UN CONFLITO SOCIAL QUE NON CESOU COA CHEGADA DA INDUSTRIA CONSERVEIRA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA.

Tras o primeiro artigo que adicamos a “Primeira guerra da sardiña”, neste segundo nos centraremos no impacto que tivo sobre o conflito a chegada da industria conserveira.
Entre 1890 e 1910 o conflito social rexenérase durante a chegada da industria conserveira
A partir de 1896, especialmente en 1898, a introdución das traiñeiras na ría de Vigo retómase sobre todo para atender a crecente demanda de sardiña por parte das industrias conserveiras. Fronte a esta demanda, estaba un dos principios básicos da sociedade tradicional costeira galega como era conservación e explotación sostible dos recursos pesqueiros ao consideralos como a principal fonte de riqueza para as súas xentes.

Os partidarios das traiñeiras e da traíña eran sobre todo empresarios e algún político como Ángel Urzáiz que trataba de desbancar a Montero Ríos como líder do partido liberal. Argumentaban que:
- A industria se faría máis competitiva co aumento de capturas xa que caerían os prezos da sardiña.
- A desestacionalización da pesca da sardiña era factible sen esperar a que entrase na ría como se viña facendo tradicionalmente (con embarcacións máis grandes como a traiñeira era factible desprazarse a máis millas da costa).
- A calidade da conserva se incrementaría xa que a sardiña chegaría en mellores condicións a fábrica.
Os detractores das traiñeiras eran os pescadores do xeito e contaban co apoio incondicional dalgúns políticos relevantes da época como Montero Ríos ou Eugenio Sequeiros Matos. Argumentaban que:
- Se caían os prezos polo aumento das capturas, os pescadores máis humildes verían diminuídos os seus ingresos.
- Pola súa incapacidade para competir con importantes empresas que podían armar embarcacións e aparellos máis grandes:
– Podían desaparecer a pesca tradicional que era a máis respectuosa co mar.
– Perderían a súa liberdade, dignidade e independencia.
– Non querían pasar dunha sociedade de pequenos propietarios sen distinción de riqueza ou poder a unha sociedade en crecemento económico continuo que os condenaba a ser simples asalariados.
Coa chegada do 1899, hai escaseza de sardiña elevándose os prezos e provocando que se acelerase a introdución masiva desas novas embarcacións e artes (traiñeira e traíña) que podían adentrarse máis lonxe no mar en busca de capturas.
Coa chegada do novo século as autoridades tomaron a decisión salomónica de permitir provisionalmente o uso da traíña fora das rías quedando o interior das mesmas reservado para xeitos e boliches
No 1900 a recuperación dos bancos de sardiña e as capturas foron tan espectaculares e as conserveiras non eran capaces de procesar os desembarcos masivos de peixe por falla de infraestrutura e por falta de sal. Os traballadores non daban feito e ante a explotación laboral declaráronse en folga polo que provocouse unha caída brusca dos prezos que fixo estalar de novo os enfrontamentos entre xeiteiros e traiñeiros.
Sucedéronse manifestacións tanto contra as traiñeiras (apoiadas por D. Gaspar e D. Salvador Massó, vinculados ao partido laboral e cercanos a D. Eugenio Montero Ríos, que sería mediador ante o goberno central), como a favor (a iniciativa maiormente de importantes empresarios que controlaban organismos como a Cámara de Comercio, Concello de Vigo e Bouzas, … e que tamén contaban con D. Ángel Urzáiz, deputado do partido liberal por Vigo pero enfrontado con Montero Ríos.
Houbo enfrontamentos moi violentos tanto en terra como no mar e no mes de novembro tomouse a decisión salomónica de permitir provisionalmente o uso da traíña fóra das rías quedando o interior das mesmas reservado para xeitos e boliches.
A partir dese momento o conflito centrouse na violación por parte das traiñeiras da prohibición de pescar no interior das rías, sobre todo pola falta de medios por parte do estado para realizar a vixilancia.
Debido a isto, xa en 1904, comezan a aparecer masivamente novas traiñeiras a nome de patróns de pesca ou de sociedades de pescadores que deciden asociarse entre varias familias e explotar ese tipo de embarcación e arte de pesca para poder competir.
A partir dese momento, os conflitos na ría, aínda con subidas e baixadas, foron de menor intensidade por un tempo, pero se revitalizarían por novos factores como a pesca da ardora ou a chegada dos vapores e motoras, pero esas historias as contaremos en vindeiros artigos.

Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/22/07/2020
Un comentario
A primeira guerra da sardiña (I) » A Illa dos Ratos
[…] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "CANGAS E O MAR" […]