A PESCA TRADICIONAL DO XEITO, EN LOITA CONTRA A TRAÍÑA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.

“Coa sociedade tradicional que se viña abaixo, desaparecía tamén unha cultura de aproveitamento dos recursos pesqueiros que primaban a súa conservación e explotación sostible como mostra de respecto as xeracións futuras”
A Primeira Guerra da Sardiña enfrontou aos xeiteiros, adicados a unha pesca tradicional sustentable, e os defensores da traíña, que traballaban para abastecer a nova industria
A pesca tradicional que se facía nas nosas costas, viuse afectada dende mediados do século XVIII pola chegada dos fomentadores cataláns primeiro e polos empresarios da conserva no abrente do século XX.
En ambos casos, os novos emprendedores trouxeron os seus propios métodos, embarcacións e artes de pesca, moito máis agresivas co entorno, provocando duros enfrontamentos entre os “xeiteiros”, defensores da pesca tradicional e os defensores da “traíña” que defendían esa pesca moito máis intensiva que tiña como obxectivo o subministro de peixe para a nova industria.
Na chamada “Primeira Guerra da Sardiña”, figuras como Eugenio Sequeiros, Montero Ríos, Félix Ozámiz ou Álvaro Guitián, que hoxe lle prestan os seus nomes a algunhas das rúas de Cangas, posicionáronse no conflito do lado dos “xeiteiros”, xente humilde do pobo que tiña no mar a súa fonte de subsistencia e que loitou porque a nova industria non esquilmase os recursos da nosa ría, como xa ocorrera uns anos antes na costa mediterránea.

O “xeito”, un arte de pesca tradicional, selectivo e respectuoso co entorno
Antes da chegada da industria transformadora, a pesca que se viña realizando na nosa contorna facíase empregando artes respectuosas co recurso, como o “xeito”, unha arte de pesca de deriva. A embarcación botaba o pano de rede no mar e nel quedaban atrapados exemplares de sardiña dun determinado porte. Isto era posible polo tipo de enmallado que se empregaba que facía que o aparello fose moi selectivo, permitindo respectar outras especies e exemplares de sardiña que non daban a talla.

A “xávega” e a “traíña”, artes de pesca de arrastre pouco selectivas
A “xávega” primeiro, un arte de pesca de arrastre, e posteriormente a “traíña” (cerco de xareta) foron elementos que os empresarios da salgadura e os conserveiros incorporaron respectivamente nos seus barcos para incrementar as capturas, sen reparar ademais nos danos que facían nos fondos mariños ou sobre a cantidade de recurso.
Para empregar esas novas artes de pesca chegaron tamén novas embarcacións, moito máis grandes, como a “traiñeira”, que permitían levar a bordo máis tripulantes, saír a buscar a sardiña fóra da ría sen agardar a que entrase nela, e incrementar expoñencialmente as capturas.

A conflitividade social de finais do século XIX acabaría provocando a chamada “Primeira Guerra da Sardiña”
A finais do século XIX sucede un proceso de rápido cambio económico baseado na pesca e nas actividades relacionadas con ela: industria conserveira, exportación de peixe fresco (onde será importante a inauguración en 1885 da nova comunicación ferroviaria coa península), construción naval, construción mecánicas e metálicas…
Todo isto eleva a presión sobre os recursos pesqueiros e se produce un incremento da conflitividade social xurdindo enfrontamentos entre partidarios de usar as novas artes de pesca (cerco de xareta ou traíña), moito máis agresivas, e os partidarios de seguir usando as artes da pesca tradicionais (xeito ou boliche), moito máis respectuosas e axeitadas para manter unha pesca sustentable.
Ata 1870, tradicionalmente a “colleita” de sardiña era entre xuño e xaneiro, cando os grandes bancos de sardiña entraban nas rías e eran pescadas preto da costa.
Neses momentos os fomentadores cataláns monopolizaban practicamente a actividade pesqueira coas súas industrias de salgadura. Tiñan embarcacións e aparellos propios e mariñeiros en nómina, pero a maior parte da sardiña mercábanlla a un grupo de pescadores galegos formalmente independentes pero que se vían obrigados a venderlle a súa pesca a eses empresarios que eran quen tiñan os medios para conservala. Os acordos se formalizaban mediante contratos firmados a principio da costeira, nos que tamén se recollía que a sardiña non chegaría a lonxas para ser obxecto de poxa.
Entre 1880 e 1890, coa chegada progresiva da conserva, novos tipos de embarcacións e novas artes de pesca, xurdiron os primeiros conflitos
Co desestanco da sal e a posibilidade de embarcar sal a bordo, incrementouse a competencia e provocou que os mariñeiros cos que os fomentadores mantiñan acordos previos decidiran non mantelos e venderlle a sardiña a quen lle ofrecese un mellor prezo. Isto fai que os empresarios comecen a crear a súa propia flota de embarcacións.
A mesmo tempo, comeza a desenvolverse a industria conserveira grazas a unha maior dispoñibilidade tanto da folla de lata como de aceite refinado, dúas materias primas fundamentais e que ata entón eran caras e escasas. Tamén influíu a escaseza de sardiñas na costa francesa o que provoca a chegada de empresarios con experiencia nesa nova técnica de conservación de alimentos as nosas costas.
En 1885 inaugúrase a comunicación ferroviaria de Vigo co interior da península facilitando a saída dos produtos sobre todo á zona do levante.
Ademais se promulga o Regulamento de liberdade de pesca regulada declarando liberdade de pesca nas augas a partir de 3 millas e comezan a chegar novas embarcacións (vapores, traiñeiras) e artes de pesca como a xávega na pesca de arrastre ou o cerco de xareta ou traíña na pesca de superficie.
En 1888 aboliuse a tradicional veda da sardiña de febreiro a maio dada a gran demanda do recurso e o seu continuo incremento de prezo, que podía poñer en perigo o desenvolvemento da industria da conserva.
En 1889, xorde o primeiro conflito importante entre os defensores da pesca tradicional e os das novas artes, rexistrándose enfrontamentos e manifestacións por ambos bandos.
Os tradicionalistas / xeiteiros argumentaban que as novas redes de arrastre acababan cos fondos mariños e as crías e que se explotaban en exceso os recursos. Por todos estes motivos lograron atrasar en quince anos a difusión de artes de arrastre en Galicia.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/22/07/2020
6 comentarios
Fomentadores e xávegas na enseada de Aldán (IV) » A Illa dos Ratos
[…] xávega pásase ao bou e ao boliche coa conseguinte problemática e máis adiante produciríanse os enfrontamentos entre os tradicionais xeiteiros e os defensores da traíña, arte importada do Cantábrico, que […]
A liga de agricultores de Cangas (I) » A Illa dos Ratos
[…] la Unión (1880) e entre 1901 e 1903 acadaría un especial protagonismo durante o longo e enconado conflito entre o xeito e a traiña como presidente da Sociedade de Mariñeiros de Cangas, cargo no que […]
A liga de agricultores de Cangas (II) » A Illa dos Ratos
[…] la Unión (1880) e entre 1901 e 1903 acadaría un especial protagonismo durante o longo e enconado conflito entre o xeito e a traiña como presidente da Sociedade de Mariñeiros de Cangas, cargo no que […]
Redacción A Illa dos Ratos
Boa tarde, Victor, e grazas polo teu comentario tan elaborado ¡¡¡. Antes de nada agradecerche as túas verbas sobre o noso labor. Respecto ao contido da túa aportación, dicirche que somos coñecedores das diferencias e matices sobre ambos termos e revisando o texto si que hai algunha parte que podería levar a equívoco. Acabamos de darlle unha volta para tratar de poñelo do xeito máis correcto posible e estaremos encantados de que lle botes un ollo e nos indiques se consideras que hai algunha cousa que corrixir tanto por esta vía como no noso correo ailladosratos@gmail.com. Estas invitado a vir as nosas rutas cando queiras. Unha aperta
Víctor Fernandez González
Ola Oscar. En primeiro lugar agradecervos o traballo de divulgación que estades a facer sobre a historia e a cultura mariñeira da Ría de Vigo.
En segundo lugar comentar que vexo que nos dous artigos sobre as guerras da sardiña, empregas o termo “traíña” tanto para referirte á embarcación “trainera”, ou “traiñeira” en galego, como para referirte ao arte de pesca “cerco de xareta”. Coméntoche que hai varios artigos referidos a esta confusión que se da en Galicia.
A Real Academia Galega define a traiña como: Aparello de cerco empregado antigamente para a pesca da sardiña. Andan na traiñeira recollendo a traíña. Esta arte de pesca era empregada xa no século XVII en diversos puntos da Península Ibérica. Antonio Sañez Reguart fai referencias á Traíña no seu “Diccionario historico de los artes de la pesca nacional”. Polo tanto é anterior á chegada das traiñeiras a Galicia.
Cando a finais do século XIX chegaron as primeiras traiñeiras ás costas galegas, procedentes do Cantábrico, viñan co Cerco de Jareta, ou xareta en galego, e mesmo con un patrón e un proel vascos para ensinar aos nosos mariñeiros a manexar a embarcación e o arte de pesca. Parece ser que esta arte era orixinal de Maine (EEUU), de alí pasou a un dos países nórdicos e de alí ao País Vasco.
Pode ser que nalgúns sitios de Galicia lle chamaran Traiña ao Cerco de Xareta, xa que non deixa de ser un arte de cerco, pero nunca debería confundirse a arte de pesca coa embarcación “traiñeira” ou “trainera”. De onde ven a confusión, pois hai un par de factores, pero o mais relevante deuse nos inicios da década dos 80 do século XX, cando o remo en banco fixo recuperouse nas rías baixas logo da súa desaparición uns 20 anos antes.
Nos inicios desta nova etapa do remo en banco fixo as traineras lles chamábamos en Galicia “traiñeiras”. Nesta época parecíanos importante galeguizar os termos empregados no deporte galego e neste entusiasmo cometéronse varios “hiperenxebrismos”, como foi o caso de pensar que o termo correcto e “mais galego” para chamar á embarcación coa que remábamos era traíña, en lugar de traiñeira como víñamos facendo. Este erro que partiu dunha regata en Moaña anunciada como regata de traíñas, veuse reforzado polo poderío que os clubes de remo tiñan nesta vila do Morrazo, polo que axiña o resto dos clubes galegos, e tamén a TVG, consideraron que a traíña era unha embarcación.
De especial interese para aclarar este erro é o artigo que Calo Lourido escribiu nun especial de A Nosa Terra con motivo dun Simposio en Pontevedra sobre a cultura mariñeira de Galicia. Tamén son interesantes os recentes artigos de Xavier Brisset publicados na revista ARDENTÍA.
En resumo, o termo “traiñeira” é para referirse a un tipo de embarcación. Si falamos dun arte de pesca falaremos de “traíña” .
A primeira guerra da sardiña (II) » A Illa dos Ratos
[…] o primeiro artigo que adicamos a “Primeira guerra da sardiña”, neste segundo nos centraremos no impacto […]