UNHA EXPERIENCIA NATURAL NUN MARCO INCOMPARABLE 

Texto elaborado por Antón Rey Patiño, Educador Ambiental, Técnico en saúde ambiental e músico ukeleleiro.

Por máis educación ambiental nas aulas e por que xuntos manteñamos a nosa lingua viva

Levo uns anos realizando unha ruta interpretativa e de sensibilización ambiental no río da Fraga ou “Río dos Ladróns”, coas crianzas de quinto de primaria dos centros educativos do Concello de Moaña, dentro do programa “Aprende Moaña”.

Con esta actividade preténdese fomentar o coñecemento das especies vexetais e animais presentes neste bosque de ribeira, facilitar o entendemento da importancia natural patrimonial e cultural destes ecosistemas, así como dos principais perigos ambientais que padecen (especies invasoras, incendios, contaminación, etc.)

“Conta a lenda que chámase río dos ladróns, porque nun sitio concreto de moito paso, había continuamente asaltos e roubos ás xentes que por alí transitaban. Nese paso, a cada beira do río estaban unha moa dos muíños e unha aña que segundo o informante, perdeu o significado” páx. 9 lendas de Moaña. Xosé C. Villaverde Román, Agrupación Cultural Nós.

Esta lenda etiolóxica suxire que esa moa do muíño e esa aña descoñecida, son a orixe do topónimo de Moaña.

Para apreciar a riqueza natural da Fraga de Moaña podemos facer unha ruta de sendeirismo circular de 15,07 Km seguindo o curso do río que ten unha dificultade técnica baixa.

A RIQUEZA NATURAL DA FRAGA DE MOAÑA

Debido a que a actividade ten unha duración de dúas horas, unicamente percorremos o tramo que vai dende a curva da Fraga ata a desembocadura do río na praia da Xunqueira.

Durante este percorrido explico ás crianzas a estrutura do río que na parte alta descende a gran velocidade creando saltos de auga e fervenzas, na parte intermedia vai máis amodiño polo que crea numerosos meandros, e na parte da desembocadura diminúe aínda máis a súa velocidade e o río soe ensancharse.

Nesta ruta interpretativa para poñer en valor a riqueza natural da Fraga de Moaña, os nenos e nenas teñen oportunidade de coñecer especies vexetais autóctonas e as súas características

Tamén falamos da distribución das especies vexetais autóctonas do bosque de Ribeira, e poden ver in situ ás especies que pertencen aos diferentes estratos:

Estrato horizontal: preto da canle do río é onde fican as especies que precisan máis auga, é dicir, máis hidrófilas, por exemplo o amieiro (Alnus Glutinosa) ou o sabugueiro (Sambucus Nigra).

Estrato vertical: en altura, dende o chan ata o ceo. Onde se diferencian os seguintes estratos:

  • Estrato arbóreo : por exemplo: amieiro (Alnus Glutinosa), freixo (Fraxinus excelsior), salgueiro (Salix atrocinerea), carballo (Quercus Robur), ou o castiñeiro (Castanea Sativa) .
  • Estrato arborescente: por exemplo: loureiro (Lauris nobilis) ou a aveleira (Corylus Avellana).
  • Estrato arbustivo: Por exemplo o rusco ou xibarda (Ruscus aculeatus) e a xesta (Cytisus scoparius).
  • Estrato herbáceo: as diferentes variedades de fentos (Osmunda regalis, Pteridium aquilinum), a hortelá (Mentha spicata) ou o mentraste (Mentha suaveolens), couselo ou embigo de venus (Umbilicus rupestris).
  • Estrato lianoide: as hedras.
  • Estrato epitífico: musgos e líques.

A RIQUEZA NATURAL DA FRAGA DE MOAÑA

A medida que avanzamos polo río, se lles explica o xeito de diferenciar as especies vexetais pertencentes a cada estrato, mediante a observación das características de cada especie: a súa forma, cortiza, tamaño e forma da folla, froito, flores, inflorescencias e curiosidades como os bugallos dos carballos.

No percorrido tamén observan a fauna propia do entorno natural do Río da Fraga, que conta cunha gran diversidade

Durante estes anos topamos moluscos gasterópodos como as babosas, artrópodos acuáticos como os zapateiros (Gerris lacustris), libélulas como o gaiteiro azul (Calopteryx virgo), anfibios como a ra patilonga (Rana ibérica); reptís como o lagarto ocelado (Timon lepidus), o lución (Anguis fragilis) ou ofidios como a serpe de colar (Natrix astreptophora).

Aves e paxaros como o miñato (Buteo buteo), o pombo torcaz (Columba palumbus), o merlo (Turdus merula), a bubela (Upupa epops), ánade común (Anas platyrhynchos) e a garza real (Ardea cinérea).

Mamíferos como o coello (Oryctolagus cuniculus).

A RIQUEZA NATURAL DA FRAGA DE MOAÑA

En cada parte do percorrido se explican as características de cada unha das especies de flora e fauna que se van atopando e as posibles relacións que poden ter dentro deste hábitat

Non só se explican as especies autóctonas, tamén se explican as especies exóticas invasoras e o dano que causan ao noso ecosistema. De feito a pouco de comezar a ruta saíndo da Xunqueira, cando pasamos un dos primeiros muíños, existe unha zona colonizada pola acacia negra (Acacia melanoxylon), unha das principais especies exóticas invasoras dos ríos galegos, xunto coa mimosa, onde se observa claramente como desprazaron ás especies autóctonas e modificouse por completo o ecosistema.

Na zona intermedia, falamos tamén do eucalipto (Eucaliptus globulus), especie invasora e pirófita que, a día de hoxe, ocupa o 30% do territorio galego, así como da mimosa (Acacia dealbata) e a falsa acacia (Robinia pseudocacia).

Outro dos temas tratados é o impacto ambiental causado polas construcións humanas, aínda que necesarias, causan danos a este ecosistema.

Ao pasar baixo o viaduto da Autovía do Morrazo AG-46, observamos como se modificou o espazo neste tramo da ruta. Definimos o impacto ambiental, reflexionamos sobre as medidas correctoras que se realizaron para reducilo e observamos as especies que colonizan este espazo despois das obras (na súa gran maioría especies invasoras).

Por outra banda, ao longo de todo o percorrido podemos observar o patrimonio arquitectónico e cultural que esta ruta nos ofrece, xa que existen arredor de trinta muíños (algún deles restaurado).

Antes de chegar á curva da Fraga, atopamos uns paneis informativos onde nos apoiamos para explicar o funcionamento e as diferentes partes dos muíños (a moa, o rodicio, a canle, etc.). Tamén reflexionamos sobre a importancia destas construcións para a obtención de alimento, así como a nivel cultural e de socialización, xa que mentres se moía o gran, a xente reuníase ao carón do muíño e comía, bebía, tocaba e bailaba, etc.

Toda a actividade conta cunha banda sonora a ritmo de ukelele

Toda esta actividade, acompañase cunha banda sonora da miña autoría, a ritmo de ukelele e realizanse paradas seleccionadas durante o percorrido para que as crianzas escoiten, canten e bailen as cancións como “Nai natureza”, “A auga é vida e o monte é noso”, “Reducir, re utilizar e reciclar”, “Stop eucalipto, avante carballo”, para rematar cunha versión do fermoso poema de Manuel María “Galicia”.

Cancións que serven para reforzar certos valores que considero as crianzas deben experimentar nesta etapa da súa aprendizaxe, apoiando dun xeito lúdico a sensibilización medioambiental, tan importante para toda a sociedade.

A RIQUEZA NATURAL DA FRAGA DE MOAÑA

Deberiamos reflexionar sobre a necesidade de que as novas xeracións interactúen coa natureza e que o fagan empregando o galego

Para rematar este artigo, gustaríame facer dúas reflexións.

A primeira é que estamos na era da sobre información, pero a maioría da rapazada non coñece os espazos naturais da súa contorna, nin as especies animais e vexetais que nelas habitan. De seguro que, si lle preguntamos aos seus avós e avoas, que viviron nunha época con menor acceso á información, saben moito máis da natureza que os rodea, debido a que a vivían moito máis de preto.

E a segunda reflexión é unha das cousas que máis me chama a atención ao realizar esta actividade; a maior parte das crianzas dunha vila como Moaña (ocorre en case toda Galicia), non saben ou non se senten cómodos ao expresarse na nosa lingua. Prodúceme mágoa ver como a porcentaxe de crianzas que falan e usan o galego redúcese de xeito.

Como conclusión, gustaríame usar varias citas de Castelao que din o seguinte:

“Máis vale unha terra con árbores nos bosques que un estado con ouro nos bancos”

”Temos ouro na lingua“

“ Se aínda somos galegos é por gracia e obra do idioma”.

En definitiva, algo estamos facendo mal como sociedade e dende as institucións se as nosas crianzas non coñecen a nosa natureza e non fan uso do noso idioma. Queda moito por facer para que sintan o medio ambiente e a lingua como algo propio, e teñan a necesidade e orgullo de usalos, conservalos e protexelos.

Gustaríame dar as grazas á Asociación “A Illa dos ratos” por convidarme a facer este artigo e convídovos a que fagades a súa ruta “Sendeiro da Fraga” e vos namoredes da fauna e flora que habitan o río da Fraga, desfrutándoa con conciencia e que ao voso paso so deixedes as vosas pegadas.

Antón Rey Patiño

Educador ambiental, Técnico en saúde ambiental e músico ukeleleiro.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.