao principio, o noso reto sería tamén desprezado ou desatendido.

Pero regocixémonos os que sentimos arder nas nosas almas a divina chama da fe católica e pidamos a Deus por eses desgraciados aos que, aos chamamentos do Señor, responden satanicamente co sorriso volteriano do desprezo e a dúbida.

As últimas novas que se coñeceron da Santa de Rodeira

En maio de 1890, pasando uns días nunha casa duns amigos de Pontevedra estes afirmaron que Balbina, coñecida como “A Santa” en Cangas, sentábase á mesa pero non comía. Apenas tomaba auga pura e se a obrigaban a comer algo, trousaba o inxerido no momento. Neste tempo dedicouse a contestar cartas de xentes que lle pedían consellos e dedicábase a cousas da igrexa, notándose só algo cansa cando facía longos paseos.

En abril de 1900 dasataríase unha forte polémica arredor Balbina Zabala considerada santa en Cangas pois díxose que fora curada pola Virxe dunha grave enfermidade e que agora só se alimentaba de café e té.

Nesta data, Balbina xa marchara para Caldas de Reis onde residía o seu irmán Ángel Zabala, pioneiro da fabricación da gasosa, e un xornal relacionaría este asunto co seu casamento cun tal Martínez de Filipinas e cunha partida de café daquel país para o Asilo de Pontevedra. Non se explica a relación da santidade da señora co café pero isto, sacado dunhas supostas cartas privadas dirixidas ao filipino, foi a orixe da polémica.

A SANTA DE RODEIRA
Fotografía de Ángel Zabala no seu negocio. Fonte: El correo gallego.

Por pescudas realizadas, concluímos que o tal Martínez era o cangués Alejandro Martínez Iglesias, cónsul español en Manila dende 1893 e piadoso favorecedor da igrexa de Cangas que cando Balbina viaxou a Filipinas, fíxolle agasallos por 15.000 pts. En 1899, xa retornado o cónsul e cun regalo en xoias de 40.000 pts, ambos contraerían matrimonio en Coiro coas reticencias do cura que opinaba que ela “no era hábil para el matrimonio”.

Como fose, este asunto foi esquecido co tempo e desta vez a Igrexa, con grande criterio, en vez de alimentar a milagre, decidiu darlle carpetazo para desilusión da numerosa comunidade católica canguesa, ávida de poder contar, xa que non cunha santa, ao menos cunha beata.

Xerardo Dasairas Balsa
+ artigos

Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.